Examinada a solicitude de deslindamento formulada polos representantes do MVMC Monte de Entrecinsa, pertencente á CMVMC de Entrecinsa, e mais o MVMC Veiga de Camba, pertencente á CMVMC da parroquia de Veigas de Camba, nos concellos de Vilariño de Conso e Viana do Bolo, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 4.12.2025, a CMVMC de Entrecinsa presentou un escrito (Rexel núm. 2025/3384174) en que solicitan a aprobación dun deslindamento coa CMVMC da parroquia de Veigas de Camba.
Coa solicitude achegou a seguinte documentación:
– Acta de deslindamento.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
– Certificacións dos acordos das respectivas asembleas xerais.
– Memoria de deslindamento.
Segundo. Posteriormente, con data do 10.12.2025, a comunidade presentou unha solicitude complementaria (Rexel núm. 2025/3435190), coa que achegaba a seguinte documentación adicional:
• Acta de conciliación levantada o 10.12.2025 no Xulgado de Paz de Vilariño de Conso.
Terceiro. O informe do Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense do 16.12.2025 fai constar que a documentación achegada corresponde ao deslindamento do perímetro estremeiro entre o MVMC Monte de Entrecinsa pertencente á CMVMC de Entrecinsa, e mais o MVMC Veiga de Camba pertencente á CMVMC da parroquia de Veigas de Camba, desde o vértice 1 (o situado máis ao O) ata o vértice 19 (o situado máis ao L), considerando ademais un punto auxiliar (vértice 20) que permite cerrar provisionalmente as poligonais actuais de ambos os montes en tanto non se revisen os seus esbozos.
O citado informe considera que a solicitude se axusta ao establecido no artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, polo que propón ao Xurado Provincial a súa aprobación.
Consideracións legais e técnicas:
Primeiro. Esta resolución dítase o abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e notificada ás comunidades interesadas.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 16 de decembro de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 22 de xuño de 2026:
Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras do MVMC Monte de Entrecinsa, pertencente á CMVMC de Entrecinsa, e mais o MVMC Veiga de Camba, pertencente á CMVMC da parroquia de Veigas de Camba, nos concellos de Vilariño de Conso e Viana do Bolo.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 13 de xullo de 2026
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
