Feitos:
1. O 23.5.2024, a Distribuidora Eléctrica de Melón, S.L. (en diante, promotor) presentou, ante o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria (en diante, departamento territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica consiste na liña de media tensión subterránea (LMTS) 20 kV Ameixeira-Edreira, nos termos municipais de Crecente e A Cañiza (Pontevedra) e Melón (Ourense), e á que se lle asignou o número de expediente IN407A 2024/204-4.
Esta solicitude acompañouse, ou completouse posteriormente, coa seguinte documentación técnica:
– Proxecto de execución denominado LMTS Ameixeira-Edreira, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Francisco Rubén Fernández Vayo (colexiado nº 2.880 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo –COITIV–) e visado por este colexio, co nº 22400594 e con data do 26.4.2024; e en que figura un orzamento total de 655.566,01 euros.
– Anexo I ao proxecto de execución, asinado polo técnico proxectista e visado polo COITIV, co nº 22600264 e con data do 6.3.2026.
– Anexo II ao proxecto de execución, asinado polo técnico proxectista e visado polo COITIV, co nº 22600495 e con data do 22.4.2026.
– Documento de estudo de impacto ambiental simplificado, asinado o 3.6.2024 pola enxeñeira técnica forestal Tamara Filgueira Vázquez (colexiada nº 1338 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia).
– Separatas técnicas para as entidades afectadas polo proxecto: Concello de Crecente, Concello da Cañiza, Concello de Melón, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Demarcación de Estradas do Estado, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e Servizo de Infraestruturas Agrarias.
– Declaración responsable asinada o 22.4.2026 polo técnico proxectista, exixida no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.
– Declaración responsable asinada o 23.4.2026 polo técnico proxectista, en que fai constar que non é necesaria a declaración de utilidade pública porque a liña discorre na súa totalidade por dominio público.
Segundo consta no proxecto de execución, proxéctase unha nova liña eléctrica co fin de interconectar a rede de distribución existente cun novo punto fronteira (distribuidor-distribuidor), o que implicará unha mellora importante en canto a calidade e continuidade da subministración eléctrica na zona. Trátase dunha liña de media tensión subterránea de 20 kV, cunha lonxitude de 3.790 m, que discorre por viarios existentes dos concellos de Crecente e A Cañiza (Pontevedra) e Melón (Ourense), con inicio no punto fronteira de Ameixeira (Crecente) e final nun apoio de formigón existente, no lugar do novo centro de transformación Edreira (Melón), obxecto doutro proxecto.
2. O 2.4.2025, o departamento territorial trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución, para os efectos de obter os seus informes ao respecto, ás seguintes entidades afectadas pola referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica: Concello de Crecente, Concello da Cañiza, Concello de Melón, Augas de Galicia, Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Demarcación de Estradas do Estado, Servizo de Infraestruturas Agrarias, Servizo de Coordinación Cultural e Servizo de Montes. A este respecto:
– O Concello de Crecente, o Concello da Cañiza, a Demarcación de Estradas do Estado, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e o Servizo de Montes de Pontevedra da Consellería do Medio Rural emitiron os seus condicionados técnicos, dos que se deu traslado ao promotor, quen presentou a súa conformidade con eles.
– O resto de entidades non contestaron á petición de informe, polo que, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade co proxecto, de acordo co disposto no artigo 47.3 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
3. O 4.5.2026, o departamento territorial solicitou informe ao Departamento Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria, quen emitiu con data do 13.5.2026 informe favorable para os efectos do disposto no artigo 47.5 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia.
4. O 5.5.2026, o departamento territorial solicitou á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade (órgano ambiental) o inicio do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada, quen informou con data do 26.5.2026 que o referido proxecto non está sometido ao procedemento de avaliación de impacto ambiental regulado na Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental de proxectos.
5. O 10.7.2026, o departamento territorial, logo de rematada a instrución do referido expediente (IN407A 2024/204-4), deu traslado del á Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Minas (DXPEM) para os efectos de ditar a oportuna resolución, e incorporou ao expediente os informes seguintes:
• Informe emitido o 7.7.2026 polos servizos técnicos do departamento territorial, de carácter favorable para os efectos do disposto no artigo 47.5 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
• Informe emitido o 10.10.2026 pola Sección de Enerxía do departamento territorial, relativo á tramitación do expediente, en que se conclúe que se seguiron os trámites do procedemento establecido na normativa de aplicación.
Consideracións legais e técnicas:
1. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites do procedemento establecidos na Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.
2. A respecto da tramitación do referido expediente, cómpre salientar que está exenta do trámite de información pública, de conformidade coa excepción recollida no artigo 50.a) da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, para as solicitudes de autorización administrativa de novas instalacións de distribución cunha tensión igual ou inferior a 30 kV, sempre que non se solicite a declaración de utilidade pública nin sexa preceptiva a avaliación ambiental ordinaria.
3. A competencia para resolver este expediente correspóndelle á DXPEM por tratarse dunha liña eléctrica interprovincial, de conformidade co disposto no artigo único (punto 1.b).3º para as autorizacións administrativas previa e de construción) do Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 22, do 1 de febreiro), así como no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia (DOG núm. 73, do 14 de abril), no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril), e no Decreto 140/2024, de 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm. 101, do 27 de maio).
De acordo con todo o anterior,
RESOLVO:
1. Outorgar a autorización administrativa previa para a infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica consistente na LMTS 20 kV Ameixeira-Edreira, nos termos municipais de Crecente e A Cañiza (Pontevedra) e Melón (Ourense), e que promove Distribuidora Eléctrica de Melón, S.L.
2. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica.
Todo isto de acordo coas condicións seguintes:
1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución denominado LMTS Ameixeira-Edreira, asinado polo enxeñeiro técnico industrial Francisco Rubén Fernández Vayo (colexiado nº 2.880 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo –COITIV–) e visado por este colexio, co nº 22400594 e con data do 26.4.2024, así como nos seus anexos I e II, asinados polo técnico proxectista e visados polo COITIV (anexo I: nº 22600264 e con data do 6.3.2026; anexo II: nº 22600495 e con data do 22.4.2026).
2. O promotor asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade. En todo momento se deberán cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobados polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobados polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio.
3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da DXPEM; non obstante, o departamento territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que se diten en aplicación da citada facultade.
4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de autorización de explotación ante o departamento territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.
5. En canto aos bens e dereitos afectados pola referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, o promotor cumprirá cos condicionados e informes emitidos por estes, para os que mostrou a súa conformidade.
6. O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta resolución ou a variación substancial dos presupostos que determinaron a súa adopción poderán dar lugar á súa revogación, logo de audiencia ao promotor, de conformidade co disposto no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro.
7. Estas autorizacións adóptanse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras da referida infraestrutura de distribución de enerxía eléctrica, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.
8. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 48.2 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a conselleira de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2026
Pablo Fernández Vila
Director xeral de Planificación Enerxética e Minas
