A Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal recibiu un oficio do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 1 de Santiago de Compostela polo que solicita o emprazamento das persoas que aparezan como interesadas no recurso contencioso-administrativo PO 508/2024, con relación ao proceso selectivo extraordinario de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, pola quenda de acceso libre e mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso no corpo facultativo de grao medio de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de enxeñeiros técnicos, especialidade enxeñaría industrial, convocado pola Resolución do 22 de decembro de 2022 (DOG número 245, do 27 de decembro).
En consecuencia, esta dirección xeral acordou nesta data, de conformidade co disposto no artigo 49 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, a achega dos correspondentes expedientes administrativos ao referido xulgado, o que se notifica para o xeral coñecemento de todas as persoas interesadas no procedemento, que son emprazadas para que poidan comparecer como parte nos autos ao referido xulgado no prazo de nove días, contados desde o seguinte ao da súa publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2026
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
