Mediante a Resolución deste departamento territorial, do 23 de marzo de 2026, aprobouse a declaración de utilidade pública, a cal leva implícita a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica denominada LMT, CT, RBT Ferreiros, no concello de Boiro (expediente IN407A 2024/175-1), a favor da entidade beneficiaria UFD Distribución Electricidad, S.A., con enderezo na avenida de Arteixo, 171, 15000 A Coruña.
De conformidade co artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954 sobre expropiación forzosa, e co artigo 56 do seu Regulamento, do 26 de abril de 1957, este departamento territorial acorda fixar o día 9 de setembro de 2026 para o levantamento das actas previas á ocupación, nas que se describirán os bens ou dereitos expropiables e de imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica, contidos na relación de predios que se exporán xunto con esta resolución no taboleiro de edictos do Concello de Boiro, deducida da sometida a información pública no Diario Oficial de Galicia do 15.1.2026, no Boletín Oficial da provincia do 26.12.2025 e no xornal La Voz de Galicia do 5.1.2026. A este acto deberán concorrer as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios propostos como afectadas, ás que se lles enviará unha notificación individual onde se indicarán os horarios de toma de datos sobre o terreo e o posterior levantamento efectivo das actas na oficina da casa consistorial do dito concello.
Así mesmo, cando as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios afectados sexan descoñecidos, cando se ignore o lugar de notificación ou ben, unha vez intentada esta, non se puidese efectuar, publicarase un anuncio desta convocatoria no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado.
A Coruña, 8 de xullo de 2026
Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña
