De conformidade co disposto no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, nos artigos 25 e 26 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento dos procedementos de mobilidade do persoal funcionario de carreira da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico, e tendo en conta o establecido no Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia e na súa relación de postos de traballo vixente, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da citada lei, esta consellería
DISPÓN:
Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, os postos de traballo que se indican no anexo I desta orde.
Segundo. Poderá concorrer a ela o persoal funcionario de carreira que reúna as condicións que para os postos de traballo se sinalan no anexo I.
As persoas funcionarias que, se é o caso, desempeñen en comisión de servizos os postos obxecto desta convocatoria terán a obriga de participar nesta, de conformidade coa normativa aplicable. O incumprimento desta obriga dará lugar á revogación da comisión de servizos.
Terceiro. As solicitudes dirixiranse á entidade pública empresarial Augas de Galicia e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos no prazo de quince (15) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, conforme o modelo que se inclúe como anexo II. Para achegar a dita solicitude, na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) está dispoñible o formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, e para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
De acordo co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Cuarto. As persoas aspirantes deberán xuntar coa súa solicitude un currículo e xustificar documentalmente os méritos que aleguen.
Os méritos alegados e non probados da maneira sinalada no parágrafo anterior non se terán en conta.
Quinto. No caso de que resulten seleccionados/as para ocupar os postos de traballo que se relacionan no anexo I desta orde funcionarios/as con destino noutra Administración pública, tramitarase o seu traslado a esta comunidade autónoma conforme o previsto no artigo 29 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto, e demais disposicións concordantes.
Sexto. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserto o posto de traballo, de considerarse oportuno.
Sétimo. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres (3) días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete (7) días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será dun (1) mes, conforme o establecido no artigo 8 do Decreto 151/2022, do 4 de agosto.
O prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento, que deberá producirse dentro dos tres (3) días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia ou desde a data na que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso de persoal funcionario doutras administracións públicas.
Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
O persoal funcionario de carreira que incumpra os prazos de toma de posesión será declarado de oficio na situación de excedencia voluntaria por interese particular.
Oitavo. Contra esta orde, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, no prazo dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderán impugnala directamente ante a Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia da cidade de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático
ANEXO I
Denominación do posto: subdirector/a xeral de réxime económico-financeiro.
Código do posto: IV.E10.00.003.15770.001.
Dependencia: entidade pública empresarial Augas de Galicia.
Localidade: Santiago de Compostela.
Subgrupo: A1.
Nivel: 30.
Corpo ou escala: A3 (xeral/especial)/A9 (xeral escala finanzas).
Complemento específico: 26.303,90 euros.
Adscr. adm. públ.: A11 (adscrición indistinta a funcionarios da Xunta de Galicia, Estado e CC.AA.).
Formación específica: 640 (para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego) (R.I.).
Denominación do posto: xefatura do servizo territorial de Augas de Galicia.
Código do posto: IV.E19.20.000.36560.001.
Dependencia: entidade pública empresarial Augas de Galicia.
Localidade: Vigo.
Subgrupo: A1-A2.
Nivel: 28.
Corpo ou escala: EME1/ESE1/ESE2/ESE5 especial (Esc. enxeñeiros técnicos-Esp. enx. técnica de obras públicas/Esc. enxeñaría-Esp. enx. de camiños, canais e portos/Esc. enxeñaría-Esp. enx. agronóma/Esc. enxeñaría-Esp. enx. de montes).
Complemento específico: 18.267,48 euros.
Adscr. adm. públ.: A12 (adscrición indistinta a funcionarios da Xunta de Galicia, Estado e CC.AA. e administración local).
Formación específica: 640 (para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego) (R.I.).
Denominación do posto: secretario/a presidente/a.
Código do posto: IV.E10.00.000.15770.003.
Dependencia: entidade pública empresarial Augas de Galicia.
Localidade: Santiago de Compostela.
Subgrupo: C1-C2.
Nivel: 18.
Corpo ou escala: A1 xeral.
Complemento específico: 8.064,84 euros.
Adscr. adm. públ.: A11 (adscrición indistinta a funcionarios da Xunta de Galicia, Estado e CC.AA.).
Formación específica: 640 (para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego) (R.I.).
