Feitos:
1. O 16.8.2023 Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. (en diante, Viesgo ou promotor) presentou, ante a Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación (actualmente Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, en diante, departamento territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada Adecuación de defecto da LAT 132 kV Carba-Tesouro no van A24838|A24781 –3095943157–, no termo municipal das Pontes de García Rodríguez (A Coruña), á cal se lle asignou o número de expediente IN407A 2023/464-1.
Con esta solicitude presentouse, ou completouse posteriormente, a seguinte documentación técnica:
• Proxecto de execución denominado Adecuación de defecto da LAT 132 kV Carba-Tesouro no van A24838|A24781 –3095943157–, asinado o 1.8.2023 polo enxeñeiro industrial Jorge Sanz Varela (colexiado número 2.803 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia –ICOIIG–) e visado por este colexio, con número 20232534 e data 24.2.2023, e no que figura un orzamento total de 25.219,54 euros.
• Separatas técnicas do proxecto de execución para as entidades afectadas: Concello das Pontes de García Rodríguez.
• Declaración responsable asinada polo técnico proxectista con data do 24.2.2023, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
• Declaración responsable asinada por Viesgo con data do 18.9.2025, en que fai constar que dispón acordos previos con todas as persoas titulares dos bens e dereitos afectados de acordo co artigo 46.e) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
• Declaración responsable asinada polo técnico proxectista con data do 22.1.2026, en que fai constar que as instalacións proxectadas non teñen que ser sometidas a ningunha avaliación de impacto ambiental, tanto ordinaria como simplificada.
A infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica proxectada ten por obxecto a corrección dunha distancia antirregulamentaria detectada na LAT 132 kV Carba-Tesouro, pertencente a Viesgo. En concreto, proxéctanse os seguintes traballos no van indicado da dita LAT, localizado nas proximidades do lugar de Mariñaleda, no concello das Pontes de García Rodríguez (A Coruña):
• Intercalar no van 3095943157, entre os apoios A24838|A24781, un novo apoio metálico tipo AG-3000-14, con armado S1551.
• Debido á colocación deste novo apoio cómpre substituír a cablaxe do citado van, substituíndo os condutores Zigolo 1x190 existentes (190 m) por condutor LA-280 (198 m). O condutor de fibra que se vai instalar (198 m) contará coas mesmas características que o existente (190 m), isto é, condutor de fibra óptica tipo OPGW-48.
2. O departamento territorial remitiulle, para a emisión do correspondente condicionado técnico, a separata do proxecto de execución da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica ao Concello das Pontes de García Rodríguez.
Esta entidade non contestou, polo que, sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
3. O 4.6.2026 o departamento territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente, deu traslado deste á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (en diante, DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, incorporando ao expediente o informe emitido o 4.6.2026 polos seus servizos técnicos, no cal se conclúe o seguinte: Desde un punto de vista técnico non se atopa ningún impedimento para emitir a autorización administrativa previa e de construción das instalacións electromecánicas e eléctricas proxectadas...
Consideracións legais e técnicas:
1. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
2. Respecto da tramitación do referido expediente, cómpre salientar que está exenta do trámite de información pública, de conformidade coa excepción recollida no artigo 50.b) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, para as solicitudes de autorización administrativa de modificacións de instalacións de distribución de calquera tensión, sempre que non se solicite a declaración de utilidade pública nin sexa preceptiva a avaliación ambiental ordinaria.
3. En canto á avaliación de impacto ambiental dos proxectos, no artigo 7 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, defínense os proxectos que terán que someterse a unha avaliación de impacto ambiental, ordinaria ou simplificada. A este respecto, o proxectista presenta unha declaración responsable en que fai constar que as instalacións proxectadas non se atopan sometidas a ningunha avaliación de impacto ambiental, tanto ordinaria como simplificada, segundo a dita lei de avaliación ambiental, incluída a última modificación dos seus anexos I, II e III introducida polo Real decreto 445/2023, do 3 de xuño.
4. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM, ao tratarse dunha liña eléctrica de 132 kV, de conformidade co disposto polo Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1.2.2017), no seu artigo único, epígrafe 1.b.3º (autorizacións administrativas previa e de construción), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14.4.2024), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24.4.2024), e no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27.5.2024).
De acordo con todo o anterior,
RESOLVO:
1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica denominada Adecuación de defecto da LAT 132 kV Carba-Tesouro no van A24838|A24781 –3095943157–, no termo municipal das Pontes de García Rodríguez (A Coruña).
2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura eléctrica.
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado Adecuación de defecto da LAT 132 kV Carba-Tesouro no van A24838|A24781 –3095943157–, asinado o 1.8.2023 polo enxeñeiro industrial Jorge Sanz Varela (colexiado número 2.803 do ICOIIG) e visado por este colexio, con número 20232534 e data 24.2.2023, e no cal figura un orzamento total de 25.219,54 euros.
2. O promotor (Viesgo) asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.
3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, o departamento territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e debe comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, o promotor deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante o departamento territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.
5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes.
6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, previa audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2026
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas
