Antecedentes:
Primeiro. O 26 de marzo de 2026, a Federación Galega de Tríatlon solicitou a ratificación da modificación dos seus estatutos, así como a súa inscrición no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
Segundo. Na asemblea xeral extraordinaria da Federación, do 25 de marzo de 2026, aprobouse unha modificación estatutaria na cal se desagrega o péntatlon moderno. Tamén se modifica o artigo referente ao obxecto e ás funcións da Federación e se adapta o texto dos estatutos ás modificacións da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, operadas pola Lei 3/2025, do 15 de decembro.
Terceiro. O 3 de xuño de 2026 e o 25 de xuño de 2026 requiriuse a Federación para que emendase a súa solicitude. A Federación emendou o solicitude o 11 de xuño de 2026 e o 26 de xuño de 2026, respectivamente. Nesta última data achegou a versión definitiva dos estatutos.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. Correspóndelle á Administración deportiva autonómica, segundo o artigo 54.1 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, autorizar e revogar a autorización da constitución das federacións deportivas galegas e a aprobación dos seus estatutos e regulamentos de réxime interno.
Segunda. O artigo 54.7 da citada lei establece que os estatutos das federacións deportivas galegas e as súas modificacións se publicarán no Diario Oficial de Galicia, logo da aprobación destes pola Administración autonómica no prazo máximo de tres meses desde a súa presentación no Rexistro.
Terceira. A solicitude presentouse no Rexistro dentro do prazo de dous meses desde a aprobación da modificación estatutaria, tal e como exixe o artigo 20.2 do Decreto 85/2014, do 3 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
Cuarta. Vista a proposta de resolución do secretario xeral para o Deporte, do 30 de xuño de 2026, de aprobación da modificación dos estatutos da Federación Galega de Tríatlon, da publicación no Diario Oficial de Galicia e da súa inscrición e depósito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, consonte o anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Primeiro. Aprobar a modificación dos estatutos da Federación Galega de Tríatlon.
Segundo. Ordenar a publicación dos estatutos, que se anexan a esta orde, no Diario Oficial de Galicia e a súa inscrición e depósito no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.
Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán formular recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses desde a mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2026
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
ANEXO
TÍTULO I
Disposicións xerais
CAPÍTULO I
Denominación, enderezo social e finalidade
Artigo 1
A Federación Galega de Tríatlon, constituída o día 10 de abril de 1989, é unha entidade de dereito privado que reúne deportistas, adestradores, oficiais, xuíces e xuízas, así como clubs, seccións deportivas, asociacións. agrupacións e outros colectivos interesados estatutariamente establecidos, dedicados á práctica do tríatlon.
Artigo 2
A Federación Galega de Tríatlon ten plena personalidade xurídica, propia e absoluta capacidade de obrar para o logro da consecución dos seus fins, sen ánimo de lucro, e réxese pola lexislación vixente, polos seus propios estatutos e regulamentos debidamente aprobados e polas demais disposicións legais ou federativas que resulten aplicables.
Artigo 3
A Federación Galega de Tríatlon ten o seu enderezo na rúa Castelao, 21, Lugo. CP 27001. Tfno. 982 25 13 45.
Artigo 4
A Federación Galega de Tríatlon ten por obxecto o fomento, a organización, a regulamentación, o desenvolvemento e a práctica no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia da modalidade deportiva de tríatlon e as seguintes especialidades:
I) Especialidades asociadas ao tríatlon:
a. Tríatlon, que ten a consideración de especialidade principal
b. Tríatlon adaptado. Ten tal consideración a totalidade de especialidades da modalidade de tríatlon referidas neste artigo, cando sexan practicadas por deportistas con discapacidade.
c. Dúatlon.
d. Tríatlon de inverno
e. Dúatlon de inverno.
f. Ácuatlon.
g. Aquabike.
h. Tríatlon cross.
i. Tríatlon grave.
j. Dúatlon cross.
k. Dúatlon grave.
l. Ácuatlon cross.
m. Cuádriatlon.
n. Ácuatlon interior (nada e corre).
Así mesmo, poderá exercer estas mesmas funcións e competencias sobre o Hyatlon e do Hyatlon adaptado.
Son funcións da Federación Galega de Tríatlon ordenar, dirixir e planificar todas as actividades do tríatlon en Galicia, en coordinación co organismo competente da Xunta de Galicial para o cal exerce as facultades atribuídas por estes estatutos, así como aquelas de carácter público delegadas pola lexislación vixente, e colaborar coas administracións públicas e coa Federación Española de Tríatlon, así como coas restantes entidades deportivas, na promoción do tríatlon nas súas diferentes modalidades cando se trate de actividades de ámbito español e da World Triathlon no ámbito internacional.
Artigo 5
Son competencias da Federación Galega de Tríatlon:
1. Promover o desenvolvemento e a práctica do tríatlon, e regulamentar e coordinar o aspecto técnico e organizar os campionatos e competicións da súa xurisdición.
2. Regular o réxime xurídico e disciplinario dos clubs, seccións deportivas, asociacións, agrupacións, comités e a totalidade das entidades, deportistas, persoas adestradoras, oficiais, xuíces e xuízas, persoas directivas e todas aquelas persoas que dalgún xeito interveñan na organización e práctica do tríatlon, cumprindo sempre as disposicións vixentes sobre estes casos.
3. Formar e cualificar o persoal técnico e deportivo especializado.
4. Organizar a competición e actividades de tríatlon e as especialidades recollidas no artigo catro.
5. Coordinar as funcións e competencias das delegacións zonais e delegacións comarcais.
6. Asignar, controlar e fiscalizar as axudas e subvencións aos seus afiliados.
7. Convocar as seleccións deportivas e designar as persoas deportistas que as integren.
8. Elaborar os seus propios regulamentos deportivos e os das súas especialidades deportivas.
9. Elaborar e aprobar o orzamento do exercicio anual, memoria, balance e contas.
10. Subscribir convenios coas administracións públicas e corporacións e entidades dependentes delas e outras persoas ou entidades xurídico-privadas.
11. Son funcións públicas delegadas, e serán exercidas en réxime de exclusividade pola Federación Galega de Tríatlon, sen que poidan ser obxecto de delegación ou exercicio por ningunha substitución sen autorización da Administración deportiva as seguintes:
a) Representar a Comunidade Autónoma de Galicia nas actividades e competicións deportivas da súa modalidade, de conformidade coa normativa de aplicación.
b) Organizar as competicións oficiais autonómicas federadas.
c) Expedir licenzas deportivas nos termos da lexislación vixente.
d) Asignar as subvencións e axudas de carácter público concedidas a través da Federación e controlar que os seus asociados lles dean unha correcta aplicación.
e) Garantir o cumprimento das normas de réxime electoral nos procesos de elección dos seus órganos representativos e de goberno, así como dos demais dereitos e obrigas derivados do cumprimento dos estatutos.
f) Exercer a potestade disciplinaria nos termos establecidos pola lexislación vixente, do deporte de Galicia e polas súas disposicións de desenvolvemento, de acordo cos estatutos e regulamentos.
g) Executar, de ser o caso, as resolucións do Comité Galego de Xustiza Deportiva.
h) Colaborar coas administracións públicas competentes na prevención, control e represión do uso de susbtancias e grupos farmacolóxicos prohibidos, así como na prevención da violencia no deporte. Para estes efectos, e entre outras accións, a Federación Galega de Tríatlon instruirá e resolverá os expedientes sancionadores que no ámbito da dopaxe se susciten, de conformidade co establecido na lexislación vixente.
i) Calquera outra que regulamentariamente se determine.
As funcións públicas delegadas serán exercidas pola Federación Galega de Tríatlon baixo a tutela da Administración deportiva, conforme se determine regulamentariamente, a cal procederá á súa asunción nos casos de extinción da Federación ou cando esta se encontre en situación de concurso.
A Federación Galega de Tríatlon exercerá as funcións públicas delegadas en réxime de exclusividade.
Os actos adoptados pola Federación Galega de Tríatlon no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo son susceptibles de recurso administrativo ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.
Artigo 6
No ámbito internacional, a Federación Galega de Tríatlon participará en competicións de acordo co que establezan as disposicións vixentes.
CAPÍTULO II
Requisitos para ser membro da Federación Galega de Tríatlon
Estatuto, dereitos e deberes dos seus afiliados
Sección primeira. Das persoas federadas
Artigo 7. Adquisición da condición de persoa federada
A condición de persoa federada obtense mediante a concesión da licenza pola Federación Galega de Tríatlon.
Poden ser titulares dunha licenza deportiva as persoas deportistas, técnicas e adestradoras, oficiais, xuíces e xuízas, entidades deportistas e calquera outro estamento.
A licenza outórgalle á persoa titular a condición de membro desta federación e habilítaa para participar en actividades deportivas e/ou en competicións oficiais de ámbito autonómico.
Artigo 8. Licenzas deportivas
As licenzas deportivas serán expedidas por esta Federación, unha vez verificado o cumprimento dos correspondentes requisitos.
Será obrigatoria a licenza deportiva para quen practique as especialidades deportivas reguladas pola Federación Galega de Tríatlon en competicións oficiais federadas.
O prezo da licenza será aprobado anualmente pola Asemblea Xeral.
Toda licenza deportiva leva incluído un seguro acorde co establecido na lexislación vixente pola que se determinan as prestacións mínimas do seguro deportivo obrigatorio.
Artigo 9. Perda da condición de persoa federada
A perda da condición de persoa federada prodúcese cando deixan de concorrer os requisitos para o outorgamento da licenza.
Tamén se perde a condición de persoa federada pola comisión de infraccións que comporten como sanción a privación temporal ou definitiva da licenza federativa.
Sección segunda. Clubs
Artigo 10
Son clubs deportivos as asociacións privadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar, sen ánimo de lucro, integradas por persoas físicas ou xurídicas, que teñan como obxecto exclusivo ou principal a práctica do tríatlon polos seus asociados, así como a participación en actividades e competicións oficiais, e estean asociadas á Federación Galega de Tríatlon.
Para afiliarse á Federación Galega de Tríatlon, o club ou entidade deberá solicitalo por escrito e xuntar copia dos seus estatutos. Tamén se deberán afiliar á Federación Galega de Tríatlon as asociacións de clubs que se poidan crear, e sempre como trámite previo para a asunción de competencias expresamente delegadas pola Federación. Os acordos tomados polas asociacións no uso da dita delegación deberán serlle notificados á Federación dentro do prazo de dez (10) días seguintes ao da data da súa adopción.
Todos os clubs e entidades afiliadas á Federación Galega de Tríatlon estarán sometidos ás normas e disposición emanadas desta, contribuirán ao cumprimento das distintas finalidades dun xeito harmónico e activo, baixo os principios democráticos destes estatutos, e participarán nas distintas actividades.
Artigo 11
Son dereitos dos clubs os seguintes:
1. Intervir na elección dos órganos de goberno e representación da Federación Galega de Tríatlon.
2. Participar cos seus equipos nas competicións oficiais que lles correspondan pola súa categoría, nos termos e observando os requisitos que establezan as bases de competición correspondentes.
3. Asistir e intervir nas reunións dos órganos federativos que lles correspondan conforme as normas vixentes.
4. Optar ás axudas económicas que estableza a Federación Galega de Tríatlon para os clubs, na medida e nas ocasións que determinen as correspondentes normas.
5. Asociarse para o cumprimento dos seus fins.
6. Fusionarse cos requisitos que regulamentariamente se poidan establecer no desenvolvemento destes estatutos.
7. Todos os demais que a Federación Galega de Tríatlon estableza en cada caso.
Artigo 12
Son obrigas dos clubs as seguintes:
1. Participar cos seus equipos nas competicións oficiais que lles correspondan pola súa categoría, nos termos e observando os requisitos que regulamentariamente se determinen, así como os que estableza a Federación Galega de Tríatlon, e deben fixar a súa sede oficial no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Cumprir os estatutos, regulamentos e demais normas da Federación Galega de Tríatlon, así como os seus propios estatutos.
3. Contribuír ao sostemento económico da Federación Galega de Tríatlon na medida que lles corresponda, aboando as correspondentes cotas, dereitos e compensacións económicas que se determinen.
4. Aboar os dereitos de arbitraxe que, segundo as normas federativas, lles correspondan, así como liquidar dentro de cada tempada as débedas contraídas coas federacións galegas ou zonais, coas persoas deportistas ou técnicas e con outros clubs no transcurso da competición.
5. Manter a disciplina deportiva evitando situacións de violencia ou animosidade con outras persoas membros ou estamentos do tríatlon
6. Cubrir, atender e contestar coa maior dilixencia as comunicacións que reciban dos organismos federativos, e auxiliar estes facilitándolles cantos datos precisen.
7. Facilitar a asistencia de persoas deportistas e técnicas ás seleccións autonómicas e ás actividades federativas de perfeccionamento técnico.
8. Coidar da máis perfecta formación deportiva das persoas deportistas, proporcionándolles os medios precisos para iso e garantindo a súa efectiva e plena actividade deportiva.
9. Contar cunha persoa adestradora oficialmente titulada.
10. Recoñecer, para todos os efectos, as tarxetas de identidade expedidas pola Federación Galega de Tríatlon.
11. Comunicarlle á Federación Galega de Tríatlon as modificacións estatutarias, o nomeamento e cesamento de persoas directivas ou administradoras, e os acordos de fusión, escisión e disolución nos prazos establecidos.
12. Coñecer e divulgar entre os seus deportistas os estatutos e as normas deportivas das federacións galega e española de tríatlon.
Artigo 13
Regulamentariamente, en desenvolvemento destes estatutos, determinarase o modo e a forma en que se exercerán e cumprirán os dereitos e deberes que quedan relacionados, así como o que atinxe á clasificación dos clubs por categorías, cambios de residencia destes, fusións e baixas.
Sección terceira. Deportistas competidores e competidoras
Artigo 14
Para os efectos destes estatutos, son triatletas aquelas persoas naturais que practican o tríatlon nun club afiliado á Federación Galega de Tríatlon e subscriben a licenza regulamentaria. Coa sinatura da mencionada licenza quedan vinculadas ao seu club e suxeitas á disciplina da Federación, e toda a organización desta última queda ao seu servizo.
As persoas triatletas contribuirán ao cumprimento das distintas actividades dun xeito activo e harmónico sobre os principios democráticos destes estatutos e participarán nas distintas actividades.
Artigo 15. Obtención de licenzas federativas
Os requisitos e procedementos para a obtención da licenza federativa serán establecidos polo Regulamento de licenzas federativas, que será aprobado en asemblea xeral e ratificado pola Administración deportiva competente.
Artigo 16
A persoa deportista ten os seguintes dereitos:
1. Liberdade de subscribir licenza respectando os dereitos adquiridos.
2. Participar en cantas probas, cursos, fases de preparación, seleccións ou outro tipo de concentración sexan convocadas pola Federación Galega de Tríatlon
3. Participar nas eleccións aos órganos de goberno e representación da Federación Galega de Tríatlon.
4. Recoñecemento polo seu club, de acordo coas directrices determinadas pola Federación Galega de Tríatlon e por esta unicamente cando se trate da selección autonómica ou concentracións organizadas por ela.
5. Recibir adestramento dunha persoa técnica titulada.
6. Consideración á súa actividade deportiva.
7. Recibir material deportivo para a práctica do tríatlon.
8. Recibir atención sanitaria gratuíta e adecuada en caso de lesión deportiva, ben por atención directa do seu club ou a través dos concertos, voluntarios e obrigatorios, que nel teña coa Mutualidade Xeral Deportiva ou outra entidade pública ou privada.
9. Participar nas sesións de adestramento e nas probas co seu equipo, salvo decisión disciplinaria.
Artigo 17
A persoa deportista ten as seguintes obrigas:
1. Someterse á disciplina do seu club, sempre e cando esta se axuste ao disposto no ordenamento xurídico, e participar nos adestramentos e probas co seu equipo.
2. Non intervir nas actividades deportivas con equipo distinto do seu sen autorización do club.
3. Utilizar, coidar e, cando sexa requirida para facelo, devolver o material deportivo que o club lle entregase para tal fin.
4. Asistir ás probas e aos cursos para os cales reciba convocatoria da Federación Galega de Tríatlon.
5. Participar nas seleccións galegas para as cales reciba convocatoria.
6. Coñecer os estatutos e regulamentos deportivos da Federación Galega de Tríatlon e da Federación Española de Tríatlon.
Artigo 18
Así mesmo, os deportistas de tríatlon poderán asociarse, para a defensa dos seus intereses relacionados co tríatlon, nos termos que estableza ou poida establecer a normativa vixente.
Tales asociacións poderán exercer por delegación competencias da Federación Galega de Tríatlon, excluíndo as competencias públicas delegadas nos termos establecidos polos artigos 56.4 e 56.5 da Lei do deporte de Galicia, para o cal se deberán afiliar a ela. Os acordos tomados pola asociación no uso da dita delegación deberán serlle notificadas á Federación Galega de Tríatlon dentro do prazo de dez días seguintes ao da data da súa adopción.
Artigo 19
Regulamentariamente en desenvolvemento destes estatutos, determinarase o xeito e forma en que se exercerán e cumprirán os dereitos e deberes que quedan relacionados, así como as materias atinentes á relación entre clubs e deportistas, categorías destes, licenzas, baixas e cambios.
Sección cuarta. Persoas adestradoras
Artigo 20
Son persoas adestradoras as persoas naturais con título recoñecido pola Federación Galega de Tríatlon, dedicadas ao ensino, preparación e dirección técnica do tríatlon e das especialidades da súa competencia, tanto no nivel de clubs como da propia Federación.
Os títulos de persoas adestradoras serán expedidos polo organismo competente.
Todas as persoas adestradoras inscritas estarán sometidas ás normas e disposicións da Federación Galega de Tríatlon, contribuirán ao cumprimento das distintas finalidades dun xeito activo e harmónico sobre os principios democráticos destes estatutos e participarán nas distintas actividades.
Para actuar á fronte dun equipo, o adestrador, ademais de ter o titulo correspondente, deberá estar en posesión da licenza anual expedida pola Federación Galega de Tríatlon, que o vinculará a un ou varios equipos determinados.
Artigo 21
A persoa adestradora ten os seguintes dereitos:
1. Liberdade para subscribir licenza, de acordo coas normas establecidas e co respecto aos dereitos adquiridos.
2. Participar na elección dos órganos de goberno e representación da Federación Galega de Tríatlon.
3. Asistir ás probas e aos cursos de preparación aos cales sexa convocado pola Federación Galega de Tríatlon, sen prexuízo das obrigas para co seu club.
4. Recibir as prestacións da mutualidade nos casos de cobertura previstos.
5. Recibir o material deportivo preciso para a súa actividade.
Artigo 22
A persoa adestradora ten as seguintes obrigas:
1. Someterse á disciplina das entidades deportivas ás cales se vexa vinculada pola licenza.
2. Non intervir en actividades deportivas con equipo distinto do seu sen autorización do club.
3. Utilizar, coidar e, cando sexa mester, devolver o material deportivo que o club lle facilitase.
4. Asistir ás probas e aos cursos aos cales sexa convocado pola Federación.
5. Coñecer os estatutos e regulamentos da Federación Galega de Tríatlon e da Federación Española de Tríatlon.
Artigo 23
As persoas adestradoras de tríatlon poderán asociarse, para a defensa dos seus intereses relacionados co tríatlon nos termos que establece, ou poida establecer, a normativa vixente.
Tales asociacións poderán exercer por delegación competencias da Federación Galega de Tríatlon, para o cal se deberán afiliar a ela. Os acordos tomados polas asociacións en uso da dita delegación deberán ser notificados á Federación Galega de Tríatlon dentro do prazo de dez (10) días seguintes ao da data da súa adopción.
Artigo 24
Regulamentariamente, en desenvolvemento destes estatutos, determinarase o xeito e forma en que se exercitarán e cumprirán os dereitos e deberes que quedan relacionados, así como as materias que atinxan á categoría, titulacións, licenzas, cambios, altas e baixas.
Sección quinta. Oficiais, xuíces e xuízas
Artigo 25
Son oficiais, xuíces e xuízas as persoas naturais que subscribisen a correspondente licenza federativa e coiden do cumprimento do regulamento oficial e demais normas de aplicación durante as probas, e exercen a máxima autoridade durante o desenvolvemento das probas.
Todas as persoas oficiais, xuíces e xuízas inscritas no Comité Galego de Oficiais, Xuíces e Xuízas estarán sometidas ás normas e disposicións da Federación Galega de Tríatlon, contribuirán ao cumprimento das distintas finalidades dun xeito activo e harmónico sobre os principios democráticos destes estatutos e participarán nas distintas actividades.
Artigo 26
Para que os xuíces e as xuízas poidan subscribir licenza federativa deberán reunir os seguintes requisitos:
1. Ser maior de catorce anos.
2. Posuír o título oficial recoñecido pola Federación Galega de Tríatlon.
Artigo 27
Son dereitos das persoas oficiais, xuíces e xuízas:
1. Asistir ás probas e aos cursos de perfeccionamento ou divulgación aos cales sexan convocados pola Federación Galega de Tríatlon.
2. Recibir as prestacións da mutualidade nos casos de cobertura previstos.
3. Percibir cantidades que se establezan nas bases de competición.
4. Recibir a clasificación nunha das categorías que estableza a Federación Galega de Tríatlon.
5. Participar na elección dos órganos de goberno e representación da Federación Galega de Tríatlon.
Artigo 28
Son obrigas das persoas oficiais, xuíces e xuízas:
1. Someterse á disciplina da Federación Galega de Tríatlon, á do Comité Galego de Oficiais e ás dos seus comités zonais.
2. Asistir ás probas e os cursos para os cales reciba convocatoria da Federación Galega de Tríatlon.
3. Asistir e exercer as súas funcións nas carreiras para as cales se reciba designación.
4. Coñecer o regulamento da Federación Galega de Tríatlon.
Artigo 29
Regulamentariamente, en desenvolvemento destes estatutos, determinarase o xeito e forma en que se exercerán os dereitos e deberes que quedan relacionados, así como as materias que atinxan á titulación, licenzas e clasificación por categorías.
Artigo 30
Tamén se redactará un Regulamento Xeral de Premios e Recompensas, aplicable no territorio da Federación Galega de Tríatlon, no cal constarán as súas categorías e sistema de concesión, divididos en ordinarios e extraordinarios. Os primeiros, de carácter anual, co fin de servir de exemplo e acicate aos diversos estamentos de tríatlon galego; os segundos, para distinguir feitos excepcionais.
CAPÍTULO III
Ámbito xurisdicional
Artigo 31
Estarán sometidos á disciplina da Federación Galega de Tríatlon todas as súas persoas directivas e empregadas, todas as federacións zonais, as persoas deportistas, adestradoras, persoas delegadas de equipo e asimiladas, clubs, asociacións ou agrupacións, comités oficiais, xuíces e xuízas e, en xeral, toda persoa ou entidade que teña relación coa práctica do tríatlon.
Cando actúen en actividades de ámbito español ou internacional, estarán sometidos ao que determinen os estatutos, regulamentos, bases, normas e disposicións da Federación Española de Tríatlon, da ETU (European Triathlon Union) ou World Triathlon segundo corresponda.
Artigo 32
Os organismos e as entidades dependentes da Federación Galega de Tríatlon rexeranse polas súas propias normas e regulamentos, subordinadas a este estatuto e ao resto das disposicións federativas vixentes, e limitarán a súa total competencia ao ámbito que teñen asignado. Todas estas normas e regulamentos serán propostos pola Xunta Directiva da Federación Galega de Tríatlon á Asemblea Xeral para a súa aprobación e serán dados a coñecer aos organismos superiores para a súa homologación.
CAPÍTULO IV
Organización territorial
Artigo 33
A Federación Galega de Tríatlon ten plena xurisdición no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 34
A Federación Galega de Tríatlon poderá estar integrada en si por catro delegacións provinciais.
Para unha mellor organización e cumprimento dos seus fins, a Asemblea Xeral, de acordo co sentir e coas posibilidades de cada zona, poderá dividir o territorio galego nas demarcacións que sexan necesarias.
Artigo 35
Tamén se poderán crear unidades de ámbito xeográfico inferior, denominadas delegacións comarcais dependentes das delegacións provinciais, para o mellor desenvolvemento e promoción do tríatlon en cada zona, sempre por acordo da Xunta Directiva da Federación Galega de Tríatlon, por proposta de cada delegación provincial, pero metendo as actuais e sempre que con iso se consiga unha maior organización das competencias.
Artigo 36
As delegacións provinciais e, de ser o caso, as delegacións comarcais, axustarán a súa actividade ás normas ditadas pola Federación Galega de Tríatlon a través dos órganos que corresponda, e directamente do presidente ou presidenta da Federación.
Artigo 37
As persoas titulares das delegacións provinciais serán nomeadas e cesadas pola Presidencia da Federación Galega, de acordo co establecido nestes estatutos.
A composición do equipo directivo da Delegación Provincial e Delegación Comarcal, así como as súas competencias, serán de libre facultade da persoa titular da delegación zonal ou comarcal, quen dará conta á persoa titular da presidencia da Federación Galega.
TÍTULO II
Órganos de goberno e representación
Artigo 38
Mediante acordo da Asemblea Xeral, aprobarase un código de bo goberno, de acordo ao establecido na lexislación vixente, no cal se establezan as prácticas de boa gobernanza e integridade da Federación, as regras en materia de transparencia, o código de conduta para os seus órganos de goberno, xunta directiva e comisión delegada e os seus membros, ademais das normas relativas á xestión e ao control de todas as transaccións económicas que efectúe a Federación.
CAPÍTULO I
Normas xerais
Artigo 39
Son órganos de goberno e representación da Federación Galega de Tríatlon a Asemblea Xeral e o presidente ou presidenta.
No seo da Asemblea Xeral constituirase unha comisión delegada de asistencia a esta.
Artigo 40
Serán órganos electivos da Federación Galega o presidente ou presidenta, a Asemblea Xeral e a Comisión Delegada no eido das súas respectivas competencias.
As persoas membros dos demais órganos e comités serán designadas e revogadas libremente pola persoa titular da presidencia da Federación, coa excepción prevista neste estatuto.
O nomeamento e a renovación dos órganos de goberno e representación, dos órganos complementarios e dos comités que se poidan crear dentro da Federación deberán serlles comunicados a todas as persoas membros da Asemblea Xeral e ao órgano competente da Administración deportiva autonómica ou órgano competente, de acordo ao disposto na lexislación vixente.
Os órganos de goberno e representación reuniranse no xeito e nos termos establecidos nestes estatutos, e os seus acordos, salvo disposición expresa en contrario, adoptaranse por maioría simple; no caso de empate, o presidente ou presidenta terá voto de calidade. Os acordos poderán ser impugnados de conformidade co disposto na lexislación aplicable e nestes estatutos.
A responsabilidade das persoas membros dos órganos da Federación Galega de Tríatlon, no exercicio das súas funcións, será exixida no eido disciplinario de conformidade co disposto na lexislación vixente e nas súas normas de desenvolvemento.
Son requisitos xerais para ser persoa membro de calquera órgano da Federación Galega de Tríatlon os seguintes:
1. Ser maior de idade e estar en pleno uso dos seus dereitos civís.
2. Non estar suxeita á corrección disciplinaria de carácter deportivo que supoña inhabilitación.
3. Non ter sido condenada mediante sentenza penal firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta para cargo público.
4. Non incorrer en ningunha causa de incompatibilidade establecida legal ou estatutariamente.
5. Reunir os requisitos específicos propios de cada estamento deportivo.
CAPÍTULO II
A Asemblea Xeral
Sección primeira. Natureza, composición, nomeamento e cesamento
Artigo 41
A Asemblea Xeral é o Órgano superior de goberno e representación da Federación Galega de Tríatlon.
Artigo 42
A Asemblea Xeral estará constituída polo presidente ou presidenta da Federación Galega e polos representantes dos clubs, entidades deportivas, deportistas, persoas técnicas adestradoras, oficiais, xuíces e xuízas e outros colectivos.
Os clubs e as entidades deportivas non poderán ser membros da Asemblea Xeral se, no momento da convocatoria de eleccións, non figuran inscritos no Rexistro xeral de clubs, federacións e entidades deportivas da Xunta de Galicia.
As persoas compoñentes da Xunta Directiva, por esa soa consideración, poderán asistir ás reunións da Asemblea Xeral con voz, pero sen voto.
Artigo 43
A Asemblea Xeral estará integrada por:
– Representantes de clubs e entidades deportivas. O número de representantes dos clubs non superará o 70 % das persoas membros da Asemblea Xeral.
– Deportistas: un número de representantes que supoña entre o 20 % e o 40 % da Asemblea Xeral, dos cales un 10 % corresponderán a deportistas galegos de alto nivel.
– Polo estamento de persoas técnicas: unha representación entre o 5 % e o 10 %.
– Polo estamento de persoas oficiais, xuíces e xuízas: unha representación entre o 5 % e o 10 %.
– Polo estamento de organizadores: unha representación non superior ao 5 % .
Artigo 44
A convocatoria de eleccións deberá axustarse ao que estableza a normativa aplicable.
Artigo 45
As persoas membro da Asemblea Xeral e da Comisión Delegada cesarán polas seguintes causas:
1. Finar.
2. Disolverse o club ou entidade a que representen.
3. Expirar o mandato para o cal foron elixidas.
4. Renunciar ou dimitir.
5. Incorrer en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade legal ou estatutaria.
6. Recibir sanción disciplinaria imposta regulamentariamente que implique o cesamento no cargo que desempeña.
7. Perder os requisitos polos que foron elixidas no seu respectivo estamento
Artigo 46
As vacantes que se produzan na Asemblea Xeral, antes das seguintes eleccións xerais a esta, serán cubertas seguindo o establecido na normativa vixente de aplicación aos procesos electorais.
Sección segunda. Réxime de funcionamento
Artigo 47. Competencias
A Asemblea Xeral, en canto órgano máximo de goberno e representación da Federación Galega, pode adoptar calquera acordo ou decisión sobre ela someténdose ás regras de competencia e procedemento.
Especialmente son competencias da Asemblea Xeral as seguintes:
1. Modificar estes estatutos e aprobar os regulamentos que sexan necesarios para o desenvolvemento e a organización da Federación tras o sometemento á Asemblea Xeral.
2. Elixir mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto, o presidente ou presidenta e a Comisión Delegada da Federación Galega, así como o cesamento e a moción de censura ao presidente ou presidenta.
3. Aprobar o balance, as contas, orzamentos e memorias que se deben formalizar segundo as disposicións vixentes.
4. Resolver as propostas que en forma sexan presentadas á Asemblea.
5. Aprobar os programas e calendarios deportivos anuais que deberá desenvolver a Federación Galega, así como as bases e os regulamentos que rexerán as competicións, tras o sometemento á Asemblea Xeral.
6. Aprobar a creación de órganos territoriais da Federación Galega.
7. Aprobar o Regulamento de Eleccións á Asemblea, presidente ou presidenta e Comisión Delegada da Federación Galega tras o sometemento á Asemblea Xeral.
8. Aprobación do Regulamento de disciplina deportiva tras o sometemento á Asemblea Xeral.
9. Calquera outra competencia da Federación Galega que non estea expresamente atribuída por estes estatutos a outro órgano.
10. Incoar expedientes e aprobar as sancións oportunas segundo os estatutos.
Artigo 48
As reunións da Asemblea Xeral axustaranse ao seguinte réxime:
1. A Asemblea Xeral poderá ser convocada, constituírse e adoptar acordos de xeito presencial ou por medios electrónicos.
A) A Asemblea Xeral reunirase unha vez ao ano, necesariamente antes de comezar a nova tempada deportiva, en sesión ordinaria para os fins da súa competencia e, como mínimo, para a aprobación do novo orzamento, aprobación do calendario deportivo e das bases e regulamentos que rexerán a competición, e para a aprobación da memoria de actividades anuais. O novo orzamento e a memoria deberán ser aprobados durante o último trimestre do exercicio económico e remitidos á Administración deportiva competente da Xunta de Galicia no prazo dun mes desde a súa aprobación.
Así mesmo, reunirase en sesión ordinaria para a liquidación do orzamento da tempada anterior.
A Asemblea Xeral será convocada pola persoa titular da Presidencia da Federación Galega por iniciativa propia ou por instancia razoada da cuarta parte das súas persoas membros e cun mínimo de trinta días naturais de antelación á data da súa realización, no taboleiro de anuncios da Federación Galega, así como nas delegacións provinciais e, de ser o caso, delegacións comarcais, e deberá incluír necesariamente os puntos da orde do día que se van tratar. En todo caso, notificarase individualmente a cada unha das persoas membros da Asemblea por calquera método que permita ter constancia da data da súa recepción, cunha antelación mínima de 48 horas; a notificación efectuarase ao enderezo postal ou electrónico que conste na Federación Galega, trinta (30) días antes da data de convocatoria, de xeito ordinario.
Os defectos formais na convocatoria non darán lugar á nulidade da Asemblea, sempre e cando as súas persoas membros recibisen a convocatoria coa orde do día no prazo establecido. En todo caso, a Asemblea será válida, sen necesidade de ningún outro requisito, sempre e cando concorra a ela a totalidade das persoas membros.
B) As demais reunións da Asemblea Xeral terán carácter de extraordinarias e serán convocadas:
b1) Polo presidente ou presidenta, con quince (15) días de antelación.
b2) Por proposta de, polo menos, o 25 % das persoas membros da Asemblea, cos mesmos requisitos previstos para a asemblea ordinaria. Presentada a solicitude de convocatoria por un número de persoas membros suficiente, o/a presidente/a deberá convocala necesariamente no prazo de dez días naturais seguintes. Desde a convocatoria ata a data de realización da asemblea non poderán transcorrer máis de vinte días naturais. Na solicitude deberán indicarse os puntos que comporán a orde do día. A convocatoria non poderá conter ningún outro punto distinto dos da solicitude.
C) A Asemblea quedará validamente constituída cando concorran á primeira convocatoria a metade máis un das persoas membros ou na segunda convocatoria, que terá lugar media hora máis tarde, 15 minutos no caso de xuntanzas telemáticas, calquera que sexa o número das persoas membros asistentes.
D) A Asemblea Xeral será presidida pola persoa titular da presidencia da Federación Galega de Tríatlon ou quen a substitúa, e actuará como persoa secretaria quen o sexa da Federación Galega. Os acordos adoptaranse por maioría simple. No caso de empate, será decisorio o voto da persoa titular da presidencia. Porén, cando se trate de decisións sobre compra ou alleamento de bens inmobles, ou operacións económicas que supoñan un 25 % máis do orzamento da Federación Galega, así como a modificación destes estatutos, será precisa a maioría dos dous terzos das súas persoas membros.
Para os efectos de cómputo de quorum e maiorías, cando estes se conformen co número inexacto de asembleístas. computaranse sempre por exceso e con referencia ao número daqueles efectivamente existentes como persoas membros da Asemblea, descontadas as vacantes.
E) A Presidencia poderá acordar a realización de reunións por medios electrónicos. O dito acordo seralles notificado ás persoas membros da Asemblea Xeral e especificará:
a. O medio electrónico polo cal se remitirá a convocatoria.
b. O medio electrónico polo cal se realizará a reunión.
c. O medio electrónico polo cal se poderá consultar a documentación relativa aos puntos da orde do día e o tempo durante o cal estará dispoñible a información.
d. O modo de participar en debates e deliberacións e o período durante o cal terá lugar.
e. O medio de emisión do voto e o período durante o cal se poderá consultar.
f. O medio de difusión das actas das sesións e o período durante o cal se poderán consultar.
g. O sistema garantirá a seguridade, integridade, confidencialidade e autenticidade da información, e para iso establecerase un servizo de acceso restrinxido.
h. O resto do funcionamento, prazos e quorum das xuntanzas por medios electrónicos rexerase polo establecido nos puntos anteriores para as asembleas xerais ordinarias e extraordinarias.
Artigo 49
Non será admisible de ningún modo para a formación da vontade dos órganos colexiados da Federación Galega, nin para o establecemento do seu quórum, o voto por correo nin a delegación do voto, polo que será precisa a presenza física das súas persoas membros. Exceptúanse as eleccións das persoas membros da Asemblea Xeral, se así se aproba no Regulamento Electoral.
En representación dos clubs acudirá a persoa titular da súa presidencia ou persoa en quen se delegue documentalmente de acordo aos seus estatutos.
Ninguén poderá exercer na Asemblea Xeral máis dunha delegación de voto.
Artigo 50
As votacións no seo da Asemblea realizaranse na forma e pola orde que estableza a Presidencia, e será esta a que decidirá se serán ordinarias, nominais ou secretas. Se, polo menos, o 25 % dos asistentes solicita unha modalidade determinada, a forma de votación decidirase por maioría simple das persoas membros da Asemblea Xeral.
Artigo 51
De todos os acordos adoptados en asemblea xeral ou comisión delegada levantará a acta a persoa titular da secretaría delas, que especificará o nome das persoas que interveñan e as demais circunstancias que se consideren oportunas, o contido dos acordos adoptados, os resultados das votacións e, de ser o caso, os votos particulares contrarios ao acordo.
Artigo 52
Os acordos da Asemblea Xeral e da Comisión Delegada serán vinculantes e de obrigado cumprimento para a totalidade dos órganos, persoas e entidades que integran a Federación Galega, e terán forza executiva a partir da data da súa adopción, excepto en materia sancionadora, en que só serán executivas cando sexan firmes.
CAPÍTULO III
Comisión Delegada
Artigo 53
No seo da Asemblea Xeral deberá constituírse unha comisión delegada, que terá carácter electivo e será un órgano de goberno e representación da Federación.
A Comisión Delegada será elixida pola Asemblea Xeral nos termos establecidos na normativa electoral vixente de aplicación.
O presidente ou presidenta da Federación convocará a Comisión Delegada, que se reunirá, como mínimo, cada catro meses para os fins das súas competencias e, polo menos, para realizar o seguimento da xestión deportiva e económica da Federación.
Poderán realizarse reunións da Comisión Delegada mediante utilización de medios electrónicos nos termos indicados nestes estatutos para a convocatoria, constitución e realización de sesións do Pleno da Asemblea Xeral.
Son competencias da Comisión Delegada:
a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.
b) A modificación dos calendarios deportivos tras o sometemento á Asemblea Xeral.
c) A modificación dos orzamentos e dos regulamentos tras o sometemento á Asemblea Xeral.
d) O seguimento da xestión económica e deportiva da Federación.
As modificacións non poderán exceder os límites e criterios que a propia Asemblea Xeral estableza.
A proposta dos temas que se van tratar na Comisión correspóndelle exclusivamente ao presidente ou á presidenta da Federación ou aos dous terzos das persoas integrantes dela.
CAPÍTULO IV
O presidente ou presidenta
Artigo 54
O presidente ou presidenta da Federación Galega de Tríatlon é o órgano executivo desta. Exerce a súa representación legal, convoca e preside os órganos de goberno e representación, e executa os seus acordos. Outorga os poderes de representación e administración que sexan precisos e exerce a dirección superior da Administración federativa.
O presidente ou presidenta da Federación Galega nomeará e cesará as persoas membros dos órganos xurisdicionais da Federación Galega, así como as persoas titulares da presidencia das delegacións provinciais e do Comité Galego de Oficiais, Xuíces e Xuízas, a persoa titular da Dirección Técnica ou Seleccionadora, así como ao persoal ao servizo da Federación e a súa estrutura.
Artigo 55
A duración do cargo de presidente ou presidenta será o establecido na normativa electoral de aplicación.
No caso de que, excepcionalmente, quede vacante a Presidencia antes de que transcorra o prazo para o cal a persoa titular fose elixida, considerarase dimisionaria toda a Xunta Directiva e constituirase a Comisión Delegada na Comisión Xestora, presidida pola persoa membro de maior idade. Convocará a Asemblea Xeral e esta acordará unha nova elección de presidente ou presidenta para cubrir a vacante polo tempo que falte ata a terminación do prazo correspondente ao mandato ordinario. Se a vacante se produce por prosperar unha moción de censura, observarase o disposto no artigo 58 destes estatutos.
Artigo 56
O desempeño do cargo de presidente ou presidenta rexerase pola lexislación vixente e será incompatible coas seguintes actividades:
a) Ocupación de cargos directivos noutras federacións deportivas; exceptúase a Federación Española da mesma modalidade deportiva.
b) Desenvolvemento de actividades ou desempeño de cargos en clubs ou entidades deportivas integradas na Federación Galega.
c) A persoa que resulte elixida como presidente ou presidenta da Federación Galega deberá cesar en todo tipo de actividades directivas e técnicas no deporte de tríatlon e no ámbito territorial da Federación.
Non existirá incompatibilidade, en ningún caso, coa práctica activa do tríatlon
Artigo 57
O presidente ou presidenta cesarán por:
a) Transcurso do mandato para o cal se elixise
b) Dimisión.
c) Incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.
d) Aprobación dunha moción de censura pola Asemblea Xeral.
e) Incorrer en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade. Neste último caso, disporá do prazo dun mes para cesar no posto que resulte incompatible co da Presidencia.
f) Por sanción firme.
Artigo 58
A moción de censura ao presidente ou presidenta axustarase ao establecido na lexislación electoral vixente.
TÍTULO III
Órganos complementarios aos de goberno e representación
Artigo 59
Son órganos complementarios dos de goberno e representación da Federación, para asistir a Presidencia:
a) A Xunta Directiva.
b) O secretario ou secretaria xeral.
c) O tesoureiro ou tesoureira.
Artigo 60
A Xunta Directiva é o órgano colexiado ao cal corresponden a xestión e administración da Federación Galega, así como a execución e o cumprimento dos acordos da Asemblea. O número dos seus nembros non poderá ser inferior a cinco (5) nin superior a quince (15). As persoas membros da Xunta Directiva serán nomeadas e revogadas libremente pola persoa titular da presidencia.
O presidente ou presidenta elixirá entre as persoas membros da súa xunta directiva un máximo de dúas vicepresidencias, que o serán tamén da Federación, as cales substituirán o presidente ou presidenta por delegación, imposibilidade física ou ausencia temporal: un secretario ou secretaria que, pola súa vez, o será da Federación, así como un tesoureiro ou tesoureira. Tales cargos, baseados na confianza, poderán ser removidos pola persoa titular da presidencia cando o considere mester.
Serán persoas membros natas da Xunta Directiva da Federación, salvo renuncia expresa, as persoas que ocupen a presidencia das delegacións provinciais en que se estrutura a Federación Galega.
As persoas membros da Xunta Directiva que non o sexan da Asemblea Xeral terán acceso a ela, con voz pero sen voto.
Todos os cargos son honoríficos e, no caso de establecerse algunha compensación económica a favor de persoa membro da Xunta Directiva, deberá ser expresamente acordada por maioría absoluta pola Asemblea Xeral e constar dunha forma diferenciada no orzamento xeral. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a Federación Galega.
2. O/a presidente/a da Federación nomeará un/unha secretario/a, quen exercerá as funcións de fedatario/a e asesor/a, e, máis especificamente, de:
a) Levantar as actas das sesións dos órganos de goberno e representación da Federación, con indicación dos asistentes, os temas tratados, o resultado das votacións e, de ser o caso, os votos particulares contrarios ao acordo adoptado.
b) Expedir as certificacións oportunas das actas dos órganos de goberno e representación.
c) Remitirlle ao órgano competente da Administración deportiva autonómica a documentación necesaria e nos prazos establecidos pola normativa aplicable.
d) Proporcionarlles toda a información precisa aos órganos de goberno e representación da Federación para o bo desenvolvemento das súas misións. Preparar a memoria anual das actividades realizadas e levar os libros de actas, o Rexistro de Entradas e Saídas e o Rexistro de Clubs e Entidades Afiliadas.
e) Custodiar as actas e os arquivos da Federación
f) Controlar e fiscalizar internamente a xestión económico-financeira e o orzamento, así como a contabilidade e a tesouraría no caso de non existir a figura de tesoureiro ou tesoureira.
g) Cantas outras funcións lle poidan ser encomendadas polos estatutos e regulamentos da Federación ou lle sexan delegadas polo presidente ou presidenta.
3. O tesoureiro ou tesoureira da Federación Galega é o órgano da administración desta:
Como funcións propias exercerá as seguintes:
a) Levar e controlar a contabilidade da Federación Galega, así como os libros contables, segundo a lexislación vixente.
b) Cobrar e pagar todo o relacionado coa Federación.
c) Regulamentar o aspecto económico e realizar a inspección económica de todos os órganos da Federación.
d) Propor a adquisición dos bens necesarios.
e) Informar da situación dos asuntos pendentes e propor as medidas que considere precisas. Confeccionar o balance de contas e orzamentos anuais para a súa presentación á Asemblea Xeral.
f) Elaborar e presentar informes á Comisión Delegada do estado contable da Federación.
g) Supervisar os pagamentos e toda clase de documentos bancarios.
Artigo 61
Para ser persoa membro da Xunta Directiva non será preciso formar parte da Asemblea Xeral.
Artigo 62
As persoas membros da Xunta Directiva cesarán polas seguintes causas:
a) Vacante na Presidencia da Federación, sen prexuízo da súa conversión na Comisión Xestora nos casos previstos nos estatutos.
b) Dimisión.
c) Incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do cargo.
d) Por incorrer en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade.
e) Cesados directamente pola persoa titular da presidencia.
f) Por sanción firme de inhabilitación.
Artigo 63
A Xunta Directiva, como órgano colaborador do/da presidente ou presidenta, non terá competencias propias, exercerá por delegación aquelas que lle encomende o presidente ou presidenta, as cales poderá revogar en calquera momento
Artigo 64
Os asuntos ordinarios de trámite serán despachados pola persoa titular da presidencia e a persoa titular da secretaría da Federación.
Artigo 65
Responsabilidade dos órganos de representación. Responsabilidade do presidente ou presidenta e persoa membro da Xunta Directiva da Federación Galega de Tríatlon.
1. Os presidentes ou presidentas e as persoas membros da Xunta Directiva ou dos órganos de dirección que se poidan establecer estatutariamente serán persoalmente responsables fronte á propia Federación, fronte ás súas persoas membros e fronte a terceiros:
1.1. Das obrigas contraídas pola Federación e que non teñan ou tivesen o adecuado respaldo contable, non figuren nas contas presentadas ou aprobadas, ou que sexan obxecto dunha contabilización que non reflicte a natureza e o alcance da obriga en cuestión, e que realice distorsión da imaxe fiel que debe producir aquela.
1.2. Das obrigas contraídas contra a prohibición expresa doutros órganos federativos competentes ou da Administración autonómica, así como das obrigas que impliquen un déficit non autorizado ou fóra dos límites da autorización.
2. A responsabilidade descrita no punto anterior poderase exixir no caso de existencia de dolo ou culpa na actuación dos suxeitos responsables. En todo caso, quedarán exentos de responsabilidade aqueles que votasen en contra do acordo ou non interviñesen na súa adopción ou execución, ou aqueles que o descoñecesen ou, coñecéndoo, se opuxesen expresamente.
3. A responsabilidade regulada neste artigo e independente da responsabilidade disciplinaria en que poida incorrer, e que se exixirá conforme as disposicións legais vixentes.
4. A responsabilidade penal rexerase polo establecido nas leis penais.
TÍTULO IV
Órganos técnicos e asesores
CAPÍTULO I
Comités en xeral
Artigo 66
A Federación Galega de Tríatlon poderá crear, logo de aprobación pola Asemblea Xeral, cantos comités técnicos precise, ademais dos seguintes:
a) Comité de Competición e Disciplina Deportiva.
b) Comité de Oficiais, Xuíces e Xuízas.
c) Comité de Relacións Exteriores.
d) Comité de Actividades.
e) Comité Técnico.
f) Comité de Promoción.
g) Comité Deportivo.
Todos os presidentes e presidentas dos comités serán nomeados polo presidente ou presidenta da Federación Galega. O secretario ou secretaria intervirá como secretario ou secretaria de todos os comités, sen voz e sen voto, salvo que sexa membro deles.
Os comités rexeranse polos seus respectivos regulamentos internos e, de ser o caso, pola normativa nacional unificada e emanada da Federación Española de Tríatlon, pola lexislación aplicable e polo disposto nestes estatutos.
CAPÍTULO II
Disciplina deportiva
Artigo 67
1º) A Federación Galega de Tríatlon en materia de disciplina deportiva ten potestade sobre todas as persoas que formen parte da súa estrutura orgánica, os clubs, as persoas deportistas, técnicas e directivas, as persoas oficiais, xuíces e xuízas e, en xeral, todas aquelas persoas que, estando federadas, desenvolvan a actividade que constitúe o seu obxecto social no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
2º) Ámbito de aplicación: a xurisdición deportiva esténdese ao coñecemento e á resolución das cuestións que en materia xurídico-deportiva se susciten nos ámbitos disciplinario, organizativo e de competición, electoral e administrativo-deportivo.
Artigo 68
A potestade disciplinaria que lle corresponde á Federación Galega de Tríatlon exercerase:
a. En primeira instancia, polo Comité de Competición e Disciplina Deportiva, constituído no seo da Federación Galega, integrado por un xuíz ou xuíza único, que será auxiliado por un secretario ou secretaria pertencente á Federación Galega. Será o encargado de coñecer e de resolver os casos que se lle formulen segundo a súa competencia.
b. En segunda instancia, polo Comité de Apelación, integrado por un xuíz ou xuíza único/a, que posuirá a licenciatura en Dereito. Será a persoa encargada de coñecer e resolver os recursos que se lle formulen contra as resolucións do Comité de Competición e Disciplina Deportiva.
Ambos os órganos serán nomeados pola Asemblea Xeral, por proposta da persoa titular da presidencia, e a duración do cargo coincidirá coa da Asemblea Xeral que os nomease.
Ambos os órganos se rexerán polo disposto na lexislación vixente, nestes estatutos e pola propia regulación federativa que os desenvolve.
A composición destes comités seralle comunicada ao órgano competente da Administración deportiva autonómica.
Artigo 69
Todo o relativo ao réxime disciplinario da Federación Galega de Tríatlon, tipificación de faltas e sancións, competencias dos seus órganos disciplinarios e normas de procedemento será establecido regulamentariamente de conformidade co disposto nas normas legais vixentes.
Artigo 70
Os actos e acordos do Comité de Competición e Disciplina poderán impugnarse ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva, de acordo, en cada caso, coa normativa vixente.
CAPÍTULO II
Comité de Oficiais, Xuíces e Xuízas
Artigo 71
O Comité Galego de Oficiais, Xuíces e Xuízas é o órgano técnico subordinado á disciplina da Federación Galega de Tríatlon, que se debe ocupar da captación, o ensino e a organización dos oficiais, xuíces e xuízas no ámbito galego.
O Comité Galego de Oficiais, Xuíces e Xuízas adoptará a estrutura territorial da Federación Galega de Tríatlon.
Artigo 72
Serán funcións deste comité:
a) Establecer os niveis de formación arbitral.
b) Clasificar tecnicamente os oficiais, xuíces e xuízas en función de criterios prefixados pola Asemblea Xeral, propoñéndolle á Xunta Directiva a adscrición ás categorías correspondentes. Estas clasificacións seranlle comunicadas á Asemblea Xeral.
c) Propor as persoas candidatas a oficiais, xuíces e xuízas de categorías nacionais.
d) Propoñer á Xunta Directiva as normas administrativas que regulan a arbitraxe para a súa posterior aprobación pola Asemblea Xeral.
e) Propor ás persoas oficiais, xuíces e xuízas nas competicións oficiais do ámbito galego.
f) Colaborar cos órganos competentes da Federación.
CAPÍTULO IV
Comité de Relacións Exteriores
Artigo 73
O Comité de Relacións Exteriores terá como función fundamental a organización e dirección das seleccións galegas, así como as relacións nacionais e internacionais.
CAPÍTULO V
Comité de Actividades
Artigo 74
O Comité de Actividades terá ao seu cargo o estudo, a organización, supervisión, dirección e o control das competencias.
CAPÍTULO VI
Comité Técnico
Artigo 75
O Comité Técnico terá como función fundamental a planificación, confección e o desenvolvemento dos programas relacionados co tríatlon, coas escolas de deportistas, persoas adestradoras e árbitras, así como aquelas cuestións técnicas que sexan necesarias, como os clinics, cursos superiores, concentracións, perfeccionamento das persoas deportistas, adestradoras e todas as demais cuestións técnicas que sexan necesarias.
CAPÍTULO VII
Comité de Promoción
Artigo 76
O Comité de Promoción terá como función fundamental a promoción do tríatlon, a proposta de creación de federacións zonais, escolas de tríatlon, guías locais e zonais, así como de todas as categorías que se poidan crear dentro da orientación educativa preceptiva, o asesoramento para a instalación de novas pistas polideportivas e todas aquelas cuestións que sexan propias, como as campañas de captación e divulgación do tríatlon.
Artigo 77
Regulamentariamente, poderá regularse o funcionamento, composición e competencias dos distintos comités.
CAPÍTULO VIII
Comité Deportivo
Artigo 78
Terá como función o asesoramento sobre organización de probas deportivas (seguridade, calidade, etc).
TÍTULO V
Réxime electoral
CAPÍTULO I
Os censos
Artigo 79
Comporán os censos correspondentes a cada estamento electoral todas as persoas membros da Federación Galega de Tríatlon que reúnan os requisitos establecidos para cada estamento nestes estatutos e no Regulamento electoral.
CAPÍTULO II
Regulamento electoral
Artigo 80
Os procesos electorais desenvolveranse conforme o establecido pola normativa electoral de aplicación.
1. Número de persoas membros da Asemblea Xeral.
2. Calendario electoral.
3. Censo electoral.
4. Circunscrición electoral.
5. Regulación do voto por correo.
6. Composición, competencias e funcionamento da Xunta Electoral.
7. Requisitos para a presentación e proclamación de candidatos a presidente ou presidenta e persoa membro da Asemblea Xeral.
8. Procedemento de resolución de conflitos, impugnacións e reclamacións, así como de recursos electorais.
9. Composición, competencia, funcionamento e localización das mesas electorais.
10. Elección de presidente ou presidenta.
11. Elección da Comisión Delegada.
O Regulamento electoral deberá ser aprobado polo órgano competente da administración autonómica.
CAPÍTULO III
A Comisión Xestora
Artigo 81
Acordada a convocatoria de eleccións pola Asemblea Xeral e aprobado o Regulamento electoral, o presidente ou a presidenta procederá, no prazo sinalado nel, á convocatoria de eleccións á Asemblea Xeral. A partir dese momento, constituirase a Comisión Xestora de acordo co establecido na lexislación electoral vixente.
