A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publicou no Diario Oficial de Galicia número 62, do 6 de abril de 2026, a Resolución do 24 de marzo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para a realización de rodaxes audiovisuais en Galicia, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CT207G).
O artigo 3 das citadas bases establece, nos seus números 3 e 4, que se poderán ampliar os créditos logo da declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, de acordo coa orde de prelación de solicitudes establecida nas bases e, no suposto de que os créditos fosen ampliados, publicarase esta circunstancia nos mesmos medios que a convocatoria, sen que esta publicidade implique a apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
O orzamento previsto no número 2 da resolución, e no artigo 3.1 das bases reguladoras, ascende a dous millóns douscentos mil euros con cargo á aplicación orzamentaria 13.A1.432B.770.2 (código de proxecto 2024 00002) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, segundo a seguinte distribución por anualidades: anualidade 2026 por importe de 900.000,00 euros e anualidade 2027 por importe de 1.300.000,00 euros.
Esta convocatoria réxese por un procedemento de concesión de concorrencia non competitiva, cun prazo de presentación de solicitudes, iniciado o 9 de abril, ata o 1 de outubro de 2026. O ritmo de execución dos proxectos subvencionados indica unha maior execución orzamentaria na anualidade 2026, unha circunstancia que, xunto á previsión de novas solicitudes susceptibles de seren subvencionadas, fai necesario incrementar o crédito da anualidade 2026, modificando, polo tanto, o importe total do orzamento previsto nun importe de 333.000 euros. Este maior crédito posibilitará atender as demandas do sector, ampliando o número de proxectos beneficiarios desta convocatoria e dinamizando o audiovisual galego.
Polo exposto, proponse a modificación do crédito total destinado á convocatoria da liña de axudas, que implica o incremento do importe da anualidade 2026 e, de acordo co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, así como os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de subvencións, e en virtude das atribucións que me foron concedidas,
RESOLVO:
Primeiro. Modificar o número 2.1 do resolvo da Resolución do 24 de marzo de 2026, que queda redactado como segue:
Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Galega das Industrias Culturais asignados para esta finalidade nos orzamentos do ente con cargo á aplicación orzamentaria, polos importes e a súa distribución plurianual que se indica no cadro seguinte:
|
Código de proxecto |
Orixe dos fondos |
Total |
Aplicación orzamentaria |
Anualidades |
Importe |
|
2024 00002 |
Feder |
2.533.000 € |
13.A1.432B.770.2 |
2026 |
1.233.000 € |
|
2027 |
1.300.000 € |
Segundo. Modificar o artigo 3.1 das bases reguladoras da Resolución do 24 de marzo de 2026, que queda redactado como segue:
As axudas relativas ao obxecto desta resolución financiaranse cun crédito total de 2.533.000 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.A1.432B.770.2, código de proxecto 2024 00002, dos orzamentos da Axencia Galega das Industrias Culturais para o exercicio de 2026, coa seguinte distribución por anualidades:
|
Aplicación orzamentaria |
Anualidade |
Importe |
|
13.A1.432B.770.2 |
2026 |
1.233.000 € |
|
2027 |
1.300.000 € |
Disposición adicional única
Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes ante o presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante os tribunais de instancia de Santiago de Compostela, Sección do Contencioso-Administrativo, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira única
Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2026
José Carlos López Campos
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais
