A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, aprobouse a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG núm. 92, do 16 de maio), en diante, LPCG.
A LPCG no seu artigo 1.1 establece que o seu obxecto é «a protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural de Galicia, de forma que lle sirva á cidadanía como unha ferramenta de cohesión social, desenvolvemento sustentable e fundamento da identidade cultural do pobo galego, así como a súa investigación, valorización e transmisión ás xeracións futuras».
Así mesmo, o artigo 1.2 indica que o patrimonio cultural de Galicia está constituído, entre outros, polos bens inmobles que, polo seu valor histórico, arquitectónico ou etnolóxico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.
Segundo o artigo 8 da LPCG, os bens do patrimonio cultural de Galicia poden ser declarados de interese cultural, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, ou catalogados, polo seu notable valor cultural.
No artigo 8.3 da LPCG establécese que: «Terán a consideración de bens catalogados aqueles bens e manifestacións inmateriais que, que polo seu notable valor cultural, sexan incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, a través de calquera dos procedementos de inclusión previstos nesta lei. En todo caso, intégranse no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia os bens expresamente sinalados nesta lei. Os bens catalogados poden ser mobles, inmobles e inmateriais».
O artigo 10.1.a) da LPCG, referido ás categorías de bens inmobles, define como monumento «a obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico».
O artigo 25.1 da LPCG ditamina que: «Os bens catalogados polo seu notable valor cultural serán incluídos no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, cuxa xestión corresponde á consellería competente en materia de patrimonio cultural».
No artigo 87 da LPCG defínense os bens que integran o patrimonio arquitectónico como «os inmobles e os conxuntos destes, e as obras da arquitectura e da enxeñaría histórica ás cales se lles recoñeza un papel relevante na construción do territorio e na súa caracterización cultural e sexan testemuño dunha época histórica ou dos cambios na forma de entendela». Para os efectos do establecido no artigo anterior, no artigo 88 da LPCG presúmese que concorre un significativo valor arquitectónico, entre outros, «Os edificios relevantes da arquitectura ecléctica, modernista, racionalista, do movemento moderno ou característico da complexa sucesión de movementos e tendencias arquitectónicas que percorren o período das primeiras vangardas e o movemento moderno durante o século XX ata 1965, incluída a arquitectura de indianos. Para a consideración do seu valor cultural, os inmobles deben evidenciar, total ou parcialmente, os principios recoñecibles do seu estilo arquitectónico de forma relevante pola calidade do seu proxecto, espacial ou construtiva, a súa singularidade estética ou a súa representatividade tipolóxica, ademais de posuír unha dimensión social significativa».
Na data do 9.9.2022 o Concello de Arteixo presenta no rexistro electrónico da Xunta de Galicia unha solicitude normalizada de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia do inmoble Villa Julia. E nas datas 23.2.2023 e 24.4.2023 o Concello de Arteixo rexistra escritos respecto do mesmo asunto.
Na data do 14.4.2026 un particular presenta unha solicitude normalizada de inclusión de Villa Julia no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia a través do rexistro electrónico da Xunta de Galicia.
Segundo se conclúe dos informes elaborados no Servizo de Inventario, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Villa Julia é un exemplo de arquitectura civil ecléctica tardía, construída antes de 1965, en que concorre un significativo valor arquitectónico, polo que se lle recoñece un notable valor cultural como ben do patrimonio arquitectónico que xustifica a súa inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.
Unha vez vista a información e documentación que conforma o expediente administrativo, na cal se acredita que o ben denominado Villa Julia posúe un valor cultural notable, o director xeral do Patrimonio Cultural, no exercicio das competencias establecidas no artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e, en virtude, do disposto no artigo 26 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia,
RESOLVE:
Primeiro. Incoación do procedemento
Incoar o procedemento para incluír no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia o inmoble Villa Julia, localizado número 245 da travesía de Arteixo, no lugar da Baiuca, parroquia de Santiago de Arteixo, concello de Arteixo, consonte a descrición que figura no anexo I e a delimitación detallada no anexo II.
Segundo. Prazo de resolución e caducidade
O procedemento deberá resolverse no prazo máximo de dezaoito meses a partir da data desta resolución. Transcorrido este prazo sen que se emita resolución expresa, produciríase a caducidade do procedemento.
Terceiro. Anotación preventiva e réxime de protección
Ordenar a anotación preventiva no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia e aplicar, de forma provisional, o réxime de protección previsto para os bens inmobles catalogados.
Cuarto. Publicación
Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Quinto. Notificación
Notificar esta resolución ao Concello de Arteixo e ás persoas interesadas.
Sexto. Información pública
Abrir un período de información pública polo prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, para que calquera persoa física ou xurídica poida achegar as alegacións e as informacións que considere oportunas. O escrito de alegacións ou de achega de información dirixirase ao Servizo de Inventario da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para o cal se poderá empregar o procedemento PR004A da sede electrónica da Xunta de Galicia dispoñible no seguinte enderezo web: www.sede.xunta.gal
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta resolución producirá efectos desde o día seguinte ao súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2026
Ángel Miramontes Carballada
Director xeral do Patrimonio Cultural
ANEXO I
Descrición do ben
1. Denominación.
• Principal: Villa Julia.
• Secundaria: chalé do secretario.
2. Localización.
• Enderezo: núm. 245 da travesía de Arteixo.
• Provincia: A Coruña.
• Concello: Arteixo.
• Parroquia: Santiago de Arteixo.
• Lugar: A Baiuca.
• Coordenadas de localización (UTM ETRS89 fuso 29), X: 540162, Y: 4794586.
• Referencia catastral: 0348107NH4904N.
3. Descrición.
Villa Julia debe o seu nome a unha das fillas do seu promotor, Santiago José Astray Astray (1900-1952), quen foi secretario municipal de Arteixo entre 1930 e 1952.
Mario Páez Suárez (1883-1949) tería redactado o proxecto en 1932, pero tal proxecto non se axusta ao construído, polo que se ignora se o arquitecto chegou a redactar outro cos cambios. Tampouco se pode acreditar que fose construída na década de 1930 pero, en todo caso, o inmoble é anterior a 1965, data indicada no artigo 88.1.e) da LPCG para presupoñerlle un significativo valor arquitectónico. Apréciase a presenza do inmoble na ortofoto do chamado Voo Americano realizado entre xaneiro de 1956 e novembro 1957.
Villa Julia disponse nunha parcela ao pé da travesía de Arteixo, illada e recuada respecto da aliñación desa rúa. A casa, de planta baixa, alta e baixo cuberta, ten un volume complexo, cunha planta cadrada da cal sobresaen dous corpos da planta baixa. A cuberta resólvese a catro augas, cun beirado que sobresae amplamente dos planos das fachadas. O terreo da parcela cae cara a rúa, polo que o acceso á casa se realiza a través dunhas escaleiras ascendentes.
A planta baixa está conformada por un vestíbulo ao cal dan todas as estancias dese piso e as escaleiras de dous tramos que soben ás plantas altas. O salón principal, que dispón de cheminea, sitúase na esquina noroeste, cun volume que sobresae das fachadas; na esquina suroeste disponse outra sala de estar, con outro volume sobresaínte achafranado; ao sueste localízase a cociña e un rocho, e ao nordés un cuarto denominado sala de música. Baixo as escaleiras, enfrontada á entrada, hai unha porta que comunica co patio traseiro.
A planta alta ten unha distribución simétrica con catro cuartos, un en cada esquina, e un baño, aos cales se accede desde un distribuidor central. O cuarto noroeste ten acceso á terraza que cobre o volume do salón principal.
A planta baixo cuberta ten dous cuartos, sendo o da parte norte pasante para acceder ao do sur.
A fachada frontal (orientación oeste, dando á travesía de Arteixo) é a máis complexa e nela destacan os volumes ampliados das salas de estar, un resolto cunha especie de miradoiro e outro en que se dispón un gran oco rematado en arco e outro oco circular; a composición dos volumes e ocos non é regular nin responde á regra de simetría.
A fachada posterior (leste) conta con catro ocos rectangulares iguais, de tipo horizontal, pero dispostos lixeiramente desprazados cara ao norte, unha porta e 3 ocos menores de tipo vertical. As fachadas laterais son case cegas, cun único oco na orientación norte, correspondente coa porta para acceder á terraza.
A estrutura da casa é mixta, con muros de cachotaría de pedra, piares de formigón e vigas de madeira na cuberta. As escaleiras que levan á planta alta están formadas por chanzos recubertos de mármore, mentres as que levan ao baixo cuberta teñen un tramo de formigón e outro de madeira.
As fachadas están formadas por muros de cachotaría de pedra recebados por ambas as caras, que na fronte oeste e parte da norte da planta alta son máis estreitos. Todas as fachadas están pintadas de cor verde e de cor branca, remarcando as esquinas, a cornixa, os ocos e os elementos decorativos.
As portas exteriores son de madeira vernizada, parcialmente acristaladas, e as fiestras contan cunha carpintaría interior, complementada con contras interiores nas estancias, ambas de madeira pintada de cor branca, outra carpintaría exterior de aluminio lacado tamén en cor branca e reixas metálicas pintadas da mesma cor.
As cubertas do tellado e do miradoiro son de tella cerámica curva, cun beiril moldurado, mentres a terraza presenta un acabado de pintura das mesmas cores que as fachadas, dado sobre as baldosas orixinais. A cuberta conta con dúas ventás de tellado, cun canlón perimetral oculto que desauga en dúas baixantes dispostas pola fachada posterior e con dúas chemineas de saída de fumes, unha da cheminea do salón de estar e outra da cociña.
Os tabiques interiores son de ladrillo cerámico, recebado e pintado, e as carpintarías interiores son de madeira.
O pavimento da planta baixa está resolto con distintos tipos de baldosa hidráulica; o pavimento das plantas altas é de tarima de madeira nos cuartos e de baldosa hidráulica no distribuidor e baño. A sala de estar da planta baixa de Villa Julia está pavimentada cunha baldosa hidráulica denominada «Panot1 Gaudí». Esta baldosa foi deseñada polo arquitecto Antonio Gaudí en 1904 para ser empregada na Casa Batlló, aínda que o seu primeiro destino sería a Casa Milà. O «Panot Gaudí» foi fabricado pola empresa de pavimentos Escofet, que o ten no seu catálogo desde 1908.
Todas as estancias das plantas baixa e alta contan con falsos teitos e molduras diversas e na planta baixa quedan resaltadas as vigas que se descolgan do piso; no teito da cuberta están á vista as vigas que forman a súa xeometría, mentres o resto está recuberto con táboas de madeira, todo pintado de cor branca.
Na parte frontal da casa hai un xardín conformado por parterres delimitados por sebes de buxo arredor de dúas grandes palmeiras (unha delas morreu afectada polo picudo). Na parte norte da casa hai un espazo de transición con céspede, separado do antedito xardín por un muro e que conduce ao patio traseiro.
A parte posterior da casa está conformada por varios espazos diferenciados: unha área pavimentada fronte á casa, delimitada por muros baixos e cun espazo cuberto que acolle un pozo e un aseo, e unha ampla zona verde caracterizada por un longo emparrado. O pavimento baixo a parra é de cemento, con pequenos chanzos que acompañan cada par de piares de apoio de formigón. Nesta zona localízase un hórreo non tradicional (de tipo mixto, construído con formigón, tixolo e madeira) e arboredo diverso, entre o que destacan os loureiros do fondo; un espazo lateral que acolle un arboredo disperso (diversas froiteiras, abetos, teixos, etc.) e unhas construcións auxiliares de estrutura de formigón e cuberta de fibrocemento, nas cales se atopa o garaxe, o curral e tres dependencias que acolleron o persoal de servizo da casa e que agora se destinan a almacenaxe.
Ao sur da casa hai un espazo libre pavimentado, situado a unha cota inferior e de acceso ao garaxe que se insire nas anteditas construcións auxiliares ao cal se accede desde un portón metálico na rúa, similar ao da entrada principal.
O perímetro da parcela está pechado cun muro de cachotaría de pedra vista que na parte en contacto coa rúa (máis baixa), se complementa con pezas prefabricadas de formigón e pilastras de suxeición. A parcela conta no seu interior cun muros de tipoloxía variada que serven para conter as terras das distintas plataformas creadas para salvar o desnivel.
4. Usos.
Uso actual: edificio residencial, vivenda unifamiliar.
5. Estado de conservación.
O estado de conservación xeral do inmoble é bo. Non presenta partes arruinadas, está ben mantido e permanece habitado. Só se aprecian humidades interiores nos muros.
6. Valoración cultural.
Os valores considerados para que un ben constitúa parte do patrimonio cultural de Galicia están relacionados co aprecio ou importancia que a sociedade lle outorga nun momento dado. O valor ou valores deses bens deben determinar o seu interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.
O interese cultural dun ben deriva da súa autenticidade e da súa integridade, e son estes os factores fundamentais para a súa valoración.
De entre os valores do patrimonio cultural establecidos no artigo 1 da LPCG, considérase Villa Julia ten valor arquitectónico e, por tanto, é un ben inmoble de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo.
A autenticidade de Villa Julia ponse de manifesto, máis que pola súa representatividade tipolóxica, pola súa singularidade como vivenda significativa do eclecticismo tardío e, como tal, ten un valor testemuñal como mostra dunha arquitectura representativa da primeira metade do século XX, que chegou aos nosos días nun moi bo estado de conservación grazas á calidade de certos materiais construtivos empregados e a un esmerado mantemento, que non se limita á casa e que tamén inclúe os espazos axardinados vinculados que son unha parte importante e inseparable da súa configuración e que contribúen significativamente á súa relevancia. En consecuencia, a súa integridade é un factor moi relevante na valoración cultural deste ben.
O aprecio ou importancia que a sociedade lle outorga nun momento dado pódese entender xustificado porque é o propio Concello de Arteixo, representante dos cidadáns dese municipio, quen propón a catalogación de Villa Julia.
O contexto en que se asenta este edificio no lugar da Baiuca vese cualificado pola presenza de Villa Julia, que constitúe un fito pola súa singularidade fronte ás edificacións que conformaron o asentamento tradicional e que, na actualidade, se ve alterado por un crecemento urbanístico desigual e dunha baixa calidade. Villa Julia forma parte do asentamento orixinario da Baiuca, antiga capital municipal (a casa do concello estivo nesta contorna), hoxe un barrio máis da vila de Arteixo.
Porén, non constan referencias bibliográficas, nin estudos, nin investigacións específicas sobre o valor cultural deste inmoble, polo que non se puido acreditar a autoría do seu proxecto, aínda que é plausible atribuílla a Mario Páez, arquitecto pouco estudado.
En definitiva, o valor cultural de Villa Julia exprésase a través da edificación da vivenda, dalgunhas construcións auxiliares e dos xardíns complementarios que se conservan cun elevado grao de integridade, o que lle permite por de manifesto os seus valores constituíntes. Ademais, mantense a continuidade do seu uso no tempo. Así, de acordo co anterior, semella oportuno incluíla no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia.
7. Natureza e categoría.
• Natureza: material.
• Condición: ben inmoble.
• Categoría: monumento.
• Interese: arquitectónico.
8. Nivel de protección.
• Estrutural.
9. Réxime de protección.
Villa Julia, como elemento singular do patrimonio arquitectónico protexido, rexerase polos ditados do réxime de protección e conservación que definen os títulos II e IV da LPCG; en concreto, pode resumirse en:
• Deber de conservación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, as titulares de dereitos reais sobre bens protexidos integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a conservalos, mantelos e custodialos debidamente e a evitar a súa perda, destrución ou deterioración (artigo 32 da LPCG).
• Acceso: as persoas físicas e xurídicas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e demais titulares de dereitos reais sobre bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia están obrigadas a permitirlle o acceso aos ditos bens ao persoal habilitado para a función inspectora nos termos previstos no capítulo I do título X; ao persoal investigador acreditado pola Administración e ao persoal técnico designado pola Administración para a realización dos informes necesarios (artigo 36 da LPCG).
• Deber de comunicación: as persoas propietarias, posuidoras ou arrendatarias e, en xeral, os titulares de dereitos reais sobre o ben están obrigadas a comunicar á consellería competente en materia de patrimonio cultural calquera dano ou prexuízo que sufrisen e que afecte de forma significativa o seu valor cultural. O deber de comunicación establecido correspóndelle tamén ao Concello de Arteixo no momento en que teña constancia de tal estado (artigo 37 da LPCG).
• Os instrumentos de planeamento urbanístico que abrangan Villa Julia incluirana necesariamente no seu catálogo cando se atope inscrita no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia (artigo 35.1 da LPCG).
• Autorizacións: as intervencións que se pretendan realizar no ben, así como no seu contorno de protección, terán que ser autorizadas polo Concello de Arteixo no procedemento establecido no artigo 142.2.b) da Lei 2/2016, do solo de Galicia, no que deberán pronunciarse expresamente sobre a valoración e a xustificación do cumprimento dos criterios de intervención recollidos nos artigos 44 e 46 da LPCG (artigo 39.1 da LPCG). A consellería competente en materia de patrimonio cultural poderá ordenar a suspensión de calquera intervención non autorizada no ben ou na súa contorna de protección para o cumprimento dos fins previstos na LPCG (artigo 39.3 da LPCG).
A utilización dos bens declarados catalogados quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados polo Concello de Arteixo (artigo 39.1 da LPCG).
• Actuacións: as actuacións autorizables no ben son as establecidas no artigo 42 da LPCG para o nivel de protección deste ben. As actuacións que excedan as de mantemento exixirán a elaboración do correspondente proxecto de intervención, que terá o contido establecido no artigo 43.1 da LPCG. Quedan exceptuadas deste requisito as actuacións de emerxencia acreditadas mediante unha proposta de intervención debidamente xustificada, que se limitarán aos labores estritamente necesarios para evitar as causas urxentes da súa deterioración de forma provisional (artigo 43.5 da LPCG).
Tras finalizar a intervención sobre o ben, elaborarase unha memoria final que documente adecuadamente todo o proceso desenvolvido en cada unha das súas fases e para todas as disciplinas aplicadas. Conterá, polo menos, unha descrición pormenorizada da intervención realizada, con especificación dos tratamentos e produtos empregados, así como a documentación gráfica de todo o proceso e o estudo comparativo do estado inicial e final (artigo 43.2 da LPCG).
As actuacións que se leven a cabo sobre os bens seguirán os seguintes criterios de intervención (artigo 44.1 da LPCG):
a) Salvagarda dos seus valores culturais e conservación, mellora e, de ser o caso, utilización adecuada e sustentable.
b) Respecto polas súas características esenciais e polos aspectos construtivos, formais, volumétricos, espaciais e funcionais que os definen. Procurarase sempre a aplicación do criterio de mínima intervención nos bens artísticos.
c) Conservación das contribucións de todas as épocas existentes no ben. Excepcionalmente, poderá ser autorizada a eliminación dalgunha contribución de épocas pasadas no caso de que supoña unha degradación comprobada do ben e de que a dita eliminación sexa necesaria para permitir a súa adecuada conservación e a súa mellor interpretación histórica e cultural. As partes eliminadas quedarán debidamente documentadas.
d) Preferencia pola utilización de técnicas e materiais tradicionais.
e) Compatibilidade dos materiais, produtos e técnicas empregados na intervención cos propios do ben e os seus valores culturais e pátinas históricas.
f) Discernimento da adición de materiais e técnicas empregados, evitando as adicións miméticas que falseen a súa autenticidade histórica.
g) Reversibilidade das accións de forma que poida recuperarse o estado previo á intervención. Este criterio será prioritario ao deseñar actuacións de conservación e restauración.
h) Compatibilidade do seu uso coa conservación dos valores que motivaron a súa protección.
i) Non se utilizarán ou aplicarán técnicas e materiais agresivos coas pátinas de valor cultural e cos materiais orixinais ou incompatibles coa debida conservación dos bens.
