A Xunta de Goberno Local na sesión que tivo lugar o día 25.3.2026 tomou, entre outros, o seguinte acordo:
Primeiro. Aprobar inicialmente o Plan parcial do sector de solo urbanizable delimitado S-15.R, promovido pola comisión xestora, e redactado polos arquitectos José Manuel López Valiño e Luis Asorey Daviña, en decembro de 2025, coas seguintes modificacións:
a) A edificabilidade máxima será a que aparece reflectida no cadro que se insire no punto 2º das consideracións legais e técnicas contidas no corpo desta proposta.
b) Elimínase o uso industrial das ordenanzas de edificación pechada e de edificación aberta.
c) O ámbito do polígono para a execución do plan parcial será coincidente coa delimitación do sector S-15.R.
d) Na ficha da memoria xustificativa corrixiranse as eivas indicadas no informe do Servizo de Arquitectura, que se transcriben no punto 5º das consideracións legais e técnicas contidas no corpo desta proposta.
e) No proxecto de urbanización preveranse obrigatoriamente dúas redes de evacuación de augas, separadas e independentes, unha para as augas pluviais e outra para as augas residuais, e incluiranse as técnicas de drenaxe urbana sustentable para garantir dun xeito cualitativo e cuantitativo a volta da auga pluvial ao medio receptor, de acordo coa normativa técnica correspondente.
Segundo. Someter o expediente ao trámite de información pública, polo prazo de dous meses, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión na provincia. Así mesmo, notificaráselles individualmente a todas as persoas titulares catastrais dos terreos afectados.
Durante o período de información pública poderán presentarse as alegacións, suxestións ou documentos que se consideren oportunos.
Terceiro. Simultaneamente ao trámite de información pública, solicitaranse os informes sectoriais e consultas que resulten preceptivos, entre outros, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, do Instituto de Estudos do Territorio, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e da Subdelegación do Goberno.
Conforme o previsto nas disposicións vixentes, sométese a información pública polo prazo de dous meses durante o cal poderá ser examinado o contido íntegro do documento aprobado no seguinte enderezo electrónico:
O contido íntegro do documento aprobado poderá consultarse na seguinte ligazón:
https://concellodelugo.gal/gl/actuacions/normativa-urbanistica
(+info)
Así mesmo, signifícase que durante o indicado prazo poderán presentarse neste concello as alegacións e suxestións que se desexen.
Para calquera dúbida ou aclaración poderán dirixirse ao Servizo Municipal de Urbanismo en xornada laboral, das 10.00 ás 14.00 horas (rolda da Muralla, 197, 1º andar).
Lugo, 9 de xullo de 2026
A alcaldesa
P.D. (Decreto número 4003/2026)
Ramón Manuel Cabarcos Rodríguez
Tenente de alcaldesa delegado da Área de Urbanismo
