Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Veiga do Seixo, pertencente á CMVMC da Veiga do Seixo, no concello de Riós, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. O 18.11.2025, a CMVMC da Veiga do Seixo presentou unha solicitude (Rexel núm. 2025/3198154) de revisión de esbozo do MVMC Veiga do Seixo, no concello de Riós.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 30.8.2025.
– Memoria e planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 20 de xaneiro de 2026 en relación coa citada solicitude. O perímetro obxecto de revisión comprende as partes lindeiras con particulares.
O dito perímetro abrangue unha serie de terreos os cales se atopan claramente fóra do contorno do monte. En concreto, trátase de 9 predios cuxa regularización xa fora instada pola comunidade promotora mediante unha solicitude de ampliación de clasificación.
Polo que procede excluír os ditos terreos da proposta obxecto de revisión.
A superficie do MVMC Veiga do Seixo, unha vez modificado o esbozo, sería de 88,38 ha fronte ás 89,03 ha do acordo de clasificación, o que suporía unha redución do 0,7 %.
Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo solicitada.
Consideracións legais e técnicas:
Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axustándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 20 de xaneiro de 2026, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 22 de xuño de 2026:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Veiga do Seixo, pertencente á CMVMC de Veiga do Seixo, no concello de Riós.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contenciosoadministrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 14 de xullo de 2026
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
ANEXO
