DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Martes, 11 de agosto de 2026 Páx. 44130

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2026, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se lle dá publicidade á convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional denominado oficial maior da Deputación Provincial da Coruña.

A Deputación Provincial da Coruña aprobou as bases e a convocatoria para a cobertura, polo sistema de libre designación, do posto de traballo denominado oficial maior, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, que lle remitiu á Dirección Xeral de Administración Local para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e posterior envío ao Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública para os efectos da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

De acordo coa proposta da subdirectora xeral de Réxime Xurídico Local, e tendo en conta as competencias conferidas polo artigo 29.3.g) do Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e o artigo 1.5 da Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes,

RESOLVO:

Dar publicidade á convocatoria e ás bases que a rexerán, recollidas como anexo a esta resolución, para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional que se indica a seguir:

Corporación: Deputación Provincial da Coruña.

Posto: oficial maior da Deputación Provincial da Coruña.

Subescala: secretaría.

Categoría: superior.

Nivel complemento destino: 30.

Complemento específico anual: 51.814,35 euros.

Coñecemento de lingua galega: nos termos do Decreto 103/2008, do 8 de maio.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2026

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local

ANEXO

Bases que rexerán a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de oficial maior da Deputación Provincial da Coruña

Primeira. Obxecto

As presentes bases teñen por obxecto rexer a convocatoria para prover o posto de oficial maior da Deputación Provincial da Coruña, reservado a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala de secretaría, categoría superior, polo sistema de libre designación establecido no artigo 92.bis.6 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, nos artigos 19 e 36 do Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto do persoal funcionario con habilitación de carácter estatal, e no artigo 45 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo, polo que se regula o réxime xurídico dos funcionarios da Administración local con habilitación de carácter nacional.

Segunda. Corporación

Deputación Provincial da Coruña.

Terceira. Denominación e clase do posto

Oficial maior. Secretaría clase primeira.

Cuarta. Características do posto

O posto que se proverá está incluído na relación de postos de traballo (código do posto 1.1.137.1) segundo a modificación aprobada polo Pleno da Corporación Provincial en sesión que tivo lugar o 30 de xaneiro de 2026, e publicada no Boletín Oficial da provincia da Coruña número 24, do 5 de febreiro de 2026, coas seguintes características:

– Denominación do posto na relación de postos de traballo: oficial maior.

– Complemento de destino asignado ao posto na relación de postos de traballo: o correspondente ao nivel 30.

– Complemento específico anual fixado para o posto, referido ao ano 2026 na relación de postos de traballo: 51.814,35 euros.

– Sistema de provisión na relación de postos de traballo: libre designación.

Quinta. Requisitos para o seu desempeño

Serán requisitos indispensables para concorrer á convocatoria e poder desempeñar o posto, no caso de ser nomeado:

1º. Estar integrado na subescala de secretaría, categoría superior.

Non poderán concorrer á convocatoria os funcionarios inhabilitados ou suspensos en virtude de sentenza ou resolución administrativa firme, se non transcorrese o tempo de suspensión sinalado nelas. Tampouco poderán concorrer os funcionarios destituídos, a postos da Corporación en que se produciu a sanción, se non transcorrese o prazo establecido nela, nin os funcionarios nas situacións de excedencia voluntaria a que se refire o artigo 89.1.a) e b) do texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, se non transcorrese o prazo de dous anos desde o pase a elas.

2º. Acreditar o coñecemento do idioma galego mediante a presentación do certificado de lingua galega (Celga 4) ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, segundo o establecido na Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga).

Na súa falta, a persoa interesada deberá realizar unha proba de carácter eliminatorio, que se valorará como «apto» ou «non apto», destinada a avaliar un grao de coñecemento equivalente ao exixido para a obtención do Celga 4 ou equivalente (artigo 2 do Decreto 103/2008, do 8 de maio, polo que se regula o coñecemento do galego nos procedementos para a provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter estatal no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia).

Sexta. Solicitudes

A solicitude dirixirase ao presidente da Deputación Provincial da Coruña e presentarase no Rexistro Xeral da Deputación ou nas oficinas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dentro do prazo dos quince días hábiles seguintes ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial del Estado (artigo 46.3 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo), e deberá indicarse nesta, ademais do contido mínimo establecido no artigo 66.1 da citada lei, o número de rexistro de persoal, a situación administrativa en que se atope a persoa solicitante e o seu destino; e deberá vir acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados na base quinta.

Xunto coa solicitude, as/os aspirantes achegarán o seu curriculum vitae, no cal constarán os títulos académicos, os anos de servizo, os postos de traballo desempeñados na Administración, os estudos e cursos realizados e outros méritos que consideren oportuno poñer de manifesto, coa correspondente documentación acreditativa.

A presentación da solicitude para participar na provisión do posto de traballo a que se refire as presentes bases comportará a plena aceptación destas.

Sétima. Nomeamento

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, o presidente procederá, no prazo dun mes, de ser o caso, e tras verificar o cumprimento dos requisitos exixidos nestas bases, a ditar a resolución correspondente, que deberá estar motivada con referencia ao cumprimento dos requisitos, á observancia do procedemento, á competencia para o nomeamento, aos concretos criterios de interese xeral elixidos como prioritarios para decidir o nomeamento, e ás condicións profesionais tidas en conta para apreciar a maior idoneidade da persoa funcionaria nomeada; e da que dará conta ao Pleno da Corporación, así como traslado á Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia e ao ministerio competente en materia de función pública para a publicación no Boletín Oficial del Estado (artigo 46.3 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo).

Oitava. Toma de posesión

Os prazos para a toma de posesión serán os establecidos no artigo 34 do Decreto 49/2009 e artigo 41 do Real decreto 128/2018, do 16 de marzo; en consecuencia, será de tres días hábiles tratándose de postos de traballo na mesma localidade ou dun mes noutro caso.

Os ditos prazos contaranse a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá efectuarse no prazo de tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución sobre o nomeamento no Boletín Oficial del Estado.

Novena. Impugnación

De conformidade co establecido no artigo 40.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), infórmase de que a resolución esgota a vía administrativa, de acordo co disposto no artigo 114.1 da LPACAP, polo que, en virtude do artigo 123 da referida norma, contra a presente resolución poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado, tal e como tamén preceptúa o artigo 52.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local. Neste caso non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente o recurso potestativo de reposición ou se produza a desestimación presunta deste.

Así mesmo, a persoa interesada poderá interpoñer directamente contra a presente resolución recurso contencioso-administrativo, previsto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado, ante a sección do contencioso-administrativo do tribunal de instancia que corresponda, de conformidade co disposto na devandita lei e na disposición adicional primeira da Lei orgánica 1/2025, do 2 de xaneiro, de medidas en materia de eficiencia do Servizo Público de Xustiza.

Todo isto, sen prexuízo de que se poida exercer calquera outro recurso que se considere pertinente.