DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Luns, 27 de xullo de 2026 Páx. 41610

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de xullo de 2026, do Departamento Territorial de Pontevedra, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación eléctrica no concello de Redondela (expediente IN407A 2025/247-4).

Expediente: IN407A 2025/247-4.

Promotora: UFD Distribución Electricidad, S.A.

Denominación: LMTS entre os centros de transformación 36CC46 e 36CDH1 e entre os centros de transformación 36CCN0 e 36CDH1.

Concello: Redondela.

Feitos:

1. O 7.11.2025, a empresa UFD Distribución Electricidad, S.A. solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da instalación eléctrica denominada LMTS entre os centros de transformación 36CC46 e 36CDH1 e entre os centros de transformación 36CCN0 e 36CDH1.

A solicitude inclúe o proxecto de execución asinado polo enxeñeiro técnico industrial Victoriano González Lemos, colexiado 2980 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo, e contén un orzamento total de 90.590,26 euros.

Examinado o proxecto de execución, conclúese que ten como finalidade renovar a rede existente para mellorar a calidade da subministración de enerxía eléctrica, mediante as seguintes actuacións nos camiños de Outeiro e Mouriño, na parroquia de Chapela, no concello de Redondela:

• Desmontaxe dun total de 100 metros e de tres apoios da liña de media tensión aérea TRO718.

• Desmontaxe dun total de 26 metros da liña de media tensión subterránea TRO718.

• Deixar sen servizo 232 metros de liña de media tensión subterránea TRO718.

• Instalar dous novos tramos de liña de media tensión subterránea: un de 299 metros e outro de 126 metros.

2. Este departamento territorial solicitou o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizos de interese xeral afectadas, isto é, o Concello de Redondela e a Demarcación de Estradas do Estado. A empresa promotora manifestou a súa conformidade co condicionado emitido pola Demarcación de Estradas do Estado.

O Concello de Redondela non emitiu o condicionado técnico, entendéndose en consecuencia a súa conformidade coa autorización de construción da dita infraestrutura eléctrica, conforme o disposto no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

3. O 18.6.2026, os servizos técnicos deste departamento territorial emitiron un informe favorable ás autorizacións administrativas previa e de construción da instalación eléctrica LMTS entre os centros de transformación 36CC46 e 36CDH1 e entre os centros de transformación 36CCN0 e 36CDH1.

Consideracións legais e técnicas:

1. O Departamento Territorial de Pontevedra é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación a este expediente é:

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

• Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

3. As características técnicas da instalación son as que a seguir se describen:

• Retirada dos tres apoios A1J6RIEG//30, A1I44SWB//31 e A1I2LWSW//32 da liña de media tensión aérea TRO718 e dos 100 metros de condutor LA-80 entre eles.

• Retirada de 14 metros de lonxitude da liña de media tensión subterránea (LMTS) TRO718 en condutor RHZ1-240, comprendida entre o empalme proxectado e o apoio A1J6RIEG//30 que se vai desmontar.

• Retirada de 12 metros de lonxitude da LMTS TRO718 en condutor RHZ1-150, comprendida entre o apoio A1I2LWSW//32 que se vai desmontar e o centro de seccionamento Faro de Vigo (36CCN0).

• Deixar sen servizo 232 metros de lonxitude da LMTS TRO718 en condutor RHZ1-240, ao longo da estrada N-552 (entre o p.q. 6+500 e o p.q. 6+740), comprendida entre dous empalmes proxectados.

• LMTS a 15 kV, co condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1X240 mm² Al, de 299 metros de lonxitude, coa orixe no empalme proxectado coa LMTS TRO718 (no cruzamento da estrada N-552 co camiño Mouriño), e final no empalme proxectado coa LMTS TRO718 (fronte ao número 18 do camiño Mouriño).

• LMTS a 15 kV, con condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1X240 mm² Al, de 126 metros de lonxitude, coa orixe no empalme proxectado coa LMTS TRO718 (no cruzamento da estrada N-552 co camiño Outeiro) e final no centro de seccionamento existente Faro de Vigo (36CCN0) no camiño Outeiro.

• As instalacións están situadas no camiño Outeiro e no camiño Mouriño, Chapela, no concello de Redondela (Pontevedra).

Conforme o indicado,

RESOLVO:

Outorgar á empresa UFD Distribución Electricidad, S.A., as autorizacións administrativas previa e de construción da instalación de distribución de enerxía eléctrica denominada LMTS entre os centros de transformación 36CC46 e 36CDH1 e entre os centros de transformación 36CCN0 e 36CDH1, expediente IN407A 2025/247-4.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da instalación autorizada e de acordo coas seguintes condicións:

1. As características da instalación axustaranse en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución, ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e aos condicionados técnicos impostos polas administracións públicas, organismos ou empresas que presten servizos públicos ou de interese económico xeral, no relativo aos bens e dereitos da súa propiedade que se atopen afectados pola instalación, en especial os relativos ás distancias de seguridade, cruzamentos e paralelismos prescritos pola normativa vixente.

2. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

3. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a execución. Unha vez constituídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante este departamento territorial acompañada da seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado de dirección final de obra en que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houber, así como das regulamentacións e normas axeitadas para a montaxe da instalación e posta a punto.

• Planimetría as built da instalación eléctrica en formato shape.

O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución poderá dar lugar á súa revogación, logo da audiencia á promotora, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Pontevedra, 3 de xullo de 2026

Beatriz López del Olmo
Directora territorial de Pontevedra