DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Xoves, 13 de agosto de 2026 Páx. 44473

III. Outras disposicións

Consello Consultivo de Galicia

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2026 pola que se dispón a publicación do Regulamento interno de organización e funcionamento da Comisión da Transparencia de Galicia.

A Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas modificou o artigo 33.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, pola que se establece a adscrición da Comisión da Transparencia como órgano colexiado independente ao Consello Consultivo de Galicia.

O día 23 de xuño de 2026, a Comisión da Transparencia de Galicia acordou, en sesión ordinaria e por unanimidade, a aprobación do Regulamento interno de organización e funcionamento da Comisión da Transparencia.

De conformidade co disposto no artigo 45.1 de la Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026

Andrés Lago Louro
Presidente da Comisión da Transparencia
e do Consello Consultivo de Galicia

ANEXO

A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, creou a Comisión da Transparencia como un órgano independente ao que lle corresponde a resolución das reclamacións contra as resolucións ditadas en materia de acceso á información pública así como contra as desestimacións presuntas das solicitudes de acceso.

Na súa exposición de motivos, a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, remarcou a necesidade de asegurar o carácter independente do órgano creado, o que determinou que inicialmente a Comisión da Transparencia se adscribise ao Valedor do Pobo en canto institución estatutaria de contrastada independencia.

No entanto, logo da entrada en vigor da Lei 5/2025, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, a Comisión da Transparencia pasou a adscribirse ao Consello Consultivo de Galicia, o órgano consultivo superior da Xunta de Galicia e das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A independencia do Consello está recoñecida no artigo 1 da Lei 3/2014, do 24 de abril, do Consello Consultivo de Galicia, que remarca a súa independencia respecto de calquera outro órgano e, en garantía desta independencia, goza de autonomía orgánica e funcional, sen que os seus membros estean suxeitos a ningún mandato imperativo.

A independencia do Consello Consultivo entronca coa natureza do propio órgano, cuxa función é, por unha banda, garantir o respecto ao ordenamento xurídico e, por outra, garantir os dereitos da cidadanía. Entre estes dereitos atópase o dereito de acceso a arquivos e rexistros recollido no artigo 105.b) da Constitución española e desenvolto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, cuxo artigo 13.d) dispón como as persoas con capacidade de obrar teñen dereito a acceder aos arquivos, rexistros e información pública de acordo coa Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e o resto do ordenamento xurídico.

Neste sentido, a adscrición da Comisión de Transparencia ao Consello Consultivo responde á necesidade de que as reclamacións en materia de acceso á información pública sigan recibindo unha resposta que respecte plenamente os dereitos da cidadanía e, ao mesmo tempo, os límites e as excepcións establecidos legalmente para o devandito acceso.

En todo caso, a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, exixe que a institución do Consello Consultivo de Galicia e a Comisión da Transparencia logren un equilibrio que permita manter a súa independencia e, para estes efectos, o artigo 34 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, establece a necesaria separación das funcións que lle corresponden ao Consello Consultivo e aquelas asignadas á Comisión da Transparencia, sen prexuízo do cal a Comisión contará cos medios persoais e materiais asignados ao Consello.

Por outra banda, o axeitado funcionamento da Comisión da Transparencia exixe que os suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, presten unha leal e necesaria colaboración coa institución co fin de asegurar o correcto desenvolvemento das súas funcións, permitindo así que a cidadanía non perda a percepción que asegura a confianza na Comisión da Transparencia como un órgano independente ao servizo da defensa dos seus dereitos.

Para o correcto desenvolvemento do seu cometido, cómpre establecer unhas normas internas de organización e funcionamento da Comisión que permitan un máis áxil e eficiente desenvolvemento do traballo do órgano colexiado e, por extensión, converter a Comisión nun instrumento activo na procura da transparencia na actuación das administracións públicas.

Deste xeito, ao abeiro do disposto no artigo 15.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, a Comisión da Transparencia aproba o seguinte regulamento interno:

Regulamento interno de organización e funcionamento da Comisión da Transparencia

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Natureza e réxime xurídico

1. A Comisión da Transparencia, de acordo coa Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, é un órgano colexiado independente, adscrito ao Consello Consultivo de Galicia, que se rexerá polo disposto na lexislación básica do Estado en materia de transparencia e dereito de acceso a información pública, nomeadamente a Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, pola Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, así como polas normas que resulten de aplicación en virtude deste regulamento.

2. A Comisión actúa con plena autonomía e independencia no cumprimento dos seus fins.

Artigo 2. Competencias

1. De acordo co disposto na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a Comisión da Transparencia é o órgano independente ao cal lle corresponde a resolución das reclamacións fronte ás resolucións ditadas en materia de acceso á información pública que establece o artigo 28 da devandita lei, así como fronte á desestimación presunta das solicitudes de acceso.

2. Así mesmo correspóndelle ser oída polo Comisionado da Transparencia, previamente á adopción de recomendacións para o mellor cumprimento das obrigas legais en materia de transparencia e bo goberno, e á emisión de informes sobre proxectos de lei ou de regulamentos en materia de transparencia e bo goberno.

Artigo 3. Resolución das reclamacións ditadas por entes locais

A Comisión da Transparencia resolverá as reclamacións previstas no artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia.

Artigo 4. Adscrición e sede

1. A Comisión da Transparencia está adscrita ao Consello Consultivo de Galicia.

2. A Comisión ten a súa sede en Santiago de Compostela.

Artigo 5. Principios de funcionamento

1. A Comisión, no exercicio das súas funcións, rexerase polo principio de transparencia.

2. A Comisión, nas súas resolucións, ponderará o interese público no dereito de acceso á información pública derivada dos principios de publicidade e transparencia na actuación dos poderes públicos, o dereito á protección dos datos de carácter persoal das persoas cuxos datos aparezan na información solicitada, así como o resto de límites previstos na normativa vixente.

3. Unha vez que se notifiquen as resolucións aprobadas pola Comisión, estas publicaranse na páxina web institucional da Comisión da Transparencia, así como no Portal de transparencia e bo goberno, logo de disociación dos datos de carácter persoal que se conteñan nas resolucións.

4. A Comisión prestará especial atención, no desenvolvemento das súas funcións, ao disposto na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

CAPÍTULO II

Composición

Artigo 6. Composición

Os membros da Comisión da Transparencia son os previstos no artigo 33 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

Artigo 7. Presidencia

1. Correspóndelle á Presidencia da Comisión:

a) Exercer a representación do órgano.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias, así como fixar a orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos demais membros da Comisión.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e, no seu caso, suspendelos por causas xustificadas.

d) Autorizar a asistencia ás sesións da Comisión de persoas expertas en materias sectoriais.

e) Dirimir co seu voto os empates, para a adopción de acordos.

f) Asegurar o cumprimento das leis.

g) Visar as actas e as certificacións dos acordos da Comisión.

h) A subscrición de convenios con entidades públicas e privadas.

i) Resolver a abstención e recusación dos membros da Comisión.

k) Resolver as solicitudes de acceso á información pública dirixidas á Comisión.

l) Someter á Comisión de Transparencia as recomendacións que propoña o Comisionado da Transparencia para un mellor cumprimento das obrigas en materia de transparencia e bo goberno, e os proxectos de informe sobre os proxectos normativos en materia de transparencia.

m) Propoñerlle á Comisión a aprobación do regulamento interno de organización e funcionamento, e das súas modificacións.

n) O exercicio de todas aquelas competencias que, ao non estar atribuídas a ningún outro órgano, lle correspondan á Comisión da Transparencia.

2. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, as funcións da Presidencia da Comisión serán desenvoltas polo conselleiro ou pola conselleira do Consello Consultivo que substitúa a persoa titular da Presidencia do Consello.

Artigo 8. Vogalías

1. Os/as vogais da Comisión da Transparencia son os/as previstos/as no artigo 33.2.b) da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro.

2. O nomeamento dos/das vogais e das persoas suplentes realizarase pola Presidencia da Comisión da Transparencia, a proposta das administracións e entidades representadas.

3. Correspóndelles aos/ás vogais:

a) Recibir a convocatoria das sesións da Comisión e as propostas de resolución das reclamacións, cunha antelación mínima de cinco días á celebración da sesión.

b) Propoñerlle á Presidencia a inclusión de asuntos para tratar na orde do día. Estas peticións haberán de realizarse na sesión anterior a aquela para a que se formula a petición, agás no suposto de urxencia xustificada que deberá apreciarse pola Presidencia.

c) Propoñer emendas ás propostas de resolución sometidas a votación. Estas emendas haberán de ser remitidas á Secretaría da Comisión.

d) Asistir ás sesións da Comisión, participar nos debates dos asuntos sometidos a votación e exercer o seu dereito ao voto.

e) Obter toda a información precisa para o desenvolvemento das súas funcións.

f) Gardar a debida reserva respecto dos feitos ou informacións coñecidos con ocasión do exercicio da súa participación na Comisión.

g) Achegar, no prazo de cinco días, a motivación do seu voto en contra ás resolucións ou acordos adoptados pola Comisión, para a súa incorporación á acta.

h) Formular rogos e preguntas.

Artigo 9. Secretaría da Comisión

1. A Secretaría da Comisión corresponderalle ao letrado ou letrada ao servizo do Consello Consultivo que designe o Pleno deste órgano, por proposta da súa Presidencia.

2. Correspóndelle á Secretaría da Comisión:

a) Cursar a convocatoria das sesións da Comisión por orde da Presidencia. Coa convocatoria remitirá, para os efectos da súa aprobación, unha copia da acta da sesión anterior, as propostas de resolución das reclamacións incluídas na orde do día da sesión e a documentación relativa a calquera outro asunto incluído na orde do día.

b) Dar conta dos distintos asuntos incluídos na orde do día de cada sesión.

c) Recibir as distintas comunicacións das persoas titulares das vogalías.

d) A custodia das actas e documentación da Comisión.

e) Expedir as certificacións dos acordos adoptados pola Comisión.

f) Solicitar das distintas administracións públicas a información necesaria para o exercicio das competencias da Comisión.

g) Cantas outras funcións sexan inherentes á Secretaría.

3. A Secretaría da Comisión ten tamén atribuídos os dereitos e deberes previstos nas letras d), f) e g) do artigo 8 deste regulamento.

4. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, a Secretaría da Comisión será exercida polo letrado ou letrada designado como secretario ou secretaria suplente, polo Pleno do Consello Consultivo por proposta da súa Presidencia.

Artigo 10. Abstención e recusación

1. No caso de que, consonte o disposto na normativa básica de réxime xurídico do sector público, concorra na Presidencia da Comisión, algunha causa de abstención ou recusación, a Presidencia será asumida polo persoal vogal de maior antigüidade.

2. Para o caso de abstención dos restantes membros da Comisión, estes haberán de poñer esta circunstancia en coñecemento da Presidencia da Comisión de Transparencia, que ditará a resolución que proceda.

3. No caso de recusación dalgún membro da Comisión, a persoa recusada comunicaralle á Presidencia se se dá nela, ou non, a causa alegada. No primeiro caso, a persoa titular da Presidencia resolverá, sen máis trámite, sobre a cuestión e a súa substitución. No segundo caso, logo da realización das comprobacións oportunas, a Presidencia resolverá o que proceda nun prazo de tres días.

CAPÍTULO III

Funcionamento e procedemento

Artigo 11. Réxime xeral de funcionamento

A Comisión da Transparencia réxese polo disposto na Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e neste regulamento.

Artigo 12. Convocatoria das sesións

1. A Comisión reunirase, con carácter ordinario, unha vez ao mes, salvo que o volume de asuntos aconselle outra periodicidade.

Así mesmo, poderá reunirse con carácter extraordinario, cando así o acorde a Presidencia ou o soliciten a maioría dos seus membros.

2. A Secretaría da Comisión, por orde da Presidencia, remitiralles aos/ás vogais no prazo disposto no artigo 8.3.a), a orde do día, as propostas de resolución das reclamacións e calquera outra documentación precisa para a adopción dos acordos.

3. No caso de que o asunto sometido a debate sexan as recomendacións que propoña o Comisionado da Transparencia para un mellor cumprimento das obrigas en materia de transparencia e bo goberno, ou un proxecto de informe do Comisionado da Transparencia sobre proxectos de lei ou de regulamentos en materia de transparencia e bo goberno, coa convocatoria achegaranse tamén as recomendacións propostas ou o texto normativo sometido a informe.

Artigo 13. Constitución e desenvolvemento das sesións

1. A Comisión quedará validamente constituída, en primeira convocatoria, coa presencia das persoas que exerzan a Presidencia e a Secretaría, e dous vogais. En segunda convocatoria bastará coa presenza das persoas que exercen a Presidencia e a Secretaría, e un vogal.

2. As sesións da Comisión desenvolveranse consonte as seguintes regras:

a) A sesión abrirase cando así o determine a Presidencia.

b) A Secretaría tomará nota das persoas asistentes e, de ser o caso, das escusas de asistencia para os efectos de constatar se existe quórum para celebrar a sesión.

c) No caso de haber quórum, a Secretaría procederá a dar lectura da acta da sesión anterior, que se terá que someter a votación da Comisión para a súa aprobación. Calquera membro poderá pedir a rectificación da acta en relación coas opinións ou manifestacións por el formuladas, e a Secretaría poderá solicitar que as achegue por escrito.

d) A orde do despacho dos asuntos será a fixada na orde do día, se ben a Comisión, por acordo da maioría dos seus membros, poderá modificala.

e) A Secretaría exporá brevemente cada un dos asuntos incluídos na orde do día e, logo de debate, someteranse a aprobación da Comisión.

f) No suposto de proxectos de informes relativos a proxectos normativos, a Presidencia poderá acordar que o debate e as intervencións se desenvolvan atendendo á orde dos artigos respecto dos cales xurdan discrepancias.

g) Cando, a xuízo da Presidencia, o asunto fose suficientemente discutido, poderá suspender o debate e acordar que se someta a votación.

h) Os asuntos sobre os que non se suscite debate serán sometidos directamente a votación.

Artigo 14. Votacións

1. Para a aprobación da resolucións ou acordos da Comisión da Transparencia é precisa maioría simple.

2. A votación seguirá a orde prevista no artigo 33.2 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, coa excepción da Presidencia, que será a última en votar. En caso de empate, o voto da Presidencia será dirimente.

3. Os membros da Comisión que se aparten do voto maioritario, se así o consideran, poderán recoller por escrito os motivos da súa oposición, que serán incorporados á acta da sesión como un anexo.

A xustificación do voto en contra deberase anunciar unha vez rematada a votación do asunto e deberase remitir á Secretaría da Comisión no prazo de cinco días a partir da data da sesión na que se aprobou a resolución ou se adoptou o acordo.

Artigo 15. Actas

1. A Secretaría redactará un proxecto de acta de cada sesión, que deberá ser sometido a votación na seguinte sesión que se realice.

2. A acta fará constar, necesariamente, as persoas asistentes, a orde do día da reunión, o seu carácter ordinario ou extraordinario, as circunstancias de tempo e lugar nas que tivo lugar, os puntos principais das deliberacións e o contido dos acordos adoptados.

Poderase facer constar, por solicitude dos membros que votasen en contra, o sentido negativo do voto en relación coa resolución ou acordo adoptado, cando non desexen xustificar os motivos do seu voto en contra.

Artigo 16. Medios da Comisión da Transparencia

A Comisión contará, para o desenvolvemento das súas funcións, cos medios persoais e materiais do Consello Consultivo de Galicia.

Artigo 17. Transparencia da actividade da Comisión

A Comisión publicará na súa páxina web as súas actas e resolucións, logo de disociación dos datos de carácter persoal.