De conformidade co establecido na norma 9.2 do Acordo do Consello da Xunta de Galicia polo que se autorizan os criterios de repartición e a convocatoria do Fondo de Acción Social para o exercicio económico do ano 2025, relativos á axuda para a atención de persoas con discapacidade, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia do 6 de abril de 2026 e publicados pola Resolución da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal do 7 de abril de 2026 (DOG núm. 69, do 15 de abril), o anuncio de exposición das listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas publicarase no Diario Oficial de Galicia.
Dado que nas listaxes figuran datos de carácter identificativo, de características persoais, económicos ou de saúde protexidos pola Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, cuxa publicación pode lesionar o dereito constitucional á intimidade das persoas solicitantes ou causantes das axudas, cómpre realizar a publicación coas limitacións e reservas establecidas no artigo 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Dando cumprimento ao prescrito, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Facer públicas as listaxes provisionais das axudas aprobadas e denegadas relativas á axuda para a atención de persoas con discapacidade do Fondo de Acción Social do exercicio económico 2025 na páxina web da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal https://www.xunta.gal/funcion-publica/fondo-de-accion-social
Para o coñecemento íntegro do acto, as persoas solicitantes deberán introducir nos espazos habilitados para o efecto o NIF e o código de impresión da súa solicitude.
Segundo. Contra a resolución provisional dos expedientes, as persoas interesadas poderán presentar unha reclamación e, de ser o caso, emendar os defectos causantes da exclusión provisional, desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e ata o día 15 de setembro. A presentación realizarase a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/portada) mediante o trámite de solicitude xenérica, a través do modelo «PR004A Presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado», dirixida á Consellería de Facenda e Administración Pública, unidade Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal.
Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2026
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
