DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Martes, 28 de xullo de 2026 Páx. 41853

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 13 de xullo de 2026, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a resolución relativa ao deslindamento dos montes veciñais en man común Monte de Entrecinsa e mais o de Pixarreiras, nos concellos de Vilariño de Conso e Viana do Bolo.

Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Monte de Entrecinsa, pertencente á CMVMC de Entrecinsa, e mais o MVMC Pixarreiras, pertencente á CMVMC de Fornelos de Filloás e Fradelo, nos concellos de Vilariño de Conso e Viana do Bolo, resultan os seguintes

Feitos:

Primeiro. O 27.8.2025, a CMVMC de Entrecinsa presentou un escrito (Rexel núm. 2025/2337374), en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC de Fornelos de Filloás e Fradelo.

Coa solicitude achegou a seguinte documentación:

– Acta de deslindamento.

– Arquivos xeográficos en formato vectorial.

– Certificacións dos acordos da Asemblea Xeral da CMVMC de Entrecinsa, do 9.7.2025.

– Informe de deslindamento.

Segundo. Posteriormente, con data do 10.12.2025, a comunidade presentou unha solicitude complementaria (Rexel núm. 2025/3435080), coa que achegaba a seguinte documentación adicional:

• Acta de conciliación levantada o 10.12.2025 no Xulgado de Paz de Vilariño de Conso.

• Certificación do Acordo da Asemblea Xeral da CMVMC de Fornelos de Filloás e Fradelo, do 20.9.2025.

Terceiro. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense do 16.12.2025 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Monte de Entrecinsa pertencente á CMVMC de Entrecinsa, e mais o MVMC Pixarreiras pertencente á CMVMC de Fornelos de Filloás e Fradelo, desde o vértice 1 (o situado máis ao S) ata o vértice 8 (o situado máis ao L).

Logo de analizar os vértices e a súa localización obsérvase que:

• Entre os vértices 1 e 2, e tal como se sinala na propia acta do deslindamento, a liña segue a traza catastral do Regato dos Carballais; en concreto, axústase á aresta oriental da parcela coa R.C. 32093A01709015.

• Entre os vértices 4 e 5, e tal como se sinala na propia acta do deslindamento, a liña segue a traza dun cortalumes; en concreto, axústase á marxe occidental do cortalumes, de xeito que este queda situado, entre os ditos puntos, dentro do MVMC Pixarreiras.

O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. Esta resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, de 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditara resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 9 de decembro de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 22 de xuño de 2026:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Monte de Entrecinsa, pertencente á CMVMC de Entrecinsa, e mais o MVMC Pixarreiras, pertencente á CMVMC de Fornelos de Filloás e Fradelo, nos concellos de Vilariño de Conso e Viana do Bolo.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 13 de xullo de 2026

José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense