DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 14 de agosto de 2026 Páx. 44607

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2026 pola que se modifica a Resolución do 19 de decembro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos en zonas rurais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Plan estratéxico da política agrícola común 2023-2027 en Galicia, e pola que se anuncia a convocatoria para o ano 2026, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR711D).

Mediante a Resolución do 19 de decembro de 2025, aprobáronse as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos en zonas rurais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Plan estratéxico da política agrícola común 2023-2027 en Galicia, e pola que se anunciou a convocatoria para o ano 2026, mediante tramitación anticipada de gasto (DOG núm. 7, do 13 de xaneiro de 2026).

Para o financiamento desta convocatoria está previsto un crédito de 5.000.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 15-A1-712A-760.0 dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2026 (código de proxecto 2026-00002).

Este crédito está cofinanciado nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, no marco da intervención 6872 do Plan estratéxico da PAC 2023-2027, Investimentos en servizos básicos en zonas rurais (subintervención 68720_07, Servizos básicos en entidades de poboación), nun 12 % pola Administración xeral do Estado e nun 28 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Á citada convocatoria de axudas concorreron 233 concellos solicitantes. Logo do proceso de instrución do procedemento en réxime de concorrencia competitiva, o 23 de abril de 2026, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no exercicio das competencias delegadas en virtude do Acordo do Consello Reitor desta axencia, do 11 de xullo de 2013, resolveu conceder as axudas a favor dos concellos beneficiarios por un montante total de 5.000.000 €.

Os concellos beneficiarios deben licitar e adxudicar os proxectos subvencionados de acordo coas prescricións que resultan da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, e da demais normativa que en materia de contratación é aplicable ás entidades locais.

Neste punto, ponse de manifesto a dificultade das persoas beneficiarias para executar e xustificar en prazo os proxectos subvencionados, en parte pola demora que reportan as empresas contratistas respecto da subministración dos materiais necesarios para executar as obras e, en parte, pola dificultade para obter en prazo os permisos, informes e autorizacións sectoriais das distintas administracións públicas que garantan a legalidade e a viabilidade técnica dos proxectos.

Tendo en conta o anterior, para viabilizar a execución dos proxectos subvencionados e adaptar a disposición orzamentaria á realidade da súa execución, cómpre, por unha banda, ampliar o prazo de execución e xustificación ata o 31 de maio de 2027 e, consecuentemente, traspasar parte do crédito autorizado para esta convocatoria ao exercicio orzamentario do ano 2027.

O artigo 26 das bases reguladoras das axudas establece que toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. As modificacións propostas, dado que supoñen un reaxuste das anualidades e a ampliación do prazo de execución de que se trata, afectan as obrigas impostas ás entidades beneficiarias, que tamén se entenderán modificadas; en particular, as que resultan dos artigos 2 (Financiamento), 22 (Prazo para a xustificación dos investimentos), 23 (Xustificación dos investimentos) e 25 (Réxime de pagamentos).

De conformidade co exposto, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia, do 13 de xullo de 2013, publicado mediante a Resolución do 24 de xullo de 2013 (DOG núm. 148, do 5 de agosto),

RESOLVO:

Primeiro. Modificar a Resolución do 19 de decembro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos en zonas rurais, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Plan estratéxico da política agrícola común 2023-2027 en Galicia, e pola que se anuncia a convocatoria para o ano 2026, mediante tramitación anticipada de gasto, nos seguintes termos:

a) O apartado 1 do artigo 2 queda redactado como segue:

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento desta convocatoria está previsto un crédito de 5.000.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 15-A1-712A-760.0 dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2026 (código do proxecto 2026-00002), coa seguinte desagregación por anualidades e fontes financiadoras:

Anualidade

Importe

Desagregación por fontes financeiras

Feader (60 %)

Xunta (28 %)

Mapa (12%)

2026

2.500.000 €

1.500.000 €

700.000 €

300.000 €

2027

2.500.000 €

1.500.000 €

700.000 €

300.000 €

Totais

5.000.000 €

3.000.000 €

1.400.000 €

600.000 €

b) O artigo 22 queda redactado da seguinte maneira:

Artigo 22. Prazo para a xustificación dos investimentos

1. O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2026 será o 15 de outubro de 2026. Este prazo ampliarase de oficio ata o 11 de decembro de 2026, sempre que o concello solicite a concesión dun pagamento anticipado antes do 15 de setembro de 2026, nos termos previstos no artigo 25 desta resolución.

2. Para a anualidade 2027, o prazo límite para executar e xustificar os investimentos será o 31 de maio de 2027. A esta xustificación poderán imputarse, igualmente, os gastos executados desde a finalización do prazo de xustificación correspondente á anualidade 2026.

Antes do remate do prazo de execución e xustificación dos investimentos correspondentes á anualidade 2027, os concellos poderán solicitar, excepcionalmente, unha ampliación do citado prazo nos termos previstos no artigo 45 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 11/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 32 da Lei 39/2015 e, en calquera caso, co cumprimento das seguintes condicións:

– Que a solicitude para a ampliación do referido prazo estea debidamente motivada.

– Que o concello acredite que as obras están adxudicadas segundo os procedementos previstos na LCSP.

Tanto a petición das persoas interesadas como a decisión sobre a ampliación deberán producirse, en todo caso, antes de que venza o prazo de que se trate.

c) O apartado 2 do artigo 23 queda redactado como segue:

Artigo 23. Xustificación dos investimentos

2. Xunto coa solicitude de pagamento (parcial e final), os concellos beneficiarios deberán presentar a seguinte documentación:

a) Factura ou facturas rexistradas no Punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

b) Xustificantes bancarios do pagamento (transferencia bancaria ou certificación bancaria).

c) No caso de proxectos que comporten a execución de obra, certificación da obra ou obras asinadas polo director ou directora de obra.

d) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiarán a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e procedencia.

O anexo V inclúe unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiarán a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e procedencia.

e) No caso de que o concello optase por tramitar contratos menores, ben para obra ou ben para a adquisición de bens de equipo, tres ofertas solicitadas segundo o exposto no artigo 21.3 desta resolución.

f) Certificación emitida e asinada electronicamente pola secretaría da entidade local beneficiaria en que se faga constar:

– O acordo da aprobación polo órgano competente da entidade beneficiaria dos distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables ao proxecto subvencionado, coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

– O cumprimento da finalidade da subvención.

– Que, segundo o informe da intervención municipal, se tomou razón en contabilidade, na fase de recoñecemento da obriga, dos gastos correspondentes á execución do proxecto subvencionado.

– Que na tramitación e contratación das obras se cumpriu a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, con indicación do procedemento seguido para a súa tramitación e con expresión dos criterios de adxudicación considerados para a licitación e adxudicación das obras.

g) Listaxe de comprobacións para operacións de investimento público, que estará dispoñible no enderezo https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2026

h) Declaración asinada pola persoa titular da Alcaldía de que o concello solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma, para os efectos previstos no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 11/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) Fotografía da placa publicitaria que acredite que se cumpren as obrigas de publicidade previstas no artigo 20.10 desta resolución.

j) Captura da páxina web do concello, con referencia ao financiamento do proxecto segundo o exposto no artigo 20.10 desta resolución, se é o caso.

k) Para o suposto de adquisición de terreos ou inmobles, o documento de compravenda elevado a público e presentado no rexistro correspondente.

A maiores da documentación referida, xunto coa solicitude de pagamento final deberán presentar un informe asinado por persoal técnico municipal do que resulte que os proxectos contan cos permisos e autorizacións legalmente exixidos para levar a cabo as obras e que na execución se respectou o contido destes.

En todo caso, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá solicitarlle á persoa beneficiaria as aclaracións ou informes que considere convenientes en relación coa xustificación da subvención concedida.

d) O artigo 25 queda redactado como segue:

Artigo 25. Réxime de pagamentos

1. Con cargo á anualidade 2026, tramitarase un pago a conta, sen que exceda da anualidade prevista neste exercicio orzamentario.

Así mesmo, os concellos beneficiarios das axudas poderán solicitar a concesión dun pago anticipado, con cargo á anualidade 2026, como financiamento necesario para levar a cabo as actuacións inherentes ao proxecto subvencionado. A solicitude de pago do anticipo presentarase segundo o modelo que se xerará automaticamente na aplicación informática que xestiona a convocatoria das axudas (https://appsagader.xunta.gal/servizosbasicos2026).

A data límite para solicitar o pago anticipado será o 15 de setembro de 2026.

A tramitación e a concesión do pago anticipado estará suxeita á regulación do artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 63.1.dous do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei, e á normativa aplicable sobre a tramitación de pagamentos con fondos comunitarios; en particular, ao artigo 44.3 Regulamento (UE) 2021/2116, do 2 de decembro.

De acordo con esta normativa, o pago anticipado non poderá superar o 50 % da axuda pública concedida nin, se é o caso, exceder da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

Os concellos deberán comprometerse a aboar o importe cuberto pola garantía no caso de que non se estableza o dereito ao pagamento anticipado. Para estes efectos, deberán presentar unha carta de compromiso asinada pola autoridade pública competente da entidade local na que expliciten este contido.

A concesión de anticipo farase mediante resolución motivada.

O libramento da subvención na primeira anualidade non poderá superar a cantidade establecida na resolución de concesión para este exercicio orzamentario. Porén, os gastos executados e xustificados por encima deste límite poderán imputarse á anualidade 2027, sen que iso implique incremento da asignación correspondente ao referido exercicio orzamentario.

2. Na anualidade 2027 non se concederán pagos a conta nin se tramitarán pagos anticipados, de maneira que se practicará unicamente a liquidación do expediente mediante o pago final.

Segundo. Prazo de presentación de solicitudes

A presente modificación, unha vez publicada no Diario Oficial de Galicia, non implicará a apertura dun novo prazo para presentar novas solicitudes.

Terceiro. As obrigas das persoas beneficiarias das subvencións xa concedidas quedan modificadas como consecuencia das modificacións que supoñen o reaxuste das anualidades e mais a ampliación do prazo establecidos nesta resolución.

Cuarto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición perante o Consello de Dirección da axencia, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación. Todo isto, segundo o disposto nos artigos 8, 14 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e sen prexuízo de que poida interpoñer calquera outro recurso que se considere oportuno.

Quinto. Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2026

Mª Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural