Logo de ver o expediente de outorgamento da autorización administrativa previa e de construción para a instalación eléctrica que a seguir se describe:
Peticionario: Begasa.
Domicilio social: rúa Aller Ulloa, Ramón María, 9, 27003 Lugo.
Denominación: novo CS Santa Mariña e LSAT 20 kV de enlace.
Situación: concello de Alfoz.
Características técnicas principais:
• Liña soterrada de alta tensión a 20 kV Fazouro, formada por tres circuítos, con orixe en tres PAS situados no apoio existente A74039 e final no CS prefabricado Santa Mariña, cunha lonxitude de 30 metros cada circuíto en condutor tipo HEPRZ1-240.
• CS prefabricado Santa Mariña, no cal se instalan tres celas de liña telemandadas e unha de alimentación a servizos auxiliares, relación de transformación 20.000/400-230 V.
Finalidade da instalación: mellora de instalacións.
Orzamento: 75.502,19 €.
Documentación que se xunta:
• Separata para o Concello de Alfoz.
• Separata para Augas de Galicia.
• Separata para a Deputación Provincial de Lugo.
• Separata para a Consellería do Medio Rural.
Este departamento territorial, de acordo coas competencias que resultan do Decreto 140/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, e consonte o Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, sobre órganos competentes para autorización de instalacións eléctricas na Comunidade Autónoma de Galicia,
RESOLVE:
En relación coa instalación de alta tensión, conceder a autorización administrativa previa e de construción das devanditas instalacións, sen prexuízo de terceiros e con independencia das autorizacións que sexan necesarias para a execución da obra por parte doutros órganos da Administración. Esta autorización atópase supeditada ao cumprimento das seguintes condicións:
Primeira. As instalacións deberán axustarse na súa execución ao disposto no citado proxecto de execución e a dirección de obra deberá levala a cabo un técnico ou técnica competente.
Segunda. A peticionaria asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.
Terceira. Deberán cumprirse en todo momento as normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación; en particular, a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.
Cuarta. O prazo de posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dous anos, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. En caso de resultar aplicable, e en función da tipoloxía da instalación , deberán respectarse os prazos establecidos no artigo 13.9 do Regulamento (UE) núm. 2024/573 do Parlamento Europeo e do Consello, do 7 de febreiro de 2024, sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro, polo que se modifica a Directiva (UE) núm. 2019/1937 e se derroga o Regulamento (UE) núm. 517/2014 (DOUE núm. 573, do 20 de febreiro de 2024) sobre prohibicións para a posta en funcionamento de aparellaxe eléctrica que empregue gases fluorados de efecto invernadoiro, ou cuxo funcionamento dependa deles, nun medio illante ou de rotura. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación perante este departamento territorial, acompañada da documentación requirida na lexislación vixente de aplicación.
Contra esta resolución, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, e tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere pertinente en dereito.
Lugo, 5 de agosto de 2026
Gustavo José Casasola de Cabo
Director territorial de Lugo