As competencias da Comisión Xestora e a súa duración serán as establecidas na lexislación electoral vixente.
Artigo 82
A circunscrición será autonómica no ámbito de todo o territorio da Federación Galega de Tríatlon.
CAPÍTULO IV
Xunta Electoral
Artigo 83
A Xunta Electoral estará integrada por tres persoas titulares e tres suplentes, que serán elixidas e designadas pola Asemblea Xeral na mesma sesión en que se aproba o Regulamento electoral, elixidas por sorteo entre as persoas que presenten a súa candidatura a membros da Xunta Electoral. De non existiren candidaturas, serán designadas pola Comisión Delegada no prazo de tres días hábiles desde a realización da dita asemblea.
As persoas membros da Xunta Electoral elixirán entre elas as persoas que desempeñen a presidencia e a secretaría. Na súa falta, exercerá a presidencia da Xunta Electoral a persoa membro elixida de maior idade, e a secretaría a de menor idade.
As persoas membros da Xunta deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Ser maiores de 18 anos.
b) Ter, cando menos, o título de bacharelato superior ou equivalente.
c) Non formar parte dos órganos de goberno da Federación, nin da Comisión Xestora, nin desempeñar postos directivos na Federación.
d) Non presentarse como candidatas a persoas membros da Asemblea Xeral. No suposto de presentarse como candidato a membro da Asemblea Xeral ou a presidente/a da Federación, cesará no seu posto na Xunta Electoral e será substituído/a polo/a suplente.
e) Non estar cumprindo sanción disciplinaria firme ou sanción administrativa firme en materia deportiva que comporte sanción de inhabilitación para ocupar cargos nunha organización deportiva.
f) Aceptar expresamente o cargo de membro da Xunta Electoral.
A Xunta Electoral terá as seguintes funcións:
a) Velar polo axuste a dereito do proceso electoral dos órganos de goberno e representación federativos.
b) Organizar os procesos das eleccións para a Asemblea Xeral e presidente/a da Federación, segundo o disposto neste regulamento electoral.
c) Designar as mesas electorais de conformidade co previsto neste regulamento electoral.
d) Proclamar as candidaturas a membros da Asemblea Xeral e á Presidencia que reúnan os requisitos exixidos.
e) Garantir a exposición de censos, candidaturas e outros documentos segundo se estableza neste regulamento electoral.
f) Coñecer e pronunciarse, en primeira instancia, sobre as reclamacións que se presenten en materia electoral. A Xunta Electoral esta obrigada a resolver expresamente e no prazo concedido para o efecto todas as reclamacións que se formulen.
g) Custodiar a documentación correspondente a todo o proceso electoral, excepto o que non lle corresponda do procedemento do voto por correo, ata a súa finalización, que será cando remate o prazo para a impugnación da toma de posesión da Presidencia da Federación.
As decisións da Xunta Electoral tomaranse por maioría de votos e non será admisible a abstención. Unha vez finalizada a votación e a súa recontaxe, levantará a correspondente acta que lle remitirá ao órgano competente da Administración deportiva autonómica nun prazo máximo de tres días.
O mandato dos membros da Xunta Electoral será ata a convocatoria do seguinte proceso electoral, e as eventuais vacantes que se produzan serán cubertas polo mesmo procedemento e cunha duración polo tempo restante ata a convocatoria do seguinte proceso electoral.
CAPÍTULO V
Mesas electorais
Artigo 84
Para a elección dos distintos estamentos da Asemblea Xeral do presidente ou presidenta e da Comisión Delegada constituirase un mínimo de dúas (2) mesas electorais presenciais máis a do voto por correo, de acordo co establecido no Regulamento electoral. As persoas membros destas mesas non poderán ser candidatas e axustaranse no seu funcionamento ás normas que se establezan no Regulamento electoral
Artigo 85
As reclamacións e impugnacións que se presenten contra calquera acto electoral dirixiranse á Xunta Electoral e, contra o que esta resolva, caberá recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva. Así mesmo, caberá recurso ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva contra todos os actos, acordos ou resolucións da Xunta Electoral ou de calquera outro órgano ou membro da Federación en materia electoral.
CAPÍTULO VI
Eleccións á Asemblea Xeral
Artigo 86
As persoas membros da Asemblea Xeral serán elixidas cada catro anos coincidindo cos Xogos Olímpicos de Inverno, mediante sufraxio libre, secreto, igual e directo, entre e polos compoñentes dos distintos estamentos da Federación.
2. As eleccións á Asemblea Xeral serán acordadas por esta, que aprobará a convocatoria con todos os requisitos que se establezan no Regulamento electoral que, así mesmo, aprobe a Administración competente.
3. Acordada pola Asemblea Xeral a convocatoria de eleccións, o acordo será formalmente executado polo presidente ou presidenta da Federación, quen a asinará.
4. Desde a convocatoria das eleccións constituirase a Comisión Xestora, de acordo co establecido na lexislación electoral vixente.
Artigo 87
Para ser persoa candidata a persoa membro da Asemblea Xeral requirirase o cumprimento dos requisitos establecidos para ser persoa electora ou elixible de acordo á lexislación vixente e será determinado no Regulamento electoral.
Artigo 88
As eleccións á Asemblea Xeral realizaranse para cada un dos postos correspondentes aos estamentos integrantes dela, de acordo co previsto nestes estatutos, no Regulamento electoral e nas demais normas aplicables
Artigo 89
Os representantes dos clubs e entidades deportivas na Asemblea Xeral serán elixidos por e entre os clubs e entidades deportivas inscritas no Rexistro de Asociacións Deportivas e Deportistas de Galicia e na Federación no momento da convocatoria electoral, que cumpran os demais requisitos previstos pola normativa autonómica de aplicación.
Artigo 90
As persoas representantes dos deportistas na Asemblea Xeral serán elixidas entre deportista maiores de 18 anos, con licenza en vigor no momento da convocatoria, que cumpran os demais requisitos previstos na normativa autonómica de aplicación
Artigo 91
As persoas representantes do estamento de técnicos-persoas adestradoras, organizadores e do colectivo de oficiais, xuíces e xuízas na Asemblea Xeral serán elixidas por e entre as pertencentes a cada un deses estamentos, maiores de 18 anos, con licenza en vigor, que cumpran os demais requisitos previstos na normativa autonómica de aplicación.
CAPÍTULO VII
Elección do/da presidente/a
Artigo 92
Unha vez concluídas as eleccións á Asemblea Xeral, o presidente ou a presidenta da Comisión Xestora, logo de acordo desta, procederá inmediatamente á convocatoria da dita asemblea para elixir o presidente ou a presidenta e a Comisión Delegada da Federación Galega.
O presidente ou a presidenta será elixido ou elixida por un período de catro anos, coincidindo cos anos en que se celebren os Xogos Olímpicos de Inverno, pola Asemblea Xeral mediante sufraxio, libre, directo, igual e secreto polas persoas membros da Asemblea Xeral, logo da presentación e aceptación das candidaturas correspondentes, entre aquelas que cumpran os requisitos que establece a normativa electoral vixente.
Artigo 93
Será elixida/o presidenta ou presidente a persoa candidata que cumpra co establecido na normativa electoral vixente.
Artigo 94
Para poder ser persoa candidata a presidente ou presidenta da Federación Galega de Tríatlon deberán reunirse os requisitos establecidos na normativa electoral vixente.
Artigo 95
A votación será libre, igual secreta e directa e non se admitirá voto por correo nin por delegación de persoas físicas.
CAPÍTULO VIII
Elección da Comisión Delegada
Artigo 96
Na mesma asemblea xeral convocada para a elección de presidente o presidenta, e unha vez realizada esta, procederase á elección das persoas membros da Comisión Delegada pola Asemblea Xeral.
A composición da Comisión Delegada realizarase con base no establecido pola normativa electoral vixente.
TÍTULO VI
Réxime económico
Artigo 97
A Federación Galega de Tríatlon terá un réxime de administración, orzamento e patrimonio propio, e gozará de plena autonomía.
O orzamento de ingresos e gastos anuais realizarase de acordo co principio de caixa única.
O tesoureiro ou tesoureira someterá á Asemblea Xeral, para a súa aprobación, o orzamento correspondente ao seguinte exercicio económico, que se deberá remitir ao órgano competente da Administración autonómica no prazo dun mes desde a súa aprobación. Así mesmo, someterá á Asemblea Xeral, para a súa aprobación, a liquidación do orzamento do exercicio económico anterior.
Salvo autorización expresa da Administración deportiva da Xunta de Galicia, non se poderá aprobar un orzamento deficitario.
Tampouco se poderán repartir beneficios entre as persoas membros da Federación Galega.
Artigo 98
A Federación Galega de Tríatlon elaborará unha memoria na cal analizará fielmente a súa actividade económica, a súa adecuada actuación orzamentaria e o cumprimento dos seus obxectivos e os proxectos que se van desenvolver, e informará separadamente sobre os seguintes aspectos:
1. Diferenciación entre ingresos e achegas segundo a seguinte desagregación:
a) Subvencións públicas.
b) Subvencións, donativos e achegas privadas.
c) Vendas de activos.
d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.
e) Ingresos para servizos prestados pola Federación, permisos, licenzas, inscricións, afiliacións, fichas e outros que se establezan, logo de aprobación pola Asemblea.
f) Ingresos financeiros.
