DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Martes, 14 de xullo de 2026 Páx. 39231

I. Disposicións xerais

Consellería do Mar

DECRETO 74/2026, do 29 de xuño, polo que se suprime o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, se crea a Axencia Pública Autonómica para o Control do Medio Mariño de Galicia e se aproban os seus estatutos.

O Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) creouse pola Lei 3/2004, do 7 de xuño, de creación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), como un ente de dereito público con personalidade xurídica e patrimonio de seu e con plena capacidade e autonomía para o cumprimento dos seus fins, coa finalidade de ser o instrumento da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio das funcións de control da calidade do medio mariño, de aplicación das disposicións legais en materia de control técnico-sanitario dos produtos do mar e de asesoría técnico-científica sobre pesca, marisqueo e acuicultura no ámbito das zonas de produción en augas competencia da Comunidade Autónoma.

En desenvolvemento da Lei 3/2004, do 7 de xuño, publicouse o Decreto 41/2005, do 17 de febreiro, de regulamento do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, que regula o réxime xurídico, a composición e o funcionamento do Consello de Administración, o patrimonio e as normas de dereito supletorio.

O Intecmar está adscrito á Consellería do Mar, segundo o disposto no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, regula por primeira vez, dun modo conxunto, estruturado e ordenado, a organización e o réxime xurídico da Administración autonómica e das entidades que van integrar o sector público autonómico.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, regula, xunto coa Administración xeral da Comunidade Autónoma, dúas categorías de entidades instrumentais: as entidades públicas instrumentais (organismos autónomos, axencias públicas autonómicas, entidades públicas empresariais e consorcios) e outras entidades instrumentais integrantes do sector público (sociedades mercantís públicas e fundacións do sector público). A lei regula as características esenciais de cada tipo de entidade, así como as peculiaridades do seu réxime, e dota a Comunidade Autónoma dun marco normativo completo.

Neste marco normativo, a Lei 16/2010, do 17 de decembro, establece a necesidade de que se adapten aos novos tipos de entidades instrumentais todas aquelas entidades instrumentais con personalidade xurídica propia creadas por lei antes da súa entrada en vigor e que contaban con distintos réximes de organización e funcionamento. En concreto, e respecto do Intecmar, a súa disposición transitoria terceira establece que as normas de organización e funcionamento do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia deberán adecuarse ao disposto nesa lei para as axencias públicas autonómicas, adecuación que se acomete mediante este decreto da Xunta de Galicia.

Débese sinalar que tamén a propia Lei 16/2010, do 17 de decembro, prevé no seu artigo 47.3 que a creación de novas entidades instrumentais non pode supoñer, en ningún caso, unha duplicación dos servizos públicos que xa sexan prestados pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, polo que a creación ou adaptación debe ir acompañada das previsións necesarias para suprimir ou restrinxir debidamente a competencia doutros órganos preexistentes.

A Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, no artigo 12.5 atribúe competencias ao Intecmar tanto no control da calidade do medio mariño coma, en particular, no control do cumprimento dos obxectivos ambientais nas augas costeiras do litoral de Galicia, e a Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, atribúe, na disposición adicional quinta, competencias ao Intecmar en relación cos informes de compatibilidade cos obxectivos de calidade e ambientais. Cómpre agora, aproveitando a adecuación do Intecmar á Lei 16/2010, do 17 de decembro, a través da creación da Axencia, dotala de todos os instrumentos que lle permitan cumprir a súa finalidade de instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia en materia de pesca nas augas interiores, e o marisqueo e a acuicultura en augas competencia da Comunidade Autónoma. A nova Axencia será o instrumento para o exercicio das funcións de control da calidade do medio mariño, de aplicación das disposicións legais en materia de control técnico-sanitario dos produtos do mar e de asesoría técnico-científica sobre pesca, marisqueo e acuicultura no ámbito das zonas de produción en augas competencia da Comunidade Autónoma, e a ferramenta a través da cal a Administración desenvolve un estrito e intensivo sistema de control sobre as características do medio mariño.

O exercicio desas funcións require reforzar os medios da nova Axencia clarificando o réxime do seu persoal que, coa extinción do instituto, cumprindo o disposto no artigo 13.6 da Lei 3/2004, do 7 de xuño, pasa a ser persoal da Xunta de Galicia, o que supón a súa incorporación ao V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, cuxas disposicións xa eran de aplicación pero sen que o persoal do ente extinto estivese integrado nel. Este decreto regula as clases de persoal da Axencia recollendo a figura de persoal funcionario e, dentro do persoal laboral, dá acubillo ao persoal de investigación que regula no capítulo IV. Tamén se integran na nova Axencia os postos de persoal funcionario e persoal laboral que até o de agora formaban parte da relación de postos de traballo da Consellería do Mar.

Por outra parte, tendo en conta o sinalado na disposición adicional quinta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia cambiará a súa denominación e pasa a denominarse Axencia Pública Autonómica para o Control do Medio Mariño de Galicia (en diante, Axencia Intecmar). Considérase conveniente manter a recoñecida marca Intecmar, que conta cunha longa traxectoria de excelencia avalada tamén pola súa condición de laboratorio nacional de referencia de biotoxinas mariñas. Por iso, mantense a marca cambiando a denominación do ente, de xeito que o extinto Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia pasa a denominarse Axencia Intecmar; así dáse cumprimento ao parágrafo primeiro da disposición adicional quinta e ao parágrafo quinto da disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro. A devandita norma establece a necesidade de utilizar unha denominación que non xere confusión acerca da modalidade da entidade, previsión que esta nova denominación respecta.

A constitución da Axencia Intecmar e a súa regulación a través dos seus estatutos, incorporados como anexo, constitúen o obxecto deste decreto, que consta dun artigo único, once disposicións adicionais, catro disposicións transitorias, unha disposición derrogatoria e dúas disposicións derradeiras.

Os estatutos estrutúranse en 55 artigos agrupados en 9 capítulos:

O capítulo I recolle as disposicións xerais, con referencia á natureza da Axencia Intecmar como unha entidade pública instrumental das previstas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, ao seu réxime xurídico e normativa de aplicación, á condición de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma, aos seus principios básicos de actuación e ás funcións que desenvolve.

O capítulo II ocúpase da organización da Axencia Intecmar. Estrutúrase en catro seccións: a primeira regula os órganos de goberno (Consello Reitor e Presidencia); a segunda, o órgano executivo (a Dirección); a terceira, a Comisión de Control e Seguimento, e a cuarta contén a estrutura administrativa.

O capítulo III regula o contrato plurianual de xestión e o plan de acción anual da Axencia Intecmar.

O capítulo IV regula o réxime do persoal da Axencia Intecmar, con referencia aos procedementos de selección e aos mecanismos de ordenación dos postos de traballo. Estrutúrase en dúas seccións: a primeira recolle o réxime xeral de persoal e a segunda o réxime do persoal de investigación.

O capítulo V recolle o réxime patrimonial e de contratación da Axencia Intecmar.

O capítulo VI contén o réxime económico-financeiro e orzamentario, con referencia aos ingresos, ao orzamento, ao réxime de contabilidade e aos mecanismos de control da xestión económico-financeira.

O capítulo VII refírese ao réxime de funcionamento e aos actos administrativos da Axencia Intecmar.

O capítulo VIII refírese ao réxime de modificación dos estatutos da Axencia.

O capítulo IX refírese á extinción da Axencia.

Na elaboración desta disposición observáronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, e na restante normativa de obrigado cumprimento.

O decreto axústase aos principios de boa regulación contidos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico de Galicia.

Así, cúmprense os principios de necesidade e eficacia, dado que esta norma se adecúa a un obxectivo de interese xeral, como é o de dotar a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da creación da Axencia e da aprobación dos seus estatutos, dun instrumento para o exercicio das funcións de control de calidade e das características do medio mariño.

Cúmprese tamén o principio de proporcionalidade ao conter a regulación necesaria para lograr o obxectivo que xustifica a súa aprobación. Respecto ao principio de seguridade xurídica, a norma, ademais de dar cumprimento á previsión establecida na disposición adicional quinta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, é coherente co resto do ordenamento xurídico.

En canto ao principio de transparencia, defínense con claridade os obxectivos da iniciativa normativa e a súa xustificación, ben que, por tratarse dunha norma de carácter organizativo, non procedeu o trámite da consulta pública previa. Durante o período comprendido entre o 16 e o 31 de xullo de 2025, en cumprimento do disposto no artigo 9 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, publicouse o texto íntegro do proxecto de decreto sen que se recibisen suxestións sobre o seu contido. Durante a súa tramitación deuse audiencia ás organizacións sindicais (CIG, UGT, CC.OO., CSIF, Sepga e mais ao Comité de Empresa de Intecmar). Incorporáronse as alegacións achegadas no informe de impacto de xénero da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, e conta cos informes favorables da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico, da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, da Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio e da Asesoría Xurídica da Consellería do Mar.

Por último, en relación co principio de eficiencia, hai que sinalar que esta norma non xera cargas administrativas para a cidadanía.

Así pois, de acordo co anteriormente exposto, por iniciativa da conselleira do Mar, e segundo a disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, por proposta do conselleiro de Facenda e Administración Pública, de acordo co Consello Consultivo, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e nove de xuño de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo único. Obxecto

Este decreto ten por obxecto, en virtude do previsto na disposición transitoria terceira da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, a regulación da Axencia Pública Autonómica para o Control do Medio Mariño de Galicia (Axencia Intecmar) e a aprobación dos seus estatutos, que se insiren como anexo a este decreto.

Disposición adicional primeira. Constitución da Axencia Pública Autonómica para o Control do Medio Mariño de Galicia (Axencia Intecmar) e extinción do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia

1. A constitución da Axencia Intecmar producirase coa celebración da sesión constitutiva do Consello Reitor, que terá lugar dentro do prazo de tres meses desde a entrada en vigor deste decreto, data esta última a partir da cal se realizarán todas as actuacións conducentes á súa adaptación organizativa e de funcionamento.

2. Na data de constitución da Axencia Intecmar quedará suprimido o ente Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia. A Axencia Intecmar subrogarase en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, e asumirá as súas competencias e funcións legalmente atribuídas.

3. Todas as referencias normativas relativas ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia se entenderán referidas á Axencia Intecmar.

Disposición adicional segunda. Integración e adscrición á Axencia dos postos de traballo da Consellería do Mar con destino no ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia

1. Quedan adscritos á Axencia Intecmar, no momento da súa constitución efectiva:

a) Os postos de traballo da relación de postos de traballo da Consellería do Mar con destino no ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, coas dotacións orzamentarias existentes na consellería no momento de creación da Axencia Intecmar.

b) Os postos de traballo do ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia que figuran no seu cadro de persoal, coas dotacións existentes no momento de creación da Axencia Intecmar.

2. A adscrición efectuarase aos órganos da estrutura orgánica da Axencia Intecmar previstos nos seus estatutos, segundo se dispoña mediante resolución da Dirección. Estes postos de traballo continuarán subsistentes e serán retribuídos con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Intecmar ata que se aprobe a relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida nos seus estatutos.

3. O persoal empregado público da Xunta de Galicia que pase a formar parte do persoal ao servizo da Axencia Intecmar por ocupar postos de traballo aos cales correspondan funcións asignadas a ela estará na situación de servizo activo no seu corpo ou escala ou categoría de procedencia, conservando a súa antigüidade e o grao que tivese consolidado e cos mesmos dereitos e obrigas que tivese no momento da súa incorporación.

Disposición adicional terceira. Integración do persoal laboral fixo no V Convenio

1. Consonte o disposto no artigo 13.6 da Lei 3/2004, do 7 de xuño, de creación do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, o persoal laboral fixo do ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia que preste servizos nel no momento da súa extinción poderase integrar na Axencia Intecmar como persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, sendo de aplicación o procedemento de integración regulado no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

2. A Axencia Intecmar subrogarase nos contratos do persoal laboral do ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia que preste servizos no momento da súa constitución, mantendo as condicións do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia que lle viñan sendo aplicables, en virtude do establecido na disposición transitoria quinta da Lei 3/2004, do 7 de xuño.

3. O persoal laboral de carácter temporal do ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia pasará a ocupar postos de traballo da Axencia Intecmar coas mesmas condicións laborais que tiña no mencionado ente. Manterase o recoñecemento dos servizos prestados para os efectos de antigüidade ata que as súas prazas se cubran polos sistemas regulamentarios consonte a normativa de emprego público, e sen prexuízo das causas de extinción da relación laboral previstas na lexislación vixente.

Disposición adicional cuarta. Reclasificación como persoal de investigación

O persoal que, consonte o establecido no Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro, polo que se regulan a organización, a promoción e a carreira profesional do persoal de investigación de carácter laboral nos organismos de investigación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolva funcións investigadoras poderá optar a ser reclasificado nas categorías establecidas na devandita normativa, unha vez realizada a identificación dos postos con funcións correspondentes a persoal de investigación, nos termos establecidos na disposición adicional primeira.

Disposición adicional quinta. Asunción de funcións e competencias en materia de control técnico-sanitario dos produtos do mar e de asesoría técnico-científica sobre pesca, marisqueo e acuicultura

1. A Axencia Intecmar asumirá, desde a súa constitución, as funcións e as competencias atribuídas ao ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, incluíndo as reguladas na Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, e na Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que contarán con dotación orzamentaria suficiente para garantir o seu axeitado desenvolvemento.

2. A Axencia Intecmar subrogarase en todas as relacións xurídicas, bens, dereitos e obrigas derivados do exercicio das ditas competencias.

Disposición adicional sexta. Primeiro contrato plurianual de xestión

O Consello Reitor da Axencia Intecmar, no prazo dos tres meses seguintes á súa constitución, aprobará a proposta do primeiro contrato plurianual de xestión da Axencia Intecmar.

Disposición adicional sétima. Adscrición do edificio do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia

1. Adscríbese á Axencia Intecmar o edificio do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, onde queda establecida a sede da Axencia Intecmar.

2. Así mesmo, tamén quedan adscritos á Axencia Intecmar os bens que na data da entrada en vigor desta norma se encontren, por calquera título, afectos ao desenvolvemento das súas competencias, sen necesidade de declaración expresa.

Disposición adicional oitava. Inventario

A Axencia Intecmar realizará o primeiro inventario dos bens que se lle adscriben e dos que poida adquirir para o inicio da súa actividade antes de que transcorra un ano desde a entrada en vigor da presente norma.

Disposición adicional novena. Réxime de fiscalización

A Axencia Intecmar manterá o réxime de intervención limitada que aplicaba o ente extinto, segundo a regulación establecida no artigo 97 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Unha vez constituída a Axencia Intecmar, a Dirección solicitará á Intervención Xeral o informe previo regulado no número 2 do artigo 97 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e desenvolverá os trámites necesarios para o mantemento do devandito réxime por parte da Axencia Intecmar.

Disposición adicional décima. Referencias normativas ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia

As mencións que a normativa vixente realiza ao ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia entenderanse realizadas á Axencia Intecmar.

Disposición adicional décimo primeira. Perspectiva e igualdade de xénero

No exercicio das funcións establecidas neste decreto, así como no funcionamento da Axencia Intecmar, teranse en conta a perspectiva de xénero e o principio de igualdade entre mulleres e homes, en cumprimento do establecido na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes en Galicia.

Disposición transitoria primeira. Órganos do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia

1. O Consello de Administración regulado polo Decreto 41/2005, do 17 de febreiro, de regulamento do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, continuará no desenvolvemento das súas funcións ata que se constitúa o Consello Reitor da Axencia Intecmar.

2. Mentres non se nomee unha persoa titular da Dirección da Axencia Intecmar, o cargo será exercido pola persoa titular da Dirección do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.

Disposición transitoria segunda. Adscrición provisional

As persoas titulares da Subdirección e da Xerencia do extinto Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia desempeñarán provisionalmente as áreas da Axencia Intecmar que se crean neste decreto mentres non se proceda á súa provisión regulamentaria.

Disposición transitoria terceira. Relación de postos de traballo

Ata a elaboración e a aprobación, logo da negociación cos representantes das organizacións sindicais do ámbito da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, da relación de postos de traballo inicial da Axencia Intecmar, manteranse como instrumento de ordenación dos seus recursos humanos a relación de postos de traballo da Consellería do Mar adscritos ao ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia e o cadro de persoal do ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, coas dotacións existentes no momento da entrada en vigor desta norma.

Disposición transitoria cuarta. Réxime transitorio dos procedementos

Os expedientes iniciados polo ente público Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia e non resoltos antes da entrada en vigor desta norma resolveraos o órgano competente da Axencia Intecmar, de acordo coa atribución de competencias establecida polos estatutos.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogado o Decreto 41/2005, do 17 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia.

2. Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería con competencias sobre o mar para ditar as disposicións que sexan necesarias para o cumprimento do disposto neste decreto no relativo á organización e ás materias propias da súa consellería.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e nove de xuño de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Miguel Corgos López-Prado
Conselleiro de Facenda e Administración Pública

ANEXO

Estatutos da Axencia Pública Autonómica para o Control do Medio Mariño
de Galicia (Axencia Intecmar)

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza xurídica, obxecto e adscrición

1. A Axencia Pública Autonómica para o Control do Medio Mariño de Galicia (en diante, Axencia Intecmar) é unha axencia pública autonómica que se encadra dentro das entidades instrumentais do sector público autonómico reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A Axencia Intecmar é o instrumento da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio das funcións de control da calidade do medio mariño, de aplicación das disposicións legais en materia de control técnico-sanitario dos produtos do mar e de asesoría técnico-científica sobre marisqueo e acuicultura no ámbito das zonas de produción en augas competencia da Comunidade Autónoma. Consonte o establecido na disposición adicional primeira da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a Axencia Intecmar ten o carácter de organismo público de investigación de Galicia.

3. A Axencia Intecmar está adscrita á consellería con competencias sobre o mar (en diante, a consellería de adscrición), ten personalidade xurídica propia, diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, patrimonio e tesouraría propios e autonomía na súa xestión, nos termos establecidos por estes estatutos e na demais normativa vixente de aplicación.

Artigo 2. Finalidade e funcións

1. A Axencia Intecmar ten como obxectivo xeral o desenvolvemento dun sistema rigoroso e intensivo de control sobre as características do medio mariño, mediante a realización das seguintes accións:

a) Garantir o cumprimento da lexislación vixente en materia de produción de moluscos bivalvos e outros organismos mariños.

b) Contribuír ao desenvolvemento de novas estratexias sustentables de explotación e comercialización, baseadas na oferta de produtos de alta calidade con absoluta garantía sanitaria.

c) Elaborar informes técnicos relacionados coas potestades recollidas nas letras a), b) e c) do número 2 do artigo 5, co obxectivo de facilitar a toma de decisións en materia de ordenación e xestión dos recursos mariños, incorporando o coñecemento xerado polas actividades científicas e de control da Axencia Intecmar.

d) Executar actividades de asesoría técnico-científica para avanzar no coñecemento das características do marisqueo e da acuicultura.

e) Propor á consellería de adscrición as modificacións normativas para adaptar a lexislación autonómica ás disposicións vixentes, así como outros cambios que garantan a cobertura legal das novas esixencias derivadas do sistema de control que a Axencia Intecmar estableza como necesario.

f) Exercer as potestades administrativas incluídas no número 2 do artigo 5 deste decreto.

2. Consonte o disposto na Lei 4/2023, do 6 de xullo, de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia, e na Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a Axencia Intecmar participará na ordenación do litoral galego e, dentro do marco das competencias da Comunidade Autónoma, correspóndenlle as seguintes funcións específicas:

a) Controlar a calidade do medio mariño.

b) Supervisar o cumprimento dos obxectivos ambientais establecidos para as augas costeiras do litoral de Galicia.

3. Como organismo público de investigación, a Axencia Intecmar promoverá e desenvolverá actividades de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i), con especial énfase na transferencia de coñecementos e na investigación aplicada, mediante as seguintes actuacións:

a) Realizar estudos científico-técnicos que faciliten unha xestión eficaz e sustentable dos recursos mariños, en colaboración con centros de investigación e co sector produtivo.

b) Desenvolver proxectos de investigación aplicada dirixidos a resolver retos específicos, como a mellora da xestión integrada dos recursos mariños, o control de calidade das augas e a sustentabilidade das zonas de produción.

c) Fomentar a transferencia de resultados da investigación ao tecido empresarial, mediante a creación de ferramentas, programas formativos e difusión de boas prácticas.

d) Participar en proxectos de colaboración nacionais e internacionais orientados á mellora do coñecemento sobre o medio mariño e á protección dos ecosistemas.

e) Reforzar o uso de análises avanzadas e metodoloxías innovadoras no control técnico-sanitario e na loita contra episodios de contaminación accidental.

f) Difundir os resultados das actividades de I+D+i a través de canles accesibles e eficientes, garantindo a súa aplicabilidade no sector produtivo e na xestión ambiental.

Artigo 3. Réxime xurídico

1. A Axencia Intecmar axustará a súa actuación ao establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro, na normativa financeira e orzamentaria da Comunidade Autónoma de Galicia, ao establecido nestes estatutos e nas súas normas de desenvolvemento e, supletoriamente, ao previsto nas normas aplicables ás entidades públicas instrumentais da Administración autonómica. O seu réxime xurídico interno regúlase polo dereito administrativo e o réxime xurídico externo polo dereito privado ou polo dereito administrativo, segundo determine a normativa aplicable.

2. Para o desenvolvemento das súas actuacións no ámbito da I+D+i, a Axencia Intecmar rexerase, ademais, pola lexislación básica do Estado nesta materia, pola Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e pola Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, ou normas que as substitúan.

Artigo 4. Condición de medio propio e servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia

1. A Axencia Intecmar ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos poderes adxudicadores dela dependentes, polo que está obrigada a realizar os traballos que aquela ou estes lle encomenden no ámbito das súas funcións e nos termos fixados nestes estatutos.

2. As relacións da Axencia Intecmar cos poderes adxudicadores dos cales é medio propio e servizo técnico teñen natureza instrumental e non contractual, e articularanse a través de encargas ou das encomendas de xestión previstas na lexislación de contratos do sector público, polo que, para todos os efectos, as ditas relacións son de carácter interno, dependente e subordinado. As encomendas ou encargas de xestión retribuiranse mediante tarifas e comportarán a facultade do órgano que os efectúa de ditar as instrucións necesarias para a súa execución.

3. A Axencia Intecmar non poderá participar nos procedementos para a adxudicación de contratos convocados polos poderes adxudicadores dos cales sexa medio propio e servizo técnico. Porén, cando non concorra ningunha entidade ou persoa licitadora, poderáselle encargar a execución da actividade obxecto de licitación pública.

Artigo 5. Potestades administrativas

1. Correspóndelle á Axencia Intecmar o exercicio das potestades administrativas e das facultades precisas para o cumprimento dos seus obxectivos, determinadas neste artigo, de acordo coa lexislación aplicable e dentro das competencias que estes estatutos e, se é o caso, outras normas lle atribúan.

2. Corresponde á Axencia Intecmar:

a) A aplicación da normativa sobre calidade das augas e da produción de moluscos bivalvos e outros organismos procedentes da pesca, do marisqueo e da acuicultura. En concreto, o control das condicións oceanográficas, bioxeoquímica mariña e poboacións fitoplanctónicas, das biotoxinas mariñas, da contaminación química e da contaminación microbiolóxica, tanto no referente aos organismos como ás zonas de produción.

b) A investigación para o coñecemento e o control das patoloxías dos organismos mariños sometidos á explotación comercial mediante o marisqueo e a acuicultura.

c) Decretar a apertura e o peche do exercicio da actividade pesqueira, de marisqueo e acuicultura en función do resultado dos controis que se realicen sobre a calidade das augas e dos produtos, en aplicación da normativa vixente.

d) Aquelas funcións que regulamentariamente se lle atribúan na loita contra a contaminación mariña.

e) O cumprimento dos programas de control do medio mariño, no ámbito das funcións que establecen estes estatutos e determine a Xunta de Galicia en función da lexislación vixente na materia e das súas propias necesidades para a xestión do medio mariño.

f) O control do cumprimento dos obxectivos ambientais nas augas costeiras do litoral de Galicia, no marco das competencias atribuídas á Comunidade Autónoma e conforme o disposto na Lei 4/2023, do 6 de xullo, e na Lei 5/2024, do 27 de decembro.

Artigo 6. Sede

A Axencia Intecmar terá a súa sede institucional no edificio situado no peirao de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa, provincia de Pontevedra.

Artigo 7. Relacións con outras administracións públicas

1. As relacións da Axencia Intecmar cos órganos da Administración autonómica e das restantes administracións públicas ás cales dea lugar o exercicio das competencias e funcións establecidas nestes estatutos serán atribución da Presidencia da Axencia Intecmar, no marco que estableza o Consello Reitor.

2. A Presidencia poderá delegar o desenvolvemento ordinario das ditas relacións na persoa titular da Dirección e noutros órganos da Axencia Intecmar, nos termos previstos na lexislación vixente.

Artigo 8. Principios básicos de actuación

A Axencia Intecmar respectará na súa actuación os principios de xestión transparente por obxectivos; de servizo á cidadanía, ás institucións e á sociedade no seu conxunto, de obxectividade, de eficacia e eficiencia e, especificamente, os seguintes:

a) Principio de transparencia e participación, entendidos respectivamente como a rendición de contas á cidadanía.

b) Principios de autonomía e responsabilidade, entendidos, respectivamente, como a capacidade da Axencia de xestionar con autonomía os medios postos ao seu dispor para acadar os obxectivos comprometidos, e como a súa disposición a asumir as consecuencias derivadas dos resultados acadados.

c) Principios de cooperación interadministrativa e participación institucional, entendidos como a disposición activa a colaborar con outras administracións e institucións.

d) Principio de calidade e mellora continua, entendido como o compromiso sistemático coa autoavaliación e a utilización de modelos que permitan establecer áreas de mellora.

e) Principio de incorporación transversal da perspectiva de xénero e do obxectivo da igualdade efectiva de homes e mulleres en toda a actividade da Axencia.

Artigo 9. Transparencia na xestión

1. A actuación da Axencia Intecmar sométese ao principio e aos mecanismos de xestión transparente por obxectivos, e apóiase no cumprimento de obxectivos claros, medibles e orientados de cara á mellora na prestación do servizo, de forma que sirva mellor aos seus fins. Sen prexuízo das demais obrigas de información á cidadanía establecidas na lexislación vixente e daquelas outras que o órgano de dirección considere oportunas, a Axencia Intecmar publicará na súa páxina web corporativa información actualizada sobre os seguintes aspectos:

a) O contrato de xestión da Axencia Intecmar, o plan de acción anual, o informe xeral de actividade e as contas anuais, acompañadas do informe de auditoría de contas.

b) Os recursos públicos destinados pola Xunta de Galicia ás políticas que desenvolva a Axencia Intecmar e, de ser o caso, as condicións e formas de acceso a eles.

c) Os procedementos e os medios de acceso dos interesados aos servizos da Axencia Intecmar e os dereitos que para ese efecto lles correspondan.

2. A publicación dos documentos a que se refire o número anterior deberase realizar nun prazo dun mes desde a súa aprobación polo órgano que en cada caso corresponda, e garantirase a accesibilidade a esta información segundo o establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

CAPÍTULO II

Organización

Sección 1ª. Órganos de goberno

Artigo 10. Órganos de goberno da Axencia Intecmar

1. Os órganos de goberno da Axencia Intecmar son:

a) A Presidencia.

b) O Consello Reitor.

2. Na designación das persoas titulares e membros dos órganos de goberno da Axencia Intecmar atenderase ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

Artigo 11. A Presidencia

1. A Presidencia da Axencia Intecmar correspóndelle á persoa titular da consellería de adscrición. Por razóns organizativas e de oportunidade, a persoa titular da consellería de adscrición poderá propor ao Consello da Xunta o nomeamento dunha persoa para desempeñar a Presidencia da Axencia Intecmar no seu lugar.

2. No suposto de ausencia, vacante, enfermidade ou outro impedimento legal, a persoa titular da Dirección substituirá a persoa titular da Presidencia.

Artigo 12. Atribucións da Presidencia

1. Correspóndelle á persoa titular da Presidencia o exercicio das seguintes atribucións:

a) Desempeñar a máxima representación institucional da Axencia Intecmar.

b) Ordenar a convocatoria do Consello Reitor, fixar a orde do día e presidir as súas sesións, así como desempeñar as demais competencias inherentes a esta función, de acordo co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

c) Velar pola consecución dos obxectivos asignados á Axencia Intecmar.

d) Subscribir, en nome da Axencia Intecmar, convenios de colaboración con entidades públicas e privadas, excluídos da lexislación de contratos do sector público, sen prexuízo da súa posible desconcentración.

e) Exercer, en nome da Axencia Intecmar, accións e recursos.

f) Propor ao Consello da Xunta o nomeamento e cesamento da persoa titular da Dirección da Axencia Intecmar.

g) Remitir a proposta de contrato plurianual de xestión á consellería con competencias en materia de facenda e á consellería competente en materia de administracións públicas, para a súa posterior presentación ao Consello da Xunta.

h) Remitir, cando proceda, a proposta de modificación dos estatutos da Axencia Intecmar á consellería con competencias en materia de facenda e á consellería competente en materia de administracións públicas, para a súa posterior presentación ao Consello da Xunta.

i) Resolver os recursos de alzada interpostos contra os actos da Dirección da Axencia Intecmar.

j) Exercer as funcións delegadas polo Consello Reitor.

k) Asumir todas aquelas atribucións que sexan inherentes á presidencia dun órgano colexiado.

2. A persoa titular da Presidencia poderalles solicitar aos órganos regulados nestes estatutos os informes e os ditames necesarios para o adecuado desempeño das funcións que ten asignadas.

3. O cargo de presidente/a non terá carácter retribuído.

Artigo 13. Consello Reitor

1. O Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno da Axencia Intecmar. Estará integrado polos seguintes membros e atenderá ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes:

a) Presidente/a: a persoa titular da Presidencia da Axencia Intecmar.

b) Vicepresidente/a: a persoa titular da Dirección da Axencia Intecmar.

c) Seis vogais, nomeados/as pola persoa titular da consellería de adscrición, de acordo coa seguinte distribución:

i. Catro persoas de entre o persoal ao servizo da Administración autonómica, que deberán ser persoal funcionario ou persoal laboral fixo.

ii. Unha persoa representante dos/das traballadores/as da Axencia Intecmar, por proposta do órgano legal de representación dos/das traballadores/as, elixida entre os/as traballadores/as que prestan os seus servizos na Axencia Intecmar.

iii. Unha persoa representante da consellería competente en materia de facenda, designada pola persoa titular desta, de entre as persoas titulares dos seus órganos superiores ou de dirección.

d) Secretario/a: a persoa que ocupe a Secretaría do Consello Reitor será designada e nomeada polo Consello Reitor, por proposta da Presidencia, entre o persoal empregado público que preste servizos na Axencia Intecmar. A persoa titular da Secretaría asistirá ás reunións con voz, pero sen voto.

2. Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade ou cando concorra outra causa legal xustificada:

a) A persoa titular da Vicepresidencia do Consello Reitor substituirá a persoa titular da Presidencia.

b) As persoas titulares das vogalías serán substituídas, se é o caso, polas súas respectivas persoas suplentes, propostas pola mesma persoa ou entidade que propuxese as persoas titulares.

c) A persoa titular da Secretaría será substituída pola persoa nomeada polo Consello Reitor para estes efectos entre o persoal empregado público que preste servizos na Axencia Intecmar.

Artigo 14. Atribucións do Consello Reitor

1. Correspóndelle ao Consello Reitor o exercicio das seguintes atribucións:

a) Aprobar as propostas de modificación dos estatutos da Axencia Intecmar.

b) Aprobar as normas de réxime interno.

c) Aprobar a proposta de relación de postos de traballo da Axencia Intecmar e as súas modificacións, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e emprego público.

d) Designar e nomear a persoa titular da Secretaría do Consello Reitor, por proposta da persoa titular da Presidencia.

e) Aprobar a proposta de contrato de xestión da Axencia Intecmar.

f) Aprobar os obxectivos e os plans de acción anuais e plurianuais da Axencia Intecmar, así como os criterios cuantitativos e cualitativos para medir o cumprimento dos obxectivos e o grao de eficiencia na xestión, no marco do contrato de xestión.

g) Aprobar o anteproxecto de orzamentos anuais e a contracción de obrigas de carácter plurianual dentro dos límites establecidos no contrato de xestión.

h) Aprobar as contas anuais, acompañadas do informe de auditoría de contas e, se é o caso, a distribución do resultado do exercicio, conforme a normativa de réxime financeiro e orzamentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Aprobar un informe xeral anual da actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior, así como informes extraordinarios que considere necesarios sobre a súa xestión, incorporando a valoración dos resultados obtidos e a identificación das deficiencias observadas.

j) Realizar o seguimento, a supervisión e o control da actuación da Axencia Intecmar, incluída a xestión da persoa titular da Dirección, e exixir as responsabilidades que procedan.

k) Nomear e cesar o persoal directivo, por proposta motivada da Dirección, logo do informe favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e emprego público, en relación coa fixación das retribucións.

l) Autorizar contratos laborais de duración determinada ou delegar esta función, despois de obter os informes preceptivos favorables en materia orzamentaria e de emprego público, segundo establece a lexislación vixente.

m) A aprobación da iniciativa de creación ou participación en sociedades mercantís e fundacións con carácter previo ao procedemento establecido no artigo 104 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 180.2 da Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

n) Exercer as demais atribucións establecidas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, neste estatuto ou noutras disposicións aplicables.

Artigo 15. Funcionamento do Consello Reitor

1. O Consello Reitor reunirase con carácter ordinario, cando menos, catro veces ao ano, logo da convocatoria da Presidencia, e con carácter extraordinario cando así o acorde a Presidencia ou o solicite, como mínimo, un terzo dos seus membros.

2. Salvo en casos de urxencia, cada convocatoria realizarase cunha antelación mínima de corenta e oito horas e incluirá a orde do día. En caso de necesidade, cando así o requira a urxencia do asunto a xuízo da Presidencia, os membros do Consello serán citados polos medios adecuados, cunha antelación mínima de vinte e catro horas.

3. O Consello Reitor quedará validamente constituído cando concorra, como mínimo, a metade dos seus membros, ademais da Presidencia e da Secretaría, ou quen os substitúa. No caso de non se alcanzar o quórum na primeira convocatoria, poderá constituírse na segunda convocatoria coa presenza dun terzo dos membros, ademais da Presidencia e a Secretaría, ou quen os substitúa. Entre ambas as convocatorias deberá mediar un prazo mínimo de vinte e catro horas e poderase incluír a referencia a ambas na convocatoria inicial.

4. O Consello Reitor tamén poderá constituírse validamente, sen cumprir os requisitos de convocatoria, se están presentes todos os seus membros e acordan por unanimidade celebrar a sesión. Neste caso, a orde do día tamén deberá acordarse por unanimidade.

5. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros e a urxencia do asunto sexa declarada pola maioría.

6. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos dos membros presentes. En caso de empate, a Presidencia terá voto dirimente.

7. O cargo no Consello Reitor non será retribuído.

8. Poderán asistir ás reunións do Pleno do Consello Reitor, con voz pero sen voto, as persoas representantes de entidades públicas ou privadas, así como todas aquelas persoas que sexan convocadas pola Presidencia en calidade de persoas expertas nalgunha das materias incluídas na orde do día.

9. Os demais aspectos relativos ao funcionamento do Consello Reitor axustaranse ao disposto no regulamento de réxime interno de que se poida dotar para o seu funcionamento, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

Sección 2ª. Órgano executivo

Artigo 16. A Dirección

1. A Dirección é o órgano executivo da Axencia Intecmar.

2. A persoa responsable da Dirección será nomeada polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellería de adscrición, entre as persoas que reúnan os requisitos de solvencia académica, profesional, técnica ou científica necesarios para o exercicio do cargo. Terá a consideración de alto cargo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, con rango de director ou directora xeral.

Artigo 17. Funcións da Dirección

1. A Dirección é o órgano responsable da dirección e da xestión ordinaria da Axencia Intecmar e correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Executar os acordos da Presidencia e do Consello Reitor, así como exercer as funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas ou delegadas.

b) Propoñer ao Consello Reitor as directrices xerais e os plans de actuación da Axencia Intecmar.

c) Propoñer a adopción das disposicións regulamentarias necesarias para a organización e o funcionamento da Axencia Intecmar.

d) Elaborar propostas de modificación dos estatutos da Axencia Intecmar e proxectos de normas de réxime interior, así como das unidades adscritas, se é o caso.

e) Impulsar, orientar, coordinar e inspeccionar as áreas, os servizos e as unidades adscritas á Axencia Intecmar, así como ditar as instrucións e circulares relativas ao seu funcionamento.

f) Elaborar o proxecto de plan anual de actividades da Axencia Intecmar e a memoria explicativa correspondente.

g) Elaborar o informe anual sobre a actuación e a xestión da Axencia Intecmar.

h) Elaborar a proposta de obxectivos, dos plans de acción anuais e plurianuais da Axencia Intecmar, así como dos criterios cuantitativos e cualitativos para medir o cumprimento dos devanditos obxectivos e o grao de eficiencia na xestión, no marco establecido polo contrato de xestión.

i) Elaborar as propostas de resolución dos recursos administrativos e das reclamacións de responsabilidade patrimonial.

j) Actuar como órgano de contratación da Axencia Intecmar, así como aprobar e subscribir todos aqueles actos e negocios xurídicos necesarios para o desenvolvemento das funcións e o cumprimento dos fins da Axencia Intecmar.

k) Elaborar o anteproxecto de orzamentos da Axencia Intecmar e render as contas correspondentes.

l) Propoñer á consellería competente en materia de facenda a autorización das variacións da contía total do orzamento, así como as que afecten os gastos de persoal e capital, e autorizar as restantes variacións que excedan o inicialmente orzado, nos termos establecidos no artigo 49.

m) Autorizar as modificacións orzamentarias e incorporar o remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, conforme o establecido na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

n) Dispoñer os créditos e as dotacións, recoñecer as obrigas e autorizar e ordenar os pagamentos da Axencia Intecmar dentro dos límites que lle correspondan.

o) Exercer a xefatura do persoal da Axencia Intecmar e formalizar os contratos laborais de duración determinada necesarios para o seu funcionamento.

p) Propoñer ao Consello Reitor o nomeamento e o cesamento do persoal directivo, conforme os criterios de profesionalidade, mérito e capacidade.

q) Elaborar a proposta de relación de postos de traballo da Axencia Intecmar, incluíndo as súas modificacións.

r) Exercer todas aquelas funcións que lle sexan atribuídas pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, así como calquera outra competencia non encomendada expresamente a outro órgano da Axencia Intecmar.

Sección 3ª. Comisión de Control e Seguimento

Artigo 18. Composición e réxime de funcionamento da Comisión de Control e Seguimento

1. A Comisión de Control e Seguimento, baixo a dependencia orgánica do Consello Reitor, estará composta polos seguintes membros, e atenderá ao principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes:

a) Unha persoa representante da Axencia Intecmar.

b) Unha persoa representante da consellería de adscrición.

c) Unha persoa representante da consellería que ten as competencias en materia de facenda.

d) Unha persoa representante da consellería que ten as competencias en materia de avaliación e reforma administrativa.

2. En ningún caso os membros da Comisión de Control e Seguimento serán coincidentes cos membros do Consello Reitor da Axencia Intecmar, coa excepción da persoa que ocupe a Secretaría da Comisión.

3. A Presidencia da Comisión de Control e Seguimento exerceraa a persoa representante da consellería de adscrición.

4. A Secretaría da Comisión corresponderalle á persoa que exerza a Secretaría do Consello Reitor.

5. Os membros da Comisión serán designados pola persoa titular da entidade e por cada unha das consellerías con presenza na Comisión, de entre o seu persoal técnico con rango de subdirector ou subdirectora xeral ou xefe ou xefa de servizo ou equivalente.

6. Sempre que se xustifique debidamente, poderanse exixir coñecementos técnicos relacionados coas materias que se vaian tratar na Comisión como requisito para formar parte dela.

7. Os membros da Comisión poderán asistir cunha persoa asesora sempre que os asuntos que cómpre tratar o xustifiquen.

8. Poderán asistir ás reunións da Comisión de Control e Seguimento, con voz pero sen voto, as persoas que sexan convocadas pola Presidencia en calidade de persoas expertas nalgunha das materias incluídas na orde do día.

9. O funcionamento da Comisión de Control e Seguimento axustarase ao disposto no seu regulamento de réxime interno, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro.

10. O cargo na Comisión de Control e Seguimento non será retribuído.

Artigo 19. Atribucións da Comisión de Control e Seguimento

Correspóndelle á Comisión de Control e Seguimento o exercicio das seguintes funcións:

a) Informar o Consello Reitor, coa periodicidade que este decida, sobre o desenvolvemento e a execución do contrato de xestión.

b) Analizar os resultados da xestión económico-financeira a través da información que, de forma periódica, lle deberán proporcionar os órganos xestores.

c) Informar o Consello Reitor sobre a execución do orzamento e sobre as modificacións orzamentarias que, se é o caso, sexan aprobadas pola Dirección.

d) Solicitar información sobre os sistemas de control e procedementos internos establecidos para asegurar o debido cumprimento das disposicións legais e demais normas aplicables, así como coñecer os informes de auditoría de contas e informes adicionais sobre o funcionamento do control interno, e propoñer ao Consello Reitor as estratexias encamiñadas a corrixir as deficiencias observadas.

e) Informar o Consello Reitor sobre os asuntos que este lle solicite.

Sección 4ª. Estrutura administrativa

Artigo 20. Áreas

1. A Axencia Intecmar estruturarase en áreas con rango de subdirección xeral, que dependerán directamente da Dirección da Axencia Intecmar. A configuración das distintas áreas da Axencia Intecmar axustarase aos principios de racionalidade, eficacia e eficiencia, garantindo a correcta execución das competencias que lle son propias, así como o adecuado desenvolvemento competencial e a xestión das funcións que ten atribuídas.

2. As áreas disporán de autonomía funcional dentro do ámbito das competencias que lle son atribuídas e actuarán en coordinación coa Dirección e coas restantes unidades da Axencia Intecmar.

Artigo 21. Área de Subdirección

1. A Subdirección é un órgano de apoio á Dirección.

2. Á persoa titular da Subdirección, no marco das directrices establecidas pola Dirección, correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Substituír a persoa titular da Dirección nos supostos de vacante, ausencia ou enfermidade.

b) Dar soporte á Dirección no deseño, seguimento e implantación de iniciativas dirixidas a promover a eficiencia operativa nas áreas, nos servizos e nas unidades dependentes, e facilitar o cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión e nos plans de acción da Axencia Intecmar.

c) Colaborar coa Dirección na elaboración do plan anual de actividades da Axencia Intecmar e na preparación dos informes e memorias explicativas da súa execución.

d) Proporcionar apoio técnico á Dirección na formulación de propostas de modificación dos estatutos e das normas internas da Axencia Intecmar, así como na elaboración de proxectos normativos relacionados coa súa actividade.

e) Realizar calquera outra función que lle sexa asignada ou delegada pola Dirección no marco das súas competencias.

3. A persoa que exerza a titularidade da Subdirección será designada polo Consello Reitor, por proposta da Dirección da Axencia Intecmar, atendendo a criterios de profesionalidade, mérito e capacidade.

Artigo 22. Área de Xerencia

1. A Xerencia é responsable da xestión e coordinación dos servizos xerais e administrativos da Axencia Intecmar mediante o desempeño das seguintes funcións:

a) A tramitación, o seguimento e o control dos expedientes de contratación administrativa promovidos pola Axencia Intecmar.

b) A coordinación e a interlocución coa Secretaría Xeral Técnica da consellería de adscrición da Axencia Intecmar en aspectos relacionados coa planificación, co desenvolvemento e coa xestión da política de recursos humanos e do réxime interno da Axencia Intecmar, a elaboración de borradores e anteproxectos normativos no ámbito das funcións desta área, así como a xestión dos asuntos de trámite e outras tarefas que lle sexan encomendadas pola persoa titular da Dirección.

c) A xestión da execución económica e orzamentaria.

d) A xestión integral dos recursos humanos.

e) A contabilidade financeira da Axencia Intecmar.

f) A tramitación e a xestión administrativa dos convenios de colaboración.

g) A realización de tarefas de arquivamento e rexistro.

h) A xestión dos medios materiais adscritos á Axencia Intecmar.

i) A xestión do inventario e do patrimonio da Axencia Intecmar.

j) A redacción de informes.

k) Calquera outra función que se lle encomende dentro do ámbito da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das súas funcións e baixo a súa dependencia, a persoa titular da Xerencia contará con unidades administrativas, coa catalogación orgánica retributiva que se estableza na relación de postos de traballo (en diante, RPT), as cales exercerán, entre outras, as seguintes funcións:

a) A elaboración e o seguimento do orzamento anual da Axencia Intecmar, garantindo a súa aliñación cos obxectivos estratéxicos establecidos.

b) O control interno e a supervisión da execución do gasto público, velando polo cumprimento das disposicións legais e normativas vixentes.

c) A tramitación e a fiscalización dos documentos contables e financeiros.

d) A análise económica e financeira das actividades da Axencia Intecmar, coa emisión de informes periódicos que faciliten a toma de decisións.

e) A preparación e a presentación dos estados financeiros, contas anuais e outros informes requiridos, asegurando o cumprimento dos principios de contabilidade pública.

f) A coordinación e a xestión das auditorías internas e externas relacionadas co ámbito económico e orzamentario.

g) A colaboración co resto das unidades da Axencia Intecmar na planificación e na execución de proxectos que impliquen recursos económicos, garantindo a súa viabilidade financeira.

h) A supervisión do cumprimento das obrigas fiscais e tributarias da Axencia Intecmar.

i) A elaboración de propostas de mellora nos procesos de xestión económica e orzamentaria, fomentando a eficiencia e a racionalización do gasto público.

3. A persoa titular da Xerencia será designada polo Consello Reitor, por proposta da Dirección da Axencia Intecmar, atendendo a criterios de profesionalidade, mérito e capacidade.

Artigo 23. Unidades analíticas de seguimento e control do medio mariño

1. As unidades administrativas analíticas de seguimento e control do medio mariño dependentes da Dirección da Axencia Intecmar teñen como misión fundamental o seguimento, control, vixilancia e análise dos compoñentes ambientais, biolóxicos e químicos das zonas de produción de moluscos bivalvos da Comunidade Autónoma de Galicia, contribuíndo á protección, mellora e xestión sustentable do medio mariño e dos recursos asociados, así como á modelización e resposta a emerxencias e ao soporte documental e técnico para a loita contra a contaminación mariña.

2. No desenvolvemento das súas funcións, estas unidades abordan ámbitos específicos segundo a súa especialización; por iso, o seu número, así como a súa catalogación orgánica e retributiva, será diferenciado en función dos servizos e das funcións atribuídas á Axencia Intecmar, e concretarase a través da RPT da Axencia Intecmar.

3. Estas unidades actúan de forma coordinada para garantir unha aproximación integral ao control do medio mariño baseándose en criterios de eficacia, precisión analítica e rigor científico, no marco das competencias atribuídas á Axencia Intecmar.

Artigo 24. Unidades transversais de apoio técnico e xestión operativa

1. Para o desenvolvemento das competencias atribuídas á Dirección, esta contará con unidades administrativas transversais de apoio técnico e xestión operativa, cuxa finalidade principal é garantir o soporte técnico, operativo e científico necesario para o correcto funcionamento das actividades da Axencia Intecmar, asegurando a eficacia, calidade e sustentabilidade nos procesos internos e externos.

2. Estas unidades, baixo a dependencia da Dirección da Axencia Intecmar, desenvolverán as seguintes funcións:

a) A xestión da calidade, garantindo os estándares de calidade e asumindo a responsabilidade de implementar e supervisar os estándares de calidade establecidos na Axencia Intecmar conforme a Norma UNE-EN ISO/IEC 17025:2017, que establece os requisitos xerais relativos á competencia técnica dos laboratorios de ensaio e calibración.

b) A xestión de mostraxes e ecofisioloxía para a planificación, a recollida e a análise das mostras necesarias para o control do medio mariño.

c) A integración de equipos analíticos e o apoio aos laboratorios para o procesamento e a integración dos datos analíticos obtidos polas distintas áreas da Axencia Intecmar.

CAPÍTULO III

O contrato plurianual de xestión e o plan de acción anual

Artigo 25. Natureza e finalidade do contrato plurianual de xestión

1. A Axencia Intecmar contará cun contrato plurianual de xestión, como instrumento para regular a súa actividade e as relacións recíprocas entre ela e a Administración xeral da Comunidade Autónoma, no marco da lexislación xeral e específica vixente durante o seu período de aplicación.

2. As propostas dos contratos plurianuais de xestión serán aprobadas e tramitadas polo Consello Reitor da Axencia no último trimestre do período plurianual de aplicación do último contrato plurianual de xestión vixente.

3. Cada contrato plurianual de xestión aprobarase para períodos de vixencia de catro anos coincidentes cos exercicios orzamentarios.

4. A aprobación final do contrato plurianual de xestión terá lugar mediante acordo do Consello da Xunta, por proposta da consellería de adscrición e das competentes nas materias de administracións públicas e de facenda, nun prazo máximo de tres meses contados desde a data de aprobación polo Consello Reitor da Axencia Intecmar da correspondente proposta de contrato plurianual de xestión. No caso de non ser aprobado neste prazo, manterá a súa vixencia o contrato plurianual vixente.

Artigo 26. Contido do contrato plurianual de xestión

1. O contrato plurianual de xestión debe conter, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) O período de vixencia.

b) Os obxectivos que se persigan, tanto estratéxicos coma específicos, e os plans necesarios para acadalos, con especificación dos marcos temporais correspondentes, dos proxectos asociados a cada unha das estratexias e dos seus prazos temporais.

c) Os resultados que se pretenden obter, así como os indicadores para avalialos e o seu escenario plurianual.

d) O marco de actuación en materia de xestión de recursos humanos da Axencia Intecmar, que comprenderá a determinación das necesidades de persoal durante a vixencia do contrato, incluíndo a previsión máxima do cadro de persoal, a natureza e características dos postos de traballo da Axencia Intecmar e o seu réxime de retribucións.

e) A determinación dos recursos persoais, materiais e orzamentarios que a Administración autonómica debe achegar para a consecución dos obxectivos da Axencia Intecmar, establecendo o seu escenario plurianual.

f) Os efectos asociados ao grao de incumprimento dos obxectivos establecidos no que atinxe á exixencia de responsabilidade pola xestión dos órganos executivos e do persoal directivo.

g) Se é o caso, a contía da masa salarial destinada ao complemento de produtividade ou concepto equivalente do persoal laboral, segundo o establecido na Lei do emprego público, nas leis anuais de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, así como na demais normativa aplicable á dita materia. A contía dos complementos de produtividade determinarase con base no procedemento e nos termos aprobados no contrato plurianual de xestión, estará vinculada estritamente ao grao de cumprimento dos obxectivos fixados, e para a súa aprobación e aplicación será necesario contar co informe previo favorable dos centros directivos da Administración autonómica competentes en materia de emprego público e de orzamentos.

h) O procedemento que se seguirá para a cobertura dos déficits económico-orzamentarios anuais que, se é o caso, se poidan producir por insuficiencia dos ingresos reais da Axencia Intecmar respecto dos estimados e as consecuencias de responsabilidade na xestión que, se é o caso, se deban exixir por tales déficits.

i) O procedemento para a introdución das modificacións ou adaptacións anuais que, se é o caso, procedan efectuarase no contrato plurianual de xestión que estea vixente na Axencia Intecmar.

2. O contrato plurianual de xestión definirá os criterios que permitan exixir aos órganos executivos e do persoal directivo da Axencia Intecmar as correspondentes responsabilidades de xestión no caso de incumprimento dos obxectivos, e determinará os mecanismos a través dos cales se exixirá a dita responsabilidade.

3. No primeiro trimestre de cada ano, a persoa titular da Dirección da Axencia Intecmar informará a Comisión de Control e Seguimento sobre a execución e o cumprimento dos obxectivos fixados no contrato de xestión durante o exercicio anual anterior.

Artigo 27. Plan de acción anual, informe de actividade e contas anuais

1. O Consello Reitor da Axencia Intecmar, por proposta da Dirección, aprobará:

a) O plan de acción anual no marco do contrato de xestión e sobre a base dos recursos dispoñibles, que comprenderá a definición dos obxectivos que se teñen que acadar no exercicio anual a que se refire, a previsión dos resultados que cómpre obter e os instrumentos de seguimento, control e avaliación aos cales se ten que someter a actividade da Axencia Intecmar.

b) O informe xeral da actividade correspondente ao ano inmediatamente anterior.

c) As contas anuais acompañadas do informe de auditoría de contas.

2. Os documentos a que se refire o número anterior serán públicos e a cidadanía terá dereito a acceder ao seu contido desde a súa aprobación.

CAPÍTULO IV

Persoal

Sección 1ª. Réxime xeral

Artigo 28. Persoal da Axencia Intecmar

1. Sen prexuízo do persoal directivo ao cal se refire o artigo 32 destes estatutos, o persoal ao servizo da Axencia Intecmar estará constituído por persoal funcionario e persoal laboral da Xunta de Galicia, de acordo co previsto na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no Decreto 129/2012, do 31 de maio, polo que se regula o réxime aplicable ao persoal das entidades instrumentais integrantes do sector público autonómico de Galicia que sexan obxecto de creación, adaptación ou extinción.

En todo caso, quédanlle reservadas ao persoal funcionario as funcións que impliquen a participación directa e indirecta no exercicio de potestades públicas ou na salvagarda dos intereses xerais da Comunidade Autónoma de Galicia e das administracións públicas, así como aquelas que se determinen na normativa aplicable en materia de emprego público.

2. O persoal funcionario da Axencia Intecmar réxese pola normativa reguladora do emprego público de Galicia.

3. O persoal laboral que preste servizos na Axencia Intecmar réxese polas disposicións do Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, polo texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, e pola demais normativa que resulte de aplicación ao persoal laboral ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 29. Ordenación dos postos de traballo

1. A Axencia Intecmar contará cunha RPT como instrumento de ordenación do seu persoal. A RPT determinará a natureza, o contido e as características do desempeño e retribución de cada posto de traballo, de acordo co disposto na normativa de emprego público. No caso do persoal de investigación, incluirase a clasificación establecida no artigo 35 destes estatutos.

2. A RPT será pública e os postos de nova creación integraranse na oferta de emprego público da Xunta de Galicia ou nos sistemas de provisión de postos de traballo.

3. A proposta de aprobación e modificación da RPT da Axencia Intecmar será acordada polo Consello Reitor da Axencia Intecmar, por proposta da Dirección, logo do informe favorable dos centros directivos da Administración autonómica competentes en materia de orzamentos, de emprego público e de simplificación administrativa, logo de negociación coas organizacións sindicais máis representativas do emprego público.

4. En todo caso, a aprobación e modificación da RPT corresponderá ao Consello da Xunta e estará sometida na súa tramitación á normativa xeral establecida na Comunidade Autónoma de Galicia sobre modificacións ou aprobacións destes instrumentos de ordenación de persoal.

Artigo 30. Procedementos de selección do persoal

1. Os procesos de selección do persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia destinado na Axencia Intecmar, agás o persoal de investigación, serán xestionados pola consellería competente en materia de emprego público da Administración autonómica e rexeranse polas disposicións da normativa galega sobre emprego público.

2. A provisión de postos de traballo e a mobilidade do persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia destinado na Axencia Intecmar, salvo no caso do persoal de investigación, corresponderá á consellería competente en materia de emprego público, conforme os principios xerais e os procedementos previstos na normativa galega de emprego público.

Artigo 31. Condicións de traballo e réxime retributivo

1. A aprobación dos instrumentos polos que se regulen as condicións de traballo do persoal destinado na Axencia Intecmar e o seu réxime retributivo require o informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e de emprego público e deberá ser negociada previamente coas organizacións sindicais representativas no ámbito do emprego público.

2. Os conceptos retributivos do persoal funcionario da Axencia Intecmar son os establecidos na normativa reguladora do emprego público de Galicia e dos orzamentos da Comunidade Autónoma. As súas contías determinaranse no marco do contrato de xestión.

3. As condicións retributivas do persoal laboral son as establecidas no V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia e no respectivo contrato de traballo, e as súas contías fixaranse de acordo co establecido no número anterior.

4. No caso do persoal de investigación observarase o disposto no título VI do Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro, polo que se regula a organización, a promoción e a carreira profesional do persoal de investigación de carácter laboral nos organismos de investigación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. O persoal funcionario e/ou laboral da Xunta de Galicia ao servizo da Axencia Intecmar poderá percibir unha parte da súa retribución como incentivo de rendemento, mediante o complemento correspondente que valore a produtividade, de conformidade coa normativa reguladora do emprego público de Galicia.

Artigo 32. Persoal directivo

1. É persoal directivo da Axencia Intecmar o que ocupe postos definidos como tales na relación de postos de traballo ou no cadro de persoal, autorizados en atención á especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia das tarefas asignadas. En atención á responsabilidade, competencia técnica e relevancia das tarefas asignadas, terán a consideración de persoal directivo as persoas titulares das áreas.

2. O persoal directivo da Axencia Intecmar é nomeado e apartado polo Consello Reitor, logo de proposta motivada da Dirección da Axencia Intecmar. A súa designación atenderá a principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade e competencia profesional, e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e a concorrencia.

3. Cando o persoal directivo teña a condición de funcionario, permanecerá na situación administrativa que lle corresponda segundo a normativa reguladora do emprego público de Galicia.

4. Cando o persoal directivo teña a condición de persoal laboral, estará sometido á relación laboral de carácter especial de alta dirección. Neste caso, a fixación das súas retribucións deberá contar cun informe previo favorable dos centros directivos da Administración xeral da Comunidade Autónoma competentes en materia de orzamentos e de emprego público.

5. O persoal directivo está suxeito, no desenvolvemento das súas funcións, á avaliación de acordo cos criterios de eficacia, eficiencia e cumprimento da legalidade, responsabilidade pola súa xestión e control de resultados en relación cos obxectivos que lle fosen fixados.

6. O persoal directivo poderá percibir unha parte da súa retribución como incentivo de rendemento mediante o complemento correspondente que valore a produtividade, de acordo cos criterios e coas porcentaxes que estableza o Consello Reitor e de conformidade coa normativa reguladora do emprego público de Galicia e co Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e as percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

Artigo 33. Incompatibilidades

O persoal da Axencia Intecmar estará suxeito á normativa e ao réxime de incompatibilidades establecidos con carácter xeral para o persoal ao servizo das administracións públicas.

Sección 2ª. Persoal de investigación

Artigo 34. Réxime xurídico do persoal de investigación

1. Consonte o establecido no Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro, terán a consideración de persoal de investigación de carácter laboral ao servizo da Axencia Intecmar o persoal investigador e o persoal técnico.

2. O persoal de investigación ao servizo da Axencia Intecmar rexerase polo establecido na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, e nas súas normas de desenvolvemento, no texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e nas súas normas de desenvolvemento, e nas normas convencionais. Así mesmo, rexerase polo disposto no texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, na Lei 2/2015, do 29 de abril, e no Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro.

Artigo 35. Clasificación

1. O persoal de investigación da Axencia Intecmar clasificarase segundo o establecido nos artigos 11 e 27 do Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro.

2. Os postos de persoal laboral fixo de investigación clasificaranse atendendo a algunha das seguintes tipoloxías:

a) Investigador ou investigadora establecido/a (R3).

b) Investigador ou investigadora sénior (R4).

c) Técnico/a superior de investigación.

d) Técnico/a de investigación sénior.

3. Esta clasificación realizarase sen prexuízo da aplicación de grupos profesionais ou categorías que correspondan segundo os convenios colectivos que sexan de aplicación. En todo caso, dentro de cada unha das tipoloxías sinaladas no punto anterior poderán coexistir diversas titulacións, especialidades, aptitudes profesionais e funcións asociadas aos postos, atendendo ás necesidades específicas da Axencia Intecmar.

Artigo 36. Modalidades contractuais

1. O persoal de investigación da Axencia Intecmar poderá ser contratado con carácter fixo, temporal ou indefinido.

2. O persoal de investigación fixo será contratado mediante un contrato laboral conforme o disposto no texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e nas modalidades recollidas nos artigos 23, 24, 28 e 29 do Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro. As prazas correspondentes estarán incluídas na oferta de emprego público aprobada anualmente pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, que deberá prever a súa cobertura e dotación orzamentaria.

3. O persoal de investigación temporal poderá ser contratado mediante as modalidades previstas no texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e na normativa aplicable, incluíndo os contratos de duración determinada para investigador/a emerxente e investigador/a establecido/a regulados nos capítulos II e III do título I do Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro, así como calquera outra modalidade específica prevista para o persoal de investigación segundo a lexislación vixente.

4. O persoal de investigación indefinido poderá ser contratado a través dos contratos de actividades cientifico-técnicas e de investigador distinguido nas condicións recollidas nos artigos 25 e 30 do Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro.

5. Atendendo ao disposto no artigo 31.1 e ao segundo parágrafo do artigo 32.6 do Decreto 10/2024, do 11 de xaneiro, os contratos recollidos nos números 3 e 4 deste artigo non formarán parte da oferta de emprego público. Unha vez alcanzado o prazo máximo de duración, concluídas as tarefas asignadas ou finalizado o financiamento que os sustenta, extinguiranse con aboamento da indemnización que corresponda conforme a normativa aplicable.

Artigo 37. Acceso do persoal de investigación

1. A selección do persoal de investigación será realizada pola Axencia Intecmar mediante un concurso de valoración de méritos, de acordo co previsto no título IV do Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro, e no artigo 61.7 do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público. A selección axustarase ao perfil especificado en cada convocatoria pública e poderá incluír probas complementarias, segundo se determine nas bases da convocatoria.

2. A Axencia Intecmar será a responsable de realizar as convocatorias, establecer as bases reguladoras, determinar o seu contido e garantir a súa publicación. As bases deberán contar co informe previo favorable do órgano de dirección competente en materia de emprego público e da Axencia Galega de Innovación.

3. Corresponde á Axencia Intecmar a designación dos membros do tribunal de selección sobre cuxa composición deberá emitir un informe favorable a Axencia Galega de Innovación.

4. O proceso de selección de persoal regulado neste artigo non será de aplicación á contratación do persoal temporal ou indefinido seleccionado en convocatorias en réxime de concorrencia competitiva financiadas con fondos públicos ou recursos externos.

Artigo 38. Promoción e carreira profesional

1. O persoal de investigación laboral fixo ao servizo da Axencia Intecmar terá dereito á carreira profesional, entendida como o conxunto ordenado de oportunidades de ascenso e expectativas de progreso profesional, conforme os principios de igualdade, mérito e capacidade.

2. O persoal de investigación fixo poderá participar na quenda de promoción interna para cubrir as prazas de investigador/a sénior e técnico/a de investigación sénior nas condicións recollidas no artigo 40 do Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro.

Artigo 39. Mobilidade

1. O persoal de investigación poderá realizar estadías formativas en áreas vinculadas ás actividades de investigación, desenvolvemento tecnolóxico, transferencia ou difusión do coñecemento propias do organismo, ou en ámbitos considerados de interese estratéxico para a Axencia Intecmar, sempre que conte coa autorización do organismo. A duración acumulada destas estadías non poderá exceder os dous anos en cada período de cinco anos e deberá contar co informe favorable da Axencia Galega de Innovación.

2. Así mesmo, o persoal de investigación poderá ser adscrito, a tempo total ou parcial, a outros axentes dos sistemas galego, español ou internacional de ciencia, tecnoloxía e innovación, tanto públicos coma privados, no ámbito autonómico, nacional, da Unión Europea ou en virtude de acordos de cooperación recíproca internacional ou de colaboración público-privada, coa autorización da Axencia Intecmar, nos termos establecidos no artigo 51 do Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro.

3. O persoal investigador laboral fixo cunha antigüidade mínima de cinco anos poderá solicitar unha excedencia temporal de ata cinco anos para incorporarse a axentes públicos ou privados dos sistemas galego, español ou internacional de ciencia, tecnoloxía e innovación, ou para exercer unha actividade profesional por conta propia.

Artigo 40. Réxime de compatibilidade

1. O persoal de investigación estará suxeito ao réxime xeral de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, coas particularidades establecidas nos artigos 17 e 18 da Lei 14/2011, do 1 de xuño.

2. De forma excepcional, poderá autorizarse a compatibilidade para o exercicio de actividades de investigación, transferencia de coñecemento, desenvolvemento experimental, innovación, asesoramento científico ou técnico, ou para actividades docentes ou de formación, sempre que estas non correspondan ás funcións propias do posto e se realicen con carácter non permanente, conforme o disposto no artigo 9 do Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro, e demais normativa aplicable.

3. Así mesmo, poderá autorizarse a compatibilidade para a prestación de servizos en sociedades mercantís ou entidades con personalidade xurídica creadas ou participadas pola Axencia Intecmar, sempre que esta participación estea debidamente xustificada, responda ás necesidades operativas ou de transferencia da Axencia Intecmar, conte co informe favorable da consellería competente en emprego público e cumpra os demais requisitos establecidos no artigo 10 do Decreto 12/2024, do 11 de xaneiro, e na demais normativa de aplicación.

CAPÍTULO V

Réxime patrimonial e de contratación

Artigo 41. Patrimonio

1. A Axencia Intecmar terá, para o cumprimento dos seus fins, un patrimonio propio, distinto do da Administración xeral da Comunidade Autónoma, integrado polo conxunto de bens e dereitos dos cales sexa titular.

2. Así mesmo, poderán quedar adscritos á Axencia Intecmar, para o cumprimento dos seus fins, os bens do patrimonio da Administración xeral da Comunidade Autónoma que así se acorde, de conformidade co disposto na normativa reguladora do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 42. Bens e dereitos propios

1. A Axencia Intecmar poderá adquirir toda clase de bens e dereitos por calquera das formas admitidas no ordenamento xurídico.

2. A afectación dos bens adquiridos, así como a adquisición e o alleamento de bens inmobles ou de dereitos sobre eles, realizarase de acordo co disposto na lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma.

Artigo 43. Bens adscritos

A adscrición e a desadscrición de bens por parte da Administración da Comunidade Autónoma rexerase pola lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia. Aqueles perderán a súa condición patrimonial orixinaria para se converteren en demaniais pola súa vinculación directa ao servizo público da Axencia Intecmar, a quen lle corresponderá o exercicio das competencias que determina a lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma para os bens adscritos.

Artigo 44. Inventario

A Axencia Intecmar formará e manterá actualizado o seu inventario de bens e dereitos, tanto propios como adscritos.

Artigo 45. Contratación

A contratación da Axencia Intecmar réxese pola normativa básica vixente en materia de contratos do sector público e polas normas de desenvolvemento aprobadas pola Comunidade Autónoma de Galicia.

CAPÍTULO VI

Réxime económico-financeiro e orzamentario

Artigo 46. Recursos económicos

1. Son recursos económicos da Axencia Intecmar os seguintes:

a) As transferencias consignadas nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, suficientes para o desenvolvemento das funcións definidas como potestades administrativas, funcións ou competencias na normativa vixente de aplicación, así como aquelas que se designen regulamentariamente como tales.

b) Os ingresos propios derivados da prestación de servizos ou da execución de obras realizadas en virtude de contratos, convenios ou disposicións legais con outras entidades públicas ou privadas, ou con persoas físicas.

c) Os ingresos procedentes da participación en convocatorias públicas ou privadas de proxectos e iniciativas de I+D+i en concorrencia competitiva ou non competitiva.

d) Os ingresos procedentes do alleamento de bens e valores que constitúan o seu patrimonio, de acordo coa lexislación de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) As achegas voluntarias, doazóns, herdanzas, legados e demais contribucións de entidades e institucións públicas ou privadas, así como de particulares.

f) Os ingresos derivados do patrocinio de actividades ou instalacións, procedentes de persoas físicas ou xurídicas.

g) Os demais ingresos de dereito público ou privado que a Axencia Intecmar estea autorizada a percibir.

h) Os créditos, os préstamos e as demais operacións financeiras que a Axencia Intecmar concerte.

i) Calquera outro recurso, ordinario ou extraordinario, que lle poida ser atribuído conforme o ordenamento xurídico vixente.

2. Os recursos que deriven das letras b), e), f) e g) do número anterior e non previstos inicialmente no orzamento da Axencia Intecmar poderán destinarse a financiar maiores gastos por acordo da súa Dirección.

3. A Axencia Intecmar poderá contratar pólizas de crédito ou préstamo, cando isto sexa necesario para atender desfases temporais de tesouraría, entendendo como tales as situacións de falta de liquidez que se poidan producir de forma ocasional.

4. A Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de cada exercicio autorizará o límite máximo do endebedamento a curto prazo.

Artigo 47. Efectividade dos créditos

Para cobrar os créditos que teñan a consideración de créditos de dereito público, a Axencia Intecmar poderá empregar o procedemento de constrinximento nos termos regulados na normativa tributaria.

Artigo 48. Participación en sociedades mercantís e fundacións

Para o mellor cumprimento dos seus fins e cun obxecto acorde cos seus obxectivos, a Axencia Intecmar poderá formular unha proposta de creación de sociedades mercantís ou fundacións ou participar nelas. Será requisito imprescindible a pertinente aprobación da proposta polo Consello Reitor e o cumprimento dos trámites previstos no artigo 104 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 180.2 da Lei 6/2023, do 2 de novembro.

Artigo 49. Orzamento

1. A Axencia Intecmar elaborará o seu anteproxecto anual de orzamentos conforme o disposto no seu contrato plurianual de xestión e coa estrutura e documentación establecida pola consellería competente en materia de facenda. Unha vez aprobado polo Consello Reitor da Axencia, o anteproxecto será remitido á consellería de adscrición que, logo do seu exame, xunto co orzamento da propia consellería, o achegará á consellería competente en materia de facenda para a súa integración no correspondente anteproxecto de lei anual de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

O orzamento deberá estar equilibrado e terá carácter limitativo polo seu importe global e carácter estimativo para a distribución dos créditos en categorías económicas, agás os correspondentes a gastos de persoal e capital que, en todo caso, teñen carácter limitativo e vinculante pola súa contía total.

2. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de facenda, por proposta da persoa titular da Dirección da Axencia Intecmar, a autorización das variacións da contía global do orzamento, así como as que afecten os gastos de persoal e de capital.

3. Correspóndelle á persoa titular da Dirección da Axencia Intecmar autorizar as restantes variacións que excedan o inicialmente orzado, incluso na contía global, sempre que estas sexan financiadas cos recursos regulados derivados dos ingresos recollidos nas letras b), e), f) e g) do número 1 do artigo 46 destes estatutos e se destinen directamente aos fins da Axencia Intecmar con dotación orzamentaria. Esta autorización deberá contar co informe previo favorable da Comisión de Control e Seguimento, que deberá ofrecer suficientes garantías de efectividade e do correspondente equilibrio orzamentario, e será comunicada con posterioridade á consellería competente en materia de facenda.

4. Non se poderán adquirir compromisos plurianuais de gastos que se estendan máis aló de catro exercicios anuais, e o gasto que se lle impute a cada un deles non poderá exceder a cantidade que resulte de lle aplicar ao importe total de cada programa, excluídos o capítulo de persoal e os restantes créditos que teñan carácter vinculante, as seguintes porcentaxes: o 70 % no exercicio inmediato seguinte, o 60 % no segundo, e o 50 % nos exercicios terceiro e cuarto.

Porén, o Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de facenda, poderá modificar as porcentaxes e os importes anteriores, así como o número de anualidades en casos especialmente xustificados, por petición da consellería de adscrición.

5. A persoa titular da Dirección da Axencia Intecmar poderá acordar a incorporación do remanente de tesouraría non afectado ao orzamento do exercicio seguinte, logo do informe preceptivo e vinculante do centro directivo competente en materia de orzamentos. Do devandito acordo daráselle conta á Comisión de Control e Seguimento.

6. Os déficits derivados do incumprimento das estimacións de ingresos anuais compensaranse na forma prevista no contrato de xestión.

Artigo 50. Contabilidade

1. O réxime de contabilidade da Axencia Intecmar e das entidades e outras formas asociativas dependentes dela axustarase ao establecido na lexislación de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. A Axencia Intecmar e as entidades e outras formas asociativas que dela dependan aplicarán os principios contables que lles correspondan. Para iso, disporán dun sistema de información económico-financeira e orzamentaria que reflicta, a través de estados e informes, unha imaxe fiel do patrimonio, da situación financeira, dos resultados e da execución orzamentaria. Este sistema deberá proporcionar, ademais, información suficiente sobre os custos das súas actividades, co fin de facilitar unha toma de decisións axeitada e eficiente.

3. Así mesmo, a Axencia Intecmar contará cun sistema de contabilidade de xestión que permita facer un seguimento do cumprimento dos compromisos asumidos no contrato de xestión.

Artigo 51. Control da xestión económico-financeira

1. O control externo da xestión económico-financeira da Axencia Intecmar correspóndelle ao Consello de Contas de Galicia, de acordo coa súa normativa específica.

2. O control interno da actividade económico-financeira da Axencia Intecmar correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e realizarase de acordo co disposto no artigo 97.2 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Sen prexuízo do control establecido no número anterior, a Axencia Intecmar estará sometida a un control de eficacia que será exercido, a través do seguimento do contrato de xestión, pola consellería de adscrición. O devandito control ten por finalidade comprobar o grao de cumprimento dos obxectivos e a adecuada utilización dos recursos asignados.

CAPÍTULO VII

Réxime de funcionamento e actos administrativos

Artigo 52. Réxime de funcionamento

1. A Axencia Intecmar ditará as normas internas necesarias para o cumprimento do seu obxecto e para o seu funcionamento, que poderán adoptar a forma de:

a) Resolucións, instrucións e circulares da Presidencia e da Dirección da Axencia Intecmar.

b) Acordos do Consello Reitor da Axencia Intecmar.

c) Manual de calidade, elaborado de acordo co establecido na Norma UNE-EN ISO/IEC 17025:2017, o cal será elevado pola persoa titular da Dirección ao Consello Reitor para a súa aprobación.

2. Os actos e as resolucións ditados polos órganos de goberno da Axencia Intecmar, exceptuando o disposto no número seguinte, poñen fin á vía administrativa e serán susceptibles de impugnación na vía contencioso-administrativa, sen prexuízo do recurso potestativo de reposición.

3. Os actos administrativos da Dirección da Axencia Intecmar poderán ser impugnados en alzada perante a Presidencia, agás que fosen ditados por delegación desta.

4. A competencia para resolver os procedementos de revisión de oficio dos actos administrativos nulos, declarar a lesividade dos anulables e revogar os de gravame ou desfavorables correspóndelle á persoa titular da consellería de adscrición respecto dos actos dos órganos de goberno da Axencia Intecmar e ao Consello Reitor da Axencia Intecmar respecto dos actos ditados polos restantes órganos da Axencia Intecmar.

5. Así mesmo, atribúeselle á persoa titular da consellería de adscrición a resolución das reclamacións de responsabilidade patrimonial.

Artigo 53. Asistencia xurídica

O asesoramento xurídico e a asistencia e defensa letrada da Axencia Intecmar corresponderanlle á Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia, mediante a formalización do oportuno acordo de natureza xurídico-pública, nos termos establecidos na Lei 4/2016, do 4 de abril, de ordenación da asistencia xurídica da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do seu sector público.

CAPÍTULO VIII

Réxime de modificación dos estatutos

Artigo 54. Modificación dos estatutos da Axencia

A modificación dos estatutos da Axencia levarase a cabo mediante un decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería de adscrición, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda.

CAPÍTULO IX

Extinción da Axencia

Artigo 55. Extinción da Axencia

A extinción da Axencia levarase a cabo mediante un decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería de adscrición, logo do informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e de facenda. As disposicións anteriores determinarán o destino dos bens, dos dereitos e das obrigas da Axencia, así como as medidas aplicables ao persoal empregado desta, no marco da lexislación reguladora de cada tipo de persoal.