DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Venres, 7 de agosto de 2026 Páx. 43469

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 5 de agosto de 2026 pola que se establecen os servizos mínimos que se prestarán durante a folga convocada para os días 7, 14 e 28 de agosto de 2026 polo Comité de Empresa de Subus Grupo de Transporte, S.L., véndose afectado o contrato de servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral XG883.

O exercicio da folga por parte dos traballadores para a lexítima defensa dos seus intereses é un dereito fundamental recoñecido pola Constitución no seu artigo 28.2. O seu respecto e protección resulta esencial para o correcto funcionamento dun estado democrático, no que se deben garantir todos os mecanismos de expresión da soberanía popular. Non obstante o anterior, o exercicio dese dereito debe cohonestarse co respecto ao resto dos dereitos constitucionalmente establecidos e coa garantía de acceso da comunidade aos servizos considerados esenciais.

No sector do transporte, os servizos que se prestan teñen un carácter esencial para a cidadanía en canto que supoñen unha ferramenta básica para o exercicio doutros dereitos como son os de libre circulación dentro do territorio nacional (artigo 19 da Constitución) ou o traballo (artigo 35). Desta maneira, a garantía dunha mínima mobilidade da cidadanía durante a xornada de folga convértese nunha demanda do interese xeral que debe ser atendida pola Administración no ámbito das competencias que ten atribuídas.

O 23 de xullo de 2026, o Comité de Empresa de Subus Grupo de Transporte, S.L., comunicou a convocatoria dunha folga para os días 7, 14 e 28 de agosto de 2026. A dita empresa é un dos membros da UTE titular do contrato de servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada XG883-Comarca do Baixo Miño e sur da comarca de Vigo.

A indicada convocatoria afecta o ámbito territorial dos servizos de transporte público prestados no marco do citado contrato e as persoas traballadoras de Subus Grupo de Transporte, S.L., con centro de traballo no Porriño (Pontevedra).

No marco das competencias atribuídas á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no sector do transporte, os servizos afectados por esta folga son:

Servizos públicos de transporte regular de uso xeral: está afectada pola folga a concesión de servizo público de transporte regular de viaxeiros de uso xeral por estrada XG883-Comarca do Baixo Miño e sur da comarca de Vigo. Na UTE adxudicataria do dito contrato participa a empresa Subus Grupo de Transporte, S.L.

Dentro da regulación dos servizos mínimos do servizo público de transporte regular de uso xeral de viaxeiros/as por estrada e respecto das expedicións non integradas, diferénciase as de lonxitude inferior a vinte e cinco quilómetros, nas que, nas franxas horarias da primeira e última hora do día, das 6.00 ás 9.00 horas e das 18.00 ás 21.00 horas, establécense como servizos mínimos o cincuenta por cento das expedicións existentes, e nas expedicións non integradas de lonxitude superior a vinte e cinco quilómetros, con orixe ou destino nalgunha das sete cidades, nas que se mantén unha expedición de ida e outra de volta nos servizos con saída anterior ás 14.00 horas e posterior ás 18.00 horas.

Convocado o Comité de Folga ao mantemento dunha xuntanza o 5 de agosto de 2026 para analizar a proposta de servizos mínimos, celebrouse esta acadándose a conformidade coa proposta vista na reunión.

As circunstancias apuntadas, a garantía de dereitos vinculados coa mobilidade, co traballo e coa propia liberdade de circulación, son as que levan a establecer os servizos mínimos concretados na presente orde, dirixidos a garantir a mínima prestación de servizos que posibilite o exercicio daqueles outros dereitos esenciais, compatibilizando así o contido esencial de todos os dereitos en conflito.

E en virtude das facultades que me confire o Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, por proposta da Dirección Xeral de Mobilidade e coa conformidade do Comité de Folga designado polo Comité de Empresa convocante,

DISPOÑO:

Artigo único. Servizos mínimos

Durante a folga convocada polo Comité de Empresa de Subus Grupo de Transporte, S.L., para os días 7, 14 e 28 de agosto de 2026 terán a consideración de servizos mínimos os servizos públicos de transporte regular de uso xeral publicados na páxina web da Xunta de Galicia https://www.bus.gal/gl/descargas/servizos_minimos

A empresa de transporte dará a máxima difusión dos servizos concretos que resulten afectados por esta orde ás persoas usuarias a través daqueles medios que permitan o seu coñecemento e, en todo caso, nos propios vehículos, con antelación ao inicio e durante a folga.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes