Mediante a Orde do 2 de xuño de 2026, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, convocáronse os Premios EMAS de sostibilidade empresarial de Galicia 2026, coa finalidade de recoñecer publicamente o compromiso e a excelencia en materia de xestión ambiental das organizacións inscritas no Rexistro EMAS de Galicia, así como de fomentar a implantación e consolidación deste sistema de xestión ambiental na Comunidade Autónoma.
Estes premios constitúen unha iniciativa de nova creación, cuxa primeira edición pretende non só recoñecer as mellores prácticas desenvolvidas polas organizacións adheridas ao sistema EMAS, senón tamén contribuír á difusión do dito instrumento de xestión ambiental e favorecer a participación do maior número posible de entidades que poidan resultar merecedoras deste recoñecemento.
Durante o período de presentación de solicitudes considerouse conveniente reforzar as actuacións de difusión da convocatoria entre as potenciais entidades destinatarias, co fin de facilitar un mellor coñecemento da iniciativa e favorecer unha participación ampla e representativa das organizacións inscritas no Rexistro EMAS de Galicia, en consonancia coa finalidade de interese público perseguida pola convocatoria e co obxectivo de que esta primeira edición acade a máxima implantación e proxección institucional.
Coa dita finalidade e sen que iso supoña ningunha alteración dos requisitos de participación, das categorías convocadas, dos criterios de valoración nin de calquera outro aspecto substantivo da convocatoria, resulta procedente modificar exclusivamente a epígrafe relativa ao prazo de presentación de solicitudes, establecendo un novo prazo común para todas as entidades potencialmente beneficiarias, garantindo en todo caso os principios de igualdade, publicidade e concorrencia.
Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo único. Presentación de solicitudes
1. Ábrese un novo prazo de presentación de solicitudes previsto na Orde do 2 de xuño de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras dos Premios EMAS de sostibilidade empresarial de Galicia e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento MT976C).
O novo prazo de presentación das solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto ata o 1 de setembro de 2026.
2. As solicitudes presentadas ao abeiro da convocatoria publicada mediante a Orde do 2 de xuño de 2026 conservarán plenamente a súa validez e non se deberán presentar novamente, sen prexuízo de que as entidades interesadas poidan completar ou actualizar a documentación presentada dentro do novo prazo.
Disposición derradeira. Efectos
Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2026
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
