DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Venres, 24 de xullo de 2026 Páx. 41190

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Industria Forestal

EXTRACTO da Resolución do 17 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2026, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para a redacción de proxectos e realización de obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais (códigos de procedemento MR502B, MR502D, MR502F e MR502G).

BDNS (Identif.): 919061

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/919061 (minimis xeral)

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/918867

Os códigos asignados pola BDNS corresponden a un mesmo texto de convocatoria.

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) Para as liñas 1.1 (código de procedemento MR502B) e 2.1 (código de procedemento MR502F): as comunidades de montes veciñais en man común de Galicia (en diante, CMVMC), as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes), incluídas as persoas autónomas, que conten con domicilio social ou cun centro de traballo radicado en Galicia así como as cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

Para os efectos das axudas de minimis e conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento.

Tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, pola que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (inclúe persoas autónomas que cumpran a condición de empresa). Segundo esta definición, son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no Rexistro Provincial de CMVMC, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, para poder acceder a estas subvencións e cumprir co disposto na versión vixente do artigo 125 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e no Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polas CMVMC en actuacións de mellora e protección forestal, na data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

b) Para as liñas 1.2 (código de procedemento MR502D) e 2.2 (código de procedemento MR502G): as persoas físicas, sexa de xeito individual ou unha pluralidade delas, que residan en Galicia.

No caso de solicitudes presentadas por unha agrupación de persoas físicas, todas as persoas solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

Aquelas solicitantes nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aquelas solicitantes que entren dentro da categoría de empresa en crise, de acordo coa definición do artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) núm. 651/2014. As empresas solicitantes deberán declarar na súa solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

As solicitantes que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando estas sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004. Para verificar o cumprimento deste requisito, as solicitantes deberán achegar, xunto á súa solicitude, a acreditación do nivel de cumprimento mediante os medios de proba establecidos no artigo 13.3 bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

3. Os requisitos para seren beneficiarias deberán cumprirse na data de publicación da convocatoria.

Segundo. Obxecto

1. As subvencións reguladas por estas bases pretenden contribuír a fomentar o uso da madeira como elemento estrutural mediante as seguintes liñas de apoios:

– Liña 1.1 (código de procedemento MR502B): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivenda unifamiliar ou colectiva e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

– Liña 1.2 (código de procedemento MR502D): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivenda unifamiliar que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

– Liña 2.1 (código de procedemento MR502F): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivenda unifamiliar ou colectiva e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

– Liña 2.2 (código de procedemento MR502G): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivenda unifamiliar que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

Terceiro. Actuacións subvencionables

1. As actuacións deberán estar encadradas nunha das liñas de apoio definidas no artigo 2 das bases reguladoras.

2. Para que as actuacións teñan a consideración de subvencionables, deberán executarse dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Para que as actuacións teñan a consideración de subvencionables, deberán recoller a redacción de proxectos ou a execución de obras incorporando produtos de madeira ou derivados da madeira (excluíndo os composites en que os materiais lignocelulósicos supoñan menos dun 50 % en peso) dos sistemas estrutural, de compartimentación, envolvente e acabados (excluíndo as carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabados interiores). En diante, estes produtos empregados nos sistemas referidos denominaranse «produtos ECEA».

4. Configúranse como requisitos específicos de cada unha das liñas de apoio recollidas no artigo 2 das bases os seguintes:

a) Liña 1.1 (código de procedemento MR502B):

i. A edificación proxectada deberá estar vinculada a unha promoción inmobiliaria ou a un establecemento de negocio e estará destinada a un uso residencial (unifamiliar ou colectivo), industrial (incluídos os vinculados á transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais), comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

ii. O proxecto de execución deberá recoller unha nova edificación ou a intervención nunha preexistente mediante a súa rehabilitación ou reforma segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

iii. O proxecto de execución deberá recoller a realización total ou parcial da estrutura empregando produtos de madeira ou derivados da madeira.

iv. O proxecto de execución deberá estar asinado por técnico competente e visado polo correspondente colexio profesional, en función da súa natureza.

v. No proxecto de execución, deberá constar como promotora a beneficiaria da axuda.

vi. O sumatorio dos custos correspondentes aos produtos ECEA (incluída a súa colocación) deberá ser maior ou igual ao 20 % do orzamento de execución material do proxecto de execución.

