De conformidade co previsto no artigo 42.4, alíneas a) e b), da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, procédese a publicar o extracto da Resolución do 5 de agosto de 2026, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, pola que se denega a solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción e se arquiva o expediente instruído para o parque eólico Navallos, situado nos concellos de Castroverde e Baralla (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L. (expediente 122-EOL).
Primeiro. Contido da resolución e condicións que a acompañan
A antedita resolución dispón o seguinte:
1. Denegar a solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción do parque eólico Navallos, trala declaración de impacto ambiental desfavorable formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade o 28.5.2026.
2. Arquivar o expediente do parque eólico Navallos, situado nos concellos de Castroverde e Baralla (Lugo) e promovido por Enel Green Power España, S.L. (expediente 122-EOL).
Segundo. Principais motivos e consideracións nos que se basea a resolución
1. Mediante a Resolución do 30 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se publica a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais, admitiuse a solicitude para a autorización do parque eólico Navallos, cunha potencia de 14 MW.
2. O 4.11.2010, Enel Green Power España, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, a aprobación do proxecto sectorial e o acollemento ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica para o parque eólico de referencia.
3. Mediante a Resolución do 10 de xuño de 2013, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a aprobación do proxecto de execución e o estudo de impacto ambiental referidos ao parque eólico Navallos.
4. O 29.6.2020, Enel Green Power España, S.L. presentou a solicitude de autorización para unha modificación substancial do parque eólico Navallos, a cal foi admitida a trámite pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais o 23.2.2021.
5. O 18.1.2022, a promotora presentou a solicitude de autorización para unha nova modificación substancial do parque eólico de referencia, que foi admitida a trámite o 30.5.2022.
6. O 14.6.2022, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu o informe previsto no artigo 33 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, no que se indica que os aeroxeradores cumpren a distancia mínima respecto das delimitacións de solo urbano, de núcleo rural e urbanizable.
7. Mediante o Acordo do 29 de agosto de 2022, da Xefatura Territorial de Lugo, sometéronse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental e o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal (de interese autonómico) do parque eólico de referencia.
8. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental recibíronse informes dos seguintes organismos: Augas de Galicia, Axencia de Turismo de Galicia, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Deputación Provincial de Lugo, Dirección Xeral de Defensa do Monte, Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio e Sociedade Galega de Historia Natural.
9. O 28.5.2026, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade formulou unha declaración de impacto ambiental desfavorable relativa ao parque eólico Navallos, que foi notificada á promotora o 1.6.2026 e publicada no DOG o 11.6.2026.
10. O 17.6.2026, a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais notificoulle á promotora a apertura do trámite de audiencia previo á redacción da proposta de resolución, consonte ao establecido no artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2026
Paula Mª Uría Traba
Directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
