O artigo 4 do Estatuto de autonomía para Galicia sinala que corresponde aos poderes públicos galegos promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación das galegas e os galegos na vida política, económica, cultural e social. A Comunidade Autónoma de Galicia, segundo o establecido no artigo 27.23 do Estatuto de autonomía de Galicia, en consonancia coa habilitación competencial outorgada ás comunidades autónomas polo artigo 148.1.20 da Constitución española, ten competencia exclusiva en materia de asistencia social, polo que, en virtude do anteriormente sinalado, se aprobou a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
Neste sentido, o artigo 3 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, inclúe entre as posibles formas de violencia de xénero que se exercen sobre as mulleres: a violencia sexual e abusos sexuais, o acoso sexual, a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual e a explotación sexual.
Por outra banda, a Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, establece, no seu artigo 41, o dereito a unha axuda económica para aquelas mulleres, nenas e nenos vítimas de violencias sexuais que se sitúen nun determinado nivel de renda. Trátase dun dereito subxectivo, mediante o que se pretende garantir a autonomía económica das vítimas co fin de facilitar a súa recuperación integral.
En aplicación da disposición derradeira vixésimo cuarta desta lei aprobouse o Real decreto 664/2024, do 9 de xullo, polo que se regulan as axudas económicas a vítimas de violencias sexuais, e polo que se modifica o Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, polo que se regula a axuda económica establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, e que se xustifica na necesidade de establecer as condicións básicas que garanten o acceso á dita axuda en condicións de igualdade, regulando aspectos tales como as persoas beneficiarias da axuda, a acreditación da condición de vítima, o prazo de presentación da solicitude, a tramitación da axuda, o seu pagamento e o seu reembolso. Todo iso, sen prexuízo das competencias que as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla teñen tamén nesta materia. Estas axudas fináncianse con cargo aos orzamentos xerais do Estado, polo que o importe dos pagamentos será reembolsado polo ministerio competente na súa integridade; non obstante, a concesión correspóndelle ás administracións competentes en materia de servizos sociais.
De conformidade co Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, correspóndelle a este órgano superior da Administración autonómica impulsar as actuacións conducentes á eliminación da violencia de xénero, así como planificar, deseñar, coordinar e avaliar a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia da erradicación da violencia de xénero.
Segundo o exposto, a través da presente orde establécense as bases que rexerán na Comunidade Autónoma de Galicia o procedemento de concesión da axuda prevista nos anteditos preceptos legais, e convócanse para o ano 2026.
Tendo en conta o obxecto da convocatoria, esta orde axústase ao disposto na Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro; no Real decreto 664/2024, do 9 de xullo, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Na súa virtude, e en uso das facultades que teño atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia; polo Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e polo Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. O obxecto desta orde é establecer as bases que rexerán na Comunidade Autónoma de Galicia a concesión da axuda prevista no artigo 41 da Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual. Así mesmo, por medio desta orde convócase a dita axuda para o ano 2026.
2. A finalidade da axuda establecida no referido artigo 41 da Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, é proporcionarlle apoio económico ás mulleres vítimas de violencias sexuais.
3. O código do procedemento correspondente a esta axuda é o SI434C.
Artigo 2. Orzamento
1. Para a concesión destas axudas destinaranse 2.022.638,00 euros, imputables á aplicación orzamentaria 08.06.313D.480.0 (código de proxecto 2025 00051), de acordo coa seguinte distribución:
Ano 2026: 1.272.638,00 euros.
Ano 2027: 750.000,00 euros, para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das persoas beneficiarias durante o exercicio seguinte.
Artigo 3. Persoas beneficiarias e acreditación da condición de vítima
1. Para ser beneficiaria desta axuda a persoa solicitante deberá reunir, na data de solicitude da axuda, os seguintes requisitos:
a) Ser muller, nena ou neno vítima de violencia sexual segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, en España, con independencia da súa nacionalidade e da súa situación administrativa, ou no estranxeiro, sempre que sexan de nacionalidade española. Esta condición acreditarase mediante algún dos documentos establecidos no artigo 9.1.a).
b) Estar empadroado/a e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Carecer de rendas que, en cómputo mensual, superen o salario mínimo interprofesional vixente, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias. No caso de vítimas menores de idade ou economicamente dependentes da unidade familiar, o cómputo mensual das rendas da unidade familiar non poderá exceder dúas veces o salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias, ou de tres veces o salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias no caso de familias integradas por catro ou máis membros, ou que teñan recoñecida a súa condición de familia numerosa de acordo coa normativa vixente.
d) Ter acreditada a condición de vítima de violencia sexual conforme se establece no artigo 9.
Artigo 4. Contía da axuda, pagamento e prórroga
A contía que poderá acadar esta axuda determinarase, segundo o disposto no artigo 6 do Real decreto 664/2024, do 9 de xullo, de acordo coas seguintes especificacións:
1. Con carácter xeral, a contía da axuda económica será o equivalente a seis meses de subsidio por desemprego.
2. Cando a vítima teña persoas a cargo, a contía da axuda será a equivalente a:
a) Doce meses de subsidio por desemprego, cando a vítima teña a cargo un familiar ou unha persoa menor de idade acollida.
b) Dezaoito meses de subsidio por desemprego, cando a vítima teña ao seu cargo dous ou máis familiares ou persoas menores de idade acollidas, ou un familiar e unha persoa menor de idade acollida.
3. Cando a vítima teña recoñecido oficialmente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, o importe da axuda será equivalente a:
a) Doce meses de subsidio por desemprego, cando a vítima non teña persoas a cargo.
b) Dezaoito meses de subsidio por desemprego, cando a vítima teña unha persoa a cargo.
c) Vinte e catro meses de subsidio por desemprego, cando a vítima teña dúas ou máis persoas ao seu cargo.
4. Cando a vítima de violencia sexual teña persoas a cargo cun grao de discapacidade oficialmente recoñecido igual ou superior ao 33 por cento, o importe da axuda será equivalente a:
a) Dezaoito meses de subsidio por desemprego, cando a vítima teña unha persoa a cargo.
b) Vinte e catro meses de subsidio por desemprego, cando a vítima teña dúas ou máis persoas ao seu cargo.
5. Cando a vítima de violencia sexual con persoas a cargo con quen conviva teña recoñecido oficialmente un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por cento, o importe da axuda será equivalente a vinte e catro meses de subsidio por desemprego.
6. Cando a vítima de violencia sexual e a persoa a cargo con quen conviva teña recoñecido oficialmente un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, o importe da axuda será equivalente a vinte e catro meses de subsidio por desemprego.
7. A contía da axuda poderá percibirse, a elección da vítima, nun pagamento único ou en seis mensualidades. O aboamento da axuda en ambas as modalidades é compatible coa percepción da axuda en máis dunha ocasión consonte o sinalado no artigo 3.5 do Real decreto 664/2024, do 9 de xullo.
8. A dita axuda poderá prorrogarse unha soa vez, por petición da vítima, sempre que transcorresen cando menos seis meses desde a concesión e se manteñan as condicións que a motivaron. Serán de aplicación á solicitude de prórroga as mesmas normas establecidas neste orde para a tramitación inicial da axuda. O prazo para solicitar a prórroga comezará desde un mes antes da finalización do período de seis meses obxecto da primeira concesión ata tres meses despois desta finalización. Na determinación da contía da prórroga teranse en conta os posibles cambios na situación persoal e familiar da persoa solicitante.
9. Esta axuda poderá percibirse en máis dunha ocasión cando a vítima sufrise violencias diferenciadas, acreditadas de forma separada, sempre que se cumpran todos os requisitos establecidos nestas bases reguladoras.
Artigo 5. Prazo de solicitude
1. A solicitude da axuda deberá realizarse nun prazo de cinco anos, contados desde o último dos títulos emitidos a favor da vítima acreditativo da violencia sexual sufrida.
O referido prazo empezará a contar desde o día seguinte a aquel en que se notifique a sentenza condenatoria, a orde de protección ou calquera outra resolución xudicial que acorde unha medida cautelar a favor da vítima; ou desde o momento en que se acredite a súa condición de vítima por algún outro dos medios previstos no artigo 3.4 do Real decreto 664/2024, do 9 de xullo.
2. No caso de vítimas menores de idade, estarán lexitimadas para solicitar a axuda por si mesmas cando estean emancipadas. No caso contrario, poderán solicitar a axuda a través de quen exerza a súa representación legal, a condición de que esta non sexa a persoa responsable da violencia sexual que dá dereito a axuda. Se non se solicitou a axuda durante a minoría de idade pola violencia sufrida neste período, a vítima poderá facelo por si mesma cando alcanzase a maioría de idade.
Se a acreditación da condición de vítima se produciu durante a minoría de idade, pero non se solicitou a axuda no devandito período, o prazo a que se refire o parágrafo anterior comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que a vítima alcanzase a maioría de idade.
Artigo 6. Regras da determinación da renda para o cálculo da contía da axuda
1. De conformidade co disposto no artigo 5 do Real decreto 664/2024, do 9 de xullo, para os efectos de determinar o requisito de carencia de rendas superiores aos limiares previstos no artigo 3, consideraranse rendas ou ingresos computables calquera ben, dereito ou rendemento de que dispoña ou poida dispoñer a persoa solicitante da axuda derivados do traballo, do capital mobiliario ou inmobiliario, incluíndo os incrementos do patrimonio, das actividades económicas e os de natureza prestacional, agás os seguintes:
a) As asignacións económicas da Seguridade Social por fillo/a ou menor acollido/a a cargo, teña ou non a condición de persoa con discapacidade.
b) As deducións fiscais de pagamento directo por fillos/as menores a cargo.
c) O subsidio de mobilidade e compensación por gastos de transporte, previsto nos artigos 8.1.b) e 31 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social.
d) As pensións de alimentos, as compensatorias, así como axudas de alugamento ou axudas para fomentar o emprendemento laboral.
e) Os premios ou recompensas outorgadas a persoas con discapacidade nos centros ocupacionais, subvencións, axudas ou bolsas destinadas a compensar un gasto realizado, así como as prestacións económicas e en especie outorgadas ao abeiro da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.
f) As bolsas, premios ou recoñecementos similares que deriven da condición de vítimas de violencia sexual.
As rendas que non procedan do traballo e se perciban con periodicidade superior ao mes computaranse, para estes efectos, rateándose mensualmente.
Tamén se considerará unha porcentaxe do valor de mercado do patrimonio, aplicando o 50 % do tipo do xuro legal do diñeiro vixente, coa excepción da vivenda habitualmente ocupada pola solicitante e dos bens cuxas rendas fosen computadas anteriormente.
2. En particular, serán computables as axudas que, no momento da solicitude, a vítima xa estivese a percibir, de ser o caso, en virtude do artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, ou en virtude do artigo 41 da Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, salvo para a solicitude da prórroga da axuda. Igualmente, no suposto de que a solicitante percibise axudas ao abeiro da Lei 35/1995, do 11 de decembro, de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual, estas deberán computarse como ingresos.
3. Unicamente se terán en conta as rendas ou ingresos de que dispoña ou poida dispoñer a solicitante da axuda, sen que se computen para estes efectos as rendas ou ingresos doutros membros da unidade familiar que convivan coa vítima. Non obstante, se a solicitante da axuda tivese responsabilidades familiares segundo o establecido no artigo 7, entenderase que cumpre o requisito de carencia de rendas cando a renda mensual do conxunto da unidade familiar, dividida polo número de membros que a compoñen, non supere o salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.
4. Considerarase que a vítima menor de idade emancipada ou maior de idade é economicamente dependente da unidade familiar cando, no momento da solicitude da axuda, a vítima conviva coa unidade familiar, viva total ou parcialmente ás súas expensas, e non perciba, en cómputo anual, rendas ou ingresos de calquera natureza superiores ao salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.
5. En ningún caso se terán en conta as rendas do cónxuxe ou de quen estea ligado á vítima por análoga relación de afectividade, ou do proxenitor, cando estes sexan responsables da violencia sexual.
Artigo 7. Responsabilidades familiares e convivencia para o cálculo da contía
1. Consonte o establecido no artigo 2 do Real decreto 664/2024, do 9 de xullo, existirán responsabilidades familiares cando a beneficiaria teña ao seu cargo, polo menos, un familiar por consanguinidade ou afinidade con que conviva. Non se considerarán a cargo os/as familiares con rendas ou ingresos de calquera natureza superiores ao salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.
2. As responsabilidades familiares deberán concorrer no momento da presentación da solicitude, agás no suposto de fillas e fillos que nazan dentro dos trescentos días seguintes. Neste suposto procederá revisar a contía da axuda percibida, de acordo co disposto no artigo 17, para adecuala á cantidade que lle correspondería se, na data da solicitude, concorren esas responsabilidades.
3. No caso de fillas/os non será necesaria a convivencia cando exista obriga de alimentos, en virtude de convenio ou resolución xudicial. Presumirase a convivencia, salvo proba en contrario, cando os/as familiares teñan recoñecida a condición de beneficiarios/as de asistencia sanitaria da Seguridade Social no documento que apareza estendido a nome da vítima.
Artigo 8. Prazo, lugar e forma de presentación das solicitudes
1. O prazo para a presentación de solicitudes comezará transcorridos cinco días hábiles desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de outubro de 2026. No caso de que o día de inicio do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o día hábil seguinte, cunha hora de inicio non antes das 9.00 horas e a hora fin de prazo ata as 20.00 horas.
2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Artigo 9. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da condición de vítima de violencia sexual. As situacións de violencias sexuais que dan lugar ao recoñecemento do dereito a esta axuda económica acreditaranse mediante algún dos seguintes documentos:
1º. Orde de protección ou calquera outra resolución xudicial que acorde unha medida cautelar a favor da vítima.
2º. Sentenza condenatoria por calquera das manifestacións de violencia sexual previstas no artigo 3.1 da Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro.
3º. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de que a solicitante é vítima de violencias sexuais.
4º. Informe dos servizos sociais, dos servizos especializados en igualdade e contra a violencia de xénero, ou dos servizos de acollida destinados a vítimas de violencias sexuais da Administración pública competente.
No caso de que a vítima sufrise violencias diferenciadas, no informe deberá facerse constar, e explicar de xeito claro e conciso, os distintos feitos que deron lugar ás violencias diferenciadas e que se acreditan de forma separada.
Estas acreditacións administrativas serán expedidas polas entidades e organismos habilitados polas administracións públicas competentes e de conformidade co procedemento acordado na Resolución do 10 de decembro de 2025, da Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, pola que se publica o Acordo da Conferencia Sectorial de Igualdade, do 17 de novembro de 2025, relativo á acreditación das situacións de violencias sexuais.
5º. Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social, nos casos obxecto de actuación inspectora ou sentenza recaída na orde xurisdicional social.
6º. Informe emitido polos servizos públicos encargados da atención integral a estas vítimas ou por entidades sociais especializadas debidamente recoñecidas polas administracións públicas competentes na materia, no caso de vítimas de violencia sexual derivada da situación de vítima de trata con fins de explotación sexual.
Para ese efecto, resultará de aplicación o disposto no artigo 47 do Real decreto lei 6/2022, do 29 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes no marco do Plan nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína, no Acordo da Conferencia Sectorial de Igualdade do 27 de maio de 2022, relativo á acreditación administrativa da condición de vítima de trata de seres humanos e/ou explotación sexual, e noutras normas e acordos específicos sobre trata que puidesen aprobarse no futuro.
7º. Documentos sanitarios oficiais de comunicación á Fiscalía ou ao órgano xudicial, no caso de vítimas menores de idade.
b) No caso de que a solicitante teña ao seu cargo, polo menos, un familiar por consanguinidade ou afinidade, deberá achegar a seguinte documentación:
1º. Documentación para acreditar o vínculo familiar: libro de familia ou outro documento que acredite os vínculos familiares da solicitante coas persoas ao seu cargo.
No caso de menores acollidas/os a cargo, resolución administrativa ou xudicial de acollemento, nos supostos en que esta fose expedida por unha Administración distinta da Administración autonómica de Galicia.
2º. Documentación para acreditar que está/n ao seu cargo: se houbese convivencia cos/cas familiares a cargo, presentarase a resolución xudicial de custodia, informe dos servizos sociais, certificado de empadroamento colectivo onde consten todos os membros da unidade familiar e/ou calquera outra documentación que acredite suficientemente as responsabilidades familiares e a convivencia.
De non existir convivencia, presentarase o convenio regulador ou resolución xudicial en virtude dos cales exista obriga de alimentos.
c) Documentación que xustifique os ingresos declarados no punto 1 do anexo I, da solicitante e dos membros da unidade familiar de convivencia, de ser o caso, nómina, recibo ou xustificantes de rendementos do traballo ou de actividades económicas por conta propia ou allea. No caso de opoñerse á consulta de datos, deberá achegar tamén as resolucións ou recibos de calquera pensión, prestación ou subsidio que estivesen a percibir a solicitante ou demais membros da unidade familiar.
d) Acreditación da discapacidade da solicitante e/ou das/dos familiares a seu cargo ou menores acollidas/os, nos supostos en que fose expedida por unha Administración distinta da Administración autonómica de Galicia, de ser o caso.
e) Anexo II de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, de ser o caso.
3. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. As solicitantes deberán comunicar á Consellería de Política Social e Igualdade calquera modificación que se produza nos datos indicados na súa solicitude ou en calquera dos documentos que a acompañan. Esta variación comunicarase no momento en que se produza, co fin de axilizar a instrución do procedemento.
Artigo 10. Comprobación de datos
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante.
b) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a da persoa representante.
c) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade representante, cando a representación se faga a través dunha entidade xurídica.
d) Certificado ou volante de empadroamento, onde conste o domicilio da solicitante, con data da última variación padroal.
e) Certificado ou resolución do Servizo Público de Emprego Estatal en que consten os importes da prestación de desemprego percibidos na data actual da solicitante e/ou dos/das familiares a cargo.
f) Certificado ou resolución do Servizo Público de Emprego Estatal en que consten os importes da prestación de desemprego percibidos nun período da solicitante e/ou dos/das familiares a cargo.
g) Certificado de titularidade de bens catastrais da persoa solicitante e/ou dos/das familiares a cargo.
h) Certificado de datos catastrais dos inmobles integrantes do patrimonio da persoa solicitante e/ou dos/das familiares a cargo.
i) Certificado de valor de referencia dun inmoble da persoa solicitante e/ou dos/das familiares a cargo.
Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Resolución administrativa de acollemento familiar emitida pola Administración autonómica de Galicia.
b) Certificado de discapacidade emitido pola Administración autonómica de Galicia da solicitante e/ou dos/das familiares ou menores acollidos/as.
c) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia da solicitante e/ou dos/das familiares a cargo a data concreta.
d) Consulta de prestacións e datos económicos da tarxeta social dixital da solicitante e/ou dos/das familiares a cargo.
e) Certificado da renda (IRPF).
No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 12. Instrución
1. A instrución do procedemento correspóndelle á subdirección xeral con competencias en materia de violencia de xénero. A tramitación efectuarase de forma continuada segundo a orde de recepción de solicitudes.
2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións estime necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a resolución.
3. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na orde de convocatoria, a subdirección xeral con competencias en materia de violencia de xénero requirirá a interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, indicándolle que, se non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada Lei 39/2015, do 1 de outubro.
A documentación requirida para a emenda da solicitude deberá ser presentada na forma que se determina no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
4. Sen prexuízo do disposto no número anterior, e sempre que sexa preciso, a subdirección xeral con competencias en materia de violencia de xénero requirirá ás solicitantes que acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
5. O órgano instrutor, unha vez comprobada a concorrencia dos requisitos exixidos, formulará a proposta de concesión directamente ao órgano concedente.
6. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de denegación, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivo as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.
7. Durante a tramitación do procedemento, o órgano instrutor solicitará a información necesaria co obxecto de comprobar que, antes de ditarse a resolución de concesión da axuda, se manteñen os requisitos para ser beneficiaria.
Artigo 13. Resolución
1. A resolución dos expedientes de solicitude destas axudas correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade.
2. Tendo en conta que os requisitos para ser persoa beneficiaria desta axuda deben cumprirse na data de presentación da solicitude, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución, ao se aceptar coa presentación da solicitude.
3. O procedemento de concesión segue o réxime de concorrencia non competitiva, polo que se recoñecerán axudas ata o esgotamento do crédito orzamentario. No caso de esgotamento do crédito asignado antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes, o órgano competente publicará a dita circunstancia no Diario Oficial de Galicia.
De producirse o esgotamento de crédito nunha data en que existan varias solicitudes que cumpran os requisitos para a concesión da axuda establécense os seguintes criterios de prioridade e por esta orde, para a súa resolución:
1º. Minoría de idade da persoa solicitante.
2º. Menores ingresos brutos en cómputo mensual, segundo o artigo 6.
3º. Maior grao de discapacidade da solicitante e/ou das/dos familiares e/ou menores acollidos/as a cargo.
4º. Maior número de familiares e/ou menores acollidas/os a cargo.
4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de dous meses, que se computarán desde a data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, esta entenderase estimada.
Artigo 14. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.
2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.
3. No caso de optar pola notificación en papel, practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 15. Réxime de recursos
As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ante o mesmo órgano que as ditou, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa. Se non o for, o recurso contencioso-administrativo poderase interpoñer no prazo de seis meses contados a partir do día en que se produza o acto presunto.
Artigo 16. Pagamento das axudas
1. A contía da axuda concedida aboaráselle ás beneficiarias nun pagamento único polo importe que lle corresponda ou en seis pagamentos periódicos por mensualidades vencidas, segundo a elección realizada no anexo I de solicitude. No caso de elixir pagamentos periódicos, o primeiro pagamento consistirá nun aboamento polo importe total dos atrasos que, de ser o caso, lle correspondesen á persoa solicitante.
2. O pagamento da axuda regulada nesta orde farase unicamente na conta que as solicitantes fagan constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fai responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables ás solicitantes.
3. Co obxecto de comprobar que non se producen variacións das circunstancias da concesión e que se cumpren as obrigas establecidas, o órgano concedente poderá solicitar canta información considere necesaria, a través do punto de coordinación de ordes de protección (PCOP), do informe dos servizos sociais da Administración autonómica ou local de Galicia ou por calquera outro medio con validez legal.
Artigo 17. Revisión da contía
1. No caso de fillas e fillos que nazan dentro dos trescentos días seguintes á solicitude, segundo o previsto no artigo 7 número 2, a beneficiaria poderá solicitar a revisión da contía no prazo de tres meses desde o nacemento, para o cal deberá achegar a seguinte documentación:
a) Partida de nacemento da/do filla/o ou das/dos fillas/os que motivan a solicitude da revisión, ou do libro de familia en que figuran.
b) No caso de concorrer discapacidade nalgunha das fillas ou fillos nados con posterioridade á concesión da axuda, a certificación acreditativa de tal condición. Non será necesario achegar esta documentación no caso de que fose expedida pola Xunta de Galicia no desenvolvemento das súas competencias e se autorizase expresamente á Consellería de Política Social e Igualdade para o acceso telemático aos seus datos. Non obstante, deberá facer constar tal situación na solicitude de revisión.
2. Á solicitude de revisión seralle aplicable todo o procedemento xeral previsto para a tramitación destas axudas.
Artigo 18. Modificación da resolución de concesión
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión ou, de ser o caso, á revogación sen prexuízo do disposto no segundo parágrafo do artigo 21.
Artigo 19. Obrigas das beneficiarias
1. As beneficiarias quedan sometidas ao cumprimento das obrigas exixidas.
2. Así mesmo, teñen a obriga de comunicar calquera variación ou modificación que se produza durante a tramitación do procedemento respecto das circunstancias que fundamentan o dereito a percibir estas axudas, de someterse ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Política Social e Igualdade e de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
Artigo 20. Reintegro
1. O órgano concedente poderá proceder á apertura do expediente declarativo de reintegro total ou parcial e dos xuros de mora devindicados desde o momento do seu pagamento, nos seguintes supostos:
a) Incumprimento das obrigas establecidas nesta orde.
b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos para a súa concesión ou falseando ou ocultando feitos ou datos que tivesen impedido a súa concesión.
c) Percepción de outra axuda declarada como incompatible segundo o establecido nesta orde.
2. No caso de obter indebidamente a prórroga da axuda ou recibir unha contía superior á correspondente segundo o establecido no artigo 4, procederá a devolución da diferenza entre a contía efectivamente percibida e a que se debeu percibir.
3. De acordo co establecido, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia que lle será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da axuda. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.
Artigo 21. Incompatibilidades
1. O dereito á axuda económica establecida nesta orde será compatible coas indemnizacións acordadas por sentenza xudicial ou, alternativamente, con calquera das axudas previstas na Lei 35/1995, do 11 de decembro, de axudas e asistencia ás vítimas de delitos violentos e contra a liberdade sexual, co subsidio por desemprego percibido polas persoas vítimas de violencia de xénero ou de violencia sexual, co ingreso mínimo vital e coas axudas que establezan as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e de Melilla neste ámbito, así como coas pensións de invalidez e de xubilación da Seguridade Social na súa modalidade non contributiva.
2. Cando se trate dun caso de violencia sexual cometido por quen sexa ou fose o seu cónxuxe o por quen estea ou estivese ligado á vítima por similares relacións de afectividade, aínda sen convivencia, a vítima deberá optar entre a axuda prevista no Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, e a axuda prevista nesta orde.
3. A percepción da axuda prevista no Real decreto 1452/2005, do 2 de decembro, será compatible coa percepción da axuda regulada nesta orde cando a solicitante fose acreditada como vítima de violencia de xénero, por unha banda, e como vítima de violencia sexual, por outra, como consecuencia de distintos feitos.
Artigo 22. Transparencia e bo goberno
A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 17.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.
Artigo 23. Información ás persoas interesadas
1. Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI434C, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Consellería de Política Social e Igualdade, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, https://igualdade.xunta.gal, no teléfono 881 99 50 06 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.gal
Artigo 24. Infraccións e sancións
As beneficiarias estarán sometidas ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións e demais normativa sexan de aplicación.
Artigo 25. Remisión normativa
En todo o non previsto nesta orde aplicarase o disposto na Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, na Lei orgánica 10/2022, do 6 de setembro, no Real decreto 664/2024, do 9 de xullo, e demais normativa de aplicación.
Disposición adicional primeira. Delegación de competencias
Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero a actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Disposición adicional segunda. Solicitudes pendentes de resolución
As solicitudes iniciais e de prórroga recibidas no prazo establecido na presente orde que ao remate do exercicio non acadasen a fase de resolución por non estaren completos os trámites previos resolveranse con cargo aos créditos desta orde.
Disposición adicional terceira. Tratamento datos persoais
O tratamento de datos de carácter persoal relacionado coa xestión da axuda económica para vítimas de violencia sexual someterase ao establecido no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e ao previsto na disposición adicional única do Real decreto 664/2024, do 9 de xullo.
Disposición transitoria única. Réxime transitorio
Cando nun procedemento en tramitación concorran as circunstancias previstas no artigo 21.2, a solicitante da axuda poderá optar por continuar coa tramitación do procedemento en curso ou por iniciar o procedemento para a concesión da axuda regulada nesta orde.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde
Autorízase a persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de violencia de xénero da Consellería de Política Social e Igualdade para ditar os actos e instrucións que sexan necesarios para o desenvolvemento e a execución desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2026
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
