DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Xoves, 6 de agosto de 2026 Páx. 43389

III. Outras disposicións

Universidade de Vigo

EXTRACTO da Resolución do 29 de xullo de 2026 pola que se convocan bolsas de mobilidade da Escola Internacional de Doutoramento (EIDO) para o estudantado de programas de doutoramento nesta universidade no curso académico 2025/26.

BDNS (Identif.): 922316.

De acordo co disposto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria, cuxo texto completo se pode atopar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/922316

Primeiro. Persoas beneficiarias

Alumnado que estea matriculado na Universidade de Vigo no período de tutela de tese no curso académico 2025/26 nalgún dos programas de doutoramento da Universidade de Vigo e que realice durante o curso a actividade (de acordo coa súa programación académica) que implique o desprazamento fóra de Galicia para a asistencia ou presentación de comunicacións orais ou escritas ou proxectos creativos, en congresos, exposicións de creación artística, e reunións científicas, nacionais ou internacionais.

Segundo. Obxecto

Impulsar a internacionalización e a multiculturalidade, contribuindo a paliar os gastos ocasionados ao estudantado da Universidade de Vigo matriculado nos programas de doutoramento, con motivo da realización de viaxes e demais actividades incluídas na súa programación académica que impliquen desprazamento fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución pola que se convocan bolsas de mobilidade da Escola Internacional de Doutoramento (EIDO) para o estudantado de programas de doutoramento da Universidade de Vigo no curso académico 2025/26.

Cuarto. Contía

A contía total do crédito destinado a estas bolsas será de corenta mil euros (40.000 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Desde o 30 de xullo ata o 15 de outubro de 2026.

Vigo, 29 de xullo de 2026

A reitora da Universidade de Vigo
P.D. (Resolución do 2.7.2026; DOG do 8 de xullo)
María Dolores González Álvarez
Vicerreitora de Estudantes e Vida Universitaria