DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Venres, 24 de xullo de 2026 Páx. 41041

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 23 de xuño de 2026, conxunta da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, pola que se declaran actuacións administrativas automatizadas no ámbito dos proxectos e instrumentos de ordenación do territorio e planeamento urbanístico.

O Decreto 49/2024, do 22 de abril, fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e establece a estrutura orgánica superior das respectivas consellerías, tendo en conta o compromiso da Xunta de Galicia de afondar no camiño xa iniciado de racionalización das súas estruturas administrativas consolidando pautas de mellora continua na procura dunha maior eficacia e eficiencia no seu funcionamento.

No artigo 5 deste decreto enuméranse os órganos superiores e de dirección da Consellería de Economía e Industria, entre os que se encontra a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético.

De acordo co artigo 18 do Decreto 140/2024 polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, correspóndelle á Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da consellería en materia de industria; a administración, seguridade e calidade industrial, solo empresarial, metroloxía e metais preciosos; enerxía, recursos minerais e augas minerais e termais, e as restantes que lle atribúa o ordenamento xurídico.

En particular, a Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético exercerá, entre outras funcións, a tramitación, como órgano substantivo, dos procedementos de aprobación e autorización da implantación dos proxectos industriais estratéxicos, dos proxectos de interese autonómico de carácter industrial, dos proxectos incluídos dentro do Programa de impulso e aceleración de proxectos industriais, así como doutros proxectos industriais, de acordo coa normativa vixente.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (en diante, Lei 40/2015), integra as materias que demandaban unha regulación unitaria das relacións ad intra de cada Administración e das relacións entre elas, como a sinatura e as sedes electrónicas, o intercambio electrónico de datos en contornos pechados de comunicación e a actuación administrativa automatizada.

O artigo 41.1 da Lei 40/2015 define actuación administrativa automatizada como calquera acto ou actuación realizada integramente a través de medios electrónicos por unha Administración pública no marco dun procedemento administrativo e na cal non interviñese de forma directa un empregado público.

O artigo 41.2 da devandita lei determina que «en caso de actuación administrativa automatizada se deberá establecer previamente o órgano ou órganos competentes, segundo os casos, para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, de ser o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte. Así mesmo, indicarase o órgano que debe ser considerado responsable para os efectos de impugnación».

A Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, establece no artigo 76.4 que «as actuacións administrativas automatizadas deberán declararse mediante unha resolución conxunta do órgano competente para a definición das especificacións, programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte, así como do órgano responsable para os efectos de impugnación. Nesta resolución especificarase a identificación de tales órganos e os sistemas de sinatura utilizados, de ser o caso, para a actuación administrativa automatizada».

Así mesmo, o artigo 76.5 indica que se publicará na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia o texto íntegro das resolucións indicadas no punto anterior.

Por todo o exposto,

RESOLVEMOS:

Primeiro. Declarar as seguintes actuacións administrativas automatizadas a través de sistemas de información no ámbito dos proxectos e instrumentos de ordenación do territorio e planeamento urbanístico:

a) A certificación dos documentos integrantes dos proxectos e instrumentos de ordenación do territorio e de planeamento urbanístico aprobados inicialmente por parte da Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético.

b) A certificación dos documentos integrantes dos proxectos e instrumentos de ordenación do territorio e de planeamento urbanístico tramitados pola Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético e aprobados definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia.

Segundo. Os órganos responsables en relación coas actuacións administrativas automatizadas relacionadas no punto anterior serán:

a) A Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético como órgano responsable da definición das especificacións destas actuacións administrativas automatizadas.

b) A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como órgano responsable da programación, mantemento, supervisión e control de calidade e, se é o caso, auditoría do sistema de información e do seu código fonte.

c) A Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético como órgano responsable para os efectos de impugnación.

Terceiro. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para xestionar a solicitude de creación dun selo electrónico denominado «Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético» ante a autoridade de servizos de certificación que corresponda.

A titularidade, así como a responsabilidade do seu uso, corresponderalle á Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético.

O selo electrónico estará baseado nun certificado electrónico recoñecido ou cualificado e as súas características técnicas xerais serán as que consten na Declaración de prácticas de certificación do emisor do certificado.

Os datos necesarios para acceder ao servizo de validación para a verificación do certificado estarán incluídos no certificado. Os datos que deberán constar no selo electrónico son os seguintes:

a) NIF do organismo subscritor: S1511001H.

b) Organismo subscritor: Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético.

c) Nome do selo: Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético.

Cuarto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para utilizar o selo electrónico denominado «Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético» co fin de asinar as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución e realizar as tarefas técnicas precisas para a súa implantación efectiva nos sistemas automatizados que dan soporte ás actuacións e procedementos mencionados.

Quinto. Autorizar a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a renovación do selo electrónico «Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético» sempre e cando continúen vixentes as actuacións administrativas automatizadas declaradas nesta resolución.

Sexto. Esta resolución producirá efectos desde o día da súa sinatura e publicarase na sede electrónica da Xunta de Galicia e no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2026

Nicolás Vázquez Iglesias
Secretario xeral de Industria
e Desenvolvemento Enerxético

Damián Rey Rodríguez
Director da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia