A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regula nos seus artigos 48, 49 e 50 os estudos profesionais de música, dos que a Lei 1/2024, do 7 de xuño, pola que se regulan as ensinanzas artísticas superiores e se establece a organización e as equivalencias das ensinanzas artísticas profesionais, modifica os artigos 48 e 50. Os estudos superiores de música desenvólvense actualmente ao abeiro da citada Lei 1/2024, do 7 de xuño, na que, no seu artigo 61, se referencia que os centros de ensinanzas artísticas fomentarán e facilitarán o coñecemento e o uso de linguas estranxeiras no conxunto da súa actividade.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional publicou o Decreto 198/2007, do 27 de setembro, e o Decreto 203/2007, do 27 de setembro, nos que se establece o currículo das ensinanzas elementais e profesionais de música, respectivamente, e se regula o acceso a estas. Ademais, no Decreto 223/2010, do 30 de decembro, polo que se establece o Regulamento orgánico dos conservatorios elementais e profesionais de música e de danza da Comunidade Autónoma de Galicia, no que a autonomía conferida aos conservatorios no seu título terceiro lles permite aos ditos centros levar a cabo proxectos educativos contextualizados que estimulen o traballo en equipo e o desenvolvemento das propias potencialidades daqueles. A proxección internacional formativa e profesional que ten cabida neste tipo de ensinanzas xustifica a impartición de materia/s en lingua/s estranxeira/s que lles faciliten ao alumnado dos conservatorios a posterior integración en centros de estudos nacionais e estranxeiros, ampliando as súas posibilidades de proxección e de inserción laboral tanto a nivel nacional como internacional.
O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia establece, no seu artigo 22, que se desenvolverán as habilidades de comunicación oral e escrita en lingua(s) estranxeira(s) de maneira progresiva e gradual, na formación profesional específica, e nas ensinanzas artísticas e deportivas. Igualmente, no seu artigo 23, establece que a consellería competente en materia de educación aprobará un plan de fomento das linguas estranxeiras no que se determinarán as liñas de actuación, dirixidas ao profesorado, ao alumnado e aos centros. Finalmente, na súa disposición adicional primeira, indica que a impartición de materias non lingüísticas en lingua(s) estranxeira(s) se regulará mediante orde aprobada pola consellería competente en materia de educación.
A Orde do 12 de maio de 2011 pola que se regulan as seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario enmarca a necesidade de formación competencial en linguas estranxeiras do alumnado en materias non lingüísticas. Non obstante, na citada orde non se inclúen as ensinanzas de réxime especial.
Neste contexto, o Conservatorio Profesional de Música de Vigo, no que xa foi autorizada unha sección bilingüe de lingua inglesa pola Orde do 14 de xullo de 2014, solicita a implantación dunha sección bilingüe de lingua portuguesa. Pola súa parte, o Conservatorio Superior de Música de Vigo, no que xa foron autorizadas unha sección bilingüe de lingua inglesa pola Orde do 7 de xullo de 2016, e unha sección bilingüe de lingua francesa pola Orde do 29 de agosto de 2017, solicita a implantación dunha sección bilingüe de lingua alemá. En todos os casos, trátase de proxectos experimentais con carácter voluntario para o seu alumnado. Tendo en conta o carácter innovador deste proxecto educativo e considerando as necesidades deste tipo de alumnado en materia lingüística, cara a unha maior proxección internacional formativa e profesional, procede considerar a posta en marcha, con carácter experimental, das seccións bilingües solicitadas nos referidos conservatorios.
En consecuencia, e de acordo co establecido polo Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
O obxecto desta orde é autorizar, con carácter experimental, a creación de seccións bilingües de lingua portuguesa no Conservatorio Profesional de Música de Vigo e de lingua alemá no Conservatorio Superior de Música de Vigo a partir do curso académico 2026/27, coa finalidade de promover a práctica destes idiomas entre o alumnado dos referidos centros.
Artigo 2. Marco legal
A experiencia educativa da sección bilingüe en lingua portuguesa do Conservatorio Profesional de Música de Vigo que se autoriza estará enmarcada dentro das ensinanzas dispostas nos decretos 198/2007 e 203/2007, do 27 de setembro, polos que se establecen os currículos das ensinanzas elementais e profesionais de música, respectivamente, e se regula o acceso a estas ensinanzas.
En relación á sección bilingüe en lingua alemá do Conservatorio Superior de Música de Vigo, a experiencia educativa que se autoriza estará integrada na normativa que regula as ensinanzas artísticas superiores de música, o Decreto 163/2015, do 29 de outubro.
Artigo 3. Destinatarios/as
Os presentes proxectos van dirixidos ao alumnado que curse ensinanzas de grao elemental ou de grao profesional de música no Conservatorio Profesional de Música de Vigo e ao que curse ensinanzas de grao superior de música no Conservatorio Superior de Música de Vigo, considerando que a participación neles terá carácter optativo nas materias nas que se oferten.
Artigo 4. Requisitos
O número de alumnado mínimo para desenvolver as seccións bilingües será o mesmo que o establecido para a súa impartición na lingua cooficial, regulado polo Real decreto 303/2010, do 15 de marzo, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas artísticas. Así mesmo, atenderase ao regulado no artigo 18 do Decreto 198/2007, do 27 de setembro, polo que se establece a ordenación do grao elemental das ensinanzas de réxime especial de música.
Artigo 5. Organización académica
1. A incorporación do alumnado a unha sección bilingüe requirirá a autorización por escrito dos pais, nais ou titores/as legais, no caso de ser menor de idade. O centro establecerá as medidas oportunas para proporcionar a suficiente información ás familias sobre o funcionamento das seccións bilingües.
2. O alumnado que forme parte dunha sección bilingüe non poderá abandonala antes de rematar o curso escolar, salvo por razóns xustificadas ante a dirección do centro e coa autorización desta.
3. Ao final de cada curso académico, o alumnado que obteña cualificación positiva na materia obxecto de sección bilingüe recibirá unha credencial oficial expedida polo centro conforme participou nunha sección bilingüe, que deberá quedar reflectida no seu expediente académico.
4. Ao comezo de cada curso escolar, antes do 15 de outubro, a dirección do centro deberá informar á Dirección Xeral de Formación Profesional do número de alumnos/as matriculados/as en cada un dos cursos con seccións bilingües autorizadas, co visto e prace da inspección educativa.
Artigo 6. Profesorado
1. O profesorado implicado no proxecto de sección bilingüe deberá ser especialista da materia, ter destino definitivo no centro, e acreditar a súa competencia na lingua estranxeira co certificado B2 do Marco común europeo de referencia para as linguas.
2. A coordinación da sección bilingüe corresponderá a un/unha docente participante no proxecto.
Serán funcións da persoa coordinadora:
– Realizar o seguimento semanal, a coordinación do equipo docente que forma parte do programa de seccións bilingües e levantar acta dos temas tratados e dos acordos adoptados.
– Coordinar a elaboración do proxecto lingüístico no marco do proxecto educativo do centro.
– Participar nas actividades formativas do profesorado e propoñer novas actividades.
– Participar na elaboración de materiais específicos, revisar e trasladar ao equipo directivo as programacións iniciais e as memorias finais.
– De ser o caso, titorizar a persoa nativa de apoio ao programa.
3. O profesorado participante na sección bilingüe poderá ter, en función da súa dispoñibilidade horaria, ata un máximo de dúas horas lectivas semanais destinadas ás actividades de coordinación, de avaliación e de atención ao programa. Terá as seguintes funcións:
– Elaborar a programación específica ao inicio de cada curso escolar.
– Elaborar unha memoria final.
– Participar nas actividades de formación organizadas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
– Elaborar materiais curriculares específicos.
– Aqueloutras que sexan necesarias para o desenvolvemento axeitado do proxecto.
4. No relativo á formación do profesorado participante neste programa, atenderase ao disposto no artigo 6 da Orde do 12 de maio de 2011, pola que se regulan as seccións bilingües en centros sostidos con fondos públicos de ensino non universitario.
Artigo 7. Memoria final de curso
Antes do 5 de xullo, o profesorado de cada materia non lingüística implicado no programa de sección bilingüe deberá elaborar unha memoria avaliativa que trasladará á dirección do centro para o seu visto e prace. A devandita memoria será remitida pola dirección do centro á correspondente xefatura territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, que a tramitará á Dirección Xeral de Formación Profesional, acompañada dun informe da Inspección educativa.
Artigo 8. Asesoramento e avaliación
1. As estruturas de formación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional ofrecerán asesoramento, tanto na fase de elaboración do proxecto, como na do seu desenvolvemento.
2. Con independencia do punto anterior, a Dirección Xeral de Formación Profesional, a través dos servizos de inspección educativa, levará a cabo o seguimento e a posterior avaliación do proxecto co fin de verificar a súa realización, a calidade e os resultados obtidos.
Artigo 9. Duración do proxecto
O proxecto terá unha duración de dous cursos académicos, prorrogables en períodos de dous cursos académicos, logo do informe favorable do servizo de inspección educativa, que deberá ser emitido tendo en conta a adecuación ás condicións e aos obxectivos indicados na súa posta en marcha e a permanencia das circunstancias que xustificaron a súa implantación.
Disposición derradeira primeira
Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional para ditar cantas normas se consideren oportunas para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2026
Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
