DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Mércores, 8 de xullo de 2026 Páx. 38352

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 2 xullo de 2026 de delegación de competencias.

A Lei orgánica do sistema universitario (LOSU) 2/2023, do 22 de marzo, asígnalles aos reitores e reitoras das universidades unha parte importante das competencias que a autonomía universitaria lles confire aos órganos universitarios. Así mesmo, os estatutos da Universidade de Vigo, aprobados mediante o Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro (DOG do 22 de febreiro), desenvolven especificamente, no seu artigo 29, as competencias da reitora ou reitor.

A actividade administrativa da Universidade de Vigo comporta unha concentración de funcións na persoa da reitora ou reitor que aconsella, polo seu volume e complexidade, recorrer á delegación de competencias, sen esquecer o debido respecto aos principios que rexen a actuación das administracións públicas e que recolle o artigo 103.1 da Constitución.

A delegación de competencias constitúe un instrumento de boa administración que permite axilizar a tramitación dos procedementos, favorecer unha xestión máis eficiente e achegar a adopción de decisións aos órganos responsables de cada ámbito funcional, redundando nun mellor servizo á comunidade universitaria e nunha maior eficacia no exercicio das funcións públicas encomendadas á Universidade de Vigo.

A presente resolución estrutúrase arredor dos principais ámbitos funcionais de goberno da Universidade de Vigo, atribuíndo a cada órgano as competencias que lle corresponden conforme os principios de especialización funcional, coordinación institucional, responsabilidade na xestión e eficiencia administrativa. As delegacións previstas deberán interpretarse de forma sistemática, garantindo a unidade de dirección da Reitoría, a colaboración entre os distintos órganos universitarios e a clara diferenciación entre as funcións de dirección estratéxica e as de xestión e execución administrativas.

En virtude do dito, facendo uso das facultades que me confiren o artigo 9 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, os estatutos da Universidade de Vigo e as demais disposicións de aplicación,

RESOLVO:

Disposicións xerais

Obxecto e alcance da delegación.

A presente resolución ten por obxecto delegar o exercicio de determinadas competencias da Reitoría nos órganos de goberno e demais órganos e cargos universitarios que nela se determinan, co fin de favorecer unha organización máis eficiente da actividade universitaria e unha maior axilidade na tramitación dos procedementos administrativos.

As competencias delegadas comprenderán, agás previsión expresa en contrario, a tramitación, resolución e sinatura dos actos administrativos necesarios para o exercicio das funcións delegadas.

Principios de exercicio das competencias delegadas.

As competencias atribuídas ás vicerreitorías entenderanse referidas, con carácter xeral, á dirección, planificación, coordinación, impulso e avaliación das políticas universitarias no seu respectivo ámbito funcional.

As competencias delegadas na Secretaría Xeral exerceranse no ámbito das funcións de garantía institucional, fe pública, coordinación e resolución dos procedementos da súa competencia, de conformidade coa normativa aplicable e co disposto na presente resolución.

As delegacións efectuadas en favor da Xerencia e dos restantes órganos universitarios entenderanse referidas, con carácter xeral, á xestión, tramitación, execución e resolución administrativas dos procedementos que lles correspondan, sen prexuízo das competencias de dirección, coordinación e planificación atribuídas aos órganos de goberno competentes.

Delegación de competencias nos órganos de goberno.

Vicerreitoría de Estratexia, Gobernanza e Economía.

Deléganse na persoa titular da Vicerreitoría de Estratexia, Gobernanza e Economía as seguintes competencias:

a) A elaboración, coordinación, seguimento e avaliación dos instrumentos de planificación institucional.

b) O impulso das políticas de gobernanza universitaria, modernización e mellora continua da organización.

c) A coordinación dos sistemas institucionais de información, gobernanza do dato, análise institucional, indicadores, cadros de mando, transparencia, rendición de contas e avaliación institucional.

d) A coordinación da planificación económica e financeira da universidade, en colaboración coa Xerencia, incluíndo a programación plurianual, a sustentabilidade orzamentaria e a integración da planificación financeira coa estratexia institucional.

e) A definición e coordinación da estratexia institucional de transformación dixital da universidade.

f) A promoción e coordinación institucional dos proxectos estratéxicos transversais da universidade, especialmente dos vinculados á transformación organizativa, á innovación institucional e á captación de financiamento competitivo.

g) A coordinación das políticas institucionais de carácter transversal cando requiran a participación conxunta de distintos órganos de goberno, garantindo a súa coherencia coa estratexia da universidade.

Vicerreitoría de Oferta Académica.

Deléganse na persoa titular da Vicerreitoría de Oferta Académica as seguintes competencias:

a) A planificación estratéxica, organización, coordinación e seguimento da oferta académica da universidade, tanto oficial coma propia, incluída a elaboración da proposta anual de titulacións e da oferta de prazas.

b) A planificación, coordinación e supervisión dos procesos de verificación, implantación, seguimento, modificación, renovación da acreditación, suspensión e extinción das titulacións oficiais, así como dos procedementos de aseguramento da calidade, da ordenación académica das prácticas externas curriculares e do apoio aos centros no desenvolvemento das titulacións oficiais.

c) A planificación, coordinación, implantación e seguimento das ensinanzas propias, da formación permanente, das microcredenciais e doutros programas de curta duración.

d) A coordinación de programas de impulso á docencia en linguas estranxeiras nas titulacións da universidade.

e) A coordinación, seguimento e supervisión académica dos centros propios e adscritos á universidade.

f) A organización e seguimento do Programa universitario para maiores.

g) A promoción, difusión e posicionamento da oferta académica da universidade, con especial atención á captación de estudantes no ámbito nacional e internacional, en coordinación coa Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria.

h) A convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e os procedementos derivados.

i) A tramitación, resolución e sinatura dos procedementos administrativos relacionados coas competencias obxecto de delegación, incluídas as resolucións en materia de actividade académica do estudantado non atribuídas expresamente á Secretaría Xeral.

Vicerreitoría de Persoal Docente e Investigador.

Deléganse na persoa titular da Vicerreitoría de Persoal Docente e Investigador as seguintes competencias:

a) A elaboración do cadro teórico de persoal docente e investigador e a súa regulación e planificación a curto, medio e longo prazo, así como a realización da proposta anual de masa salarial deste persoal, en colaboración coa Xerencia.

b) A elaboración e a modificación dos plans de organización docente e do cadro de persoal docente.

c) A dirección das relacións institucionais en materia de persoal docente e investigador, incluídas a coordinación da negociación colectiva, a sinatura dos pactos e acordos que afecten a este colectivo e a adopción das correspondentes resolucións e ordes de execución.

d) As relativas ás convocatorias de contratación de persoal investigador e á sinatura dos contratos correspondentes, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e mais coa de Transferencia, Innovación e Impacto Social.

e) As relativas aos programas de promoción e estabilización do persoal docente e investigador, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación.

f) As referentes á situación administrativa do persoal docente e investigador, incluídos os procedementos de xubilación, compatibilidades, nomeamentos, contratacións e cesamentos e a comunicación do recoñecemento dos complementos retributivos autonómicos.

g) As referentes á ordenación das estruturas académicas, áreas de coñecemento, departamentos e centros no relativo á súa actividade docente, en coordinación coa Vicerreitoría de Oferta Académica.

h) A coordinación da negociación colectiva, a sinatura de pactos e acordos e a adopción das resolucións e ordes de execución en materia de persoal docente e investigador.

i) As relacionadas coa tramitación e resolución dos procedementos que teñan relación coas competencias obxecto de delegación.

j) As relacionadas coa participación da universidade en redes universitarias nacionais e internacionais no ámbito das competencias desta vicerreitoría.

k) As referidas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e aos procedementos derivados.

Vicerreitoría de Investigación.

Deléganse na persoa titular da Vicerreitoría de Investigación as seguintes competencias:

a) O deseño e implantación de políticas que fomenten a investigación de excelencia.

b) A promoción, planificación, avaliación e recoñecemento das actividades de investigación en todos os ámbitos da Universidade de Vigo.

c) As relativas á biblioteca universitaria e ao Servizo de Publicacións.

d) As correspondentes aos grupos de investigación, institutos universitarios e centros de investigación, en coordinación coa Vicerreitoría de Transferencia, Innovación e Impacto Social.

e) As relacionadas coa participación da universidade nas convocatorias externas de axudas á investigación.

f) A proposta, formalización e seguimento institucional dos proxectos de investigación de ámbito autonómico, estatal e internacional.

g) As correspondentes á Oficina de Proxectos Internacionais e ás relacións institucionais con organismos, redes e centros de I+D no ámbito das competencias delegadas.

h) A planificación, coordinación e execución das políticas e actuacións vinculadas ao Campus do Mar, así como a coordinación coas respectivas vicerreitorías de campus para o desenvolvemento e a coherencia das políticas de investigación nos campus de especialización Auga e Crea.

i) As relacionadas coas redes universitarias e científicas internacionais vinculadas ás competencias obxecto de delegación.

j) As referidas á convocatoria de axudas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores e aos seus procedementos derivados.

k) A supervisión e o apoio ao desenvolvemento, seguimento, modificación e certificación dos procedementos de aseguramento da calidade da investigación.

Vicerreitoría de Transferencia, Innovación e Impacto Social.

Deléganse na persoa titular da Vicerreitoría de Transferencia, Innovación e Impacto Social as seguintes competencias:

a) O deseño, implantación, promoción, avaliación e difusión das políticas de transferencia, innovación e impacto social da Universidade de Vigo, así como a divulgación do coñecemento xerado pola universidade.

b) As relacionadas coas convocatorias de axudas e bolsas, así como coa promoción, formalización e seguimento de proxectos de transferencia de coñecemento, innovación e impacto social, tanto no ámbito autonómico coma no estatal e internacional.

c) As relacionadas cos contratos, informes e cursos previstos no artigo 60 da LOSU, así como coa valorización, protección, xestión e explotación dos resultados da investigación.

d) As relacionadas cos parques tecnolóxicos, centros tecnolóxicos, empresas de base tecnolóxica e viveiros de empresas, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación no ámbito das políticas de I+D e, se for o caso, coas vicerreitorías dos campus competentes.

e) O impulso das relacións institucionais da universidade co tecido socioeconómico, así como o deseño, impulso e coordinación da política institucional de cátedras desenvolvidas en colaboración con entidades públicas e privadas, en coordinación coas vicerreitorías competentes por razón da materia.

f) A planificación, coordinación e execución das políticas e actuacións vinculadas ao Campus Vigo Tecnolóxico, así como a coordinación coas respectivas vicerreitorías de campus para garantir a coherencia das políticas de transferencia de coñecemento nos campus de especialización Auga e Crea.

g) A planificación, coordinación e seguimento das prácticas académicas externas, das políticas de empregabilidade e das iniciativas de emprendemento, en coordinación coa Vicerreitoría de Oferta Académica e coa Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria, no ámbito das súas respectivas competencias.

h) A promoción e coordinación das políticas de acción solidaria, voluntariado e cooperación ao desenvolvemento.

i) As relacións da universidade con redes nacionais e internacionais no ámbito da transferencia, da innovación e do impacto social.

Vicerreitoría de Docencia e Transformación Educativa.

Deléganse na persoa titular da Vicerreitoría de Docencia e Transformación Educativa as seguintes competencias:

a) O deseño, coordinación, seguimento e recoñecemento dos programas e convocatorias propios de innovación educativa, así como o impulso da transformación das prácticas docentes cara a metodoloxías activas e modelos avaliativos coherentes co contexto dixital e profesional, en coordinación coa Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria e coa de Transferencia, Innovación e Impacto social.

b) O deseño e implantación do marco académico común da Universidade de Vigo para a incorporación das tecnoloxías dixitais emerxentes na docencia e na avaliación.

c) O deseño e a coordinación do Plan de acción titorial e dos programas de mentoría como instrumentos de acompañamento e orientación ao longo da traxectoria universitaria, en coordinación coa Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria.

d) O deseño, coordinación e impulso de actuacións para mellorar a formación transversal do estudantado e do persoal docente e investigador (PDI), promovendo, no caso do estudantado, a adquisición de competencias dixitais, a aprendizaxe autónoma, o pensamento crítico, as habilidades profesionais e socioemocionais e o uso crítico e responsable das tecnoloxías, e no caso do PDI, o desenvolvemento de competencias docentes e dixitais vinculadas á innovación e á transformación educativa.

e) O deseño e a coordinación dos criterios pedagóxicos que garantan a coherencia formativa entre as ensinanzas oficiais, a formación permanente e o doutoramento, en coordinación coa Vicerreitoría de Oferta Académica.

f) A dirección do proceso académico e participativo de definición do proxecto docente común da Universidade de Vigo co horizonte de 2032.

g) O seguimento e a mellora da calidade docente, así como a actualización dos procedementos de xestión académica nos seus aspectos metodolóxicos e avaliativos, en coordinación coa Secretaría Xeral e coa Vicerreitoría de Oferta Académica.

h) O deseño, coordinación e seguimento do modelo docente institucional da Universidade de Vigo e das actuacións dirixidas á súa innovación e mellora continuas.

Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria.

Deléganse na persoa titular da Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria as seguintes competencias:

a) As relativas á captación, acceso, participación, representación e asociacionismo do estudantado, en coordinación coa Vicerreitoría de Oferta Académica no ámbito das súas competencias.

b) As relacionadas cos dereitos e deberes do estudantado, incluído o recoñecemento de créditos pola realización de actividades universitarias complementarias.

c) A planificación, coordinación e impulso da política institucional de internacionalización do estudantado, incluídos os programas de mobilidade e intercambio nacionais e internacionais, a acollida e integración do estudantado internacional e os programas de bolsas e axudas asociados, en coordinación cos órganos competentes por razón da materia.

d) As relativas ás relacións da universidade cos seus egresados e egresadas.

e) O deseño, impulso e coordinación das políticas de experiencia universitaria do estudantado, promovendo a inclusión, a igualdade de oportunidades, o benestar, a saúde mental e emocional, o desenvolvemento persoal e o sentido de pertenza á universidade.

f) A promoción e coordinación das actividades de extensión universitaria, culturais, deportivas e de mecenado, en colaboración coas vicerreitorías dos campus de Ourense e Pontevedra.

g) A promoción das competencias lingüísticas do estudantado e da comunidade universitaria, en coordinación coa Área de Normalización Lingüística no ámbito da lingua galega.

h) As referidas á convocatoria e resolución das axudas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores, así como dos seus procedementos derivados.

i) As relacionadas coa participación da universidade en redes universitarias nacionais e internacionais no ámbito das competencias desta vicerreitoría.

Vicerreitoría de Infraestruturas, Enerxía e Mobilidade.

Deléganse na persoa titular da Vicerreitoría de Infraestruturas, Enerxía e Mobilidade as seguintes competencias:

a) As relativas á programación, supervisión e execución de novas infraestruturas, así como a reforma, remodelación, adaptación ou reparación das xa existentes, en coordinación coa Xerencia e coas vicerreitorías do campus de Pontevedra e de Ourense.

b) As correspondentes ás actuacións urbanísticas que afecten a Universidade de Vigo.

c) As correspondentes á solicitude e contratación de proxectos, infraestruturas, equipamentos e instalacións de carácter institucional.

d) As correspondentes ao aloxamento e ao transporte, en coordinación coa Vicerreitoría de Estudantes e Vida Universitaria.

e) As de xestión e coordinación dos equipamentos e infraestruturas docentes.

f) As relativas á posta en marcha de programas de sustentabilidade enerxética e ambiental.

g) A coordinación da política institucional de seguridade e saúde no traballo e de prevención de riscos laborais.

h) As relativas á convocatoria de bolsas propias no ámbito das competencias delegadas nos puntos anteriores, e aos seus procedementos derivados.

Vicerreitoría do Campus de Ourense.

Deléganse na persoa titular da Vicerreitoría do Campus de Ourense as seguintes competencias:

a) A representación ordinaria da Universidade de Vigo no ámbito territorial do campus de Ourense, sen prexuízo das competencias propias da reitora.

b) A coordinación xeral das actuacións desenvolvidas no campus de Ourense polas distintas estruturas académicas, investigadoras, administrativas e de servizos da universidade, sen prexuízo das competencias atribuídas aos restantes órganos de goberno.

c) A planificación, impulso e coordinación das accións orientadas ao desenvolvemento estratéxico, á proxección institucional e á promoción do campus de Ourense, de acordo coa estratexia xeral da universidade.

d) O exercicio das competencias derivadas dos procesos de descentralización administrativa e funcional no ámbito do campus de Ourense, en coordinación coas vicerreitorías e coa Xerencia no exercicio das súas respectivas competencias, nos termos establecidos nesta resolución ou nos correspondentes actos de delegación.

e) O desenvolvemento das relacións institucionais, en representación da reitora, coas administracións públicas, entidades sociais, organizacións empresariais e demais axentes do territorio vinculados ao campus de Ourense, así como a sinatura dos convenios, protocolos, acordos e demais instrumentos de colaboración relacionados coas materias obxecto desta delegación, cando así proceda.

f) A dirección e a coordinación das políticas e actuacións vinculadas ao Campus Auga, no marco das políticas xerais da universidade para os seus campus de especialización e en coordinación coas vicerreitorías competentes por razón da materia.

g) O impulso da cooperación institucional, científica e tecnolóxica con universidades, centros de investigación e demais entidades de ámbito autonómico, nacional e internacional vinculadas aos ámbitos de especialización do Campus Auga e ao desenvolvemento estratéxico do campus de Ourense.

h) A promoción da transferencia do coñecemento, da innovación, da valorización da investigación, do emprendemento e da colaboración co tecido socioeconómico no ámbito do campus de Ourense, incluídas as cátedras promovidas en colaboración con entidades públicas e privadas, contribuíndo ao desenvolvemento do ecosistema de innovación e ao desenvolvemento do territorio, en coordinación coas vicerreitorías competentes por razón da materia.

i) As relativas á tramitación de proxectos de investigación de ámbito autonómico e estatal, así como dos contratos ao abeiro do artigo 60 da LOSU, no ámbito de influencia do campus de Ourense, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e coa Vicerreitoría de Transferencia, Innovación e Impacto Social.

j) A convocatoria, resolución e xestión das bolsas, axudas e programas propios vinculados ás materias obxecto desta delegación, así como a realización dos actos administrativos derivados delas.

Vicerreitoría do Campus de Pontevedra.

Deléganse na persoa titular da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra as seguintes competencias:

a) A representación ordinaria da Universidade de Vigo no ámbito territorial do campus de Pontevedra, sen prexuízo das competencias propias da reitora.

b) A coordinación xeral das actuacións desenvolvidas no campus de Pontevedra polas distintas estruturas académicas, investigadoras, administrativas e de servizos da universidade, sen prexuízo das competencias atribuídas aos restantes órganos de goberno.

c) A planificación, impulso e coordinación das accións orientadas ao desenvolvemento estratéxico, á proxección institucional e á promoción do campus de Pontevedra, de acordo coa estratexia xeral da universidade.

d) O exercicio das competencias derivadas dos procesos de descentralización administrativa e funcional no ámbito do campus de Pontevedra, en coordinación coas vicerreitorías e coa Xerencia no exercicio das súas respectivas competencias.

e) O desenvolvemento das relacións institucionais, en representación da reitora, coas administracións públicas, entidades sociais, organizacións empresariais e demais axentes do territorio vinculados ao campus de Pontevedra, así como a sinatura dos convenios, protocolos, acordos e demais instrumentos de colaboración relacionados coas materias obxecto desta delegación, cando así proceda.

f) A dirección e coordinación das políticas e actuacións vinculadas ao Campus Crea, no marco das políticas xerais da universidade para os seus campus de especialización e en coordinación coas vicerreitorías competentes por razón da materia.

g) O impulso da cooperación institucional, científica e tecnolóxica con universidades, centros de investigación e demais entidades de ámbito autonómico, nacional e internacional vinculadas aos ámbitos de especialización do Campus Crea e ao desenvolvemento estratéxico do campus de Pontevedra.

h) A promoción da transferencia do coñecemento, da innovación, da valorización da investigación, do emprendemento e da colaboración co tecido socioeconómico no ámbito do campus de Pontevedra, incluídas as cátedras promovidas en colaboración con entidades públicas e privadas, contribuíndo ao desenvolvemento do ecosistema de innovación e ao desenvolvemento do territorio, en coordinación coas vicerreitorías competentes por razón da materia.

i) As relativas á tramitación de proxectos de investigación de ámbito autonómico e estatal, así como dos contratos ao abeiro do artigo 60 da LOSU, no ámbito de influencia do campus de Pontevedra, en coordinación coa Vicerreitoría de Investigación e coa Vicerreitoría de Transferencia, Innovación e Impacto Social.

j) A convocatoria, resolución e xestión das bolsas, axudas e programas propios vinculados ás materias obxecto desta delegación, así como a realización dos actos administrativos derivados delas.

Secretaría Xeral.

Deléganse na persoa titular da Secretaría Xeral as seguintes competencias:

a) A representación institucional da universidade, por delegación da reitora, ante os órganos xudiciais e administrativos, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

b) A dependencia funcional da Asesoría Xurídica, actuando a Secretaría Xeral como canle para a solicitude dos informes xurídicos que apoien a actuación dos órganos colexiados e unipersoais, con excepción da Xerencia, que poderá solicitalos directamente en asuntos da súa competencia.

c) O impulso, dirección e coordinación da revisión e actualización normativas.

d) A organización, dirección e coordinación do Sistema Institucional de Garantía da Calidade da Universidade, así como dos procedementos institucionais asociados, sen prexuízo das competencias de planificación, execución e avaliación material atribuídas aos restantes órganos de goberno.

e) A organización e dirección dos rexistros, arquivos e procedementos relativos ao exercicio do dereito de acceso á información pública, así como a resolución das solicitudes correspondentes.

f) A supervisión normativa e xurídica da administración electrónica.

g) A proposta do calendario académico e a sinatura das certificacións supletorias dos títulos propios.

h) A tramitación e a supervisión formal dos expedientes informativos, disciplinarios e de responsabilidade patrimonial, así como a tramitación e custodia dos convenios institucionais.

i) A sinatura das resolucións relativas á rectificación de actas académicas e dos demais procedementos académicos atribuídos á Secretaría Xeral.

j) A sinatura, por delegación da reitora, das resolucións en materia de actividade académica do estudantado que non estean atribuídas expresamente a outros órganos.

k) A organización e control dos procesos electorais correspondentes aos órganos de goberno de carácter xeral.

l) A supervisión funcional das unidades administrativas correspondentes ás funcións anteriormente descritas.

Xerencia.

Deléganse na persoa titular da Xerencia as competencias de dirección e xestión dos servizos administrativos e económicos da universidade, e en particular:

a) A xestión económico-orzamentaria da universidade, incluídas a administración de ingresos e gastos, a execución do orzamento, a autorización e disposición de gastos, o recoñecemento de obrigas económicas, a ordenación de pagamentos e a elaboración de informes de viabilidade económica e impacto orzamentario das medidas propostas polos órganos de goberno, nos termos previstos na normativa aplicable.

b) O exercicio das competencias en materia de contratación administrativa e xestión patrimonial da universidade, sen prexuízo das atribucións doutros órganos universitarios.

c) A dirección e xestión do persoal técnico, de xestión e de administración e servizos (PTXAS), incluídas as actuacións relativas á selección, provisión, mobilidade, formación, negociación colectiva, execución de acordos e pactos e demais actuacións derivadas da súa relación de servizos, sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos.

d) A dirección e coordinación dos sistemas corporativos de administración electrónica, servizos dixitais e soporte tecnolóxico da universidade, sen prexuízo da estratexia institucional definida pola vicerreitoría competente.

e) O mantemento, conservación e xestión operativa das infraestruturas e servizos xerais universitarios, en coordinación coas vicerreitorías competentes.

f) A proposta da organización e estrutura administrativa da universidade, así como a coordinación dos recursos e servizos administrativos de apoio aos órganos de goberno.

g) A publicación e difusión das resolucións, instrucións e actos de xestión relativos ao PTXAS e á actividade económico-administrativa da universidade.

h) A supervisión e apoio no desenvolvemento, seguimento, modificación e certificación dos procedementos de aseguramento da calidade dos servizos e do seu persoal.

i) A definición e execución das políticas de responsabilidade social, acción social, Axenda 2030, servizos sociais e participación.

j) A colaboración coa vicerreitoría competente en materia de estratexia e gobernanza na execución das políticas institucionais de planificación, transformación e modernización administrativa.

Delegación de competencias noutros órganos universitarios.

As delegacións previstas neste capítulo responden ao principio de proximidade na xestión administrativa e exerceranse exclusivamente no ámbito funcional de cada órgano, sen prexuízo das competencias de dirección, coordinación e supervisión atribuídas á Xerencia e aos restantes órganos de goberno.

Dirección da biblioteca.

Deléganse na persoa que ocupe a dirección da biblioteca as seguintes competencias, no que se refire ao seu ámbito funcional:

a) Tramitar as fases de retención, autorización e disposición de crédito e recoñecemento de obrigas dos gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos mediante contrato menor, de acordo co establecido na normativa de contratación do sector público; e, así mesmo, os gastos derivados de convocatorias de axudas, convenios e indemnizacións por razón de servizo, respecto dos créditos que teña encomendados. Esta delegación inclúe a sinatura dos contratos menores.

b) Recoñecer obrigas por gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos, previamente autorizados e dispostos pola Xerencia, respecto dos créditos que teña encomendados.

c) Tramitar os contratos de subministracións e servizos adxudicados mediante o procedemento aberto simplificado, tramitación reducida, a que se refire o artigo 159.6 da Lei de contratos do sector público (LCSP), incluíndo as fases de retención, autorización e disposición de crédito e recoñecemento de obrigas sobre os créditos correspondentes.

d) Tramitar e asinar os contratos de subministracións e servizos baseados nun acordo marco concluído pola universidade cunha ou varias empresas. O procedemento de adxudicación axustarase ao establecido na normativa de contratación do sector público e ao correspondente prego de cláusulas administrativas particulares do acordo marco, que poderá establecer limitacións a estas facultades. Esta delegación inclúe as facultades de retención, autorización e disposición de crédito e recoñecemento de obrigas sobre os créditos correspondentes.

Xefatura do Servizo de Extensión Universitaria.

Deléganse na persoa que ocupe a xefatura do Servizo de Extensión Universitaria as seguintes competencias, no que se refire ao seu ámbito funcional:

a) A tramitación dos expedientes de gasto relativos aos contratos que fosen previamente asinados pola Xerencia en materia das áreas de competencia de extensión universitaria, incluídas as fases de retención, autorización e disposición de crédito e recoñecemento de obrigas, así como a tramitación dos gastos por indemnizacións por razón de servizo respecto dos créditos que teña encomendados.

b) Proporlle á Xerencia a sinatura dos contratos menores da área da súa competencia, así como redactar a proposta de pregos de cláusulas particulares daqueles que se tramiten mediante licitación ou procedemento aberto simplificado e tramitación reducida, e tramitar as fases de gasto dos citados expedientes.

c) Exercer a dirección e o seguimento da execución dos ditos contratos cando lle sexa encomendado.

d) Tramitar os expedientes de gasto derivados das convocatorias de axudas e dos convenios, así como a súa xustificación respecto dos créditos asignados.

Administradores e administradoras.

Deléganse nas administradoras e administradores as seguintes competencias, no que se refire ao seu ámbito funcional:

a) Tramitar os contratos de obras, subministracións e servizos adxudicados mediante procedemento aberto simplificado, tramitación reducida, a que se refire o artigo 159.6 da LCSP, incluíndo as fases de retención, autorización e disposición de crédito e recoñecemento de obrigas sobre os créditos correspondentes. A Xerencia, baixo proposta da administradora ou administrador correspondente, poderá ordenar que un expediente de contratación se centralice por razón da súa complexidade ou da carga administrativa existente no centro.

b) Tramitar e asinar os contratos de subministracións e servizos baseados nun acordo marco concluído pola universidade cunha ou varias empresas. O procedemento de adxudicación axustarase ao establecido na normativa de contratación do sector público e ao correspondente prego de cláusulas administrativas particulares do acordo marco, que poderá establecer limitacións a estas facultades. Esta delegación inclúe as facultades de retención, autorización e disposición de crédito e recoñecemento de obrigas sobre os créditos correspondentes.

c) Tramitar as fases de retención, autorización e disposición de crédito e recoñecemento de obrigas dos gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos por contrato menor, de acordo co establecido na normativa de contratación do sector público; e, así mesmo, os gastos derivados de convocatorias de axudas, convenios e indemnizacións por razón de servizo nos departamentos, facultades ou escolas, programas oficiais de mestrado e doutoramento, títulos propios e proxectos e contratos de investigación que se xestionen no seu ámbito funcional, respecto dos créditos que teñan encomendados. Esta delegación inclúe a sinatura dos contratos menores.

d) Recoñecer obrigas por gastos relativos á realización de obras, adquisición de subministracións e prestacións de servizos previamente autorizados e dispostos pola Xerencia, respecto dos créditos que teñan encomendados.

Persoas responsables de servizos e unidades administrativas.

Deléganse nas persoas responsables dos servizos e unidades administrativas, respecto do persoal baixo a súa dependencia, as competencias de concesión e control das vacacións e dos permisos por asuntos propios e de representación sindical, así como de control sobre o resto de permisos autorizados.

Xefaturas de servizo e persoas responsables de unidades de investigación e transferencia.

Deléganse nas persoas titulares das xefaturas de servizo e nas persoas responsables das unidades de investigación e transferencia as seguintes competencias:

a) A sinatura e a presentación electrónica, a través das plataformas habilitadas polos organismos financiadores, das solicitudes de participación en convocatorias de axudas, subvencións e demais actuacións de fomento da investigación e da transferencia, así como da documentación complementaria, requirimentos, aceptacións, reformulacións, xustificacións técnicas e administrativas e demais actuacións de trámite asociadas aos procedementos correspondentes, sempre que non impliquen o exercicio de potestades discrecionais nin a adopción de decisións estratéxicas reservadas aos órganos de goberno.

b) A sinatura dos acordos de confidencialidade (NDA) e dos acordos de transferencia de material (MTA), cando se axusten aos modelos normalizados aprobados pola universidade, así como da documentación necesaria para a tramitación dos procedementos relacionados coa protección e xestión dos resultados da investigación, de conformidade coa normativa aplicable e coas directrices das vicerreitorías competentes por razón da materia.

Xefaturas das áreas académicas.

Deléganse nas persoas que ocupen as xefaturas das áreas académicas as seguintes funcións en materia de xestión académica:

a) A tramitación dos procedementos previstos nos artigos 68 e 73 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

b) A proposta de aceptación da desistencia ou da renuncia á solicitude de matrícula do alumnado.

c) A realización dos trámites establecidos no artigo 95 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, relativos á caducidade dos procedementos de matrícula ordinaria.

Decanatos e direccións de centros en materia académica de titulacións de grao e mestrado.

