BDNS (Identif.): 925229.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/925229
Primeiro. Obxecto e réxime de concesión das axudas
1. Esta axuda ten por obxecto facilitar ás persoas mozas o acceso a unha vivenda en réxime de propiedade localizada nun concello con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes, mediante a concesión dunha subvención para a súa adquisición.
Alternativamente, ten por obxecto facilitar ás ditas persoas a autopromoción dunha vivenda localizada nun concello con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes, mediante a concesión dunha subvención para a dita autopromoción.
2. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo. Bases reguladoras
As bases reguladoras que rexerán a concesión das axudas para a adquisición ou autopromoción de vivendas en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes están contidas na resolución de convocatoria.
En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto no Real decreto 326/2026, do 22 de abril, polo que se regula o Plan estatal de vivenda 2026-2030; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvención, e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e na Lei 39/2015, do 1 de outubro.
En defecto do previsto nesta normativa, aplicaranse as normas de dereito administrativo, así como as normas de dereito privado ou outras de ámbito nacional ou europeo que puidesen resultar aplicables.
Terceiro. Crédito orzamentario
1. As axudas previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación 11.81.451B.780.5 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma por un importe total 2.000.000,00 euros para a anualidade 2026.
2. O financiamento desta convocatoria faise con cargo aos fondos finalistas do Estado asignados á anualidade 2026 do Programa de axuda á compra ou autopromoción en municipios de 10.000 habitantes ou menos para a emancipación das persoas mozas do Plan estatal para o acceso á vivenda 2026-2030.
3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Cuarto. Requisitos das persoas beneficiarias
1. Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.
b) Ter menos de 36 anos no momento de solicitar a axuda. Non obstante, para o suposto de adquisición dunha vivenda, este requisito poderá concorrer no momento da subscrición do contrato privado ou da formalización da escritura pública de compravenda, cando esta se realice antes da publicación da correspondente convocatoria.
c) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 4,5 veces o IPREM. Este límite será de 5 veces o IPREM se na unidade de convivencia existen persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %, e de 5,5 veces o IPREM, se na unidade de convivencia existen persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
e) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
f) Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.
g) Que non se lles teña revogado, ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista no actual ou no anterior plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa que lles fose imputable a aquelas.
2. Para o suposto de adquisición dunha vivenda, ademais dos requisitos previstos no punto anterior, deberán cumprirse os seguintes:
a) Ter subscrito dentro do prazo sinalado na correspondente convocatoria un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda que cumpra os requisitos sinalados nestas bases reguladoras.
b) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública formalizada con anterioridade á referida data. A vivenda adquirida deberá constituír a súa residencia habitual e permanente por un prazo mínimo de cinco anos desde a data da súa adquisición.
3. Para o caso de autopromoción dunha vivenda, ademais dos requisitos previstos no punto 1 deste ordinal, deberán cumprirse os seguintes:
a) Que a persoa solicitante sexa propietaria ou usufrutuaria da parcela ou soar en que se atope a vivenda construída.
b) Que a vivenda construída vaia constituír a residencia habitual e permanente da persoa beneficiaria e das persoas integrantes da súa unidade de convivencia por un prazo mínimo de cinco anos desde a data da finalización da obra, debendo ser ocupada no prazo máximo de tres meses desde a dita data.
4. No suposto de adquisición ou autopromoción dunha vivenda por máis dunha persoa, cada unha das persoas deberá cumprir os requisitos sinalados neste ordinal para poder ser beneficiaria da axuda.
Quinto. Contías das axudas
1. A contía máxima da axuda será do 20 % do prezo de adquisición ou, no seu caso do custo da autopromoción da vivenda, sen incluír os gastos e tributos inherentes, cun máximo de 15.000 euros por vivenda.
2. No suposto de adquisición ou autopromoción por dúas persoas, o importe da axuda que puidese recibir a persoa beneficiaria determinarase aplicando a porcentaxe de cota de participación ao importe da axuda que lle correspondería, para o caso de ter adquirido ou construído o 100 % da vivenda.
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación da resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.
O prazo de presentación de solicitudes rematará o 16 de novembro de 2026 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario. O dito esgotamento, en caso de producirse antes do fin do prazo para presentar solicitudes, farase público no DOG mediante resolución da persoa titular da dirección xeral do IGVS.
2. As solicitudes poderán presentarse dende as 09.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata ás 14.00 horas do 16 de novembro de 2026. Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.
3. As solicitudes presentadas fóra do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.
Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2026
Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo
