DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Martes, 18 de agosto de 2026 Páx. 44976

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

ORDE do 6 de agosto de 2026 pola que se nomean vogais do Xurado de Expropiación de Galicia.

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, establece no seu artigo 11.1, que o Xurado de Expropiación de Galicia é un órgano colexiado permanente da Comunidade Autónoma de Galicia especializado nos procedementos para a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, cando a Administración expropiante sexa a Comunidade Autónoma ou as entidades locais do seu ámbito territorial.

A organización, funcionamento e réxime interior do Xurado de Expropiación regúlanse no Decreto 172/2018, do 20 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de organización e réxime de funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia.

De conformidade co artigo 5 do Decreto 172/2018, o Pleno do Xurado de Expropiación de Galicia está composto por: a) Presidencia b) Vogalías c) Secretaría.

Das vogalías que o compoñen, dez son provistas por orde da consellería a que se adscribe o Xurado de Expropiación de Galicia, actualmente a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas. Para cada vogalía noméase unha persoa titular e unha persoa suplente que a substitúe nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Desas dez vogalías, unha é cuberta entre funcionarios do subgrupo A1 da Administración da Xunta de Galicia con competencia en materia de valoracións por proposta da consellería competente en materia de Facenda (artigo 7.1.c), outra entre funcionarios do subgrupo A1 por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias (artigo 7.1.d), e unha terceira entre persoas tituladas universitarias por proposta do Consello Galego de Consumidores e Usuarios (artigo 7.1.e). As sete vogalías restantes están reservadas polo artigo 7.1.f) a profesionais libres colexiados con acreditada competencia nas materias propias do Xurado, por proposta dos presidentes dos colexios profesionais de Galicia a que pertenzan.

Polo que respecta á duración do nomeamento, o artigo 11 do Decreto 172/2018 prevé que estas vogalías sexan designadas por un período de catro anos. Rematado este período continuarán no exercicio das súas funcións ata o nomeamento dos novos membros. As persoas titulares das vogalías poderán ser substituídas por proposta das organizacións que as propuxesen, e as persoas así nomeadas permanecerán no seu cargo, como máximo, polo tempo que lle falte á substituída para o cumprimento do mandato.

Mediante a Orde do 2 de agosto de 2022 (DOG núm. 153, do 11 de agosto) nomeáronse as persoas titulares e suplentes das vogalías previstas no artigo 7.1.c), 7.1.d), 7.1.e) e as persoas titulares e suplentes de cinco das sete vogalías previstas no artigo 7.1.f) do devandito Decreto 172/2018. O nomeamento produciu efectos desde o día seguinte ao da publicación.

Ao atoparse próxima a expiración do mandato e realizadas as oportunas solicitudes, as administracións, organismos e entidades competentes achegaron as súas respectivas propostas de nomeamento.

En consecuencia, en virtude da competencia que me atribúe o artigo 7.1. nas alíneas c), d), e) e f) do Decreto 172/2018, do 20 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de organización e réxime de funcionamento do Xurado de Expropiación de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro. Nomear vogais do Xurado de Expropiación de Galicia as persoas que se relacionan no anexo.

Segundo. O nomeamento producirá efectos desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Contra esta orde poderase interpoñer, potestativamente, recurso de reposición ante a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2026

María Martínez Allegue
Conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

ANEXO

Vogais do Xurado de Expropiación de Galicia segundo o disposto
no artigo 7 do Decreto 172/2018, do 20 de decembro

– En representación da Consellería de Facenda e Administración Pública:

Titular: Xan Xosé Castro Dapena.

Suplente: Jorge Fernández Fernández.

– En representación da Federación Galega de Municipios e Provincias:

Titular: César López Arribas.

Suplente: María Cristina Varela García.

– En representación do Consello Galego de Consumidores e Usuarios:

Titular: Rosa Rodríguez Vales-Villamarín.

Suplente: Yolanda Pérez Rivera.

– En representación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia:

Titular: José Antonio Rivas Paz.

Suplente: Pedro Calaza Martínez.

– En representación do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia:

Titular: María del Coral Souto Díez.

Suplente: Rocío Lourenco Presa.

– En representación do Colexio de Economistas de Galicia:

Titular: Manuel Ángel Ansede Sánchez.

Suplente: Fernando Simón Varela.

– En representación do Colexio de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España:

Titular: Pedro Unzueta Martínez.

Suplente: Juan José Martín Martínez.

– En representación do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia:

Titular: Eva María Filgueira García.

Suplente: Patricia López González.