DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Venres, 14 de agosto de 2026 Páx. 44614

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 6 de agosto de 2026 pola que se conceden as axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e plans de innovación en procesos e organización (Deseñapeme e Innovapeme), cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, convocadas pola Resolución do 29 de xuño de 2023, en execución da Sentenza do 28 de novembro de 2025 da Sección Terceira da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Primeiro. Mediante a Resolución da Axencia Galega de Innovación, do 29 de xuño de 2023 (DOG núm. 132, do 12 de xullo), convocáronse as subvencións para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e plans de innovación en procesos e organización (Deseñapeme e Innovapeme), procedemento IN848D, cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3.

Segundo. No marco da citada convocatoria, tras a avaliación realizada pola Comisión de Selección, na súa sesión do 6 de novembro de 2023, ditouse a Resolución da Dirección da Axencia Galega de Innovación do 15 de novembro de 2023 (DOG núm. 224, do 24 de novembro), pola que se acordou a concesión e denegación das solicitudes presentadas.

Terceiro. O 28 de novembro de 2025, a Sección 3ª da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou a Sentenza 416/2025, pola que se anulou a Resolución do 15 de novembro de 2023 e se acordou a retroacción das actuacións ao momento anterior ao seu ditado, co fin de que se dite unha nova resolución.

Cuarto. En execución da dita sentenza, mediante a Resolución da directora da Axencia Galega de Innovación, do 26 de febreiro de 2026, acordouse a retroacción das actuacións ao momento anterior ao ditado da Resolución do 15 de novembro de 2023.

Quinto. Atendendo ao informe elaborado pola Comisión de Selección, na súa sesión do 6 de novembro de 2023,

RESOLVO:

Primeiro. Resolver o procedemento de concesión das axudas para a mellora da capacidade de innovación das empresas en Galicia, a través do financiamento das actividades integradas en plans de deseño para a innovación e a sustentabilidade e plans de innovación en procesos e organización (Deseñapeme e Innovapeme).

Segundo. Ratificar o establecido na Resolución do 15 de novembro de 2023 (DOG núm. 224, do 24 de novembro), á que se remite integramente en canto á concesión, desestimación e inadmisión das solicitudes, nos termos previstos nos seus anexos I, II, III, IV e V.

Terceiro. Conservar todos os actos e trámites posteriores da convocatoria cuxo contido se tería mantido igual de non terse producido o vicio apreciado, de conformidade co disposto no artigo 51 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, incluídos os actos de concesión, disposición, recoñecemento de obriga, pagamento, xustificación, comprobación e demais actuacións derivadas da Resolución do 15 de novembro de 2023 que non resultan afectadas pola execución da sentenza. En consecuencia, enténdese cumprido o disposto nos números 4 e 5 do artigo 23 das bases reguladoras.

Cuarto. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Axencia Galega de Innovación, e incorpórase nesta última a desagregación das puntuacións correspondentes ás entidades beneficiarias, sendo accesible na seguinte ligazón: http://gain.xunta.gal/artigos/526/desenapeme+innovapeme+2023

Quinto. Remitir ao recorrente en vía xudicial o detalle da puntuación acadada e da avaliación efectuada, sen prexuízo de que calquera outro interesado poida solicitar información adicional.

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia da Axencia Galega de Innovación, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 24 das bases reguladoras da convocatoria.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2026

Carmen Cotelo Queijo
Directora da Axencia Galega de Innovación