DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Xoves, 30 de xullo de 2026 Páx. 42375

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia de Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2026 pola que se ordena a publicación do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de xullo de 2026, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado dos treitos comúns no Camiño Inglés, de clave 2024/128.

O 13 de abril de 2026 publicouse no Diario Oficial de Galicia número 67 o Anuncio do 23 de marzo de 2026 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de trazado dos treitos comúns no Camiño Inglés, de clave 2024/128, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referido. Por tanto,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de xullo de 2026, polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado dos treitos comúns no Camiño Inglés, de clave 2024/128, que se recolle como anexo a esta resolución.

Contra o dito acordo do Consello da Xunta de Galicia, que pon fin á vía administrativa, poderase formular un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 8, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que, con carácter previo e potestativo, se poida formular un recurso de reposición no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2026

José Manuel Merelles Remy
Director da Axencia de Turismo de Galicia

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 13 de xullo de 2026,
polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado dos
treitos comúns no Camiño Inglés, de clave 2024/128

Apróbase definitivamente o proxecto de trazado dos treitos comúns no Camiño Inglés, de clave 2024/128.

Consonte establece o artigo 24 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, os concellos de Betanzos, Cabanas, Cambre, Carral, Miño, Paderne e Santiago de Compostela, en que se asentan as infraestruturas obxecto do proxecto, deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecen as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo dun ano e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

A aprobación definitiva do proxecto de trazado implica a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, previstos no proxecto, así como para a implantación do proxecto e as modificacións deste que, de ser o caso, se poidan aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes, segundo o disposto no artigo 23.1 da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.