DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 14 de agosto de 2026 Páx. 44605

III. Outras disposicións

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 11 de agosto de 2026, da Presidencia de Augas de Galicia, pola que se activa a situación de alerta ou escaseza severa na unidade territorial de escaseza 3: río Lérez e ría de Pontevedra, na unidade territorial de escaseza 10: río Anllóns e costa da Coruña ata o límite con Arteixo e pola que se activa a aplicación de medidas equivalentes a unha situación de alerta ou escaseza severa no subsistema de Baiona, situado na unidade territorial de escaseza 1: río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona.

O 2.6.2022, o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Plan especial de seca da demarcación hidrográfica de Galicia Costa que foi publicado no Diario Oficial de Galicia o 1.7.2022.

O dito plan dispón que a escaseza se produce ante unha situación de redución temporal da auga dispoñible que pode poñer en risco a atención das demandas asociadas aos diferentes usos socioeconómicos.

O Plan especial de seca citado divide o territorio da demarcación hidrográfica de Galicia Costa en unidades territoriais de escaseza (UTE) (apartado 2 do Plan), establece os indicadores hidrolóxicos de escaseza en cada unha destas UTE (apartado 6.2 do Plan) e fixa os limiares para a activación e desactivación dos diferentes escenarios de escaseza (apartado 7.2.2 do Plan).

O apartado 10.4.2 do Plan especial de seca determina que se debe elaborar un informe mensual no que se analice a situación e a evolución dos indicadores hidrolóxicos de escaseza previstos.

O 8.7.2026, o director de Augas de Galicia ditou unha resolución pola que se activou a situación de prealerta ou escaseza moderada na UTE 3: río Lérez e ría de Pontevedra, na UTE 10: río Anllóns e costa da Coruña ata o límite con Arteixo e a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta ou escaseza moderada no subsistema de Baiona, situado na UTE 1: río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona.

O informe de seguimento da seca do 6.8.2026 analiza o estado da situación dos indicadores da seca o día 1.8.2026 e constata un valor dos indicadores de escaseza correspondente a unha situación de alerta ou escaseza severa na UTE 3: río Lérez e ría de Pontevedra, na UTE 10: río Anllóns e costa da Coruña ata o límite con Arteixo e no subsistema de Baiona, situado na UTE 1: río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona.

O 11.8.2026, reuniuse a Oficina Técnica da Seca e propuxo activar a situación de alerta ou escaseza severa na UTE 3: río Lérez e ría de Pontevedra, na UTE 10: río Anllóns e costa da Coruña ata o límite con Arteixo e activar a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de prealerta ou escaseza moderada no subsistema de Baiona, situado na UTE 1: río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona.

O apartado 10.4.2 do Plan especial de seca citado dispón que a Presidencia de Augas de Galicia é o órgano competente para a activación do escenario de alerta ou escaseza severa.

De acordo co anterior, esta presidencia

RESOLVE:

1. Activar o escenario de alerta ou escaseza severa na unidade territorial de escaseza 3: río Lérez e ría de Pontevedra e na unidade territorial de escaseza 10: río Anllóns e costa da Coruña ata o límite con Arteixo ata o río Anllóns.

2. Activar a aplicación de medidas equivalentes a un escenario de alerta ou escaseza severa no subsistema de Baiona, situado na unidade territorial de escaseza 1: río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona.

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2026

Ángeles Vázquez Mejuto
Presidenta de Augas de Galicia