Expediente: IN407A 2026/068-1.
Promotor: UFD Distribución Electricidad, S.A.
Proxecto: LMT, CT e RBT no lugar Raxás.
Concello: Bergondo.
Feitos:
1. O día 4.3.2026, a empresa promotora solicitou a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da instalación de distribución eléctrica mencionada, co obxecto de mellorar a calidade da subministración de enerxía eléctrica no lugar de Raxás.
Ao abeiro dos artigos 123 e 143 do Real decreto 1955/2000, xunto coa relación de bens e dereitos afectados de necesaria ocupación para a construción da instalación proxectada, presentan o proxecto de execución denominado LMT, CT e RBT no lugar Raxás, asinado o día 22.9.2025 por Victoriano González Lemos, enxeñeiro técnico industrial eléctrico, número de colexiado 2.980 de Vigo, máis un anexo do 6.4.2026.
2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante un Acordo do 17.3.2026 publicado nos seguintes medios:
– Portal de transparencia e Goberno aberto da Consellería de Economía e Industria.
– DOG: 7.4.2026.
– BOP: 23.3.2026.
– Xornal La Voz de Galicia: 27.3.2026.
– Taboleiro de anuncios do Concello: segundo o certificado municipal do 21.5.2026
3. Durante o período en que o proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentou ningunha alegación, reclamación nin suxestión relacionada coa documentación obxecto de publicación.
4. Consonte o artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, solicitouse o informe preceptivo ás distintas entidades afectadas: Concello de Bergondo e Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible. No día desta resolución, non constan no expediente respostas ás ditas solicitudes.
5. O día 11.6.2026 emitiuse o informe técnico.
Consideracións legais e técnicas:
1. O director territorial é competente para resolver este expediente, ao abeiro do disposto no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
2. Lexislación de aplicación.
– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE núm. 236, do 2 de outubro).
– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica (BOE núm. 310, do 27 de decembro).
– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalación eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09 (BOE núm. 68, do 19 de marzo).
– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23 (BOE núm. 139, do 9 de xuño).
– Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 14 de outubro).
– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa (BOE núm. 351, do 17 de decembro).
– Decreto do 26 de abril de 1957, polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa (BOE núm. 160, do 20 de xuño).
3. Características técnicas.
As instalacións obxecto deste expediente están situadas no lugar de Raxás (Bergondo) e as súas características técnicas son as seguintes:
– Entroncamento coa liña de media tensión aérea BEG705 (expediente 26432): realizarase mediante un paso aero-subterráneo para a nova derivación subterránea que alimentará o novo CT. Será necesario substituír o apoio existente AN1BGMO0//18-13 por un novo apoio de tipo C-3000/14, no cal se instalará un reconectador (RC) que servirá como dispositivo de protección e manobra para a derivación.
– Substitución de condutor por tipo LA-56 entre o apoio existente AN2PLJ03 e o apoio proxectado C-3000/14, retensando o van posterior, cunha lonxitude de 68 m.
– Liña eléctrica de media tensión subterránea, a 15 kV, cunha lonxitude de 1.414 m, con orixe no apoio proxectado tipo C-3000/14 da LMTA BEG705 (expediente 26.432), condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 3×150 mm² Al e final no CT proxectado no lugar de Trasdoval.
– Centro de transformación prefabricado tipo compacto rural fin de liña, cunha potencia de 160 kVA e relación de transformación de 15.000/400 V.
4. Na visita de campo realizada para examinar o lugar da instalación non se apreciou, nos predios sometidos a expropiación, ningunha das limitacións á constitución da servidume que sinala o artigo 58.a) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
5. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos deste departamento territorial.
Consonte todo o sinalado,
RESOLVO:
A) Conceder a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e a declaración de utilidade pública da dita instalación de distribución eléctrica.
A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación, para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.
B) A instalación executarase no prazo de dous anos, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
C) Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá achegar ante este departamento territorial unha solicitude á cal xuntará a seguinte documentación:
– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento e as certificacións ou homologacións, se procede.
– Un certificado do/da director/a da montaxe en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e das prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.
– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.
D) Esta autorización outórgase sen prexuízo doutras que sexan de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial no relativo á ordenación do territorio e ao ambiente.
O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao interesado, segundo o establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada perante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da dita Lei 39/2015, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpor calquera outro recurso que consideren axeitado.
Mediante este documento notifícaselles ás persoas interesadas esta resolución, segundo o exixido no artigo 40.1 da Lei 39/2015.
A Coruña, 15 de xuño de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
ANEXO
Relación de bens e dereitos afectados. Concello de Bergondo
|
Núm. parcela |
Lugar |
Cultivo |
Titular |
Afección de solo en pleno dominio |
Afección de solo por servidume de paso de enerxía eléctrica |
Ocupación temporal |
||||
|
Apoio núm. |
m² |
ml aér. |
ml sot. |
m² aér. |
m² sot. |
Sup. (m²) |
||||
|
1 |
Castro 15008A019000430000XD |
Labradío |
Fundación Jiménez Cossío Margarita Jiménez Natalia Jiménez Fawcett Alejandra Elena Jiménez Von Humboldt Carolina Gabriela Jiménez Von Humboldt |
Apoio núm. 1 |
2.0 |
2.9 |
8.88 |
460 |
||
|
2 |
San Paio 15008A002002470000XI |
Matogueira |
Isidoro Ponte Miramontes Montserrat Ponte Miramontes María del Socorro Ponte Miramontes María Dolores Ponte Miramontes María Carmen Ponte Miramontes |
CT + acceso |
41.46 |
|||||
Abreviacións:
ml aér.: lonxitude da servidume aérea en metros lineais.
ml sot.: lonxitude da servidume soterrada en metros lineais.
m² aér.: superficie da servidume aérea en m².
m² sot.: superficie de servidume soterrada.