O cumprimento destes requisitos verificarase en fase de xustificación final, mediante a comprobación do proxecto de execución e do certificado da persoa proxectista que a beneficiaria deberá presentar xunto á solicitude de pagamento final da axuda e conforme o artigo 21.3.b) letras i e ii.

b) Liña 1.2 (código de procedemento MR502D):

i. A edificación proxectada deberá estar destinada a uso residencial unifamiliar segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

ii. O proxecto de execución deberá recoller unha nova edificación ou a intervención nunha preexistente mediante a súa rehabilitación ou reforma segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

iii. O proxecto de execución deberá recoller a realización total ou parcial da estrutura empregando produtos de madeira ou derivados da madeira.

iv. O proxecto de execución deberá estar asinado por técnico competente e visado polo correspondente colexio profesional, en función da súa natureza.

v. No proxecto de execución deberá constar como promotora a beneficiaria da axuda.

vi. O sumatorio dos custos correspondentes aos produtos ECEA (incluída a súa colocación) deberá ser maior ou igual ao 20 % do orzamento de execución material do proxecto de execución.

O cumprimento destes requisitos verificarase en fase de xustificación final, mediante a comprobación do proxecto de execución e do certificado da persoa proxectista que a beneficiaria deberá presentar xunto coa solicitude de pagamento final da axuda e conforme o artigo 21.3.b) letras i e ii.

c) Liña 2.1 (código de procedemento MR502F):

i. A edificación estará vinculada a unha promoción inmobiliaria ou a un establecemento de negocio e deberá estar destinada a un uso residencial (unifamiliar ou colectivo), industrial (incluídos os vinculados á transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais), comercial, recreativo, hoteleiro, oficinas, sanitario-asistencial, educativo, cultural ou deportivo segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

ii. A obra terá por obxecto unha nova edificación ou a intervención nunha preexistente mediante a súa rehabilitación ou reforma segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

iii. A estrutura da edificación será realizada total ou parcialmente empregando produtos de madeira ou derivados da madeira.

iv. O sumatorio dos custos correspondentes á totalidade dos produtos ECEA (incluída a súa colocación) colocados en obra, subvencionados ou non, deberá ser maior ou igual ao 20 % do importe total da liquidación final da obra executada.

v. O importe subvencionable dos investimentos para os que se solicita a axuda será maior ou igual a 25.000 euros.

O cumprimento dos requisitos i, ii e iii verificarase en fase de xustificación final, mediante a comprobación do proxecto de execución e do certificado da persoa proxectista que a beneficiaria deberá presentar xunto coa solicitude de pagamento final da axuda e conforme o artigo 21.3.c) letras i e ii.

O cumprimento do requisito iv verificarase unha vez finalizada a totalidade da obra, mediante a comprobación da certificación da liquidación final e da certificación da liquidación parcial que a beneficiaria deberá presentar xunto coa comunicación de fin de obra e conforme o establecido artigo 22.1.b) letras ii e iii.

O cumprimento do requisito v verificarase en fase de solicitude da axuda.

d) Liña 2.2 (código de procedemento MR502G).

i. A edificación deberá estar destinada a uso residencial unifamiliar segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

ii. A obra terá por obxecto unha nova edificación ou a intervención nunha preexistente mediante a súa rehabilitación ou reforma segundo as definicións recollidas no anexo XVI.

iii. A estrutura da edificación será realizada total ou parcialmente empregando produtos de madeira ou derivados da madeira.

iv. A suma dos custos correspondentes á totalidade dos produtos ECEA (incluída a súa colocación) colocados en obra, subvencionados ou non, deberá ser maior ou igual ao 20 % do importe total da liquidación final da obra executada.

v. O importe subvencionable dos investimentos para os que se solicita a axuda será maior ou igual a 25.000 euros.

O cumprimento dos requisitos i, ii e iii verificarase en fase de xustificación final, mediante a comprobación do proxecto de execución e do certificado da persoa proxectista que a beneficiaria deberá presentar xunto coa solicitude de pagamento final da axuda e conforme o artigo 21.3.c) letras i e ii.

O cumprimento do requisito iv verificarase unha vez finalizada a totalidade da obra, mediante a comprobación da certificación da liquidación final e da certificación da liquidación parcial que a beneficiaria deberá presentar xunto coa comunicación de fin de obra e conforme o establecido no artigo 22.1.b) letras ii e iii.

O cumprimento do requisito v verificarase en fase de solicitude da axuda.

Cuarto. Gastos subvencionables

1. Considéranse subvencionables os gastos que cumpran os requisitos sinalados a continuación:

a) Aqueles que respondan de maneira indubidable á natureza da actividade subvencionada en cada liña e que resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento da acción para a cal foron concedidos.

b) En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Para verificar este aspecto, poderanse realizar comprobacións adicionais sobre o valor de mercado dos bens ou servizos imputados ao proxecto por calquera dos medios previstos no artigo 30.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados dentro do período de execución das actuacións que será establecido na convocatoria.

d) Os bens e servizos subvencionados deberán ser adquiridos a terceiros; as persoas provedoras non poderán estar asociadas nin vinculadas coa persoa solicitante ou cos órganos directivos ou xestores, entendendo esta vinculación nos termos especificados no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Cando o importe (IVE excluído) dos investimentos para os que se solicita axuda iguale ou supere a contía de 15.000 euros para as liñas 1.1 e 1.2, e de 40.000 euros para as liñas 2.1 e 2.2, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes persoas provedoras, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou fornezan ou salvo que o investimento se iniciase con anterioridade á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

f) As ofertas presentadas para cada gasto deberán estar asinadas electronicamente pola persoa ou entidade oferente, salvo que o investimento se iniciase con anterioridade á data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, e cumprir os seguintes requisitos:

i. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a realización das actividades incluídas na oferta.

ii. Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

iii. Deberán incluír, como mínimo, o NIF, nome e enderezo da oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados.

iv. Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.

g) A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia, de economía e ambientais, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria esta elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta economicamente máis vantaxosa. En caso contrario, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.

No caso de entidades beneficiarias que teñan a condición de poder adxudicador suxeito á normativa de contratación pública, deberán respectar a Lei 9/2017, de contratos do sector público, nos termos que procedan.

2. Configúranse como conceptos de gastos subvencionables para cada unha das liñas de apoio os seguintes:

a) Liñas 1.1 e 1.2:

• Custos dos honorarios técnicos de redacción do proxecto de execución. Os proxectos poderanse redactar nunha única fase ou dividirse en proxecto básico e proxecto de execución.

b) Liñas 2.1 e 2.2:

• Custos correspondentes aos produtos ECEA (incluída a súa colocación).

3. Non se considerarán subvencionables en ningunha das liñas:

a) O imposto sobre o valor engadido que sexa recuperable conforme a normativa nacional, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables conforme a normativa nacional, sen prexuízo do establecido para os instrumentos financeiros.

b) Taxas de permisos ou licenzas.

c) Custo do visado colexial.

d) Custos dos honorarios técnicos correspondentes á redacción do anteproxecto, á dirección de execución, á dirección de obra ou á coordinación da Seguridade e Saúde en fase de execución.

e) Os demais que se recollen no artigo 29.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Quinto. Financiamento

1. As axudas financiaranse con cargo ao proxecto e ás aplicacións orzamentarias seguintes:

Proxecto

Aplicación

Anualidade 2026 (€)

Anualidade

2027 (€)

Total

(€)

Réxime

de minimis

2021 00001

14.A4.741A.772.0

1.379.430,62 €

1.820.569,38 €

3.200.000,00 €

Si

14.A4.741A.780.3

775.929,73 €

1.024.070,27 €

1.800.000,00 €

Non

Total

2.155.360,35 €

2.844.639,65 €

5.000.000,00 €

2. Este orzamento poderá verse incrementado con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso, as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

3. A Axencia poderá aumentar o orzamento dispoñible para o financiamento desta resolución cando o incremento derive:

a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa.

O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, unha vez aprobada a modificación orzamentaria que proceda.

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, salvo que se produza antes o esgotamento dos fondos dispoñibles para esta axuda. No caso de esgotamento dos fondos, o peche do prazo producirá efectos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, conforme o artigo 14.1.

2. O prazo comezará ás 9.00 horas do día que corresponda, unha vez transcorridos cinco (5) días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o día de inicio do prazo é inhábil, o prazo comezará o seguinte día hábil, ás 9.00 horas.

3. O prazo rematará ás 20.00 horas do día en que se cumpra un mes desde o seu inicio. Se o día de finalización do prazo é inhábil, o prazo rematará o seguinte día hábil, ás 20.00 horas.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2026

Alfredo Fernández Ríos
Director da Axencia Galega da Industria Forestal