Mediante a Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, do 20 de novembro de 2017 (Diario Oficial de Galicia núm. 227, do 29 de novembro), aprobáronse as bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, as cales foron modificadas pola Resolución do 25 de abril de 2023 (Diario Oficial de Galicia núm. 86, do 5 de maio).
Na base 3.4 da citada resolución de bases do procedemento de concurso de traslados aberto e permanente establécese que as persoas interesadas poderán presentar a solicitude de participación no concurso de traslados aberto e permanente en calquera momento, sen suxeición a prazo, desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
En cada ciclo anual de adxudicación incluiranse as solicitudes de participación que consten rexistradas en Fides/expedient-e e formalmente presentadas ata o 15 de xaneiro do ano en curso.
Finalizado o prazo de presentación de solicitudes do ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2026, e de conformidade coa Resolución do 20 de novembro de 2017, esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro. Aprobar e publicar a relación provisional de persoas admitidas e excluídas no ciclo de adxudicación correspondente ao ano 2026 do concurso de traslados aberto e permanente para a provisión de prazas básicas de persoal estatutario sanitario e de xestión e servizos.
As listaxes coa relación provisional de persoas admitidas e excluídas en cada unha das categorías están publicadas, á disposición das persoas interesadas, na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es), coa especificación da/s causa/s de exclusión, de ser o caso.
Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Segundo. Contra esta resolución, de conformidade coa base oitava da Resolución de bases do 20 de novembro de 2017, as persoas excluídas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para poderen emendar, se é o caso, o defecto que motivou a exclusión, mediante solicitude que deberán dirixir á unidade de validación á cal se dirixise a solicitude de participación no concurso.
As persoas que, tendo presentado debidamente a súa solicitude de participación para este ciclo, non consten como admitidas nin excluídas disporán do mesmo prazo para formularen a súa reclamación.
As persoas solicitantes que, dentro do prazo indicado, non emenden os defectos motivo da exclusión serán definitivamente excluídas da participación neste ciclo.
Terceiro. A estimación ou desestimación das emendas solicitadas entenderase implícita na resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, pola que se declaren con carácter definitivo as listaxes de persoas admitidas e excluídas.
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026
María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos
