DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Luns, 20 de xullo de 2026 Páx. 40021

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2026, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Igualdade, pola que se declara de interese galego a Fundación Daniela Vieito e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Daniela Vieito, e vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta resolución, baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 23 de xaneiro de 2026, a Fundación presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Daniela Vieito foi constituída por Daniel Vieito Cabo nunha escritura pública outorgada en Sanxenxo o 12 de decembro de 2025 ante a notaria María de las Mercedes Rebolledo Olmedo, co número 984 do seu protocolo, emendada por outra outorgada na mesma localidade e ante a mesma notaria o 24 de abril de 2026, co número 371 do seu protocolo.

Terceiro. En virtude do disposto no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto:

– Prever, protexer e apoiar os nenos e adolescentes vítimas de violencia, maltrato, e/ou abusos sexuais.

– Promover o respecto e a aplicación dos dereitos humanos dos nenos, nenas e adolescentes, establecidos pola Convención das Nacións Unidas sobre os Dereitos do Neno do 20 de novembro de 1989.

– Axudar e acompañar os nenos e as nenas, así como as persoas do seu contorno máis próximo, que foron ou son maltratados e/ou sofen abusos, incluídos os adultos que aínda carrexan as consecuencias e/ou que acaban de descubrir agora o que viviron na súa infancia.

– Promover a integridade física, psicolóxica e sexual dos nenos, nenas e adolescentes, e o seu dereito á recuperación das situacións de violencia (maltrato e abusos sexuais).

– Escoita e acompañamento a persoas en risco de exclusión e/ou vulnerabilidade que o necesiten.

Cuarto. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade das persoas fundadoras e a súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (Diario Oficial de Galicia número 242, do 19 de decembro), a dotación inicial, os estatutos e a identificación e aceptación dos membros do padroado.

Quinto. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e natureza, o obxecto e as actividades, o domicilio e o ámbito de actuación, as regras para a aplicación dos recursos aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición do padroado, as regras para a designación e substitución dos seus membros, as causas de cesamento, as súas atribucións e a forma de deliberar e de adoptar acordos.

Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por Daniel Vieito Cabo, como presidente, Inés Aguerri Alonso, como secretaria, e Rita Torres Pérez, como vogal.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías, na reunión do día 9 de xuño de 2026, elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese social da Fundación Daniela Vieito, consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e de conformidade co establecido no artigo 47 da dita lei, no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Política Social e Igualdade.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 15 de xuño de 2026, clasificouse como de interese social a Fundación Daniela Vieito, e adscribiuse á Consellería de Política Social e Igualdade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante unha resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Daniela Vieito, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. En vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e logo do informe da idoneidade dos fins e da adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social e Igualdade, da Fundación Daniela Vieito, polo que

RESOLVO:

Primeiro. Declarar fundación de interese galego a Fundación Daniela Vieito.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Daniela Vieito no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social e Igualdade.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e o plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Política Social e Igualdade.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Política Social e Igualdade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026

María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de
Política Social e Igualdade