DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Luns, 20 de xullo de 2026 Páx. 40045

III. Outras disposicións

Consellería de Economía e Industria

ORDE do 8 de xullo de 2026 pola que se aproba o Plan de inspección en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

A regulación do réxime de inspección industrial e dos plans e programas de inspección en materia de seguridade industrial recóllese no título I do libro primeiro do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, e no Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección da industria na Comunidade Autónoma de Galicia.

No Decreto 219/2008, do 25 de setembro, regúlase a actividade administrativa de inspección, entendida como a actividade pola que a consellería competente en materia de industria, cos seus propios medios ou a través da colaboración de entidades legalmente habilitadas, ten por obxecto a supervisión, o control e vixilancia dos establecementos, instalacións, produtos e actividades industriais, que comproba a adecuación da súa posta en funcionamento e das condicións de servizo aos requisitos legais, regulamentarios e técnicos previstos na normativa aplicable e, de ser caso, exixe as responsabilidades que correspondan nos supostos de incumprimentos legais ou defectos técnicos.

Tal e como establece o artigo 13.2 do Decreto 219/2008, do 25 de setembro, mediante orde da persoa titular da consellería competente en materia de industria aprobarase o obxecto, contido e ámbito de actuación que fundamentan cada plan, así como as instrucións que deben cumprir as entidades legalmente habilitadas e os servizos correspondentes das delegacións provinciais do departamento da Xunta de Galicia con competencias en materia de industria, para levar a cabo as inspeccións que deben realizarse conforme o plan e os programas que se aproben.

En virtude de todo o anterior, e de conformidade coas atribucións que me son conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Por medio desta orde apróbase o Plan de inspección en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

Artigo 2. Obxecto, contido e ámbito de actuación do Plan de inspección en materia de seguridade industrial

1. O obxecto do Plan de inspección en materia de seguridade industrial será a comprobación da adecuación da posta en funcionamento e as condicións de servizo dos establecementos, instalacións, actividades e produtos respecto dun ou varios dos regulamentos de seguridade e da normativa que lles sexan aplicables.

2. O Plan de inspección en materia de seguridade industrial 2026 estará composto por cinco programas:

Programas

Sectores

Nº de

Inspeccións

1

Instalacións sometidas a regulamentos de seguridade industrial

Instalacións eléctricas de baixa tensión

250

Alta tensión e centros de transformación particulares

100

Ascensores

150

Instalacións de distribución polo miúdo de produtos petrolíferos líquidos: subministración a vehículos

100

Instalacións de almacenamento de produtos petrolíferos para a subministración de combustible a vehículos propios

100

Instalacións térmicas nos edificios

50

Instalacións de almacenamento de produtos químicos

50

Instalacións de seguridade contra incendios en establecementos industriais con nivel de risco intrínseco baixo.

50

Instalacións con equipos a presión

30

Guindastres torre

100

2

Empresas instaladoras ou mantedoras no ámbito da seguridade industrial

Declaracións responsables de empresas instaladoras ou mantedoras no ámbito da seguridade industrial

100

3

Accidentes graves

Establecementos industriais afectados polo Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, no seu nivel superior

Todas as de nivel superior

Establecementos industriais afectados polo Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, no seu nivel inferior

20

4

Organismos de control

Declaracións responsables de organismos de control no ámbito da seguridade industrial

Todos os O.C. en activo dos que a C.A. de Galicia sexa a súa autoridade de orixe

5

Persoas técnicas tituladas competentes

Declaracións responsables realizadas por persoas técnicas tituladas competentes en procedementos ligados á seguridade industrial

20

Artigo 3. Execución

1. As direccións territoriais da Consellería de Economía e Industria farán a selección dos establecementos, instalacións e actividades que sexan obxecto de inspección con criterios de oportunidade e aleatoriedade.

2. A repartición numérica das inspeccións entre as catro direccións territoriais farase consonte os seguintes criterios:

– Programa organismos de control: cada dirección territorial inspeccionará os organismos de control que lle correspondan segundo a provincia de establecemento.

– Programa accidentes graves no seu nivel superior: cada dirección inspeccionará os establecementos afectados radicados na súa provincia.

– Programa accidentes graves no seu nivel inferior e resto de programas: as direccións territoriais de Coruña e Pontevedra desenvolverán cada unha o 30 % das inspeccións programadas; as direccións de Lugo e Ourense desenvolverán cada unha o 20 % das inspeccións programadas.

3. Cada dirección territorial remitirá á Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, con data límite do 30 de abril de 2027, un informe asinado polo correspondente director/a territorial en que se indique por cada programa:

– Número de inspeccións desenvolvidas.

– Número de inspeccións favorables inicialmente.

– Número de inspeccións non favorables inicialmente que emendaron todas as deficiencias detectadas.

– Número de inspeccións non favorables inicialmente que permanecen sen emendar todas as deficiencias detectadas.

– Número de inspeccións das cales se trasladou o expediente para a incoación de expediente sancionador.

Artigo 4. Metodoloxía

1. A articulación da xestión, do desenvolvemento e da execución dos programas de inspección en que se estrutura o Plan de inspección 2026 farase conforme os principios establecidos no Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, e no Decreto 219/2008, do 25 de setembro, sobre inspección de industria na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A realización dunha inspección a un establecemento, instalación ou actividade incluída nun programa de inspección, non eximirá o devandito establecemento, instalación ou actividade de realizar a correspondente inspección regulamentaria.

Artigo 5. Obrigas dos titulares

Os titulares dos establecementos, instalacións ou actividades obxecto do Plan de inspección están obrigados a permitir e facilitar as comprobacións e inspeccións que o persoal debidamente acreditado realice en cumprimento da función de control da Administración, así como a achegar calquera información ou documentación que se lles solicite en relación coa inspección que se realice. En todo caso garantiranse os dereitos das persoas interesadas de conformidade coa Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 6. Ámbito xeográfico do Plan de inspección en materia de seguridade industrial

O ámbito de actuación da actividade administrativa de inspección a que se refire esta orde alcanzará os establecementos, instalacións e actividades situados dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia con independencia da situación do seu domicilio social.

Artigo 7. Vixencia do plan

A vixencia do Plan de inspección 2026 comezará o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e estenderase ata o 31 de marzo de 2027.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de industria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento da presente orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2026

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Economía e Industria