2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos, distinguiranse, como mínimo, os seguintes grupos de custo ou investimentos.
a) Administración da Federación.
b) Dirección ou servizos da Directiva, incluíndo viaxes.
c) Competicións.
d) Axudas a clubs e entidades.
e) Axudas para actos deportivos.
f) Construcións e outros inmobilizados.
g) Formación de deportistas e persoas técnicas.
h) Deportes de elite profesional.
i) Oficiais, xuíces e xuízas.
j) Órganos disciplinarios.
k) Manter as federacións zonais.
3. O importe das obrigas de pagamento que sexa necesario satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.
4. O importe das garantías e dos avais comprometidos.
5. A liquidación dos orzamentos que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea xeral anterior.
Artigo 99
As contas anuais e os orzamentos deberán estar no domicilio social da Federación Galega cunha antelación mínima de quince (15) días ao da data de realización da asemblea xeral á disposición das persoas, clubs ou entidades con dereito a voto nela, as cales poderán pedir copia que lles será entregada antes da realización da asemblea de forma presencial ou electrónica.
Artigo 100. Procedencia do patrimonio da Federación
Constitúen os ingresos da Federación Galega de Tríatlon os seguintes:
a) As subvencións que poida recibir do Estado, Xunta de Galicia, Federación Española de Tríatlon, deputacións, concellos ou calquera outra entidade pública ou privada.
b) Os ingresos obtidos por afiliacións, inscricións, licenzas, servizos ou outros ingresos que se establezan, logo de aprobación polos órganos correspondentes.
c) A participación que se poida fixar nos ingresos de todo tipo que teñan as asociacións, agrupacións, clubs e resto de entidades, logo de aprobación pola Asemblea Xeral.
d) O importe das sancións e multas que se produzan como consecuencia das competicións que a Federación organice e con ocasión do exercicio da potestade disciplinaria.
e) O beneficio que se obteña por calquera concepto e que se produza en actos, encontros e competicións que se organicen.
f) Os donativos, subvencións e outros ingresos que deriven do exercicio da actividade propia da Federación.
g) Os préstamos ou créditos que se lle concedan.
h) Os procedentes de calquera actividade legal que, a título lucrativo ou pola explotación ou arrendamento dos bens, se produzan en favor da Federación.
Artigo 101. Destino do patrimonio da Federación
A totalidade de ingresos e do patrimonio da Federación Galega de Tríatlon deberá ser destinada á consecución dos fins propios do seu obxecto social e, en particular, á promoción e ao ensino do tríatlon.
Artigo 102
En consonancia co disposto no artigo 60.3 anterior, a xestión económica ordinaria da Federación será por conta do/da tesoureiro/a, baixo a dirección do/da presidente/a, coidando das operacións de cobramentos e pagamentos. Autorizará coa súa sinatura mancomunada coa do presidente ou presidenta, ou coa do/da vicepresidente ou vicepresidenta autorizados, todos os documentos de movementos de fondos. Será responsable de levar e custodiar os libros contables e formular os balances que, anualmente, se deberán presentar á Asemblea Xeral para súa aprobación.
No suposto de ausencia do tesoureiro ou tesoureira, será o presidente ou a presidenta da Federación Galega de Tríatlon a persoa responsable do exercicio das funcións propias daquel/a, as cales poderá delegar na persoa que considere oportuno.
Artigo 103
O exercicio económico comeza o día 1 de xaneiro e remata o 31 de decembro.
Artigo 104
De acordo co establecido na lexislación vixente será necesaria a autorización da Administración autonómica para a venda ou ogravame dos bens inmobles da súa titularidade. Así mesmo, tamén se requirirá igual autorización cando se pretenda comprometer gastos de carácter plurianual ou cando a natureza do gasto, ou a porcentaxe deste en relación co seu orzamento, vulneren os criterios que regulamentariamente determinen.
TÍTULO VII
Réxime documental
Artigo 105
A Federación Galega de Tríatlon levará, como mínimo, os seguintes libros debidamente dilixenciados:
a) Libro rexistro de entrada e saída de documentos e comunicacións
b) Libro rexistro de clubs, no cal constarán a denominación destes, o domicilio social e o número de inscrición no Rexistro de clubs, federacións e entidades deportivas da Xunta de Galicia.
c) Libros de actas que consignarán as reunións que realicen todos os órganos colexiados da Federación, tanto de goberno e representación como complementarios e técnicos.
d) Libros de contabilidade.
e) Libro inventario de bens mobles e inmobles.
O Rexistro de persoas membros da Asemblea Xeral e da Comisión Delegada, no cal deberán constar os nomes dos titulares ou representantes legais e os domicilios para citacións e comunicacións.
Artigo 106
En consonancia co previsto no artigo 60.2 anterior, o réxime documental da Federación Galega de Tríatlon será por conta do secretario ou secretaria a quen lle corresponde a custodia dos libros da Federación, levantar as actas das reunións dos órganos colexiados e, unha vez aprobadas, asinalas co visto e prace do presidente ou da presidenta, expedir certificacións, remitirlle as certificacións e os acordos que procedan ao órgano competente da Administración deportiva autonómica e, en xeral, preparar a resolución e o despacho de todos os asuntos.
En caso de ausencia ou imposibilidade física do propi secretario ou secretaria, as súas funcións serán desenvolvidas pola propia presidenta ou presidente da Federación Galega, ou pola persoa en quen delegue.
Todos os acordos adoptados polos órganos colexiados da Federación Galega de Tríatlon figuran recollidos nas actas e nos libros correspondentes, na Secretaría da Federación Galega de Tríatlon que dará a publicidade oportuna segundo o seu contido, ben mediante a súa colocación no taboleiro de anuncios da sede federativa, mediante a súa publicación na páxina web da Federación, mediante a remisión de circulares ou boletíns que os conteña a todas as persoas federadas ou, de ser o caso, a aquelas que poidan resultar afectadas por eles, sen prexuízo da notificación ás persoas interesadas naqueles casos que se establezan nestes estatutos.
TÍTULO VIII
Adopción de acordos, impugnación e publicidade
Artigo 107
O réxime de adopción de acordos dos órganos colexiados e o recollido anteriormente nestes estatutos.
Artigo 108. Impugnación de acordos
A orde xurisdicional civil será competente, nos termos establecidos na Lei orgánica do poder xudicial, en relación coas pretensións derivadas do tráfico xurídico privado da Federación e o seu funcionamento interno.
Os acordos e as actuacións dos órganos da Federación poderán ser impugnados por calquera persoa federada ou persoa que acredite un interese lexítimo, se os considera contrarios ao ordenamento xurídico, polos trámites do xuízo que corresponda.
As persoas federadas poderán impugnar os acordos e as actuacións da Federación que consideren contrarios aos estatutos, dentro do prazo dun mes a partir da data da súa adopción, e instar á súa rectificación ou anulación e á suspensión preventiva, de ser o caso, ou acumular ambas as pretensións polos trámites establecidos na Lei de axuizamento civil.
O orde xurisdicional contencioso-administrativa será competente en todas as cuestións que se susciten nos procedementos administrativos instruídos en aplicación da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, de conformidade coas regras establecidas na Lei orgánica do poder xudicial e na Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
TÍTULO IX
Da modificación de estatutos e da disolución
da Federación Galega de Tríatlon
Artigo 109
Os estatutos da Federación Galega de Tríatlon soamente poderán ser modificados pola Asemblea xeral e de acordo co establecido eles.
Artigo 110
A proposta de modificación dos estatutos deberá ser acordada polo presidente ou presidenta ou pola Comisión Delegada da Federación Galega de Tríatlon, e a seguir esta nomeará unha comisión técnica que realice os traballos necesarios para presentar ante a Asemblea os novos textos totais ou parciais, que se someterán a aprobación.
Aprobada a reforma de estatutos pola Asemblea Xeral, deberá ser ratificada polo órgano competente da Administración deportiva autonómica.
Artigo 111
A Federación Galega de Tríatlon extinguirase polas seguintes causas:
a) Por acordo da maioría dos dous terzos de persoaa membroa da Asemblea Xeral referendado, por maioría absoluta, por todas as persoas membros da Federación Galega de Tríatlon a través de votación libre, igual, directa e secreta.
b) Pola revogación do seu recoñecemento.
c) Por resolución xudicial.
d) Por integración ou fusión con outra federación deportiva galega.
e) Polas demais causas que determinen as leis.
Unha vez producida a liquidación, o patrimonio neto destinarase na súa totalidade a fins deportivos, de acordo cos seus propios estatutos e coa lexislación vixente.
Artigo 112
A Federación Galega de Tríatlon poderá decidir desconfederarse da Federación Española de Tríatlon se así o considera oportuno a maioría de dous terzos da súa asemblea xeral
Disposición derrogatoria e derradeira
Estes estatutos, unha vez aprobados pola Asemblea Xeral da Federación Galega de Tríatlon, entrarán en vigor na mesma data da súa sanción polo órgano competente da Xunta de Galicia e desde entón quedará derrogada toda norma que se opoña ao disposto neles e, en particular, os estatutos aprobados o 8 de febreiro de 2017, así como o Regulamento xeral de desenvolvemento destes.