Delégase nas persoas titulares dos decanatos e direccións de centros a competencia para resolver e asinar as resolucións definitivas dos seguintes procedementos en materia de estudos oficiais de grao e mestrado:

a) A resolución das solicitudes de admisión de alumnado en titulacións sen límite de prazas.

b) A resolución das solicitudes de traslado para continuar estudos, de conformidade cos acordos adoptados polos órganos académicos competentes.

c) A resolución das solicitudes de recoñecemento, adaptación e validación de materias, de conformidade cos acordos adoptados polos órganos académicos competentes.

d) A resolución das solicitudes de modificación de matrícula, incluídas a ampliación, o cambio e a anulación parcial de materias.

e) A resolución das solicitudes de avaliación por compensación.

f) A expedición das certificacións acreditativas do pagamento dos dereitos correspondentes, así como a resolución das solicitudes de remisión dos títulos oficiais e a súa remisión ás direccións provinciais competentes, á Oficina de Educación e ás oficinas consulares.

Dirección da Escola Internacional de Doutoramento (Eido-UVigo).

Delégase na persoa que ocupe a dirección da Escola Internacional de Doutoramento (Eido-UVigo) a sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos relacionados cos estudos adscritos a esta escola:

a) A admisión de estudantes.

b) A resolución de solicitudes de modificación de matrícula: ampliación, cambio ou anulación parcial da matrícula.

c) A admisión dos traslados de alumnado para a continuación de estudos.

d) A resolución de solicitudes de recoñecementos, adaptacións e validacións.

e) Autorizar a baixa definitiva de calquera estudante nun programa de doutoramento.

f) A designación de coordinadores ou coordinadoras dos programas de doutoramento.

Dirección do Centro de Posgrao e Formación Permanente (CPFP).

Delégase na persoa que ocupe a dirección da Centro de Posgrao e Formación Permanente (CPFP) a sinatura das resolucións definitivas dos seguintes asuntos relacionados cos estudos adscritos a este centro:

a) A admisión de estudantes.

b) A resolución de solicitudes de modificación de matrícula: ampliación, cambio ou anulación parcial da matrícula.

c) A admisión dos traslados de alumnado para a continuación de estudos.

d) A resolución de solicitudes de recoñecementos, adaptacións e validacións.

e) Autorizar a baixa definitiva de calquera estudante nun programa adscrito a este centro.

Direccións de departamento.

Delégase nas directoras e directores de departamentos a concesión de permisos e licenzas ao persoal docente e investigador adscrito a eles nos seguintes casos:

a) Vacacións e permisos por asuntos propios, garantindo as necesidades docentes, investigadoras e de funcionamento do departamento.

b) Realización de funcións sindicais ou de actividades de formación sindical ou representación do persoal.

c) Cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal e por causa de deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral.

Mesa de Contratación.

Delégase na Mesa de Contratación permanente a competencia para a selección dos candidatos nos procedementos a que se refire o artigo 326.2.e) da LCSP.

Suplencia.

Nos supostos de ausencia ou enfermidade, a reitora será substituída pola persoa que ocupe a Vicerreitoría de Estratexia, Gobernanza e Economía, quen exercerá a plenitude das funcións propias do órgano substituído; e, na súa falla, pola persoa que ocupe a Vicerreitoría de Oferta Académica.

En caso de vacante, ausencia ou enfermidade dalgún vicerreitor ou vicerreitora, será substituído/a pola persoa que designe expresamente a reitora.

Réxime da delegación de competencias.

As resolucións administrativas que se adopten facendo uso dalgunha das delegacións contidas nesta resolución farán constar expresamente esta circunstancia na antesinatura, con indicación da presente resolución reitoral, e consideraranse ditadas pola autoridade que a conferira.

De acordo co establecido nos artigos 9.6 e 10 da Lei 40/2015, a Reitoría poderá revogar en calquera momento a delegación de competencias contida nesta resolución, así como acordar a avocación para si do coñecemento dun ou varios asuntos cuxa resolución corresponda ordinariamente ou por delegación aos seus órganos administrativos dependentes, cando circunstancias de índole técnica, económica, social, xurídica ou territorial o fagan conveniente.

De acordo co artigo 9.5 da Lei 40/2015, salvo autorización expresa dunha lei, non se poderán delegar as competencias que se exerzan por delegación.

Disposición derradeira primeira

Quedan derrogadas cantas disposicións desta Reitoría, de igual ou inferior rango, se opoñan ao establecido na presente resolución reitoral.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 2 de xullo de 2026

María Carmen García Mateo
Reitora da Universidade de Vigo