De conformidade co disposto no artigo 8 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, dáselle publicidade á seguinte encomenda:
Resolución do 3 de xullo de 2026, da Consellería de Facenda e Administración Pública, de encomenda de xestión á Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) para o desenvolvemento das actuacións para conservación e mantemento de predios do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Actividade: os traballos que se van realizar baixo a cobertura desta encomenda consistirán nas actuacións de conservación e mantemento de predios do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia que se atopan en áreas que abranguen o perímetro común entre os terreos forestais e os núcleos de poboación habitados, xestionando a biomasa vexetal existente nunha franxa de ata 50 metros como indica a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.
Natureza e alcance da xestión do encargo: encargo a medios propios por ter a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga) a consideración de medio propio instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma, en cumprimento do disposto nos artigos 10 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Prazo de vixencia: desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución desta encomenda ata o 31 de decembro de 2026.
Orzamento: o orzamento é de 38.377,09 €. O gasto derivado deste encargo imputarase á aplicación orzamentaria 23.01.621A.227.99 (proxecto 2015 00625) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2026, en que existe crédito adecuado e suficiente.
Esta operación non está suxeita a IVE segundo o establecido no artigo 7.8 da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido.
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026
David Cabañó Fernández
Secretario xeral técnico e do Tesouro
da Consellería de Facenda e Administración Pública
