DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Luns, 10 de agosto de 2026 Páx. 43878

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 24 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 con carácter plurianual (código de procedemento SI461B).

BDNS (Identif.): 923516.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/923516

Primeiro. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiaras das subvencións:

a) As entidades sen ánimo de lucro.

b) As cooperativas sen ánimo de lucro, segundo o establecido na disposición adicional cuarta da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da dita lei respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.

2. Para seren beneficiarias, as entidades e as cooperativas relacionadas no número anterior deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

b) Cumprir os requisitos e as condicións establecidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2026 e con carácter plurianual, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, ao abeiro do disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral coa finalidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas.

Por medio desta convocatoria as entidades terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea de mulleres que sofren violencia de xénero (código de procedemento SI461B).

2. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu empoderamento, reforzando, ao mesmo tempo, as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 24 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 con carácter plurianual (código de procedemento SI461B).

Cuarto. Importe do crédito e contía da subvención

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de 600.000,00 €, que se imputarán á aplicación orzamentaria 08.06.313D.480.2 (código do proxecto 2023 00097) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, coa seguinte distribución por anualidades:

Año 2026: 150.000,00 €.

Año 2027: 450.000,00 €.

Esta convocatoria está cofinanciada nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021-2027 no obxectivo político 4: unha Europa máis social e inclusiva, por medio da aplicación do piar europeo de dereitos sociais; prioridade 2: inclusión social e loita contra a pobreza; obxectivo específico ESO4.8: fomentar a inclusión activa co obxecto de promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a participación activa, e mellorar a empregabilidade, en particular para os colectivos desfavorecidos, e medida 2.H.01: apoio á inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero.

2. Para a determinación da contía da subvención e a súa xustificación empregarase un método de custos simplificados, consonte o disposto nos artigos 53.1.b) e 53.3.a).i) do Regulamento (UE) núm. 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e a política de visados, conforme o cal se establece un custo unitario mensual por cada muller que sofre violencia de xénero contratada a tempo completo.

Para o cálculo dos custos unitarios mensuais tomaranse como referencia os datos salariais, para o ano 2026, dos grupos 1, 2, 3 e 4 do III Convenio colectivo estatal de acción e intervención social 2026-2029, máis a cotización empresarial á Seguridade Social, no caso de que non estea bonificada, do que resultan as seguintes contías:

Custo salarial mensual

Seguridade Social (31,85 %)

Custo unitario mensual

Custo unitario 1: Grupo profesional 1

2.190,37 €

697,63 €

2.888,00 €

Custo unitario 2: Grupo profesional 2

1.976,73 €

629,59 €

2.606,32 €

Custo unitario 3: Grupo profesional 3

1.732,87 €

551,92 €

2.284,79 €

Custo unitario 4: Grupo profesional 4

1.510,60 €

481,13 €

1.991,73 €

Quinto. Prazo de presentación das solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes e comezará a computar transcorridos 5 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día de inicio do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o día hábil seguinte; a hora de inicio será ás 9.00 horas e a hora de fin de prazo será ata as 20.00 horas.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2026

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade