O Decreto 53/2019, do 23 de maio, polo que se crea e regula a Medalla Emilia Pardo Bazán para o recoñecemento de accións relevantes en prol da igualdade entre mulleres e homes, prevé a concesión, con carácter anual, de ata un máximo de tres condecoracións, baixo a denominación Medalla Emilia Pardo Bazán, coa finalidade de recoñecer publicamente as accións desenvolvidas na Comunidade Autónoma de Galicia por parte de persoas, colectivos, entidades ou institucións, tanto públicas como privadas, que contribuísen e destacasen na defensa da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes.
O artigo 14 do dito Decreto 53/2019, do 23 de maio, prevé que a concesión da medalla se efectuará por orde da persoa titular da consellería con competencias en materia de igualdade, a quen lle corresponderá adoptar a decisión de outorgarlles a medalla ás persoas propostas pola Comisión de Valoración.
Tendo en conta a proposta efectuada pola Comisión de Valoración o día 7 de xullo de 2026 e o previsto no artigo antes indicado, mediante esta orde concédeselles a Medalla Emilia Pardo Bazán ás persoas e entidades que se indican a seguir.
Polo exposto,
RESOLVO:
Concederlles a Medalla Emilia Pardo Bazán:
– Á Asociación Saúde Mental A Mariña.
– A María Josefa Ruiz Tovar.
– Ás pioneiras do fútbol feminino de Crendes.
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