Se o ben é destruído por algún conflito, catástrofe natural ou causas intencionadas ou fortuítas poderá autorizarse, excepcionalmente, a súa reconstrución por razóns de interese social, cultural ou educativo (artigo 44.2 da LPCG).
Calquera intervención basearase nunha rigorosa análise crítica dos seus valores culturais, que incluirá unha avaliación do ben e dos seus elementos característicos e que se dirixirá a asegurar o mantemento das características e valores que configuran a súa significación, realizando para iso unha investigación apropiada e recompilando a documentación necesaria. A análise terá como obxectivo básico a salvagarda da autenticidade e integridade do ben e avaliará desde as distintas perspectivas de estudo a actuación que se propón. A dita análise será realizada por un equipo interdisciplinar composto por persoal técnico e profesional competente en cada unha das materias obxecto de estudo, no caso dos bens máis relevantes (artigo 89.1 e 89.2 da LPCG).
A conservación do patrimonio arquitectónico debe considerar os criterios de sustentabilidade ambiental, procurando que as intervencións se realicen con métodos compatibles co seu valor cultural e deseñando un mantemento, uso e xestión futura sustentables. É recomendable a utilización de materiais, técnicas construtivas e solucións arquitectónicas tradicionais que, pola súa probada experiencia, efectividade e adaptación sensible ao medio, adoiten contribuír á sustentabilidade. Porén, o significado cultural dos bens integrantes do patrimonio arquitectónico non debe verse danado polas medidas de mellora da eficiencia enerxética (artigo 89.4 da LPCG).
• Nivel de protección estrutural: conservación dos elementos máis significativos e relevantes dos bens, así como daqueles que resulten máis característicos tipoloxicamente ou que sexan obxecto dunha concreta apreciación cultural. Asígnase esta protección ao edificio da vivenda, ao muro de cachotaría de pedra do peche e aos elementos característicos do xardín (parterres, arboredo singular, emparrado).
ANEXO II
Delimitación e contorno de protección
Villa Julia está vinculada á parcela coa referencia catastral 0348107NH4904N. Está composta polo edificio que acolle a vivenda unifamiliar, as edificacións e construción auxiliares, o muro de peche perimetral e os espazos libres máis ou menos axardinados.
A delimitación do ben que se vai integrar no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia debe axustarse á parcela, cuxo límite oeste o constitúe o peche que limita a propiedade privada coa travesía de Arteixo; o límite norte constitúeo o muro de peche que o separa da parcela coa referencia catastral 0348106NH4904N (edificio de Medio Ambiente); o límite leste constitúeo o muro de peche que o separa da parcela coa referencia catastral 15005A08200012; o límite sueste constitúeo o muro de peche que o separa das parcelas coa referencia catastral 0348124NH4904N e 0348118NH4904N; o límite sur é a parcela que acolle o Centro de Maiores da Baiuca.
A contorna de protección estará constituída polos espazos e construcións próximas cuxa alteración incida na percepción e comprensión dos valores culturais de Villa Julia no seu contexto ou poida afectar a súa integridade, apreciación ou estudo.
A delimitación desta contorna de protección abrangue os ámbitos de intervisibilidade próxima e toma como referencia os límites físicos existentes, as edificacións, os camiños e os límites parcelarios:
|
0348119NH4904N |
0348116NH4904N |
0249214NH4904N |
|
0348104NH4904N |
0348124NH4904N |
0249213NH4904N |
|
0348105NH4904N |
0147515NH4904N |
0249212NH4904N |
|
0348106NH4904N |
0147514NH4904N |
0249211NH4904N |
|
15005A08200012 |
0147512NH4904N |
0249229NH4904N |
|
0348118NH4904N |
0147511NH4904N |
0249709NH4904N |
|
0348117NH4904N |
0248901NH4904N |

