O artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia (LEG), dispón que os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa Administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.
O artigo 9.7 da LEG recolle que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.
O artigo 18.11 do Regulamento xeral de estradas de Galicia (RXEG), dispón que os cambios de titularidade de treitos de estradas a favor de administracións de menor ámbito territorial só se levarán a cabo cando se trate de treitos terminais ou non impliquen a interrupción de ningún dos itinerarios dos que forma parte sen que exista unha alternativa viaria, existente ou planificada, para todos eles, que proporcione un nivel de servizo cando menos equivalente.
O Concello de Arbo aceptou a proposta de transferencia formulada pola Axencia Galega de Infraestruturas, relativa ao cambio de titularidade dun treito antigo da estrada PO-400, que discorre pola súa marxe esquerda e conecta coa dita estrada no p.q. 23+400 ME e no p.q. 24+460 ME.
Este treito antigo da estrada PO-400 xurde dunha modificación de trazado da estrada PO-400, discorre na súa totalidade polo termo municipal de Arbo e serve de vía de acceso a predios e vivendas. O ramal de 85 m de titularidade autonómica que conecta actualmente este treito antigo coa estrada PO-400 no seu p.q. 24+200 debe incluírse tamén nesta transferencia a favor do Concello de Arbo.
Tanto o treito antigo como o ramal presentan un marcado carácter local, e carecen de funcionalidade dentro da Rede autonómica de estrada de Galicia.
A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo cos informes emitidos polos servizos competentes, formula a proposta favorable á transferencia de titularidade dos treitos que se definen no artigo 1.
De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de xullo de dous mil vinte e seis,
DISPOÑO:
Artigo 1
Aprobar o cambio de titularidade a prol do Concello de Arbo do seguinte treito antigo da estrada PO-400 e do seu ramal de conexión coa estrada PO-400 da Rede autonómica de estradas de Galicia, xunto co seu dominio público viario:
|
Nº |
Treito |
Inicio |
Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29N) |
Final |
Coordenadas UTM (ETRS89 fuso 29N) |
Lonx.(m) |
Superficie DPV (m²) |
|
1 |
Treito antigo (A Igrexa) |
Na conexión co p.q. 23+420 ME PO-400 |
X=560.202 Y=4.664.248 |
Na conexión co p.q. 24+450 ME PO-400 |
X=560.905 Y=4.664.838 |
1.303 |
20.041 |
|
2 |
Ramal de conexión do treito antigo á nova intersección do p.q. 24+200 PO-400 |
p.q. 0+000 |
X=560.648 Y=4.664.672 |
p.q. 0+085 |
X=560.730 Y=4.664.669 |
85 |
1.376 |
Artigo 2
De acordo co establecido no artigo 9.6 da LEG, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos tres meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.
Esta acta de entrega e os seus planos poderán consultarse na páxina web da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas: https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega
Artigo 3
Correspóndelle ao Concello de Arbo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación do treito antigo transferido e do seu ramal de conexión coa estrada PO-400, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular.
Disposición derradeira
Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte de xullo de dous mil vinte e seis
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
