DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Mércores, 15 de xullo de 2026 Páx. 39613

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2026, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Vigo (expediente IN407A 2025/164-4).

Expediente: IN407A 2025/164-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMT entre as subestacións Sárdoma e Balaídos e reordenación das liñas BAL722, SDM708, SDM711, SDM713 e TRO704.

Concello: Vigo.

Feitos:

1. O 22.8.2025, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMT entre as subestacións Sárdoma e Balaídos e reordenación das liñas BAL722, SDM708, SDM711, SDM713 e TRO704.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro eléctrico Fabián Fernández Martínez, colexiado 4783 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 359.902,56 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade mellorar a calidade de subministración eléctrica nas parroquias de Vigo, Sárdoma, Lavadores e Freixeiro, no concello de Vigo, mediante actuacións sobre a liña de media tensión aérea para soterrar e as modificacións nas liñas de media tensión BAL722, SDM711, SDM713 e TRO704, así como da modificación das celas do centro de seccionamento (CS) Gran Vía-Hispanidade (36SX09).

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Vigo, a Demarcación de Estradas do Estado, a Deputación Provincial de Pontevedra e o Servizo do Patrimonio Cultural. A empresa promotora manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polo Concello de Vigo e pola Demarcación de Estradas do Estado.

O Servizo do Patrimonio Cultural informou de que a actuación non precisa da autorización dese servizo.

A Deputación Provincial de Pontevedra non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

3. O 20.2.2026, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMT entre as subestacións Sárdoma e Balaídos e reordenación das liñas BAL722, SDM708, SDM711, SDM713 e TRO704.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

– Liña de media tensión aérea, coas seguintes actuacións:

• Retirada dos apoios de formigón 9WUKP8QQ//1, 9WVRUKLE//2 e 9WVO5DB6//3, así como do apoio de tipo celosía metálica 9WVSM1K6//4.

• Retirada de 159 metros de condutor LA-56 da BAL722 (Vía Norte I 22).

– Liña de media tensión subterránea, coas seguintes actuacións:

• Substitución dos tramos da liña BAL722 entre os centros de transformación 36C653 e 36SX63, realizando a retirada de 85 metros de condutor RHZ1 e 270 metros de condutor tipo PPV. Prolongación da liña SDM708, pasando a unir o centro de transformación (CT) 36C653 co CT 36C662, este último co CT 36CEJ8 e a saída deste co CT 36SX63. Estas novas conexións realizaranse mediante a proxección dun total de 816 metros de novo condutor RHZ1-AL-240.

• Deixar sen servizo o tramo de TRO704 entre o CT 36CWT2 e o CT 36C859 e realizar un empalme na arqueta existente, situada no cruce entre as rúas Pizarro, Nicaragua e México, unindo deste xeito o CT 36CWT2 co ramal que anteriormente se alimentaba desde a liña SDM711 (López de Neira 3 11). Para isto, será necesaria a proxección de 135 metros de condutor RHZ1-AL-240.

• Deixar sen servizo un tramo de 360 metros da liña SDM711, entre o final da rúa de México e a arqueta existente na calzada na avenida Gran Vía, nº 60. Desde esta mesma arqueta partirá, mediante empalme, un novo condutor de tipo RHZ1-AL-240, cunha lonxitude total de 620 metros, realizando entrada no CS Gran Vía-Hispanidade (36SX09).

• Apertura da liña BAL722 (Vía Norte I 22) en arqueta proxectada sobre a liña existente. Coa proxección de 19 metros de condutor RHZ1-AL-240, conectarase a liña SDM708 coa cela nº 1 do CS 36SX09.

• A actual BAL722 pasará a conectarse mediante a proxección de 44 metros de novo condutor RHZ1-AL-240, co CR enlace Balaídos, 7 (36SSH1).

– Substitución das celas de media tensión existentes no CS Gran Vía-Hispanidade (36SX09), debido ao fin das súas vidas útiles, instalando, no seu lugar, seis celas de liña telecontroladas de tipo modular e dúas novas celas de acoplamento de barras de media tensión.

A instalación está situada nas parroquias de Vigo, Sárdoma, Lavadores e Freixeiro, no concello de Vigo (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMT entre as subestacións Sárdoma e Balaídos e reordenación das liñas BAL722, SDM708, SDM711, SDM713 e TRO704, expediente IN407A 2025/164-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. En todo caso, deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) 517/2014 (DOUE nº 573, do 20 de febreiro), sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura.

5. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

– As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

– Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

– De ser o caso, a acreditación ou declaración de que a instalación non se atopa incursa nas prohibicións establecidas no artigo 13 do Regulamento (UE) 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro.

– Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 22 de xuño de 2026

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra