DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Venres, 24 de xullo de 2026 Páx. 41039

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

EXTRACTO da Orde do 9 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento TR332A).

BDNS (Identif.): 920668.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/920668

Primeiro. Obxecto

O obxecto desta orde é o financiamento de programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego (código de procedemento TR332A) con intermediación laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e durante un período de 12 meses.

Segundo. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados nesta orde:

a) Os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2025 superior a 400 persoas no ámbito territorial do programa.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

Poderán concorrer agrupacións de concellos nos seguintes casos:

• Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.

• Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.

• Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos que se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.

• As agrupacións de concellos non poderán superar os 10 membros.

b) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que inclúan nos seus estatutos como un dos seus fins ou obxecto social o acompañamento a persoas desempregadas ou a inserción no mercado laboral.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 9 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento TR332A).

Cuarto. Financiamento da segunda convocatoria

O importe total de convocatoria ascende a 11.000.000 euros con cargo aos créditos das aplicacións 14.03.322A.460.3 e 14.03.322A.481.3 (código de proxecto 2014 00583) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, polos importes de 1.100.000,00 e 1.650.000,00 euros respectivamente na anualidade de 2026 e 3.300.000,00 e 4.950.000,00 euros respectivamente, na anualidade de 2027, correspondentes a fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

A contía máxima da subvención que se concederá será de 230.000 euros por programa.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2026

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración