DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Luns, 20 de xullo de 2026 Páx. 40024

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2026, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social e Igualdade, pola que se declara de interese galego a Fundación Peniche e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Peniche, e vista a proposta do subdirector xeral de Coordinación Administrativa, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

Primeiro. O 31 de decembro de 2025, a Fundación presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Peniche foi constituída por Luis Miguel Barros Ríos, Francisco Montoto Veira e a entidade Atendo Calidade, S.L., representada polos anteriores, en escritura pública outorgada en Vigo o 28 de xullo de 2025 ante o notario Manuel Arturo Vidal Rodríguez co número 1.343 do seu protocolo.

Terceiro. En virtude do disposto no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto a atención a persoas maiores e outros colectivos en situación de vulnerabilidade.

Cuarto. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade das persoas fundadoras e a súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego (Diario Oficial de Galicia número 242, do 19 de decembro), a dotación inicial, os estatutos e a identificación e aceptación dos membros do padroado.

Quinto. Nos estatutos da Fundación consta a denominación e a natureza, o obxecto e as actividades, o domicilio e o ámbito de actuación, as regras para a aplicación dos recursos aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, a composición do padroado, as regras para a designación e substitución dos seus membros, as causas de cesamento, as súas atribucións e a forma de deliberar e de adoptar acordos.

Sexto. O padroado inicial da Fundación está formado por Luis Miguel Barros Ríos, como presidente; Francisco Montoto Veira, como secretario, e Atendo Calidade, S.L., representada por Santiago Míguez Caridad, como vogal.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías, na reunión do día 9 de xuño de 2026, elevoulle ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Peniche, consonte as materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, e de conformidade co establecido no artigo 47 da dita lei; no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Política Social e Igualdade.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes do 15 de xuño de 2026, clasificouse como de interese asistencial a Fundación Peniche, e adscribiuse á Consellería de Política Social e Igualdade para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, en relación co Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Peniche, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. En vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, e logo do informe de idoneidade dos fins e de adecuación e suficiencia da dotación, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social e Igualdade, da Fundación Peniche, polo que,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar fundación de interese galego a Fundación Peniche.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Peniche no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Política Social e Igualdade.

Terceiro. Esta Fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, e presentar anualmente a documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Política Social e Igualdade.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Política Social e Igualdade, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026

María Francisca Gómez Santos
Secretaria xeral técnica da Consellería de Política Social
e Igualdade