De conformidade co establecido nos artigos 28 e 29 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, resolveuse adxudicar destinos nas oficinas xudiciais que se relacionan no anexo I ao persoal funcionario do corpo de tramitación procesual e administrativa (quenda promoción interna) que foi nomeado funcionario de carreira do corpo de tramitación procesual e administrativa pola Orde do 31 de xullo de 2026 tendo en conta o seguinte:
Primeiro. As persoas funcionarias do corpo de tramitación procesual e administrativa da Administración de xustiza ás que se lles outorga destino deberán tomar posesión do seu cargo no correspondente departamento territorial da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes dentro do prazo de vinte días hábiles, que se contarán a partir do 1 de setembro de 2026, de acordo co establecido no artigo 29 do devandito real decreto e no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Segundo. Non será necesario que as persoas funcionarias destinadas en virtude desta resolución que pertenzan xa como titulares ao corpo de xestión procesual e administrativa ou auxilio xudicial e que opten por continuar en activo nalgún dos devanditos corpos se despracen a tomar posesión ao posto de traballo adxudicado, abondará con que, dentro do prazo de toma de posesión sinalado no apartado primeiro, lle comuniquen, de ser o caso, á xerencia territorial correspondente ou ao órgano competente das comunidades autónomas con traspasos recibidos esta opción, para os efectos de declaración de excedencia voluntaria prevista no artigo 506.d) da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial. Remitirase unha copia da resolución pola que se lle declara en situación de excedencia voluntaria ao Rexistro Central de Persoal da Subdirección Xeral de Acceso e Promoción do Persoal da Administración de xustiza.
Terceiro. No caso de que as persoas funcionarias optasen por ingresar no corpo de tramitación procesual e administrativa e quixesen evitar un baleiro na continuidade dos seus servizos na Administración de xustiza, dada a necesidade de contar co tempo indispensable para efectuar a toma de posesión, poderán solicitar da xerencia territorial ou do órgano competente da comunidade autónoma correspondente ao seu destino como funcionarios do corpo de xestión procesual e administrativa ou auxilio xudicial un permiso retribuído dun día se non hai cambio de localidade ou de dous en caso contrario, salvo aqueles que teñan que desprazarse desde Canarias, Baleares, Ceuta ou Melilla, en cuxo caso o permiso poderá ser de ata tres días para tomar posesión do seu novo cargo. Estes días considéranse hábiles e a toma de posesión no novo destino efectuarase durante os días de permiso indicados, os cales deben gozarse, en calquera caso, dentro do prazo posesorio.
No caso de que a persoa funcionaria proceda do ámbito de competencia doutra xerencia territorial ou de comunidades autónomas que recibisen o traspaso de medios persoais, deberá remitirse esta documentación a estes órganos para que lle concedan de oficio a situación de excedencia voluntaria no corpo de xestión procesual e administrativa ou auxilio xudicial e o cesamento automático con data do día anterior a aquel no que se produza a toma de posesión no corpo de tramitación procesual e administrativa, co obxecto de evitar a interrupción na percepción dos seus haberes.
Cuarto. En calquera caso, unha vez que se dilixencie a toma de posesión, remitiranse exemplares do documento F1R para que se realicen as oportunas variacións na nómina: un deles será enviado ao Rexistro Central de Persoal da Subdirección Xeral de Acceso e Promoción do Persoal da Administración de xustiza, outro exemplar seralle entregado á persoa interesada e o cuarto para constancia no órgano xudicial.
Quinto. As persoas funcionarias interinas que actualmente ocupen prazas que lles foron adxudicadas ás persoas aspirantes aprobadas cesarán o mesmo día no que se produza a toma de posesión da persoa titular.
Sexto. En cumprimento da lexislación sobre incompatibilidades do persoal ao servizo da Administración pública (Lei 53/1984, do 26 de decembro), aplicable ao persoal ao servizo da Administración de xustiza, en virtude do artigo 498 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, reformada pola Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, aquelas persoas aspirantes que posúan xa a condición de funcionarias de carreira deberán manifestar a súa opción na acta de toma de posesión.
Sétimo. As persoas funcionarias do corpo de tramitación procesual e administrativa ás que se lles outorga destino en virtude desta resolución, agás seren destinadas con carácter forzoso pola orde de cualificación segundo as súas preferencias, non poderán participar nun concurso de traslados ata que transcorran dous anos desde a data desta resolución. Para o cómputo dos dous anos seguirase o establecido no parágrafo segundo do artigo 529.3 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial.
Oitavo. As prazas ofrecidas ás persoas aspirantes mediante a Resolución do 12 de xuño de 2026 (Boletín Oficial del Estado do 25 de xuño) non adxudicadas nesta resolución manteñen a súa condición de desertas, sen prexuízo de que poidan anunciarse como vacantes nun concurso ordinario se non se promulga unha oferta de emprego público ou no caso de que a oferta pública de emprego que corresponda non faga necesario o anuncio de todas as desertas existentes.
Contra esta resolución poderá interpoñerse un recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante a Dirección Xeral de Xustiza da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ou un recurso contencioso-administrativo perante a sección do contencioso-administrativo do tribunal de instancia competente no prazo de dous meses, a partir do día seguinte ao da súa publicación.
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026
José Tronchoni Albert
Director xeral de Xustiza
ANEXO
|
Núm. de opositor/a |
NIF |
Apelidos e nome |
Unidade |
Denominación |
Código do posto |
Localidade |
Provincia |
|
1 |
***4498** |
Rodríguez Montero, Lara |
Servizo Común de Tramitación de TI de Pontevedra-Área Penal |
Tramitación-SCT TI Penal |
XG9258400015014501.00 |
Pontevedra |
Pontevedra |
|
2 |
***4802** |
Suárez Fernández, Jorge Juan |
Servizo Común de TI da Coruña-Área Civil, Familia, Infancia e Capacidade e Mercantil |
Tramitación-SCT TI Civil, Familia e Merc. |
XG92583030150306012.00 |
A Coruña |
A Coruña |
