En cumprimento do disposto no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, o Departamento Territorial da Coruña dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 23 de marzo de 2026, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, se declara a utilidade pública, en concreto, e a prevalencia sobre un monte veciñal en man común, da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada Regulamentación LMT BOI-802, substitución dos apoios 20-5, 20-6 e 20-9, situada no concello de Boiro, que promove UFD Distribución Eléctrica, S.A. (expediente IN407A 2024/269-1), que se recolle como anexo desta resolución.
Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.
A Coruña, 15 de xuño de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
ANEXO
Antecedentes:
Primeiro. O 2.9.2024, UFD Distribución Electricidad, S.A. (en diante, UFD) presentou as solicitudes de outorgamento da autorización administrativa previa, de construción e de declaración, en concreto, de utilidade pública para a infraestrutura eléctrica denominada Regulamentación LMT BOI-802, substitución dos apoios 20-5, 20-6 e 20-9, acompañada da seguinte documentación técnica:
• Proxecto de execución denominado Regulamentación LMT BOI-802, substitución dos apoios 20-5, 20-6 e 20-9, asinado por Carlota Martínez Rúa, graduada en enxeñaría eléctrica, núm. colexiada 4.776 de Vigo, o 24.6.2024.
• Declaración responsable da técnico proxectista, segundo o exixido no 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
• Separatas técnicas para as entidades afectadas pola infraestrutura eléctrica proxectada: Concello de Boiro, Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural, e Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
• Relación de bens e dereitos afectados (RBDA).
Segundo. O 16.10.2024 concedeuse o trámite de audiencia á CMVMC Deira e Pedroso, de acordo co previsto no artigo 53.1 da Lei 9/2021. Transcorrido o prazo concedido para o efecto, non se recibiron alegacións.
Terceiro. O 16.12.2025, o Departamento Territorial da Coruña (en diante DT Coruña), unha vez rematado o prazo concedido á CMVMC Deira e Pedroso, solicitou o informe ao Servizo de Montes da Coruña da Consellería do Medio Rural en cumprimento do trámite previsto no artigo 53.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
O Servizo de Montes de Coruña emitiu o informe, con data 19.12.2025, que informa o seguinte:
«III. Informe.
En virtude das competencias deste servizo, o presente informe limítase á área do proxecto que afecta bens de natureza forestal e o contido do documento ambiental.
De acordo coa información que consta no Servizo de Montes da Coruña e da información requirida ao Distrito forestal IV, o proxecto das obras de regulamentación na liña de distribución eléctrica en media tensión con matrícula BOI-802 están encadradas nos lugares de Anovados e Lombos, parroquia de Boiro, no concello de Boiro, e afectan o monte veciñal en man común de Deira e Pedroso, clasificado o 10.11.2005.
As obras que se realizarán consisten en:
Substitución dos apoios 9OPIXO5Q//20-5, 9OR1TRL8//20-6 e 9OWBG1WG//20-9 polos apoios C-1000-12 con cruceta H-35 en amarre e dos C-2000-14 con cruceta H-35 en amarre, respectivamente.
Substitución do condutor existente entre os apoios 9OPIXO5Q//20-5 e 9OR1TRL8//20-6 instalando un novo tramo en LA-110.
Segundo a información proporcionada polo distrito, non se considera que existan circunstancias singulares de interese que poidan resultar afectadas como consecuencia da obra que se desenvolverá.
Non constan no Servizo de Montes actos de disposición entre a empresa promotora e a comunidade propietaria (cesión ou dereito de superficie) da ocupación da liña en que se quere facer a substitución destes tres apoios.
O anterior require que a empresa promotora e a comunidade propietaria asinen de común acordo actos de disposición (cesión ou dereito de superficie). Para iso terase en conta o establecido no título II do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, no artigo 43, concretamente no que se refire aos acordos referidos a actos de disposición, e no título VII, artigo 55, sobre o rexistro dos actos de disposición no rexistro público. A documentación necesaria para rexistrar os actos de disposición está regulada no artigo 58 do devandito decreto.
Consonte a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e a Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, no caso de expropiación de terreos pertencentes a montes veciñais en man común, será necesario declarar previamente a prevalencia da utilidade pública da infraestrutura fronte á utilidade ou interese dos montes afectados.
Na xestión das cortas de madeira en terreos privados non xestionados pola Consellería do Medio Rural cumprirase o establecido no Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos nos montes ou terreos forestais de xestión privada.
En todo caso, durante as fases de implantación e explotación debe evitarse a corta innecesaria do arboredo, respectando na medida do posible os pés de frondosas autóctonas e a conservación da vexetación de ribeira.
A determinación das afectacións debe ter en conta, ademais do pleno dominio e das servidumes, as superficies necesarias para o cumprimento das distancias de plantación recollidas no anexo II da Lei 7/2012, de montes de Galicia; 5 metros para todas as especies, desde a proxección do condutor máis externo, considerando a súa desviación máxima producida polo vento segundo a normativa aplicable a cada caso.
Por último, durante as fases de construción e explotación deberán adoptarse todas as medidas necesarias para que as pistas forestais e infraestruturas forestais existentes na área de actuación permanezan transitables tanto para o aproveitamento como para a defensa do monte».
O 19.12.2025, o informe do Servizo de Montes foi enviado á UFD e o seu condicionado foi aceptado pola empresa promotora o 12.1.2026.
Terceiro. O 16.1.2026, a DT Coruña ditou o acordo polo que se someteron a información pública as solicitudes feitas por UFD, de outorgamento da autorización administrativa previa, de construción e de declaración, en concreto, de utilidade pública, da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada Regulamentación LMT BOI-802, substitución dos apoios 20-5, 20-6 e 20-9, que se publicou en varios diarios (DOG núm. 27, do 10 de febreiro de 2026; BOP da Coruña núm. 16, do 26 de xaneiro; La Voz de Galicia do 27 de xaneiro) e foi exposto no taboleiro de anuncios do Concello de Boiro.
Non consta a presentación de ningún tipo de alegación.
Cuarto. Con datas 20.1.2026 e 22.1.2026, a DT Coruña trasladou as separatas técnicas, para os efectos de obter os informes ao respecto, ás entidades afectadas pola referida infraestrutura eléctrica: Concello de Boiro e Instituto de Estudos do Territorio da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que non contestaron a solicitude de informe.
Quinto. O 20.4.2026, os servizos técnicos do Departamento Territorial da Coruña emitiron un informe en que se conclúe literalmente o seguinte:
«Desde un punto de vista técnico non se atopa ningún impedimento para emitir a autorización administrativa previa e de construción, e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións electromecánicas e eléctricas proxectadas».
Fundamentos de dereito:
Primeiro. A lexislación de aplicación aos procedementos tramitados neste expediente é a seguinte:
– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
– Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
– Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común.
– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.
– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.
– Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).
– Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG núm. 54, do 19 de marzo).
Segundo. O director territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria é competente para facer esta proposta, conforme o establecido no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e o Consello da Xunta de Galicia é competente para adoptar o acordo proposto, de conformidade co disposto no artigo 53.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
Terceiro. De conformidade co disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar, enténdese a conformidade do Concello de Boiro coa instalación eléctrica proxectada, ao non contestar a solicitude do informe.
Cuarto. A respecto da concorrencia de utilidades públicas da referida infraestrutura eléctrica co terreo dos montes afectados, tendo en conta o informe emitido polo Servizo de Montes da Coruña, citado nos antecedentes de feito, cómpre indicar o seguinte:
– Polo que respecta ao MVMC, a Lei 13/1989, do 10 de outubro, establece no seu artigo 6.1 que só poderán ser obxecto de expropiación forzosa ou impoñérselles servidumes por causa de utilidade pública ou interese social prevalente aos dos propios montes veciñais. En consecuencia, e para os efectos de poder iniciar, de ser o caso, o correspondente expediente expropiatorio, cómpre declarar a prevalencia da utilidade pública da instalación eléctrica sobre a utilidade pública dos MVMC afectados.
De conformidade con todo o que antecede, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o seguinte
ACORDO:
Outorgar a autorización administrativa previa e de construción ao proxecto de execución da infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada Regulamentación LMT BOI-802, substitución dos apoios 20-5, 20-6 e 20-9, no concello de Boiro, que promove UFD.
Declarar a utilidade pública, en concreto, da dita infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
Declarar a prevalencia da utilidade pública da dita infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica sobre o monte veciñal en man común CMVMC Deira e Pedroso.
Este acordo axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:
1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Regulamentación LMT BOI-802, substitución dos apoios 20-5, 20-6 e 20-9, asinado por Carlota Martínez Rúa, graduada en enxeñaría eléctrica, núm. colexiada 4.776 de Vigo, o 24.6.2024.
2. A empresa promotora (UFD) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento deberán cumprirse as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular canto establecen o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.
3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa deste departamento territorial.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dous anos, contados a partir da data da publicación deste acordo no DOG.
Unha vez construída esta instalación, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante o Departamento Territorial da Coruña, acompañada da documentación exixible de acordo co punto 3 da ITC-LAT 04 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.
Con carácter previo á posta en servizo da instalación, o Departamento Territorial da Coruña inspeccionará a totalidade da obra e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas neste acordo e as demais que sexan de aplicación.
5. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos neste acordo ou a variación substancial dos presupostos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
6. Este acordo adóptase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
7. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
