No Diario Oficial de Galicia número 89, do 15 de maio, publícase a Orde do 4 de maio de 2026 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2026 e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento BS508D).
De conformidade co artigo 15 da citada orde, o órgano competente para resolver será a persoa titular da dirección xeral competente en materia de voluntariado, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Así mesmo, no seu artigo 18, establécese que se publicarán no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e a correspondente resolución deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.
Por todo o exposto,
RESOLVO:
Primeiro. Ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do contido íntegro da Resolución do 5 de agosto de 2026, de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, ao abeiro da Orde do 4 de maio de 2026 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2026 e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento BS508D), que se incorpora como anexo.
Segundo. Comunicar que a Resolución do 5 de agosto de 2026 esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Non obstante, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2026
Lara del Carmen Meneses Álvarez
Directora xeral de Xuventude
ANEXO
Resolución do 5 de agosto de 2026 de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria, ditada no procedemento BS508D, ao abeiro da Orde do 4 de maio de 2026 pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2026 e se procede á súa convocatoria para o ano 2026
A Orde da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, do 4 de maio de 2026, pola que se regula o procedemento de concesión dos Premios Galicia Acción Voluntaria 2026 e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG núm. 89, do 15 de maio), establece as bases reguladoras polas que rexe a concesión dos indicados Premios Galicia de Acción Voluntaria.
O artigo 2 da orde sinala que os Premios Galicia de Acción Voluntaria constan de 3 modalidades:
a) Premio persoa voluntaria do ano na modalidade individual, para as persoas físicas.
b) Premio entidade de acción voluntaria do ano na modalidade colectiva, para as entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
c) Premio mellor proxecto de acción voluntaria que corresponderá a aqueles proxectos elaborados por entidades de acción voluntaria inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, vinculados a áreas de especial interese e que supoñan unha innovación social para a nosa Comunidade Autónoma.
Outorgarase un premio en cada unha das modalidades establecidas, cuxa dotación económica será de 4.000 euros por modalidade, de conformidade co artigo 3 da orde de convocatoria.
Consonte o establecido nos artigos 7 e 8 da orde de convocatoria presentáronse un total de 18 solicitudes de participación, distribuídas do seguinte xeito:
• Na modalidade individual para persoas físicas: 6 solicitudes.
• Na modalidade colectiva para entidades de acción voluntaria: 5 solicitudes.
• Na modalidade de mellor proxecto de acción voluntaria do ano: 7 solicitudes.
O artigo 13 da orde de convocatoria prevé a constitución dun xurado para o exame e valoración dos expedientes, designado para o efecto por resolución da persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de voluntariado que será quen desempeñe a súa presidencia.
O artigo 12 da orde sinala que o órgano instrutor do procedemento será o órgano competente en materia de voluntariado e participación da dirección xeral con competencias en materia de voluntariado. De acordo co citado artigo, unha vez completos os expedientes, o Servizo de Voluntariado e Participación, como órgano instrutor do procedemento, remitiu ao xurado as candidaturas en cada unha das modalidades para a súa valoración, conforme os criterios recollidos no artigo 14 e de acordo coa descrición dos parámetros elaborados para o cumprimento do requirido pola Asesoría Xurídica no seu informe do 14 de abril de 2026.
O día 24 de xullo de 2026, o xurado emitiu o informe proposta de candidaturas premiadas para cada unha das modalidades, de acordo co prescrito no artigo 14 da orde reguladora.
Con base no anterior e conforme o sinalado no artigo 15 da orde, á vista do expediente e do informe co resultado da valoración do xurado, o día 28 de xullo de 2026 o Servizo de Voluntariado e Participación, como órgano instrutor do procedemento, propuxo que se resolvese a 5ª convocatoria dos Premios Galicia de Acción Voluntaria 2026 nos termos propostos polo xurado.
Á vista do exposto, tendo en conta as dispoñibilidades orzamentarias e atribuída a competencia para resolver, por delegación do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, segundo o disposto no artigo 15 e na disposición derradeira segunda da orde de convocatoria,
RESOLVO:
Primeiro. Conceder os premios da sexta convocatoria dos Premios Galicia de Acción Voluntaria ás seguintes candidaturas, dado que obtiveron en cada modalidade a maior puntuación por parte do xurado, consonte os criterios recollidos no artigo 14 da orde de convocatoria:
• Premio persoa voluntaria do ano na modalidade individual para as persoas físicas, cunha puntuación de 92 puntos e dotado de 4.000 euros, para María Cendán Castillo, co NIF **1277***, dada a súa traxectoria e participación en diferentes áreas de actuación acreditadas no ámbito do voluntariado.
• Premio entidade de acción voluntaria do ano, na modalidade colectiva, cunha puntuación de 87 puntos e dotado de 4.000 euros, á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer y otras Demencias de Galicia, Afaga, co CIF G36776920, pola súa labor de defensa dos dereitos das persoas con Alzhéimer, ou outro tipo de demencias, e dos seus familiares mediante a prestación de servizos especializados.
• Premio ao mellor proxecto de acción voluntaria do ano, cunha puntuación de 77 puntos e dotado de 4.000 euros, á Asociación Gallega de Afectados por Trasplantes Medulares, Asotrame, co CIF G70370713, polo seu proxecto Apoio entre iguais, cuxo enfoque está centrado en mellorar o benestar emocional e social das persoas con cancro hematolóxico a través dunha rede de acompañamento formada por expacientes voluntarios.
Segundo. As persoas físicas e xurídicas premiadas deberán cumprir coas obrigas previstas no artigo 17 da Orde do 4 de maio de 2026.
Terceiro. A presente resolución esgota a vía administrativa e contra ela pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.
Non obstante, poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición, ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de acordo co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Cuarto. A publicación desta resolución producirá os efectos de notificación, nos termos establecidos no artigo 18 da Orde do 4 de maio de 2026 e no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2026. O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude. P.D. (Artigo 15.2 e disposición derradeira segunda da Orde do 4.5.2026). Lara del Carmen Meneses Álvarez, directora xeral de Xuventude.
