De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e nos artigos 5 ao 8 e 25 ao 28 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector públicos autonómico, e en uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da mesma lei, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I desta orde.
Segundo. Poderá concorrer a ela o funcionariado de carreira que reúna as condicións que se sinalan para o posto de traballo no anexo I.
Terceiro. As solicitudes dirixiranse á Consellería de Política Social e Igualdade e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos no prazo de quince días, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo II. Para achegar as ditas solicitudes, na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal está dispoñible o formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, e para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Cuarto. As persoas aspirantes deberán achegar coa petición un currículo e xustificar, mediante unha certificación ou copia electrónica auténtica dos documentos acreditativos, os méritos que aleguen.
Os méritos alegados e non probados segundo se indica no parágrafo anterior non se terán en conta.
Quinto. No caso de que resulte seleccionada/o para ocupar o posto de traballo que se anuncia no anexo I desta orde unha/un funcionaria/o con destino noutras administracións públicas, tramitarase o seu traslado a esta comunidade autónoma conforme o artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes.
Sexto. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserto o posto de traballo, de considerarse oportuno.
Sétimo. O prazo de toma de posesión será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia, de sete días hábiles se comporta cambio de residencia, ou dun mes se comporta o reingreso ao servizo activo, conforme o establecido no artigo 8 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto.
O prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data na que se lle comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso de funcionariado doutras administracións públicas.
Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
Oitavo. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Política Social e Igualdade no prazo dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente perante o xulgado do contencioso-administrativo competente no prazo de dous meses, que se contarán a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2026
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
ANEXO I
Denominación do posto: Director/a do C.A.P.D.
Código: PS.C99.40.901.36440.001.
Nivel: 28.
Dependencia: Centro de Atención a Persoas con Discapacidades.
Localidade: Redondela.
Grupo: A1-A2.
Corpo/escala: Func./estat./laboral.
Complemento específico: 22.805,02 €.
Adscrición administracións públicas: A11 (adscrición indistinta a funcionariado da Xunta de Galicia, do Estado e das comunidades autónomas e persoal estatutario do Sergas e persoal laboral da Xunta de Galicia).
Formación específica: 640 (para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego –requisito indispensable–).
Observacións: se é persoal laboral dos grupos I, II, complemento de singularidade ata o importe do subgrupo A1-A2, nivel de destino 28 e complemento específico 29, co límite establecido no Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia.
