DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 11 de agosto de 2026 Páx. 44135

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 27 de xullo de 2026, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se aproban e publican as relacións provisionais de persoas admitidas e excluídas no procedemento para novas inclusións e actualización de méritos nas bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas (códigos de procedemento PR410A e PR410B), convocado mediante a Resolución do 19 de maio de 2026.

De conformidade co establecido no artigo 5.1 da Orde da daquela denominada Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administración Públicas e Xustiza, do 30 de novembro de 2017, pola que se establece o procedemento para a selección e nomeamento de persoal interino para o desempeño de postos reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, así como no artigo 8 da Resolución do 19 de maio de 2026, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se efectúa a convocatoria para novas inclusións e actualización de méritos nas bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas, e unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes establecido na Resolución anteriormente citada do 19 de maio de 2026, procede aprobar e publicar as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas, para os efectos de posibilitar a emenda dos defectos observados e, se é o caso, a formulación das reclamacións oportunas.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar as listaxes provisionais de persoas admitidas e excluídas no procedemento para novas inclusións e actualización de méritos nas bolsas para a provisión temporal, mediante interinidade, de postos de traballo reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional das entidades locais galegas (códigos de procedemento PR410A e PR410B), convocado mediante a Resolución do 19 de maio de 2026.

As devanditas listaxes publicaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia, no procedemento PR10A e PR410B, e incluirán a indicación, se é o caso, da causa de exclusión.

Segundo. As persoas aspirantes excluídas, así como aquelas que non figuren nas relacións provisionais de persoas admitidas e excluídas, disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para emendar o defecto que motivou a súa exclusión ou para formular as reclamacións que consideren oportunas.

As persoas aspirantes que dentro do prazo sinalado non emenden os defectos que motivaron a súa exclusión serán definitivamente excluídas.

Terceiro. As emendas e reclamacións deberán presentarse exclusivamente por medios electrónicos a través da Carpeta cidadá da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal), accedendo ao procedemento PR410A e PR410B.

Non serán admitidas as emendas ou reclamacións presentadas por un medio distinto do indicado no parágrafo anterior.

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2026

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local