Examinada a solicitude de revisión de esbozo formulada polos representantes do MVMC Serra do Faro, pertencente á CMVMC Cima de Vila, A Cortella, O Curuxal, Costa de Cuco, O Retiro, Seoane e Valmourisco, no concello de Melón, resultan os seguintes
Feitos:
Primeiro. Con data do 16.7.2025, a CMVMC Cima de Vila, A Cortella, O Curuxal, Costa de Cuco, O Retiro, Seoane e Valmourisco (Melón) presentou unha solicitude, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (Rexel 2025/2018435), de revisión de esbozo do monte veciñal da súa titularidade, Serra do Faro.
Coa solicitude achegaron a seguinte documentación:
– Certificación do Acordo da Asemblea Xeral do 5.4.2025.
– Memoria e planos.
– Arquivos xeográficos en formato vectorial.
Segundo. O Servizo de Montes do Departamento Territorial de Ourense emitiu un informe favorable o día 29 de decembro de 2025 en relación coa citada solicitude. Con esta revisión de esbozo e o acordo de lindes coa CMVMC das parroquias de Quins e Melón quedan definidas as estremas do MVMC Serra do Faro da CMVMC Cima de Vila, A Cortella, O Curuxal, Costa de Cuco, O Retiro, Seoane e Valmourisco polo nordeste, sur e leste, excepto un pequeno tramo á altura das parcelas 219, 220 e 222 do polígono 39.
Co axuste do perímetro ás parcelas de catastro xorden dous enclavados dentro do monte: o formado pola parcela 204 do polígono 39 e o formado polas parcelas: 2228 e 2229 do polígono 37.
A superficie do monte Serra do Faro, despois desta revisión de esbozo e o antedito deslindamento, é de 347,4 ha, considerando inapreciable a variación con respecto á superficie inicialmente clasificada (346 ha).
Tendo en conta o anterior, emítese informe favorable sobre a revisión do esbozo solicitada.
Consideracións legais e técnicas:
Único. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.
De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión axudándoos e completándoos con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.
De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, e tendo en conta o informe favorable do Servizo de Montes do día 29 de decembro de 2025, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común acordou por unanimidade o día 22 de xuño de 2026:
Aprobar a proposta de revisión de esbozo do MVMC Serra do Faro, pertencente á CMVMC Cima de Vila, A Cortella, O Curuxal, Costa de Cuco, O Retiro, Seoane e Valmourisco, no concello de Melón.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto no artigo 12 da citada Lei 13/1989, nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Ourense, 13 de xullo de 2026
José Antonio Armada Pérez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense
